Embutidos Suarna, a empresa que popularizou a androlla de Navia

Fala dos seus produtos co mesmo entusiasmo co que fala do territorio no que se elaboran. Maricarmen Sánchez é, alí por onde vai, “embaixadora de Navia e dos Ancares”

EMBUTIDOS SUARNA (Navia) Maricarmen1“Empezamos no ano 1998. Fixérase a primeira Festa da Androlla e resulta que non había androllas para vender porque facíanse tradicionalmente nas casas, para autoconsumo, pero non había ningunha industria que as fixera para comercializar”, lembra Maricarmen Sánchez, xerente de Embutidos Suarna.

“Ao ano seguinte decidimos tomar a iniciativa de facer unhas poucas para vender na festa para que polo menos a xente tivera a oportunidade de comprar unha androlla ese día. Lembro que fixeramos unha pequena cantidade, igual medio cento ou así, e que xa as tiñamos vendidas antes da festa, aínda que as gardaramos para ese día. Ao ano seguinte xa fixeramos 300. A xente dicíanos que estábamos tolos, pero venderámolas todas tamén. Despois xa dixemos, isto hai que montalo en serio”, conta case 25 anos despois. 

Se non fora por ter montado nós a fábrica, a elaboración da androlla quizais se tivese perdido

 “Naquel momento tiñamos a tenda de alimentación e tres nenos pequenos, pero xa viamos que o pobo ía a menos porque ía perdendo poboación, así que vimos niso unha oportunidade, sobre todo para complementar a tenda no inverno. Foi entón cando fixemos un pequeno obrador para facer androllas, porque inicialmente a nosa idea era facer só androllas, que era un produto moi específico desta zona. Pero aquela cousa pequeniña foi medrando”, di, “porque as androllas vendíanse todas”.

Dar a coñecer o produto fóra de Navia

A iniciativa de Maricarmen e o seu home, Hortensio, serviu para abrir fronteiras a un produto de tradición local. “Empezamos a mandalas sobre todo para Barcelona, porque a xente de aquí emigrou a Barcelona e teñen alí moitos restaurantes. Durante moitos anos facíase en Barcelona a Festa da Androlla e a do Galego do Ano, que xuntaba nunha cea a máis de 1.000 persoas, e os produtos levabámolos todos de aquí”, lembra.  

En moitos sitios cando empezamos a vender non sabían o que era unha androlla

Hoxe o obrador quédaselles xa pequeno. Ademais de androllas fan tamén chourizos (picantes e normais), salchichón, lombo, chicharróns e salazóns de touciño, cachola e minilacón. A empresa dá traballo a un mínimo de seis persoas e elaboran uns 1.000 quilos de embutido á semana.

A empresa dá traballo a 6 persoas e elaboran uns 1.000 quilos de embutido á semana

Embutidos Suarna chega hoxe cos seus produtos a tendas de distintas vilas e cidades e é habitual a súa presenza en feiras coma a de Monterroso, As San Lucas de Mondoñedo, o San Froilán ou o Mercado dos Domingos de Ribadeo. “Con case todos os meus clientes seguimos mantendo o contacto directo con eles”, asegura Maricarmen.

Un produto estacional que agora se vende todo o ano

EMBUTIDOS SUARNA (Navia)Aínda que nas casas de Navia se seguen a facer androllas, Embutidos Suarna é hoxe a única empresa que as fai para comercializar todo o ano. “O butelo é un produto que empezamos a facer en outubro e paramos despois de Semana Santa, pero a androlla facémola todo o ano porque é o noso sinal de identidade, é un produto que nos identifica”, recoñece.

A diferenza co butelo, a androlla faise na tripa gorda, mentres que para o butelo emprégase o pigureiro. Os ingredientes son costela picada á man e coiros e adobado todo con sal, pementón e allo. “É un proceso manual, porque temos que embutir na tripa e atar á man”, explica Maricarmen. Logo duns días no fumeiro pasa ao secadoiro, onde permanece un mínimo de dúas semanas.

A androlla faise na tripa gorda, mentres que para o butelo emprégase o pigureiro

A nivel culinario, a androlla serve para facer cocida, como se fixo tradicionalmente, pero tamén serve para innovar. “Hai xente que fai un arroz con ela, coa auga de cocela e a androlla desmenuzada”, explica.

Para Maricarmen “é un orgullo” que agora a androlla sexa coñecida en toda Galicia e haxa empresas cárnicas doutras zonas que tamén a elaboren. “Se non fora pola nosa iniciativa, a medida que se fora deixando de facer nas casas, a androlla podía ter sido un produto que se perdera, porque se facía unicamente para autoconsumo”, lembra.

