Archives

“Din que nos axudan, pero ao final todo son trabas e impedimentos”

Jónathan Cives, diante das novas instalacións do seu cebadeiro en Mazaricos O sector agrogandeiro protesta desde fai semanas por toda Europa. Unha das queixas unánimes: a burocracia. É unha palabra denostada pero á que ás veces custa poñerlle rostro. Jónathan Cives e a súa muller Silvia Domínguez son cotitulares de Gandería Melenas SC, unha explotación familiar na parroquia de Corzón, en Mazaricos. Adícanse a cebar becerros, uns 300 ao ano, a maioría animais marcados co selo da IXP Ternera Gallega. Jonathan fíxose cargo da explotación do seu pai no 2016, cando el enfermou, e en setembro de 2020, tras faceren os dous o curso de incorporación, el e a súa muller constituíron Melenas SC, garantindo deste xeito o relevo xeracional na granxa.
O único que pretenden é dar a entender que se axuda a todo o mundo cando non é certo
Na teoría, ao tratarse de dúas persoas menores de 40 anos, unha delas muller, deberían ter garantidos os apoios existentes destinados a facilitar o asentamento de mozos e mozas no rural, así como aquelas outras liñas de axuda destinadas a garantir a rendibilidade da explotación, máis tendo a consideración de prioritaria, como é o seu caso. Pero na práctica, di, a realidade é outra ben distinta. “O único que se pretende aquí é dar a entender que se axuda a todo o mundo, cando á hora da verdade son todo trabas, impedimentos e burocracia”, quéixase Jónathan. Un terzo menos no Plan de Mellora Logo de incorporárense, Jónathan e Silvia pediron un Plan de Mellora para faceren un novo establo con capacidade para 600 animais. En xaneiro do 2021 presentaron a solicitude da axuda, sobre un orzamento total de 358.000€. No mes de xullo veulles aprobada, cunha subvención concedida de 161.000€. Puxéronse mans á obra e fixeron a nova nave, na que acabaron gastando máis do orzamentado inicialmente pola suba dos materiais. "Todo o que se fixo no 2022 foi moito máis caro. De feito, a Xunta ao ano seguinte subiu os importes dos distintos módulos, pero a min colleume antes diso", quéixase. Cando a obra xa estaba rematada e certificada veulle unha inspección. Había un problema, pero non co obxecto da subvención e o destino dos cartos, nin coa construción realizada, senón co mantemento do emprego declarado na solicitude.
Dos 161.000€ que nos concederan acabamos cobrando ao final 107.000€ un ano despois
O traballador que tiña contratado marchou no mes de febreiro e non foi quen de reemprazalo até o mes de agosto. "É complicado atopar man de obra para traballar nunha granxa", xustifica Jónathan, que segue mantendo esa UTA a día de hoxe (a obriga era conservala cando menos 5 anos despois da certificación da obra). Pero nas bases da convocatoria establecíase que non podían pasar máis de 3 meses en caso de substitución do traballador e ao final o resultado daquel expediente foi que perderon 53.000 euros, un terzo do importe total concedido. “Dos 161.000€ que nos concederan acabamos cobrando ao final 107.000€ un ano despois e mentres non nos ingresaban os cartos cada 3 meses tiñamos que pagar 800 euros de intereses”, lembran. Denegación das axudas PEL Despois de rematar a obra da nova nave, Melenas SC precisaba incorporar algunhas melloras en canto a equipamento, entre outras un taximilk para dar o leite aos becerros e unhas arrobadeiras que facilitasen a limpeza automática do establo e o benestar dos animais. Para iso, quixeron aproveitar as axudas PEL para autónomos da Deputación da Coruña, con varias liñas, entre elas unha para investimentos en bens inventariables e outra para contratación de persoal. “O ano pasado, cando saíu a convocatoria de subvención para maquinaria, solicitámola, pero veunos denegada porque a empresa non podía ter máis de 5 anos de antigüidade e aínda que eu a herdei da miña nai fai 3 anos, como xa existía antes dixéronnos que non cumpriamos coas bases”, denuncia Jónathan. Pero non foi o único “chasco” que se levou coas axudas PEL. O ano pasado pediron tamén a liña de contratación de persoal e concedéronlles 15.700€, pero veulles aprobada no mes de setembro, sen tempo material para gastar eses cartos en só tres meses, polo que renunciaron á subvención.
