Apicultura

“O índice de apicultores alérxicos ás picaduras de abellas é menor que o da poboación xeral”

Francisco Carballada, xefe do servizo de Alergoloxía do Hospital de Lugo, explica o funcionamento dos tratamentos de inmunoterapia, que logran curar máis do 95% dos casos, evitando que os pacientes desencadeen reaccións alérxicas futuras

Camilo Friol 21/04/2023 9:57 p.m.

Coa chegada da primavera, a actividade multiplícase nos colmenares. Apicultores profesionais e afeccionados revisan o estado das colonias, repiten os tratamentos contra a varroa, alimentan para estimular a cría e desdobran as colmeas máis fortes.

Estes traballos incrementan as probabilidades de sufrir unha picadura, un dos riscos máis frecuentes da apicultura. De como actuar diante de reaccións alérxicas a himenópteros (abellas e avespas) falou recentemente Francisco Carballada, xefe do servizo de Alergoloxía no HULA, nunha charla organizada pola Asociación Provincial Lucense de Apicultores (APLA).

“A porcentaxe de alérxicos a veleno de abella é moi baixo. Os apicultores teñen menos reaccións alérxicas que a poboación xeral. Esas picaduras esporádicas que sofre un apicultor posiblemente lle axude a regular a súa reacción inmunolóxica. Se che pica unha abella e baleira o seu saco, equivale a 57 microgramos e ese veleno das picaduras, se son distantes no tempo, non é acumulativo”, afirma.

Galicia conta cuns 5.000 apicultores e unhas 200.000 colmeas

Segundo os datos da Sociedade Española de Alergoloxía e Inmunoloxía Clínica (SEAIC), entre o 2,3% e o 2,8% da poboación rural española sofre alérxicas xeneralizadas polo veleno de avespas e abellas, pero na última década os casos de reaccións alérxicas graves (graos III e IV da clasificación de Müller) aumentaron un 20%.

Aínda que só entre un 5 e un 10% dos pacientes que pasan pola consulta do doutor Carballada no Hospital de Lugo con reaccións locais extensas a picaduras de abella acaban sendo alérxicos no futuro, o xefe do servizo de Alergoloxía indica que é “imposible de predicir con ningún tipo de proba, nin mediante un test na pel nin mediante unha análise de sangue, quen pode desencadear unha reacción grave” e advirte que “se un é alérxico, cunha soa picadura de abella pode producirse desde unha urticaria a un shock anafiláctico mortal”, explica.

Nun estudo realizado mediante probas cutáneas e determinación de IgE específica en sangue detectouse unha prevalencia de entre o 2,3% e o 2,8% na poboación rural española

A taxa de mortalidade anual estímase nun 0,08 por millón de habitantes, o que implicaría que entre 3 e 4 persoas poderían falecer cada ano por esta causa en España, aínda que a mortandade por estas reaccións alérxicas está infraestimada, debido a que algunhas mortes súbitas poderían deberse a esta causa sen seren diagnosticadas. A maioría de falecementos prodúcense na primeira media hora trala picadura.

Condicionante xenético

[caption id="attachment_196378" align="aligncenter" width="660"] Apicultores asistentes á charla impartida por Francisco Carballada na sede de APLA en Lugo[/caption]

“Aínda que non existe base científica que indique que existe un condicionante xenético, a miña percepción é que inflúe. Temos pacientes alérxicos da mesma familia de apicultores”, explica o xefe de Alergoloxía do HULA, pero non se pode predicir cando unha persoa vai desencadear unha reacción alérxica grave. “Temos casos de apicultores que estiveron en contacto con abellas durante toda a súa vida e fanse alérxicos con 80 anos”, conta.

Para desencadear unha reacción alérxica primeiro ten que haber sensibilización, é dicir, “antes tes que ser picado”. “Ninguén pode ser alérxico a algo ao que non se expuxo”, indica Francisco.

Non se pode predicir, mediante ningún tipo de proba, que persoas van ser alérxicas nin cando se vai a producir esta reacción

Estas reaccións alérxicas poden desencadearse a calquera idade e non se coñecen os motivos que provocan esta hipersensibilización. Por iso, non está indicado o estudo preditivo en pacientes con familiares alérxicos, xa que é frecuente a positividade de probas cutáneas e en sangue en persoas non alérxicas.

