As protestas de agricultores esténdense por distintos países europeos, como Alemaña, Francia, Países Baixos, Polonia ou Romanía, e o seu efecto contaxio podería chegar a Galicia. Desde hai días grupos de produtores de distintos puntos da comunidade manteñen conversas para secundar as mobilizacións con algún tipo de acción reivindicativa. Barállase a data do día 6 de febreiro.
O efecto contaxio do que está a pasar en países como Francia ou Alemaña chegou tamén esta semana a Italia, onde se esixen axudas pola seca, e a Bélxica, onde os agricultores levaron este luns a súa protesta a Bruxelas.
En España organizacións como Asaja ou Unión de Uniones anunciarán nos vindeiros días actos reivindicativos, mentres UPA e COAG meditan que facer, pero Christiane Lambert, presidenta do Comité de Organizacións Profesionais Agrícolas (COPA), a principal federación de sindicatos de agricultores de Europa, prognosticou que os agricultores italianos e españois tamén organizarán as súas propias protestas.
Apuntando a Bruxelas
Nalgúns dos principais países produtores europeos, nas últimas semanas os tractores deixaron os campos para cortar estradas. O detonante en Alemaña, por exemplo, foi a eliminación das axudas ao gasóleo, do mesmo xeito que en Francia, pero o cabreo é máis profundo e ten que ver coa sobrecarga lexislativa emanada desde Bruxelas que soporta o sector.
Os agricultores italianos e belgas inician esta semana as mobilizacións e en España Asaja e Unión de Uniones anuncian accións similares
As políticas ambientais pesan cada vez máis na axenda da UE, relegando a un segundo plano a soberanía alimentaria, un obxectivo que gañara protagonismo durante a pandemia.
O propio comisario europeo de Agricultura, o polaco Janusz Wojciechowski, recoñecía recentemente a súa impotencia para facer oír a voz do sector en normas como a Lei de restauración da Natureza ou a actualización da Directiva sobre emisións industriais, impulsada desde o departamento europeo de Medio Ambiente pero que afectará a todas as explotacións de gando vacún, porcino e avícola con máis de 150 UGM.
As protestas esténdense e as reivindicacións xeneralízanse a 5 meses das eleccións ao Parlamento europeo
Por agora a resposta da Comisión Europea ante as protestas limítase ao anuncio da presidenta Úrsula Von der Leyen da posta en marcha dun panel de expertos, formado por 27 persoas, entre especialistas e representantes do sector, para debater sobre o futuro da agricultura na UE. As conclusións estarían listas no verán, despois das eleccións ao Parlamento europeo do mes de xuño.
Aínda que oficialmente Wojciechowski considera que as mobilizacións se deben a “cuestións internas” dos distintos países, o Executivo comunitario teme que as protestas sexan aproveitadas polos partidos de extrema dereita para os comicios nun momento no que as enquisas auguran o seu crecemento no Parlamento europeo.
Crecentes esixencias ambientais
Os produtores europeos, e as organizacións agrícolas que os representan, quéixanse de que as novas políticas verdes da UE, explicitadas en documentos como o Pacto Verde Europeo ou a Estratexia da Granxa á Mesa e incluídas en Directivas sobre medicamentos, nitratos, fitosanitarios, benestar animal ou gases de efecto invernadoiro, non foron acordadas co sector.
O ano 2024 arrincou con cambios normativos importantes en países como España
A pesar de que as axudas comunitarias da PAC complementan de maneira decisiva os ingresos das explotacións, a sensación maioritaria é a de que a Comisión Europea e os distintos Estados membros están “a lexislar en contra do sector” e que o impacto destas normativas será importante sobre a conta de resultados das explotacións.
Os produtores senten ademais un agravio comparativo con respecto á importación de produtos de terceiros países, con controis máis laxos en materia de produtos fitosanitarios, benestar animal ou diversos aspectos medioambientais, por non falar de dereitos sociolaborais.
Garantir prezos xustos
Xunto coa flexibilización das esixencias normativas en materia ambiental, os agricultores e gandeiros demandan unha retribución xusta por parte das grandes cadeas de supermercados e maior transparencia nos distintos elos da cadea que vai desde o campo á mesa dos consumidores.
A pesar da aprobación de normativas específicas nalgúns países, como Lei da Cadea Alimentaria en España ou as leis Egalim en Francia, non existen garantías reais de que os prezos en orixe que perciben os produtores cubran os custos de produción.
Leis como a da Cadea Alimentaria en España ou a Egalim en Francia non serviron para evitar prácticas abusivas
En Francia o problema evidénciase estes días en varios sectores. Por unha banda, entre os agricultores de cereal, xa que o prezo do trigo reduciuse á metade no último ano e medio, pero os custos de produción, que se dispararon trala guerra de Ucraína, seguen altos, ao que este ano se engade a obriga de deixar un 4% da superficie sen cultivar para fomentar a biodiversidade e cumprir deste xeito coa condicionalidade da PAC.
Doutra banda, entre os viticultores, que empezaron a baleirar cisternas de viño de mesa a granel procedentes de España, país ao que acusan de producir máis barato e inundar o mercado francés coas súas exportacións. A lexislación en materia de aplicación de produtos fitosanitarios en Francia é das máis esixentes da UE, o que outorgaría a países veciños como España ou Italia teóricas vantaxes competitivas.
Entre os gandeiros lácteos, o descontento céntrase neste momento contra a multinacional francesa Lactalis, a industria que máis leite recolle en Francia, despois de que impuxese un prezo de 40,5 céntimos para xaneiro. Para as granxas, o prezo de Lactalis é inaceptable, non só porque non cubre os custos de produción, senón porque ademais actúa de panca á baixa co resto das empresas do sector.
