A Fonsagrada celebra esta fin de semana a súa Feira do Butelo

As industrias locais comercializarán 10.000 quilos deste produto da matanza típico da montaña de Lugo

Feira do Butelo da FonsagradaA Feira do Butelo da Fonsagrada, que se celebra este sábado e domingo, é unha das citas gastronómicas máis asentadas do inverno galego e que este ano 2023 chega á que é a súa 26 edición.

A Feira do Butelo da Fonsagrada celébrase todos os anos a fin de semana anterior ao Entroido. Clasificada como Festa de Interese Turístico de Galicia, nela pódense mercar todo tipo de produtos gastronómicos, especialmente os derivados do porco, coma o butelo.

Trátase dun embutido típico da zona da Fonsagrada feito de costelas e outras partes do porco adobadas e metidas no estómago do porco e logo curado e afumado con leña de carballo.

10.000 quilos de butelo elaborados por empresas locais

Butelo A Fonsagrada2Na edición deste ano poranse á venda uns 10.000 quilos de produto, elaborados polas industrias locais, entre elas Casa Castelao e Embutidos Buenavista, que contarán con postos na feira.

A Feira do Butelo abre o calendario de feiras da comarca que forman parte do Pasaporte Gastronómico, unha iniciativa turística do Xeodestino Ancares Terras de Burón que busca potenciar o territorio a través de 14 feiras ao longo do ano. 

Coma sempre, o cartel desta edición da Feira do Butelo da Fonsagrada homenaxea ao humorista Forges, natural deste municipio da montaña de Lugo e que chegou a apadriñar a celebración antes do seu falecemento.

Dinamización da hostalaría

A celebración da Feira do Butelo serve para dinamizar o comercio e a hostalaría local, tanto bares e restaurantes como casas de turismo rural e outro tipo de aloxamentos, que rozarán o cheo durante toda a fin de semana. 

Desde a súa orixe a Feira do Butelo consolidouse como un referente no calendario gastronómico galego e unha cita ineludible como prólogo ao Entroido, podendo os visitantes aproveitar para adquirir produtos da matanza típicos destas datas, como chourizos, lacóns, touciño, cachucha, soá ou o propio butelo. 

Programa

A feira dará comezo o sábado 11 de febreiro ás 10:00 horas coa apertura da carpa que permanecerá aberta ata ás 20:00 horas. Ás 12:30 horas terá lugar a inauguración oficial da festa e, a continuación, ás 13:00 horas dará comezo o paseo polos diferentes postos.

O domingo a apertura da carpa será tamén ás 10:00 e o peche ás 20:00. A recepción de personalidades terá lugar ás 12:00 e ás 12:30 o grupo de música tradicional Illa Pancha actuará para todos os presentes.

A entrega da distinción do Butelo de Ouro, que será para aquelas persoas voluntarias que durante o confinamento realizaron mascarillas para os veciños, terá lugar ás 13:00 horas no salón de plenos da Casa do Concello e a continuación, ás 13:30 horas, será a actuación musical da asociación cultural local Antaruxas e Sorteiros.

cartel Feira Butelo A Fonsagrada 2023

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información