Archives

Curso en Lugo sobre elaboración de queixos de pasta branda

A aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias e a empresa Chr. Hansen organizan un curso de formación teórico-práctico de elaboración de queixos de pasta branda. A formación celebrarase nas instalacións do APLTA en Lugo e durará dous días: o día 27 de febreiro (parte teórica), e os días 28/29 de febreiro (parte práctica). O custo será de 200 euros e as inscricións poden realizarse no teléfono 982 821 405 ou no correo electrónico formacion@aplta.es A parte teórica terá lugar o 27 de febreiro de 9.00 a 15.00 h e o programa será o seguinte: -Presentación da xornada -Tecnoloxía da elaboración dos queixos de pasta branda. -Preparación do leite. -Cultivos de maduración. Coagulación e tipos de coagulantes. -Acidificación e desorado. -Maduración e traballo en cámaras de afinado. -Solución a posibles defectos de maduración. -Mellora de produtividade e rendementos: aplicación de COAGUSENSTM -Aplicación da análise de propiedades físicas e análise sensorial na valoración de pastas brandas. Os relatores en está xornada teórica, serán: -David Muñoz Romero (Technical Sales - Soft Cheese Specialist CHR HANSEN) -José Manuel González Carrera (Technical Sales-Continental Cheese Specialist CHR HANSEN) -Juan Ventura Trillo Novo (Responsable do laboratorio de propiedades físicas do APLTA)Mª Paz Fernández-Albalat Ruiz (Responsable do laboratorio de análise sensorial do APLTA) A parte práctica desenvolverase na planta piloto do APLTA os días 28 ou 29 de febreiro (a asignación da xornada será realizada pola organización) e consistirá en tres elaboracións de queixos de pasta branda: Queixo camembert tradicional Queixo camembert estabilizado Queixo crescenza As elaboracións serán realizadas por: -David Muñoz Romero (Technical Sales-Soft Cheese Specialist CHR HANSEN) -José Manuel González Carrera (Technical Sales- Continental Cheese Specialist CHR HANSEN) -Persoal técnico do APLTA

Máis información

Estas son as medidas que reclaman os apicultores á Xunta para un control efectivo da vespa velutina

Representantes de todas as asociacións apícolas galegas consensuaron un documento de propostas conxunto Os apicultores galegos piden a Xunta que tome en serio o problema da velutina e adopte medidas efectivas para loitar contra unha praga que leva máis de 10 anos instalada en Galicia pero que se multiplicou este ano, segundo denuncian os produtores de mel e recoñece tamén Seaga, a empresa pública encargada de xestionar os avisos para a retirada de niños na comunidade.  Logo do desenvolvemento de distintos métodos, desde arpas eléctricas, pértegas ou escopetas de balíns, hoxe o sector aposta polo trampeo primaveral para a captura de raíñas e o control remoto de niños primarios por medio de troianos para aminorar a praga. A velutina colonizou xa a práctica totalidade do territorio galego, ameazando a viabilidade das explotacións apícolas e afectando tamén a outros sectores como o do viño ou o da froita. O congreso celebrado esta fin de semana en Chantada, coa presenza de máis de 250 asistentes, serviu para xuntar a todas as asociacións apícolas de Galicia cun obxectivo común: esixir á Xunta un plan coordinado que vaia moito máis aló do que se está a facer neste momento.
Cando algúns de nós empezamos a eliminar niños non tiñamos máis que os nosos traxes de apicultor e unha corda para atar á cintura ao subir ás árbores
Representantes da Asociación Galega de Apicultura (AGA), Agrupación Apícola de Galicia, Asociación Provincial Lucense de Apicultores (APLA), Asociación Abellas Nais e Casa do Mel de Goente quixeron facer patente o seu malestar e descontento coa xestión levada a cabo até o de agora por parte da Administración galega, que adica 1,2 millóns de euros ao ano á retirada de niños e nin un só recurso a campañas oficiais de trampeo e captura de raíñas. Unidade do sector “Queremos ir da man e que as Administracións implicadas, que son todas, sexan conscientes do problema que temos e actúen poñendo en marcha os mecanismos que poidan ter unha posibilidade real de cambiar o rumbo da continua e preocupante sangría que estamos a padecer”, afirman desde AGA, organizadora do congreso.   O resto de asociacións tamén destacaron a importancia desa “busca de unidade y de colaboración entre todos os actores (todos os niveis da Administración, cidadanía e por suposto os apicultores) para combater a praga”.