Os motivos das protestas por países: desde a importación de cereais de Ucrania á eliminación das rebaixas fiscais ao gasóleo agrícola
Con cuestións comúns, como o rexeitamento a unha lexislación europea afastada da realidade do sector e cada vez máis paralizante, e outros motivos máis concretos e específicos de cada país, a ira dos agricultores gaña forza e faise máis visible.
As tractoradas esténdense, coma unha mancha de aceite, por toda Europa, obrigando aos Gobernos dos distintos países a actuar, despregando efectivos policiais para garantir a seguridade e medios negociadores para tratar de rebaixar a tensión ás portas dunhas eleccións onde a extrema dereita podería capitalizar o descontento.
O primeiro ministro francés, Gabriel Attal, centrou a súa axenda nos últimos días en materia agrícola e este mesmo luns reuniuse con Arnaud Rousseau, presidente do FNSEA, principal sindicato agrícola de Francia, que está a liderar as protestas xunto a Arnaud Gaillot, presidente da organización de Novos Agricultores.
Asedio a París
Unha semana despois do inicio dos bloqueos de autoestradas en Occitania, as protestas estendéronse por toda Francia, cortando a comunicación entre o norte e o sur do país. As barricadas de rolos e pacas de palla lograron xa o primeiro dos obxectivos: que o Goberno dea marcha atrás na súa intención de incrementar os impostos ao diesel agrícola.
O Goberno francés capitula e dá marcha atrás na súa intención de aumentar gradualmente ata 2030 o imposto sobre o diesel agrícola
O primeiro ministro francés tamén prometeu menos burocracia, cun plan de 10 medidas de simplificación inmediata, e maiores controis ás importacións, para evitar a competencia desleal de terceiros países, por exemplo de Mercosur, pero tamén dentro da propia UE, onde a lexislación francesa en materia de produtos fitosanitarios é das máis esixentes.
Pero a pesar destas importantes concesións, as protestas continúan ao berro de “feitos e non palabras” e o obxectivo dos agricultores e gandeiros céntrase agora en asediar París cortando todas as vías de acceso principais, así como no bloqueo do mercado maiorista de Rungis, un dos máis grandes de Europa.
Bloqueo do porto de Hamburgo
En Alemaña este mesmo luns miles de agricultores bloquearon o acceso ao porto de Hamburgo en contra da “tolemia fiscal e burocrática”. O corte con tractores da ponte Köhlbrand, que afectou ao funcionamento habitual dun dos principais portos europeos, foi unha “decisión espontánea” froito do cansanzo dos manifestantes, aseguraron desde as organizacións convocantes das protestas.
Con esta acción os produtores alemáns quixeron tamén visibilizar a súa oposición aos acordos de libre comercio con países como Nova Zelandia, que implica a importación de importantes cantidades de carne de cordeiro e tenreira.
O Goberno alemán avanzou a súa intención de graduar ata 2026 a eliminación da exención ao diesel agrícola
O Goberno do chanceler Olaf Scholz, formado por unha coalición de socialdemócratas, ambientalistas e liberais, avanzou a súa intención de graduar ata 2026 a eliminación da exención ao diesel agrícola, detonante das mobilizacións, pero este anuncio non serviu para acalar as protestas.
Importacións sen aranceis para o cereal ucraíno
A competencia ucraína, polo aumento das importacións deste país tralo inicio da invasión rusa, está detrás do malestar dos agricultores en países como Polonia e Romanía. Por mor da ofensiva rusa, a UE suspendeu os aranceis aos produtos importados de Ucraína para facilitar rutas alternativas ao mar Negro para a saída dos cereais ucraínos a través dos países fronteirizos.
Pero estes corredores de mercadorías duty free para o trigo e o millo ucraínos acabaron producindo “competencia desleal” para os agricultores locais polacos ou romaneses, que nas últimas semanas bloquearon pasos fronteirizos con Ucraína, pero tamén de países como Eslovaquia, Hungría ou Bulgaria.
En xuño expira a actual exención aduaneira para os cereais procedentes de Ucraína e os países veciños esixen que se elimine
En xuño expira a actual exención aduaneira para os cereais procedentes de Ucraína pero a Comisión Europea podería renovala. Os países de Europa do leste esixen sen embargo que a UE revise de forma definitiva as súas medidas de liberalización comercial con Ucraína.
Redución de cabezas de gando nos Países Baixos
Nos Países Baixos, en cambio, o detonante do malestar dos produtores foi o plan gobernamental presentado en 2019 para baixar as emisións de nitróxeno mediante a redución do número de cabezas de gando.
As protestas, mantidas durante meses, deron paso á mobilización política. O Movemento Campesiño Cidadán (BBB), liderado por Caroline van der Plas, logrou unha importante representación, conseguindo o 20% dos votos nas eleccións provinciais de marzo de 2023 e 7 deputados e 16 senadores nas xerais de novembro, converténdose na quinta forza do Parlamento neerlandés, liderado na actualidade polo partido de ultradereita PVV de Geert Wilders.
A formación dun novo goberno podería paralizar ou reformar agora o proxecto de redución dun terzo das cabezas de gando actuais (3,8 millóns de vacas e 11,4 millóns de porcos) que o Goberno conservador de Mark Rutte lanzou en 2022, un plan co que pretendía reducir á metade as deposiciones de nitróxeno para 2030 (a media actual en Holanda é de 46 kg por hectárea, catro veces máis que a media europea).