Non é lóxico que ás granxas nos poñan un límite de 20.000 euros e para o resto de empresas sexa de 100.000
Pero contrataron igualmente a un traballador e cando saíu a convocatoria deste ano volveron solicitar a axuda da Deputación destinada a fomento do emprego, coa "sorpresa" de que desta volta só lles concederon 4.300€, alegando a existencia dun tope máximo por beneficiario de 20.000€ en 3 exercicios e computando neste cálculo os 15.700€ aos que renunciaron no ano anterior. “É un absurdo”, di Jónathan, porque esa axuda non a cobramos. Ademais, quéixase de que para gandería o límite estea fixado nos 20.000 euros cando para o resto de empresas o tope máximo está establecido en 100.000, “cando moitas granxas temos feito investimentos moito máis elevados que calquera comercio e afrontamos gastos moi superiores na maioría dos casos”.     

“Prefiren devolver os cartos a Bruxelas antes que dárnolos aos produtores de aquí”

Melenas SC ceba uns 300 becerros ao longo do ano, a maior parte dentro da IXP Ternera Gallega Jónathan considera “unha trampa e un engano” a maioría das axudas e subvencións anunciadas polas distintas Administracións para apoiar ao sector. Como exemplo, di, a que sacou a Xunta este ano destinada aos produtores amparados pola IXP Ternera Gallega. No seu caso, corresponderíanlle 36€ por animal sacrificado o ano pasado baixo o selo de Ternera Gallega, pero quéixase que de non será así, pois esta liña de subvencións tamén está sometida ao réxime de mínimis, polo que limita a 20.000€ en tres exercicios (o actual e os dous anteriores) o importe máximo de axudas públicas percibidas. “É dicir, se recibes a da Deputación non podes optar á da Xunta porque te pasas da limitación de mínimis”, argumenta. No seu caso, tamén computarían os intereses dun crédito ICO que solicitou fai 3 anos.
Enganan á xente, se é unha axuda extraordinaria por xato sacrificado para compensar o baixo prezo da carne non debería estar sometida á normativa 'de mínimis'
“Enganan á xente, porque a Consellería anunciou esta axuda xusto antes das eleccións para gañar votos, pero á hora da verdade moitos gandeiros non a imos poder cobrar; a maioría de gandeiros están contando con eses cartos pero non saben aínda o que implica unha subvención de mínimis. Se fixeche algunha obra no establo con subvención, xa non a cobras por que te pasas”, di Jónathan, que considera que esta axuda excepcional para compensar os baixos prezos da carne en orixe, que se dá polo número de animais sacrificados por cada explotación, “debía estar fóra de todo isto”. Trala súa experiencia co Plan de Mellora, unha axuda que convoca a Xunta pero que se financia a través dos fondos da PAC, así como co resto de subvencións dependentes doutras Administracións e que tamén se financian en boa parte con fondos comunitarios, Jónathan redefine o concepto de burocracia como “burrocracia”. “Ao final prefiren mandar os cartos de volta a Bruxelas antes que darllos a un gandeiro de aquí que produce alimentos, crea emprego e coida o territorio”, conclúe.

As tres principais organizacións agrarias de España reclaman un plan de choque para “flexibilizar” a PAC e loitar contra as importacións

Tractores este martes polas rúas de Zamora, tras unha convocatoria polas redes sociales Os ecos das protestas agrarias que percorren Europa chegan a España. Os sindicatos ASAJA, COAG e UPA acordan reclamar un ambicioso plan de choque que recolla medidas a tres niveis: Unión Europea, Goberno de España e comunidades autónomas. Mediante un comunicado conxunto, este martes anunciaron a posta en marcha dun calendario de mobilizacións, aínda que sen aclarar en que consistirían nin cando terían lugar. Os actos de protesta desenvolveranse no ámbito das comunidades autónomas durante as próximas semanas, avanzan unicamente. A nivel estatal, os tres principais sindicatos agrarios chegaron a un acordo para solicitar ao ministro de Agricultura, Luis Planas, solucións inmediatas para abordar as problemáticas do sector, en todo aquilo relacionado coas consecuencias da seca, a guerra en Ucraína, prezos e custos de produción, simplificación e flexibilidade da PAC, sectores gandeiros e cuestións laborais e de Seguridade Social.