Isto é unha auténtica guerra na que se necesita unha estratexia, non podemos seguir facendo guerra de guerrillas
Esther Ordóñez, representante da Agrupación Apícola de Galicia, e presidenta da IXP Mel de Galicia, defendeu que “sen a unión do sector non podemos loitar contra a vespa velutina nin contra os meles que veñen de fóra”, outro dos graves problemas que atravesa o sector, con tres anos consecutivos de descenso no prezo de venda da produción a granel. Cambiar as prioridades Os reproches cara a Administración galega foron continuos, tanto pola súa inacción en todos estes anos como polo destino dos fondos asignados a loitar contra a praga pero, sobre todo, por non escoitar e ter en conta a opinión do sector. Pablo Piñeiro, de APLA insistiu en que  “aquí non estamos para buscar culpables, aínda que non hai que esquecelos; estamos para aportar solucións”, mentres Manuel Ferreira, da Casa do Mel de Goente lembrou que os apicultores levan “12 anos pelexando coa velutina e facendo propostas á Administración pero nunca nos escoitaron”, queixouse.
Abellas Nais, APLA, Agrupación Apícola de Galicia, Casa do Mel de Goente e AGA farán chegar á Xunta un documento conxunto con propostas
Unha das conclusións do congreso é que o sistema actual de retirada de niños é “só un parche” que se demostrou inútil para frear o avance da velutina, porque "só se actúa sobre os niños que se ven, que son unha pequena parte dos existentes na realidade", polo que é necesario, din, mudar as prioridades. “Cando algúns de nós empezamos a eliminar niños non tiñamos máis que os nosos traxes de apicultor e unha corda para atar á cintura ao subir ás árbores. Esperemos que este congreso sirva para que os apicultores empecemos a ver a luz porque o que se fixo ata agora por parte da Xunta foi un tiracartos”, asegurou José María Bello, de AGA. Trampeo masivo a vindeira primavera José María Bello, durante unha das ponencias do congreso Sen deixar de actuar sobre os niños secundarios que se detectan de xeito masivo nos meses de xullo, agosto e setembro, os apicultores e expertos participantes piden á Xunta que atalle o problema moito antes, cunha campaña de trampeo para capturar raíñas á saída do inverno e comezos da primavera e a eliminación dos niños primarios que estas fundadoras crean. Os apicultores esixen que, á vista do alto número de niños que houbo este ano, a campaña de trampeo da vindeira primavera sexa “masiva e coordinada”, coa implicación directa dos Concellos e da cidadanía para cubrir a maior extensión de territorio posible.
O trampeo só por parte dos apicultores é insuficiente porque non podemos cubrir todo o territorio, os Concellos teñen que implicarse
“O trampeo só por parte dos apicultores é insuficiente, porque colocando trampas só nós nos colmeares non reducimos a poboación de velutinas, ese ten que ser un lugar máis de trampeo doutros moitos”, asegura José María Bello.  “É necesario un trampeo en base a datos e cunha campaña xeralizada e organizada que ten que estar dirixida pola Administración. Se tomamos os datos que ten Seaga de retirada de niños deste ano, podemos trampear 300 metros á redonda, que é o radio de pecoreo inicial das raíñas fundadoras. Dese xeito redúcese de xeito considerable a zona de trampeo”, explicou. “Os apicultores non podemos estar trampeando todo o territorio. Sempre mostramos a nosa disconformidade coa inclusión do trampeo no Plan Apicola, sendo unha carga máis para o sector e detraendo recursos para o que é realmente a nosa actividade”, insistiu.   O exemplo de Asturias Ademais de abelleiros galegos, o congreso xuntou tamén a expertos e produtores chegados doutras comunidades onde a vespa velutina tamén está a facer estragos, como Asturias, Cantabria ou Castela e León. “A nós chegounos máis tarde; levamos un par de anos pelexando con ela pero este ano foi bestial”, recoñeceu Luis López, vicepresidente da Asociación Berciana de Apicultores, que insistiu en que, dada a súa expansión, “cada ano que non se fai nada son 10 anos perdidos para eliminar a praga”.