Á espera dunha IXP

A Xunta de Galicia iniciou o camiño da protección deste produto elaborado de xeito tradicional nas montañas de Lugo e Ourense en setembro de 2008 e, unha vez superada a fase galega, falta a aprobación dos organismos comunitarios e a inscrición da IXP no rexistro de denominación de orixe e indicacións xeográficas protexidas.

A zona xeográfica de elaboración da IXP Androlla de Galicia está formada por 12 concellos da provincia de Lugo e 17 da de Ourense, que constitúen unha estreita franxa que se estende, de norte a sur, na parte máis oriental de Galicia, abarcando a área máis montañosa da comunidade. Tamén se elaboran androllas en zonas limítrofes da vertente leonesa dos Ancares.

“As mulleres podemos facer todo o que nos propoñamos”

Maricarmen forma parte da federación de mulleres rurais FADEMUR e defende o papel feminino na fixación de poboación e o desenvolvemento das zonas rurais. “As mulleres podemos facer todo o que nos propoñamos, é só unha cuestión de actitude, e cada vez estamos collendo máis protagonismo neste tipo de iniciativas. Estou moi orgullosa de ser muller e de terlle botado moito valor á vida”, di.  

No 2015, cando faleceu o seu home, Maricarmen decidiu seguir para adiante coa empresa ela soa, aínda que algúns dos proxectos que tiñan en mente quedaron estancados. “Temos unha finca moi grande e tiñamos pensado meter alí cochos para producir para nós. Iso quedou parado e o que fago é mercar a outros produtores da provincia de Lugo”, explica.

Eu boteille moito valor á vida e sempre me sentín apoiada

Maricarmen ten un fillo que é veterinario e dúas fillas enxeñeiras. Priorizou a súa formación antes que o negocio familiar e hoxe ningún deles está directamente vinculado á actividade da empresa. “Veñen moito, pero teñen a vida montada fóra”, recoñece.

Abandono e repoboamento

O núcleo de Navia de Suarna non chega a 300 habitantes; no conxunto do municipio, algo menos de 1.000. O despoboamento fai mella neste concello da montaña de Lugo, igual que noutros moitos do interior de Galicia. Pero Maricarmen ve futuro nestes pobos. “Nos últimos anos vexo máis alegría, a xente amaña as casas e vén nas fins de semana ou nas vacacións. Hai un orgullo que antes non había”, asegura.

Maricarmen naceu en Baralla, pero leva 33 anos en Navia

Ao ter a tenda en pleno centro da vila, ela é un bo termómetro da temperatura vital deste concello da montaña. “Son máis optimista sobre o futuro dos pobos pequenos neste momento que fai uns anos”, di.

Manter servizos

Ten claro que manter os servizos é fundamental para manter con vida os pobos do rural. “Sigo coa tenda porque teño claro que nun sitio coma Navia un establecemento deste tipo é moito máis ca un establecemento de alimentación, é case un centro social, un lugar de referencia. É moi importante para os pobos que este tipo de negocios se manteñan porque cando un establecemento se pecha non volve abrir”, asegura.

Hai que abrir portas nos pobos, non pechalas, porque un negocio que cerra non volve abrir

Foi o que lle pasou á Ferretería Robledo, a de Tito, que permanece conxelada no tempo desde hai 30 anos. Pertencía a un tío do seu home e de vez en cando sempre hai quen lle pide poder vela polos recordos que lles trae. “A min non me custa abrila e é un aliciente máis para vir a Navia, hai que buscar solucións imaxinativas para que veña a xente”, afirma.

Maricarmen fai tamén visitas para grupos á fábrica de embutidos e usa a tenda, que está na mesma praza de Navia, para vender os seus produtos e, de paso, a vila de Navia. “Cando vou polas feiras vendo tanto Os Ancares coma o embutido”, di.

Todas as iniciativas axudan, asegura. “A película de Óliver Laxe O que arde foi un revulsivo. Serviu para que aquí se valorase o que se ten e para que a xente de fóra quixera coñecer Navia”, exemplifica.

Una idea sobre “Embutidos Suarna, a empresa que popularizou a androlla de Navia

  1. Pachon Alvarez Dorinda

    Un grande bravo à esta señora Maricarmen asi somos las mujeres fuertes y valientes menos mal que en Navia queda gente como usted buena continuation y espero que alguna vez vuelva a Navia para comprarle emboutidos pimenton y androllas.Un cordial saludo

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información