Tractoradas galegas contra a burocracia e o endurecemento de normas ambientais no agro

Produtores de pataca da Limia, gandeiros de vacún de carne ourensáns e de leite da provincia de Lugo secundaron a xornada de protestas organizada a nivel de toda España

Protesta dos agricultores e gandeiros concentrados diante da Subdelegación do Goberno en Ourense

Protesta dos agricultores e gandeiros concentrados diante da Subdelegación do Goberno en Ourense

A xornada de protestas de agricultores e gandeiros convocada este martes a nivel de toda España foi secundada en Galicia con tractoradas nas cidades de Ourense e Lugo. Os produtores esixen, entre outras cuestións, cambios na Política Agrícola Común, a derogación dos Reais Decretos de xurros, fitosanitarios ou Caderno Dixital, así como maior control das importacións de produtos procedentes de terceiros países.

É unha mobilización que ten a súa razón de ser no sentir xeral que existe no agro sobre unha “excesiva burocratización”. Tamén hai malestar polo que se consideran normativas cada vez máis restritivas a nivel ambiental e de benestar animal. A outra cara da moeda é a visión de Bruxelas, onde a PAC consume arredor dun terzo do presuposto comunitario. É unha aportación de tal dimensión que parte dos países da UE só están de acordo con esa financiación se leva aparellados compromisos ambientais ligados coa biodiversidade, o cambio climático e o benestar animal.

Son as novas esixencias excesivas?. Queda claro que no agro así se percibe. As protestas organizáronse a través de grupos de whatsapp, á marxe das organizacións agrarias, se ben co apoio de asociacións do sector, como Agromuralla. En tanto as organizacións agrarias retrasan as protestas ata pasada á campaña electoral, “pois na nosa historia nunca nos manifestamos en campañas electorais”, segundo lembran desde unha das organizacións, os produtores que saíron hoxe á rúa acusan de “pasividade” ás organizacións do agro.

Desde Agromuralla piden “eleccións inmediatas no campo”, que en Galicia levan case 20 anos sen celebrarse, para poderen elixir aos seus representantes nos foros e órganos de participación coas Administracións públicas, onde se dirimen asuntos do sector.

200 tractores en Ourense

A protesta máis numerosa xuntou en Ourense a uns 200 tractores chegados desde distintos puntos da provincia, desde produtores de pataca e cereal da Limia a gandeiros de vacún de carne de Montederramo e Castro Caldelas.

A primeira hora da mañá paralizaron o polígono industrial de San Cibrao das Viñas para despois dirixirse ao centro da cidade, até diante da Subdelegación do Goberno, blindada con furgóns policiais e medio cento de antidisturbios.

A convocatoria das protestas en toda España ten carácter indefinido e os manifestantes permaneceron até ben entrada a tarde na capital ourensá. “Non sabemos aínda se marchamos ou se quedamos, temos que decidilo aínda”, explicaba a Campo Galego Javier, gandeiro de Montederramo.

En Ourense tivo lugar a protesta máis numerosa e os produtores non descartan cortar a autovía A-52 cos seus tractores

De todas as reivindicacións detalladas no Manifesto Estatal 6 de Febreiro, no seu caso, o que máis lles afecta, tendo en conta o seu sistema de produción en extensivo, son novos requisitos impostos nos ecorreximes da PAC ou esixencias como a do Caderno Dixital.

O gandeiro pide tamén o control do lobo e que se free o Tratado de Libre Comercio con Mercosur (Brasil, Arxentina, Uruguai e Paraguai), que podería “inundar de carne de vacún o mercado europeo”, tirando aínda máis os prezos que cobran produtores coma el e que seguen estando, di, “por debaixo dos custos de produción”.

No caso do grupo de tractores procedentes da comarca da Limia, as crecentes restricións no uso de produtos fitosanitarios e as novas normas en materia de abonado, así como a obriga de deixar sen labrar un 4% da superficie de cultivo para poder cobrar a PAC, son as queixas máis recurrentes.

Desde a Comisión Europea, tralas protestas vividas nas últimas semanas en Francia e Bruxelas, xa avanzaron que valorarán eliminar para este ano o requisito ambiental de deixar un 4% das terras a barbecho. Tamén se van redefinir os obxectivos de redución de fitosanitarios.