En Galicia estamos moi por detrás da ferramenta informática que usan en Asturias, é necesario implementala aquí
O exemplo de Asturias, onde hai creado un Comité Asesor que coordina as actuacións a levar a cabo contra a velutina, estivo presente durante todo o congreso. O éxito asturiano radica na implicación de todas as Administracións e en facer partícipe a toda a sociedade da estratexia de loita contra a vespa a través dunha aplicación informática (avisAP) na que se poden notificar os avisos e facer un seguemento das actuacións levadas a cabo, dentro das que se están a probar distintos métodos.
A solución pasa polo envío de troianos para matar os niños que non se ven
O Goberno do Principado e a Asociación Asturiana de Apicultores puxeron en marcha este ano un proxecto piloto para a inactivación de niños a través do seu control remoto por medio da captura e envío de vespas pintadas no abdome con Fipronil, un biocida empregado para combater as pulgas en cans e gatos e que se mostrou moi efectivo para matar as larvas da velutina. Os resultados deste ensaio son “prometedores”, explicaron os seus responsables. Os apicultores galegos apostan tamén por este novo método para combater a praga. “A solución pasa polo control remoto, pasa por matar o que non se ve, porque un punto clave é atallar os niños que hai nos montes e sobre os que non se fai nada. Hoxe en día Seaga está atendendo só á punta dun iceberg, porque se está priorizando un problema de seguridade cidadá. Pero iso aos apicultores non nos soluciona nada”, insistiu José María Bello.

Busca de sinerxias con outros sectores e apoio na investigación

Público asistente ao congreso sobre a vespa velutina celebrado a fin de semana en Chantada Trala celebración do congreso esta fin de semana en Chantada, as 5 principais asociacións apícolas existentes en Galicia remitirán un documento conxunto á Xunta de Galicia coas súas propostas, entre as que está a creación, de maneira inminente, dun Comité Asesor con presenza de todas as Administracións, entidades e sectores afectados (Xunta, Concellos, Seaga, bombeiros, asociacións apícolas, etc). Seguindo o exemplo asturiano, ese Comité Asesor sería o órgano encargado de fixar a estratexia e as prioridades de gasto na loita contra a praga. Os produtores de mel insisten en que se trata dun “problema global” que afecta á biodiversidade medioambiental e á seguridade cidadá e que está a producir perdas económicas tamén noutros sectores, como o do viño ou o da froita.
Os abelleiros sempre mantivemos unha actitude de colaboración e de facer propostas, pero sempre caeron en saco roto
Ao mesmo tempo, considérase necesaria a adopción por parte da Xunta dunha ferramenta informática semellante á avisAP asturiana onde ademais de poder notificar a presenza de niños se poida facer un seguemento do seu estado, así como o rexistro da colocación de tampas. Nese sentido, pídese a implicación directa dos Concellos no trampeo masivo a vindeira primavera coa intención de cubrir o máximo de territorio posible, priorizando lugares con maior presenza de niños retirados e zonas onde quedaron niños sen retirar ou neutralizar (por estaren a gran altura, sobre cauces fluviais, etc), tomando para iso os datos dos que dispón Seaga. A investigación, solución ou enredo? As asociacións apícolas piden priorizar os fondos dispoñibles en accións que vaian encamiñadas a previr a aparición de niños secundarios, o que evitaría a súa retirada posterior nos meses de xullo, agosto e setembro. Trataríase, seguindo o símil dos lumes forestais, de “destinar máis a prevención para ter que gastar menos en extinción”.
Toda Francia está xa colonizada e en España a praga avanza cara a Meseta logo de estar xa presente en toda a cornixa cantábrica
Outra das controversias vividas durante o congreso estivo protagonizada polo debate xerado arredor dos escasos avances que se produciron até o de agora na investigación científica. Os apicultores queixáronse da pouca utilidade práctica dalgúns dos traballos levados a cabo, mentres os investigadores presentes revelaron a precariedade e a escaseza de recursos coa que traballan. No escrito de conclusións, as asociación apícolas defenden que debe haber unha dotación económica suficiente pero que esta debe ir destinada a investigación aplicada para o descubrimento de feromonas, parásitos ou fungos que sirvan para a loita biolóxica contra a vespa invasora, seguindo o exemplo do que se fixo co Torymus  sinensis fronte á avispiña do castiñeiro.

