Utilizar a gastronomía e os produtos locais para atraer visitantes e que se acheguen dese xeito a coñecer o territorio. Ese é o obxectivo do Pasaporte Gastronómico, a nova iniciativa posta en marcha polo Xeodestino Ancares Terras de Burón, xestionado polo GDR Montes e Vales Orientais.
Este novo produto turístico utiliza as feiras como reclamo. Son un total de 14 citas ao longo do ano, unha por cada un dos concellos que integran o Xeodestino:
- Feira do Butelo (A Fonsagrada) o 11-12 de febreiro
- Festa da Androlla (Navia de Suarna) 19 de febreiro
- Festa do Queixo do Cebreiro (Pedrafita do Cebreiro) 7 de abril
- Festa do Viño (Negueira de Muñiz) 15 de abril
- Festa da Troita (A Pontenova) 1 de maio
- Festa da Tenreira (Láncara) 1 de maio
- Festa da Troita (Ribeira de Piquín) 13 de maio
- Feira da Empanada e Produtos dos Ancares (As Nogais) 21 de maio
- Feira en defensa do Gandeiro da Montaña (Cervantes) mes de maio
- Festa do Emigrante (Pol) 24 de agosto
- Festa da Malla (Meira) 27 de agosto
- San Vitorio (Baralla) 27 e 28 de agosto
- Feira do Mel (Baleira) mes de setembro
- Festa do Mar e a Montaña (Becerreá) 7 de decembro
Entre as 14 citas hai 5 feiras declaradas Festa de Interese Turístico Galego e con esta iniciativa de promoción conxunta a través do Pasaporte Gastronómico do Xeodestino Ancares Terras de Burón preténdese apoiar ás menos coñecidas para lograr un desenvolvemento en conxunto do territorio.
Como funciona o pasaporte?
Os visitantes terán que facerse co Pasaporte, ben de xeito presencial en calquera das 14 feiras e festas ou ben descargándoo da web do Xeodestino e imprimíndoo. Unha vez o teñan no seu poder, deberán rexistrarse cubrindo un pequeno formulario na mesma páxina web e recibirán un correo electrónico de confirmación que xa lles servirá para entrar no primeiro sorteo. A partir dese momento xa poderán usalo no resto de feiras e festas.
Os visitantes poderán recoller o Pasaporte en calquera das 14 feiras e festas ou descargalo na web do Xeodestino e imprimilo
En cada celebración haberá un lugar perfectamente identificado para poder selar o Pasaporte Gastronómico e alí os participantes recibirán un número para o sorteo que se celebrará na propia feira entre todas as persoas que selen o pasaporte nesa xornada. Entre os premios terán protagonismo os lotes de saborosos produtos locais das distintas zonas.
Traballo en conxunto de 14 concellos
O Pasaporte Gastronómico Ancares Terras de Burón é a gran aposta do Xeodestino para este ano 2023 e responde ao traballo en conxunto dos 14 concellos que o conforman, pertencentes ás comarcas de Meira, Os Ancares e A Fonsagrada.
O alcalde da Fonsagrada e presidente do GDR Montes e Vales Orientais, Carlos López, agradeceu durante a presentación da iniciativa, que tivo lugar na Casa do Concello da localidade, “a implicación dos 14 concellos do Xeodestino para poder levar a cabo este proxecto conxunto”.
A iniciativa arrinca esta fin de semana coa celebración da Feira do Butelo na Fonsagrada
A Feira do Butelo, que se celebra precisamente esta fin de semana na Fonsagrada, é a primeira das citas incluídas no Pasaporte Gastronómico do Xeodestino Ancares Terras de Burón. As persoas que se acheguen á feira poderán selar o Pasaporte no stand do grupo operativo Gayas, coordinado pola Asociación de Gandeiros da Fonsagrada e integrado tamén por outros produtores da zona.
Guía de micropaisaxes
Acudir ás feiras é tamén unha desculpa para visitar, ao longo do ano, os 14 concellos onde se celebran. “Buscamos impulsar 14 feiras e festas gastronómicas que se celebran no noso territorio pero é tamén unha maneira de coñecer a nosa cultura, o noso patrimonio e a nosa gastronomía”, destacou o presidente do GDR.
“Comezamos este pasaporte gastronómico cunha das festas máis recoñecidas do inverno galego e convidamos a todo o mundo a achegarse ao noso concello para desfrutar con nós dela”, afirmou o tamén alcalde da Fonsagrada.
Ademais de mercar produtos de alimentación e artesanía nos distintos postos, a visita á Feira do Butelo é unha oportunidade para descubrir outros atrativos da Fonsagrada, como o Castro de Castañoso, onde se pode ver unha sauna castrexa; a Seimeira de Vilagocende, que loce espectacular logo das últimas nevaradas; ou pasear polo entorno do Muíño da Allonquiña.
O GDR Montes e Vales Orientais ten elaborado unha Guía da Rede de Micropaisaxes do Xeodestino Ancares Terras de Buron onde se pode atopar toda a información sobre estes puntos de interese localizados nos 14 concellos que o integran.
Actuación cofinanciada dentro do “Grupo Operativo Gayas – Comida de origen desde la aldea a casa” ao 80% pola Unión Europea co «Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural: Europa inviste nas zonas rurais» (FEADER) e ao 20% polo Programa Nacional de Desarrollo Rural do Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación a través da Dirección General de Desarrollo Rural, Innovación y Formación Agroalimentaria (DGDRIFA). Custo: 454.802,75€.