Un factor que si que está demostrado que está relacionado coa alerxia a veleno de himenópteros é a mastocitosis sistémica, unha enfermidade considerada rara que padecen o 8% dos pacientes alérxicos a picaduras de abellas e avespas.

Trátase dunha patoloxía do sangue na que se produce unha proliferación anómala de mastocitos que favorece que estas persoas sufran reaccións alérxicas graves cando lles pica un himenóptero. Estes pacientes teñen que recibir inmunoterapia con velenos durante toda a súa vida porque se se suspende o tratamento, recaen.

Gravidade das picaduras

A picadura dunha abella produce habitualmente unha inflamación local transitoria nesa zona que remite espontaneamente en 24-48 horas. Non está considerada reacción alérxica, senón unha reacción propia do veleno inoculado coa picadura.

Esa reacción local pode ser extensa (maior de 10 cm de diámetro), alcanzando o seu máximo entre as 24 e as 48 horas posteriores e abarcando articulacións contiguas. O risco a desenvolver unha reacción alérxica cunha nova picadura é baixo. Só entre un 5 e o 10% dos pacientes que pasan pola consulta do doutor Carballada con reaccións locais extensas acaban sendo alérxicos no futuro, explica.

Unha pequena proporción das persoas expostas ao veleno de himenópteros produce anticorpos da inmunoglobulina E, que desencadea a alerxia

Nestes casos, despois dunha picadura prodúcense anticorpos da inmunoglobulina E (IgE), e se a persoa é picada nunha ocasión posterior pola mesma clase de insecto, o veleno interacciona con este anticorpo específico, desencadeando a liberación de substancias que causan a reacción alérxica.

“Hai que diferenciar entre reacción local e unha alerxia. A alerxia produce unha reacción en todo o corpo. As reaccións locais extensas son as que producen hinchazón e maior reacción ao día seguinte na zona da picadura, pero non é unha alerxia, para o que se require unha afectación sistémica”, aclara.

A prevalencia de reaccións sistémicas alcanza o 42% entre apicultores

A prevalencia de reaccións alérxicas en Europa sitúase entre o 0,4 e o 0,8% en nenos e entre o 0,3 e o 8,9% en adultos, aumentando ata o 42% entre apicultores. As reaccións alérxicas sistémicas poden ser exclusivamente cutáneas (urticaria) ou afectar a varios órganos (anafilaxia).

Síntomas de alerxia

Os síntomas presentados trala picadura permiten coñecer o risco de reaccións con futuras picaduras. “Se a unha persoa que inmediatamente despois da picadura dunha abella ou unha avespa empézanlle a picar as palmas das mans e os pés, iso é un síntoma claro de alerxia”, indica Francisco Carballada.

As reaccións alérxicas poden ir desde urticaria ata un shock anafiláctico

No caso de apicultores, o feito de traballar con luvas dificulta a identificación do prurito palmoplantar e pode levar a confusión. Outro síntoma de alerxia sería a hinchazón fóra da zona de picadura (hinchazón facial, ocular ou dos beizos, por exemplo), así como dificultade respiratoria. A alerxia á picadura provoca tamén ás veces vómitos, náuseas e diarreas e urticaria ou ronchas en distintas partes do corpo en cuestión de media hora trala picadura.

Tratamento de picaduras en persoas non alérxicas

O primeiro consello que o xefe de Alergoloxía do HULA dá aos apicultores é a prevención, evitando as picaduras mediante a utilización de traxes de protección adecuados. “Cando hai un defecto no traxe, as abellas por feromonas detectan onde está ese buraco ou esa rotura e entran por aí a picar”, explica.

Cando se produce unha picadura, as abellas inxectan un veleno, rico en encimas e outras proteínas que, na maioría de casos, produce unha reacción tóxica non inmunolóxica, local e máis ou menos intensa.

Tras sufrir unha picadura o primeiro é extraer o aguillón e aplicar xeo. As reaccións locais extensas trátanse con antihistamínicos orais e corticoides por vía tópica

O primeiro que hai que facer é extraer o aguillón sen espremelo e afastarse da área onde se produciu a picadura para evitar un ataque masivo, xa que cando unha abella ou avespa pica libera unha feromona que incita a outros individuos da colonia para picar.