A asfixiante burocracia que xeran as normativas da UE provocan unha frustración e malestar crecente entre os produtores
Entre as razóns que esgrimen está a "asfixiante burocracia que xeran as normativas da UE", que desencadean unha "frustración e malestar crecente entre os produtores. "A excesiva burocracia está a supoñer uns custos inasumibles para os agricultores e gandeiros profesionais e non posibilitan cumprir os obxectivos en materia ambiental, polo que reclamamos unha flexibilización e simplificación da actual PAC, isto inclúe tanto os ecorregímenes como as condicións para a cobranza de axudas (BCAM)", argumentan. Reforzo da Lei da Cadea Alimentaria Doutra banda, UPA, ASAJA e COAG reclaman a modificación e ampliación da Lei da Cadea Agroalimentaria para prohibir as prácticas desleais para que os prezos dos agricultores cubran os custos de produción. Así mesmo, a AICA (Axencia de Información e Control Alimentario, dependente do Ministerio de Agricultura) "debería de aplicar sancións económicas máis acordes á infracción sometida", defenden.
A AICA debe actuar con inspeccións de oficio a través de indicios
Piden ademais que se amplíen os recursos de control. "A AICA debe actuar máis a través dos indicios e por tanto con inspeccións de oficio. Débese recuperar nos indicios a temática dos prezos anormalmente baixos, como é o caso agora mesmo do limón", exemplifican. "En España, a Lei da Cadea Alimentaria débese reforzar para conseguir a súa máxima aplicación. O Observatorio da cadea debe publicar os índices de prezos e custos; ademais débense actualizar todos os estudos de cadea de valor realizados ata o de agora", propoñen. Freo ás importacións Así mesmo, ASAJA, COAG e UPA van esixir ao Ministerio de Agricultura un observatorio sobre as importacións e que se reforce a batalla en Bruxelas para esixir reciprocidade, mediante cláusulas espello, en todos os produtos agrícolas e gandeiros que entren ao territorio UE. “Os agricultores loitan fronte a un mercado desregulado que importa produtos agrarios de terceiros países a baixo prezo que presionan á baixa os da UE e os producidos en España. Estas producións extracomunitarias non cumpren as normativas internas da UE e representan unha contradición e hipocrisía na actuación política da UE. Unha competencia desleal que pon en xaque a viabilidade de miles de explotacións”, subliñan as tres organizacións agrarias.
Os agricultores loitan fronte a un mercado desregulado que importa produtos agrarios de terceiros países a baixo prezo
Con todo, a UE segue pechando máis acordos de libre comercio con terceiros países, que agudizan os problemas dos agricultores e gandeiros de toda a UE. Neste sentido, COAG, UPA e ASAJA, van reclamar a paralización das negociacións de acordos como do MERCOSUR, a non ratificación do acordo con Nova Zelandia e que se paralicen as negociacións con Chile, Quenia, México, India e Australia. Ademais, o Goberno de España, coa supervisión da Comisión Europea, debería aumentar os controis na fronteira con Marrocos para garantir que os produtos agrícolas marroquís importados cumpren coas normativas internas da UE e as cantidades arancelarias establecidas no acordo de libre comercio. “É vital recuperar a preferencia comunitaria para recuperar e garantir a nosa soberanía alimentaria”, sosteñen as tres organizacións agrarias. Incorporación de mozos A nivel de Goberno e comunidades autónomas esíxese un reforzamento real dos mecanismos de incorporación de mozas para propiciar a substitución xeracional, de modo que ningunha solicitude de incorporación de mozas quede sen efectuarse por falta de orzamento, frear a especulación e a compra de terra que están a realizar os fondos de investimento e axentes fose do sector agrario, por exemplo para a instalación de placas solares. "Debe reformularse a instalación de enerxías renovables en terreos agrarios", defenden. Ademais, no ámbito das súas competencias, ás comunidades autónomas demándanselles reformas urxentes en canto á simplificación dos trámites burocráticos que afogan aos profesionais do campo. Os gandeiros tamén sinalan a situación crítica que están a xerar as cuestións de sanidade animal, un asunto que foi obxecto en ocasións de loita partidista e na que os gandeiros son “vítimas inocentes”, polo que esixen unha política de sanidade animal "coordinada, seria e coherente".