“O índice de apicultores alérxicos ás picaduras de abellas é menor que o da poboación xeral”

Coa chegada da primavera, a actividade multiplícase nos colmenares. Apicultores profesionais e afeccionados revisan o estado das colonias, repiten os tratamentos contra a varroa, alimentan para estimular a cría e desdobran as colmeas máis fortes. Estes traballos incrementan as probabilidades de sufrir unha picadura, un dos riscos máis frecuentes da apicultura. De como actuar diante de reaccións alérxicas a himenópteros (abellas e avespas) falou recentemente Francisco Carballada, xefe do servizo de Alergoloxía no HULA, nunha charla organizada pola Asociación Provincial Lucense de Apicultores (APLA). “A porcentaxe de alérxicos a veleno de abella é moi baixo. Os apicultores teñen menos reaccións alérxicas que a poboación xeral. Esas picaduras esporádicas que sofre un apicultor posiblemente lle axude a regular a súa reacción inmunolóxica. Se che pica unha abella e baleira o seu saco, equivale a 57 microgramos e ese veleno das picaduras, se son distantes no tempo, non é acumulativo”, afirma.
Galicia conta cuns 5.000 apicultores e unhas 200.000 colmeas
Segundo os datos da Sociedade Española de Alergoloxía e Inmunoloxía Clínica (SEAIC), entre o 2,3% e o 2,8% da poboación rural española sofre alérxicas xeneralizadas polo veleno de avespas e abellas, pero na última década os casos de reaccións alérxicas graves (graos III e IV da clasificación de Müller) aumentaron un 20%. Aínda que só entre un 5 e un 10% dos pacientes que pasan pola consulta do doutor Carballada no Hospital de Lugo con reaccións locais extensas a picaduras de abella acaban sendo alérxicos no futuro, o xefe do servizo de Alergoloxía indica que é “imposible de predicir con ningún tipo de proba, nin mediante un test na pel nin mediante unha análise de sangue, quen pode desencadear unha reacción grave” e advirte que “se un é alérxico, cunha soa picadura de abella pode producirse desde unha urticaria a un shock anafiláctico mortal”, explica.
Nun estudo realizado mediante probas cutáneas e determinación de IgE específica en sangue detectouse unha prevalencia de entre o 2,3% e o 2,8% na poboación rural española
A taxa de mortalidade anual estímase nun 0,08 por millón de habitantes, o que implicaría que entre 3 e 4 persoas poderían falecer cada ano por esta causa en España, aínda que a mortandade por estas reaccións alérxicas está infraestimada, debido a que algunhas mortes súbitas poderían deberse a esta causa sen seren diagnosticadas. A maioría de falecementos prodúcense na primeira media hora trala picadura. Condicionante xenético Apicultores asistentes á charla impartida por Francisco Carballada na sede de APLA en Lugo “Aínda que non existe base científica que indique que existe un condicionante xenético, a miña percepción é que inflúe. Temos pacientes alérxicos da mesma familia de apicultores”, explica o xefe de Alergoloxía do HULA, pero non se pode predicir cando unha persoa vai desencadear unha reacción alérxica grave. “Temos casos de apicultores que estiveron en contacto con abellas durante toda a súa vida e fanse alérxicos con 80 anos”, conta. Para desencadear unha reacción alérxica primeiro ten que haber sensibilización, é dicir, “antes tes que ser picado”. “Ninguén pode ser alérxico a algo ao que non se expuxo”, indica Francisco.