As reaccións locais trátanse mediante a aplicación de frío local, antihistamínicos orais e corticoides por vía tópica. “O primeiro é aplicar xeo de maneira inmediata e para reaccións locais extensas utilízanse cremas de corticoides. Os antihistamínicos en crema ás veces empeoran a reacción; os antihistamínicos mellor tomalos vía oral”, recomenda o xefe da unidade de Alergoloxía do Hospital de Lugo.

Adrenalina autoinxectable

Se unha persoa padeceu xa algunha reacción sistémica por picaduras é conveniente que leve consigo adrenalina autoinxectable para a súa aplicación intramuscular só en caso de desencadear unha reacción de tipo alérxico. “Nas reaccións locais, aínda que sexan extensas, aplicamos xeo e antihistamínicos orais, non require adrenalina. A adrenalina ten unha chea de contraindicacións a nivel cardíaco, con efectos secundarios como palpitacións e aumento do ritmo cardíaco. Existen riscos en caso de poñela a unha persoa maior ou con problemas cardíacos, xa que pode provocar unha cardiopatía”, explica o doutor Carballada.

A adrenalina ten moitas contraindicacións a nivel cardíaco

O tratamento das reaccións sistémicas con afectación de órganos (anafilaxia) require a aplicación inmediata de adrenalina ao 1:1000 (1 mg/ml) en dispositivos inxectables. A dose establecida é de 0,01 ml/kg de peso ata un máximo de 0,5 ml. Aplícase vía intramuscular na parte externa da perna e pode repetirse aos 15 minutos dúas ou máis veces para facilitar o traslado a un centro médico. En caso de picadura nunha extremidade é útil tamén aplicar un torniquete por enriba do lugar da picadura.

Curación mediante inmunoterapia

A alerxia a picaduras de abellas ou avespas é a día de hoxe “una das poucas enfermidades potencialmente mortais que se curan de verdade”, afirma o doutor Carballada. Os tratamentos con inmunoterapia, a base de inxectar pequenas doses de veleno baixo a pel, teñen unha efectividade superior ao 95%.

A alerxia ás picaduras de abellas e avespas é unha enfermidade potencialmente mortal que logramos curar

A duración convencional do tratamento é de 3 a 5 anos e está indicado para persoas de calquera idade que sufrisen unha reacción sistémica con afectación de varios órganos ou exclusivamente cutánea no caso de persoas altamente expostas, como é o caso dos apicultores.

A dose habitual é de 100 microgramos, que se incrementa a 200 microgramos no caso de apicultores profesionais. O intervalo inicial é dun mes durante o primeiro ano, que se alonga a 6 semanas o segundo ano e a 8 semanas do terceiro ao quinto ano.

A dose de mantemento é de 100 microgramos, que equivale á picadura de 2 abellas, 7 avespas comúns ou 1 velutina

“A eficacia da vacina é moi alta. Trátase dunha vacina curativa. As alerxias ao pole, por exemplo, contrólanse; estas cúranse. Actuamos sobre o mecanismo que regula a resposta inmunolóxica”, detalla o doutor Carballada.

Velutinas

A vacina mediante inmunoterapia está dispoñible para abella, avespa común e velutina. “A composición dos velenos de abellas e véspidos é similar desde o punto de vista farmacolóxico, pero claramente diferente alergoloxicamente. É dicir, producen os mesmos efectos, pero a estrutura química é suficientemente diferente como para que o sistema inmunolóxico recoñeza que se trata de substancias distintas. Desta forma as persoas alérxicas a veleno de abellas habitualmente toleran as picaduras de avespas”, explica.

Pódese ser alérxico a abellas e avespas, aínda que o habitual é selo só a unha das dúas

Tamén hai diferenzas entre as picaduras de avespa e as das velutinas. “Son as mesmas proteínas pero a concentración é diferente. Ata hai un ano vacinabamos coa vacina de avespa común, agora dispoñemos dunha específica de velutina”, conta.

No caso de picaduras de velutina, prodúcense en ocasións reaccións tóxicas por exceso de veleno. “Adoita ocorrer ao romper accidentalmente un niño, mentres facemos labores de roza, por exemplo. Prodúcese unha picadura múltiple. Por enriba de 50 picaduras prodúcese shock tóxico, que pode ser letal. Non é necesario ser alérxico, porque se produce por exceso de veleno”, indica o xefe de Alergoloxía do HULA.