Posible contaxio a Galicia das protestas de agricultores en Francia e Alemaña

Os agricultores manteñen cortadas cos seus tractores numerosas autovías e autoestradas en Francia As protestas de agricultores esténdense por distintos países europeos, como Alemaña, Francia, Países Baixos, Polonia ou Romanía, e o seu efecto contaxio podería chegar a Galicia. Desde hai días grupos de produtores de distintos puntos da comunidade manteñen conversas para secundar as mobilizacións con algún tipo de acción reivindicativa. Barállase a data do día 6 de febreiro. O efecto contaxio do que está a pasar en países como Francia ou Alemaña chegou tamén esta semana a Italia, onde se esixen axudas pola seca, e a Bélxica, onde os agricultores levaron este luns a súa protesta a Bruxelas. En España organizacións como Asaja ou Unión de Uniones anunciarán nos vindeiros días actos reivindicativos, mentres UPA e COAG meditan que facer, pero Christiane Lambert, presidenta do Comité de Organizacións Profesionais Agrícolas (COPA), a principal federación de sindicatos de agricultores de Europa, prognosticou que os agricultores italianos e españois tamén organizarán as súas propias protestas. Apuntando a Bruxelas Nalgúns dos principais países produtores europeos, nas últimas semanas os tractores deixaron os campos para cortar estradas. O detonante en Alemaña, por exemplo, foi a eliminación das axudas ao gasóleo, do mesmo xeito que en Francia, pero o cabreo é máis profundo e ten que ver coa sobrecarga lexislativa emanada desde Bruxelas que soporta o sector.
Os agricultores italianos e belgas inician esta semana as mobilizacións e en España Asaja e Unión de Uniones anuncian accións similares
As políticas ambientais pesan cada vez máis na axenda da UE, relegando a un segundo plano a soberanía alimentaria, un obxectivo que gañara protagonismo durante a pandemia. O propio comisario europeo de Agricultura, o polaco Janusz Wojciechowski, recoñecía recentemente a súa impotencia para facer oír a voz do sector en normas como a Lei de restauración da Natureza ou a actualización da Directiva sobre emisións industriais, impulsada desde o departamento europeo de Medio Ambiente pero que afectará a todas as explotacións de gando vacún, porcino e avícola con máis de 150 UGM.
As protestas esténdense e as reivindicacións xeneralízanse a 5 meses das eleccións ao Parlamento europeo
Por agora a resposta da Comisión Europea ante as protestas limítase ao anuncio da presidenta Úrsula Von der Leyen da posta en marcha dun panel de expertos, formado por 27 persoas, entre especialistas e representantes do sector, para debater sobre o futuro da agricultura na UE. As conclusións estarían listas no verán, despois das eleccións ao Parlamento europeo do mes de xuño. Aínda que oficialmente Wojciechowski considera que as mobilizacións se deben a “cuestións internas” dos distintos países, o Executivo comunitario teme que as protestas sexan aproveitadas polos partidos de extrema dereita para os comicios nun momento no que as enquisas auguran o seu crecemento no Parlamento europeo. Crecentes esixencias ambientais Os produtores europeos, e as organizacións agrícolas que os representan, quéixanse de que as novas políticas verdes da UE, explicitadas en documentos como o Pacto Verde Europeo ou a Estratexia da Granxa á Mesa e incluídas en Directivas sobre medicamentos, nitratos, fitosanitarios, benestar animal ou gases de efecto invernadoiro, non foron acordadas co sector.