Non se pode predicir, mediante ningún tipo de proba, que persoas van ser alérxicas nin cando se vai a producir esta reacción
Estas reaccións alérxicas poden desencadearse a calquera idade e non se coñecen os motivos que provocan esta hipersensibilización. Por iso, non está indicado o estudo preditivo en pacientes con familiares alérxicos, xa que é frecuente a positividade de probas cutáneas e en sangue en persoas non alérxicas. Un factor que si que está demostrado que está relacionado coa alerxia a veleno de himenópteros é a mastocitosis sistémica, unha enfermidade considerada rara que padecen o 8% dos pacientes alérxicos a picaduras de abellas e avespas. Trátase dunha patoloxía do sangue na que se produce unha proliferación anómala de mastocitos que favorece que estas persoas sufran reaccións alérxicas graves cando lles pica un himenóptero. Estes pacientes teñen que recibir inmunoterapia con velenos durante toda a súa vida porque se se suspende o tratamento, recaen. Gravidade das picaduras A picadura dunha abella produce habitualmente unha inflamación local transitoria nesa zona que remite espontaneamente en 24-48 horas. Non está considerada reacción alérxica, senón unha reacción propia do veleno inoculado coa picadura. Esa reacción local pode ser extensa (maior de 10 cm de diámetro), alcanzando o seu máximo entre as 24 e as 48 horas posteriores e abarcando articulacións contiguas. O risco a desenvolver unha reacción alérxica cunha nova picadura é baixo. Só entre un 5 e o 10% dos pacientes que pasan pola consulta do doutor Carballada con reaccións locais extensas acaban sendo alérxicos no futuro, explica.
Unha pequena proporción das persoas expostas ao veleno de himenópteros produce anticorpos da inmunoglobulina E, que desencadea a alerxia
Nestes casos, despois dunha picadura prodúcense anticorpos da inmunoglobulina E (IgE), e se a persoa é picada nunha ocasión posterior pola mesma clase de insecto, o veleno interacciona con este anticorpo específico, desencadeando a liberación de substancias que causan a reacción alérxica. “Hai que diferenciar entre reacción local e unha alerxia. A alerxia produce unha reacción en todo o corpo. As reaccións locais extensas son as que producen hinchazón e maior reacción ao día seguinte na zona da picadura, pero non é unha alerxia, para o que se require unha afectación sistémica”, aclara.
A prevalencia de reaccións sistémicas alcanza o 42% entre apicultores
A prevalencia de reaccións alérxicas en Europa sitúase entre o 0,4 e o 0,8% en nenos e entre o 0,3 e o 8,9% en adultos, aumentando ata o 42% entre apicultores. As reaccións alérxicas sistémicas poden ser exclusivamente cutáneas (urticaria) ou afectar a varios órganos (anafilaxia). Síntomas de alerxia Os síntomas presentados trala picadura permiten coñecer o risco de reaccións con futuras picaduras. “Se a unha persoa que inmediatamente despois da picadura dunha abella ou unha avespa empézanlle a picar as palmas das mans e os pés, iso é un síntoma claro de alerxia”, indica Francisco Carballada.
As reaccións alérxicas poden ir desde urticaria ata un shock anafiláctico
No caso de apicultores, o feito de traballar con luvas dificulta a identificación do prurito palmoplantar e pode levar a confusión. Outro síntoma de alerxia sería a hinchazón fóra da zona de picadura (hinchazón facial, ocular ou dos beizos, por exemplo), así como dificultade respiratoria. A alerxia á picadura provoca tamén ás veces vómitos, náuseas e diarreas e urticaria ou ronchas en distintas partes do corpo en cuestión de media hora trala picadura. Tratamento de picaduras en persoas non alérxicas O primeiro consello que o xefe de Alergoloxía do HULA dá aos apicultores é a prevención, evitando as picaduras mediante a utilización de traxes de protección adecuados. “Cando hai un defecto no traxe, as abellas por feromonas detectan onde está ese buraco ou esa rotura e entran por aí a picar”, explica. Cando se produce unha picadura, as abellas inxectan un veleno, rico en encimas e outras proteínas que, na maioría de casos, produce unha reacción tóxica non inmunolóxica, local e máis ou menos intensa.
