Agricultores e gandeiros da Limia propoñen en Xinzo 20 medidas urxentes

Urxen un cambio de modelo para evitar a destrución das pequenas e medianas granxas e que garanta alimentos de calidade. Propoñen rebaixas fiscais e a construción de infraestruturas que permitan manter a actividade agrogandeira da zona. Anuncian novas mobilizacións a finais de semana

Agricultores e gandeiros da Limia propoñen en Xinzo 20 medidas urxentes

Asistentes á protesta celebrada esta mañá en Xinzo de Limia. // Imaxe cedida.

Produtoras e produtores da comarca secundaron esta mañá a concentración convocada pola Asociación de produtores da pataca, o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas, a Federación rural Galega, Unións Agrarias e a Asociación de Empresarios, Gandeiros e Agricultores da Limia (Adegal). A protesta celebrouse na Praza Carlos Casares de Xinzo a mediodía.

Os produtores demandan aos gobernos galego e estatal medidas inmediatas que freen o impacto da actual suba de custos de produción no sector agrogandeiro, que agravou a situación precaria que xa arrastraba o sector nos últimos anos.

As organizacións convocantes instaron a mudar o actual modelo, dependente da especulación e a compra de insumos do exterior, ao tempo que presentaron unha batería de 20 medidas concretas a activar pola Xunta de Galicia e o Goberno estatal para comezar a frear a suba de custos.

1. Un gasóleo profesional libre de impostos para as explotacións agrícolas e gandeiras.

2. Flexibilización da PAC nesta campaña para que se poidan sementar os barbeitos co fin de paliar a escaseza de cereal. [Sobre este punto, o Ministerio xa avanzou esta semana que había un compromiso de Bruxelas].

3. Búsqueda dun mecanismo para adiantar os pagos da PAC unha vez feita a solicitude, sen ningún tipo de gravamen, para que os produtores teñan liquidez.

4. Flexibilizar os ecoesquemas para a PAC 2023.

5. Bonificación dos intereses e morataria, alomenos de 2 anos, nos préstamos das explotacións agrogandeiras.

6. Redución de módulo acorde coa suba de custos de produción a tódalas actividades agrogandeiras.

7. Incremento da porcentaxe dos gastos de difícil xustificación no réxime de estimación directa para o ano 2021, polo menos do 15%.

8. Condonación da Seguridade Social dos agricultores e gandeiros tanto por conta propia como por conta allea durante un ano.

9.Establecemento dun coeficiente redutor para os gastos derivados dos pensos, plásticos e fertilizantes.

10. Incremento do apoio dos fondos Next Generation para que cheguen a proxectos sostibles de produción primaria.

11. Construción dunha planta de recollida de residuos agrarios e planta de compostaxe.

12. Habilitar unha liña específica para o acondicionamento dos almacéns da pataca.

13. Aplicación real da lei da Cadea Alimentaria. Os prezos teñen que integrar as subas dos custos.

14. Bonificación da enerxía nas comunidades regantes e nas explotacións agrarias.

15. Reducir as autorizacións de forestar terras agrarias e autorizar os cambios de uso forestal a agrícola para atender as demandas de terra e premiar os cultivos forraxeiros, vexetais, cereal…

16. Facilitar a producción en terras de abandono.

17. Controlar que as importacións cumpren as normas vixentes na Unión Europea.

18. Incrementar a aposta definida para potenciar a pataca e o cereal da Limia a través dos Consellos Reguladores.

19. Activar mecanismos de diálogo para buscar solucións conxuntas e activar as dinámicas de produción e non depender tanto da importación.

20. Fomentar os mercados locais para a venda de produto de proximidade e fomentar o autoabastecemento.

Tractorada o venres

Gandeiros e produtores volverán saír o venres á rúa, esta vez nunha tractorada que recorrerá as rúas da Limia para amosar o seu descontento polo incremento dos custos de produción. A marcha comezará ás 12.00 horas e piden o apoio do resto dos veciños, sumándose tanto á marcha; así como do comercio, con peches solidarios da actividade durante a manifestación.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información