O ano 2024 arrincou con cambios normativos importantes en países como España
A pesar de que as axudas comunitarias da PAC complementan de maneira decisiva os ingresos das explotacións, a sensación maioritaria é a de que a Comisión Europea e os distintos Estados membros están “a lexislar en contra do sector” e que o impacto destas normativas será importante sobre a conta de resultados das explotacións. Os produtores senten ademais un agravio comparativo con respecto á importación de produtos de terceiros países, con controis máis laxos en materia de produtos fitosanitarios, benestar animal ou diversos aspectos medioambientais, por non falar de dereitos sociolaborais.  Garantir prezos xustos Xunto coa flexibilización das esixencias normativas en materia ambiental, os agricultores e gandeiros demandan unha retribución xusta por parte das grandes cadeas de supermercados e maior transparencia nos distintos elos da cadea que vai desde o campo á mesa dos consumidores. A pesar da aprobación de normativas específicas nalgúns países, como Lei da Cadea Alimentaria en España ou as leis Egalim en Francia, non existen garantías reais de que os prezos en orixe que perciben os produtores cubran os custos de produción.
Leis como a da Cadea Alimentaria en España ou a Egalim en Francia non serviron para evitar prácticas abusivas
En Francia o problema evidénciase estes días en varios sectores. Por unha banda, entre os agricultores de cereal, xa que o prezo do trigo reduciuse á metade no último ano e medio, pero os custos de produción, que se dispararon trala guerra de Ucraína, seguen altos, ao que este ano se engade a obriga de deixar un 4% da superficie sen cultivar para fomentar a biodiversidade e cumprir deste xeito coa condicionalidade da PAC. Doutra banda, entre os viticultores, que empezaron a baleirar cisternas de viño de mesa a granel procedentes de España, país ao que acusan de producir máis barato e inundar o mercado francés coas súas exportacións. A lexislación en materia de aplicación de produtos fitosanitarios en Francia é das máis esixentes da UE, o que outorgaría a países veciños como España ou Italia teóricas vantaxes competitivas. Entre os gandeiros lácteos, o descontento céntrase neste momento contra a multinacional francesa Lactalis, a industria que máis leite recolle en Francia, despois de que impuxese un prezo de 40,5 céntimos para xaneiro. Para as granxas, o prezo de Lactalis é inaceptable, non só porque non cubre os custos de produción, senón porque ademais actúa de panca á baixa co resto das empresas do sector.  

Os motivos das protestas por países: desde a importación de cereais de Ucrania á eliminación das rebaixas fiscais ao gasóleo agrícola

O primeiro ministro francés, Gabriel Attal, falando cara a cara con Arnaud Rousseau, presidente da FNSEA, o principal sindicato agrícola do país Con cuestións comúns, como o rexeitamento a unha lexislación europea afastada da realidade do sector e cada vez máis paralizante, e outros motivos máis concretos e específicos de cada país, a ira dos agricultores gaña forza e faise máis visible. As tractoradas esténdense, coma unha mancha de aceite, por toda Europa, obrigando aos Gobernos dos distintos países a actuar, despregando efectivos policiais para garantir a seguridade e medios negociadores para tratar de rebaixar a tensión ás portas dunhas eleccións onde a extrema dereita podería capitalizar o descontento. O primeiro ministro francés, Gabriel Attal, centrou a súa axenda nos últimos días en materia agrícola e este mesmo luns reuniuse con Arnaud Rousseau, presidente do FNSEA, principal sindicato agrícola de Francia, que está a liderar as protestas xunto a Arnaud Gaillot, presidente da organización de Novos Agricultores. Asedio a París Unha semana despois do inicio dos bloqueos de autoestradas en Occitania, as protestas estendéronse por toda Francia, cortando a comunicación entre o norte e o sur do país. As barricadas de rolos e pacas de palla lograron xa o primeiro dos obxectivos: que o Goberno dea marcha atrás na súa intención de