Tras sufrir unha picadura o primeiro é extraer o aguillón e aplicar xeo. As reaccións locais extensas trátanse con antihistamínicos orais e corticoides por vía tópica
O primeiro que hai que facer é extraer o aguillón sen espremelo e afastarse da área onde se produciu a picadura para evitar un ataque masivo, xa que cando unha abella ou avespa pica libera unha feromona que incita a outros individuos da colonia para picar. As reaccións locais trátanse mediante a aplicación de frío local, antihistamínicos orais e corticoides por vía tópica. “O primeiro é aplicar xeo de maneira inmediata e para reaccións locais extensas utilízanse cremas de corticoides. Os antihistamínicos en crema ás veces empeoran a reacción; os antihistamínicos mellor tomalos vía oral”, recomenda o xefe da unidade de Alergoloxía do Hospital de Lugo. Adrenalina autoinxectable Se unha persoa padeceu xa algunha reacción sistémica por picaduras é conveniente que leve consigo adrenalina autoinxectable para a súa aplicación intramuscular só en caso de desencadear unha reacción de tipo alérxico. “Nas reaccións locais, aínda que sexan extensas, aplicamos xeo e antihistamínicos orais, non require adrenalina. A adrenalina ten unha chea de contraindicacións a nivel cardíaco, con efectos secundarios como palpitacións e aumento do ritmo cardíaco. Existen riscos en caso de poñela a unha persoa maior ou con problemas cardíacos, xa que pode provocar unha cardiopatía”, explica o doutor Carballada.
A adrenalina ten moitas contraindicacións a nivel cardíaco
O tratamento das reaccións sistémicas con afectación de órganos (anafilaxia) require a aplicación inmediata de adrenalina ao 1:1000 (1 mg/ml) en dispositivos inxectables. A dose establecida é de 0,01 ml/kg de peso ata un máximo de 0,5 ml. Aplícase vía intramuscular na parte externa da perna e pode repetirse aos 15 minutos dúas ou máis veces para facilitar o traslado a un centro médico. En caso de picadura nunha extremidade é útil tamén aplicar un torniquete por enriba do lugar da picadura. Curación mediante inmunoterapia A alerxia a picaduras de abellas ou avespas é a día de hoxe “una das poucas enfermidades potencialmente mortais que se curan de verdade”, afirma o doutor Carballada. Os tratamentos con inmunoterapia, a base de inxectar pequenas doses de veleno baixo a pel, teñen unha efectividade superior ao 95%.
A alerxia ás picaduras de abellas e avespas é unha enfermidade potencialmente mortal que logramos curar
A duración convencional do tratamento é de 3 a 5 anos e está indicado para persoas de calquera idade que sufrisen unha reacción sistémica con afectación de varios órganos ou exclusivamente cutánea no caso de persoas altamente expostas, como é o caso dos apicultores. A dose habitual é de 100 microgramos, que se incrementa a 200 microgramos no caso de apicultores profesionais. O intervalo inicial é dun mes durante o primeiro ano, que se alonga a 6 semanas o segundo ano e a 8 semanas do terceiro ao quinto ano.
A dose de mantemento é de 100 microgramos, que equivale á picadura de 2 abellas, 7 avespas comúns ou 1 velutina
“A eficacia da vacina é moi alta. Trátase dunha vacina curativa. As alerxias ao pole, por exemplo, contrólanse; estas cúranse. Actuamos sobre o mecanismo que regula a resposta inmunolóxica”, detalla o doutor Carballada. Velutinas A vacina mediante inmunoterapia está dispoñible para abella, avespa común e velutina. “A composición dos velenos de abellas e véspidos é similar desde o punto de vista farmacolóxico, pero claramente diferente alergoloxicamente. É dicir, producen os mesmos efectos, pero a estrutura química é suficientemente diferente como para que o sistema inmunolóxico recoñeza que se trata de substancias distintas. Desta forma as persoas alérxicas a veleno de abellas habitualmente toleran as picaduras de avespas”, explica.
Pódese ser alérxico a abellas e avespas, aínda que o habitual é selo só a unha das dúas
Tamén hai diferenzas entre as picaduras de avespa e as das velutinas. “Son as mesmas proteínas pero a concentración é diferente. Ata hai un ano vacinabamos coa vacina de avespa común, agora dispoñemos dunha específica de velutina”, conta. No caso de picaduras de velutina, prodúcense en ocasións reaccións tóxicas por exceso de veleno. “Adoita ocorrer ao romper accidentalmente un niño, mentres facemos labores de roza, por exemplo. Prodúcese unha picadura múltiple. Por enriba de 50 picaduras prodúcese shock tóxico, que pode ser letal. Non é necesario ser alérxico, porque se produce por exceso de veleno”, indica o xefe de Alergoloxía do HULA.