Excesiva burocracia

Tractores aparcados a mediodía no Polígono Industrial das Gándaras, en Lugo

Tractores aparcados a mediodía no Polígono Industrial das Gándaras, en Lugo

En Lugo, máis de medio cento de tractores chegados de distintos puntos da provincia tomaron as rúas da capital. Participaron nas protestas gandeiros de carne e de leite. A asociación Agromuralla apoiou as marchas, nas que tamén había socios de Gandeiros Galegos da Suprema.

Uns e outros quixeron facer escoitar a súa voz e “secundar o clamor dos agricultores e gandeiros de toda Europa contra as políticas que se aproban en Bruxelas”, explicou o presidente de Agromuralla, José Luis Pérez Barreiro, que participou na caravana de tractores que partiu do municipio da Pastoriza.

A asociación Agromuralla apoiou as marchas na provincia de Lugo

Barreiro esixiu cambios na Política Agrícola Común e nas normativas europeas que están “afogando ao sector primario”. “Todas as normas que veñen de Bruxelas e que despois aplica o Ministerio de Agricultura e a Xunta de Galicia supoñen máis traballo e máis gasto para as explotacións”, afirmou Pérez Barreiro, que acusou ás Administracións públicas, tanto europeas como estatais, de “lexislar en contra do sector”.

Ao final de la tarde, coincidindo coa volta dos tractores cara aos seus lugares de orixe, ocasionaron cortes de tráfico e importantes retencións na autovía A-6 á altura de Nadela.

Apoio da Xunta

O conselleiro do Medio Rural, José González, manifestou o apoio da Xunta de Galicia aos produtores e esixiu ao ministro Luis Planas “que defenda con firmeza” aos agricultores e gandeiros galegos e españois diante das institucións europeas.

Entre outras medidas, instou á Comisión Europea a unha “moratoria inmediata” da lexislación comunitaria ligada á nova PAC e que supón, dixo, “un conxunto de trabas burocráticas e esixencias medioambientais que poñen en perigo a sostibilidade económica das explotacións”.

Bloqueo de autovías no resto de España e en Portugal

As protestas secundadas en distintas comunidades autónomas supuxeron dificultades para o tráfico e o bloqueo dalgúns centros de abastecemento de alimentos. As tractoradas máis numerosas tiveron lugar en Lleida, onde centos de tractores cortaron a autovía A-2.

Tamén houbo cortes en Castela e León e Andalucía, así como en Portugal, onde os produtores lusos cortaron a autoestrada A-3 entre Valença e Tui, impedindo o tránsito pola fronteira con Galicia.

Os agricultores e gandeiros lusos cortaron o tránsito na fronteira con Galicia

En Madrid, os agricultores e gandeiros dificultaron a entrada á capital e en Aragón impediron o normal funcionamento de Mercazaragoza, ao igual que en Logroño. En Andalucía, estivo cortado o acceso ao porto de Málaga. 

Nova cesión de Bruxelas

Logo de decidir a semana pasada, en resposta ás tractoradas en Francia e Alemaña, aprazar un ano máis a obriga de deixar sen labrar o 4% das terras de cultivo para poder cobrar a PAC, a presidenta da Comisión Europea, Úrsula Von der Leyen, avanzou este martes unha nova cesión para tratar de acalar as protestas, que se seguen estendendo por outros países.

A Comisión Europea retira a Lei de Uso Sostible de Pesticidas, na que propuña unha redución do 50% dos produtos fitosanitarios no 2030

Von der Leyen anunciou diante do Parlamento Europeo a retirada da nova Lei sobre Uso Sostible de Pesticidas, coa que se pretendía reducir un 50% o uso de produtos fitosanitarios na UE en 2030, en sintonía cos obxectivos da Estratexia Da Granxa á Mesa.

O Executivo comunitario aposta agora polo “diálogo” cos agricultores para reformular a normativa e por un “enfoque diferente” ao dos obxectivos xuridicamente vinculantes para os Estados membros.  

Decálogo de reivindicacións das organizacións agrarias de cara ás mobilizacións en Galicia

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información