incrementar os impostos ao diesel agrícola. O Goberno francés capitula e dá marcha atrás na súa intención de aumentar gradualmente ata 2030 o imposto sobre o diesel agrícola O primeiro ministro francés tamén prometeu menos burocracia, cun plan de 10 medidas de simplificación inmediata, e maiores controis ás importacións, para evitar a competencia desleal de terceiros países, por exemplo de Mercosur, pero tamén dentro da propia UE, onde a lexislación francesa en materia de produtos fitosanitarios é das máis esixentes. Pero a pesar destas importantes concesións, as protestas continúan ao berro de "feitos e non palabras" e o obxectivo dos agricultores e gandeiros céntrase agora en asediar París cortando todas as vías de acceso principais, así como no bloqueo do mercado maiorista de Rungis, un dos máis grandes de Europa. Bloqueo do porto de Hamburgo En Alemaña este mesmo luns miles de agricultores bloquearon o acceso ao porto de Hamburgo en contra da “tolemia fiscal e burocrática”. O corte con tractores da ponte Köhlbrand, que afectou ao funcionamento habitual dun dos principais portos europeos, foi unha “decisión espontánea” froito do cansanzo dos manifestantes, aseguraron desde as organizacións convocantes das protestas.  Con esta acción os produtores alemáns quixeron tamén visibilizar a súa oposición aos acordos de libre comercio con países como Nova Zelandia, que implica a importación de importantes cantidades de carne de cordeiro e tenreira.
O Goberno alemán avanzou a súa intención de graduar ata 2026 a eliminación da exención ao diesel agrícola
O Goberno do chanceler Olaf Scholz, formado por unha coalición de socialdemócratas, ambientalistas e liberais, avanzou a súa intención de graduar ata 2026 a eliminación da exención ao diesel agrícola, detonante das mobilizacións, pero este anuncio non serviu para acalar as protestas. Importacións sen aranceis para o cereal ucraíno A competencia ucraína, polo aumento das importacións deste país tralo inicio da invasión rusa, está detrás do malestar dos agricultores en países como Polonia e Romanía. Por mor da ofensiva rusa, a UE suspendeu os aranceis aos produtos importados de Ucraína para facilitar rutas alternativas ao mar Negro para a saída dos cereais ucraínos a través dos países fronteirizos. Pero estes corredores de mercadorías duty free para o trigo e o millo ucraínos acabaron producindo “competencia desleal” para os agricultores locais polacos ou romaneses, que nas últimas semanas bloquearon pasos fronteirizos con Ucraína, pero tamén de países como Eslovaquia, Hungría ou Bulgaria.
En xuño expira a actual exención aduaneira para os cereais procedentes de Ucraína e os países veciños esixen que se elimine
En xuño expira a actual exención aduaneira para os cereais procedentes de Ucraína pero a Comisión Europea podería renovala. Os países de Europa do leste esixen sen embargo que a UE revise de forma definitiva as súas medidas de liberalización comercial con Ucraína. Redución de cabezas de gando nos Países Baixos Nos Países Baixos, en cambio, o detonante do malestar dos produtores foi o plan gobernamental presentado en 2019 para baixar as emisións de nitróxeno mediante a redución do número de cabezas de gando. As protestas, mantidas durante meses, deron paso á mobilización política. O Movemento Campesiño Cidadán (BBB), liderado por Caroline van der Plas, logrou unha importante representación, conseguindo o 20% dos votos nas eleccións provinciais de marzo de 2023 e 7 deputados e 16 senadores nas xerais de novembro, converténdose na quinta forza do Parlamento neerlandés, liderado na actualidade polo partido de ultradereita PVV de Geert Wilders. A formación dun novo goberno podería paralizar ou reformar agora o proxecto de redución dun terzo das cabezas de gando actuais (3,8 millóns de vacas e 11,4 millóns de porcos) que o Goberno conservador de Mark Rutte lanzou en 2022, un plan co que pretendía reducir á metade as deposiciones de nitróxeno para 2030 (a media actual en Holanda é de 46 kg por hectárea, catro veces máis que a media europea).