A partir de novembro a maioría das velutinas morren ao abandonar a raíña o niño e o risco é menor

O 70% do territorio francés está ocupado nestes momentos por velutina, que en España esténdese sobre todo pola cornixa cantábrica, dado que se trata dunha especie que require calor e humidade para a súa proliferación.

Francisco Carballada recomenda extremar as precaucións e non manipular nunca os niños. “A maioría dos problemas coa velutina prodúcense por roturas accidentais de niños”, recoñece. Por iso, recomenda rozar nos meses de decembro e xaneiro e inspeccionar a leira antes de realizar estes traballos.

Máis información sobre alerxias a picaduras de abellas e avispas neste folleto da Sociedade Española de Alergoloxía e do seu Comité de Velenos, do que Francisco Carballada forma parte.

[box style="0"]

“No meu caso a vacina foi eficaz e permitiume seguir coa apicultura”

Hugo Santín é un mozo natural de Cervantes, aínda que se mudou cos seus pais a Becerreá cando tiña 6 anos. Estudou enxeñería e non se adica profesionalmente á apicultura, pero no ano 2018 decidiu recuperar o cortín tradicional que a familia tiña no lugar de Trabado (parroquia de Cereixedo) e retomar a produción de mel.

Empezou con 6 colmeas e cando tiña 25 creou unha marca, Mel Melosa, e unha páxina web. Pero pouco a pouco as picaduras que ao principio non lle facían nada comezaron a provocarlle hinchazón e outros síntomas.

“Cando empecei non tiña nada de alerxia nin notaba ningún tipo de reacción, pero a cousa foi empeorando ao ano seguinte, esa evolución foi rápida e un día pinchoume unha abella nun nocelo e empecei a notar que me picaba todo o corpo e que tiña dificultade para tragar”, describe.

A Seguridade Social financia unha parte do custo do tratamento, que rolda os 40€ por dose para traballadores en activo e 7€ para xubilados

Acudiu a urxencias, puxéronlle corticoides e derivárono ao servizo que dirixe o doutor Carballada, onde o someteron ao proceso de desensibilización con inmunoterapia. A súa melloría foi rápida. “Cando levaba un ano vacinándome xa case non tiña reacción e hoxe pícame unha abella e non me fai nada, igual ca se fose un mosquito. Levo 3 anos e medio co tratamento e nas probas cutáneas xa dou negativo, aínda que na analítica do sangue aínda me segue dando algún parámetro positivo”, explica, polo que completará as doses de mantemento até os 5 anos.

Convivir co oso

A eficacia da vacina a Hugo permitiulle seguir coa actividade. Ten hoxe 150 colmeas, repartidas en tres localizacións a máis de 1.000 metros de altitude, en plena serra dos Ancares. A ubicación dos colmeares fai que polo momento a velutina non sexa un problema, pero que teñan que convivir co oso, que comeza a visitar os montes da parte oriental de Galicia. “Nós defendemos a figura o oso e por iso o puxemos na etiqueta. É un valor adicional pero tamén é un traballo adicional. A Administración dache un pastor e logo enténdete, porque na primavera hay que limpalo todas as semanas”, di Hugo.

A través das redes sociais (facebook e instagram), Hugo dá a coñecer o seu traballo e chega a un cliente que valora esa labor. “Chegar a esa xente que recoñece ese valor extra que ten o noso produto permíteche obter un prezo maior”, di. Ademais da venda a coñecidos, e en varias tendas da zona da Coruña, a venda online é unha das ferramentas fundamentais para dar saída á súa produción.

Mel Melosa ten moitos clientes entre a comunidade galega de Barcelona

O ano pasado obtiveron uns 1.800 quilos de mel, máis ou menos a mesma cifra que o ano anterior, porque aínda que baixou a produción por colmea por mor da seca compensárono cun incremento no número de unidades de produción.

Con todo, non ten pensado seguir medrando. “O meu obxectivo non é vivir disto, senón obter uns ingresos que me permitan coidar as fincas e rehabilitar a casa familiar”, explica.

[/box]

Etiquetado
Ir a la portada