A partir de novembro a maioría das velutinas morren ao abandonar a raíña o niño e o risco é menor
O 70% do territorio francés está ocupado nestes momentos por velutina, que en España esténdese sobre todo pola cornixa cantábrica, dado que se trata dunha especie que require calor e humidade para a súa proliferación. Francisco Carballada recomenda extremar as precaucións e non manipular nunca os niños. “A maioría dos problemas coa velutina prodúcense por roturas accidentais de niños”, recoñece. Por iso, recomenda rozar nos meses de decembro e xaneiro e inspeccionar a leira antes de realizar estes traballos. Máis información sobre alerxias a picaduras de abellas e avispas neste folleto da Sociedade Española de Alergoloxía e do seu Comité de Velenos, do que Francisco Carballada forma parte.

“No meu caso a vacina foi eficaz e permitiume seguir coa apicultura”

Hugo Santín é un mozo natural de Cervantes, aínda que se mudou cos seus pais a Becerreá cando tiña 6 anos. Estudou enxeñería e non se adica profesionalmente á apicultura, pero no ano 2018 decidiu recuperar o cortín tradicional que a familia tiña no lugar de Trabado (parroquia de Cereixedo) e retomar a produción de mel. Empezou con 6 colmeas e cando tiña 25 creou unha marca, Mel Melosa, e unha páxina web. Pero pouco a pouco as picaduras que ao principio non lle facían nada comezaron a provocarlle hinchazón e outros síntomas. “Cando empecei non tiña nada de alerxia nin notaba ningún tipo de reacción, pero a cousa foi empeorando ao ano seguinte, esa evolución foi rápida e un día pinchoume unha abella nun nocelo e empecei a notar que me picaba todo o corpo e que tiña dificultade para tragar”, describe.
A Seguridade Social financia unha parte do custo do tratamento, que rolda os 40€ por dose para traballadores en activo e 7€ para xubilados
Acudiu a urxencias, puxéronlle corticoides e derivárono ao servizo que dirixe o doutor Carballada, onde o someteron ao proceso de desensibilización con inmunoterapia. A súa melloría foi rápida. “Cando levaba un ano vacinándome xa case non tiña reacción e hoxe pícame unha abella e non me fai nada, igual ca se fose un mosquito. Levo 3 anos e medio co tratamento e nas probas cutáneas xa dou negativo, aínda que na analítica do sangue aínda me segue dando algún parámetro positivo”, explica, polo que completará as doses de mantemento até os 5 anos. Convivir co oso A eficacia da vacina a Hugo permitiulle seguir coa actividade. Ten hoxe 150 colmeas, repartidas en tres localizacións a máis de 1.000 metros de altitude, en plena serra dos Ancares. A ubicación dos colmeares fai que polo momento a velutina non sexa un problema, pero que teñan que convivir co oso, que comeza a visitar os montes da parte oriental de Galicia. “Nós defendemos a figura o oso e por iso o puxemos na etiqueta. É un valor adicional pero tamén é un traballo adicional. A Administración dache un pastor e logo enténdete, porque na primavera hay que limpalo todas as semanas”, di Hugo. A través das redes sociais (facebook e instagram), Hugo dá a coñecer o seu traballo e chega a un cliente que valora esa labor. “Chegar a esa xente que recoñece ese valor extra que ten o noso produto permíteche obter un prezo maior”, di. Ademais da venda a coñecidos, e en varias tendas da zona da Coruña, a venda online é unha das ferramentas fundamentais para dar saída á súa produción.
Mel Melosa ten moitos clientes entre a comunidade galega de Barcelona
O ano pasado obtiveron uns 1.800 quilos de mel, máis ou menos a mesma cifra que o ano anterior, porque aínda que baixou a produción por colmea por mor da seca compensárono cun incremento no número de unidades de produción. Con todo, non ten pensado seguir medrando. “O meu obxectivo non é vivir disto, senón obter uns ingresos que me permitan coidar as fincas e rehabilitar a casa familiar”, explica.