Cervantes celebra este sábado a súa feira reivindicativa en defensa dos gandeiros da montaña

Agárdanse 200 cabezas de gando vacún, equino e ovino e caprino. Haberá exposición e venda de animais para vida e subasta de xovencas de Acruga

Feira en Defensa dos Gandeiros da Montaña (Cervantes)1A localidade de San Román, en Cervantes, celebra este sábado o a súa Feira en Defensa do Gandeiro da Montaña cun completo programa de actividades para dar visibilidade á labor de produción de carne de calidade e coidado do territorio que realizan os produtores desta zona da montaña de Lugo.

A feira, que foi recuperada no ano 2019 por iniciativa da asociación Territorio Verde coa colaboración de gandeiros e de veciños da zona dos Ancares pero tivo que ser suspendida despois por mor pandemia da covid-19. Volveu celebrarse no ano 2022 e converteuse xa nunha referencia no calendario de feiras de ano da provincia de Lugo.

Participarán na cita gandeiros de Cervantes, Navia, A Fonsagrada, As Nogais e Becerrá e entre vacas, cabras, ovellas e cabalos agárdanse unhas 200 cabezas, con importantes premios para os mellores exemplares.

Os organizadores queren reivindicar a labor de produción de carne de calidade e coidado do territorio que realizan os produtores desta zona da montaña de Lugo

Os organizadores queren reivindicar coa celebración desta feira as especiais características da gandería que se practica nesta zona de alta montaña, cun manexo do gando adaptado á climatoloxía e a uns desniveis que impiden moitas veces a mecanización das labores agrícolas.

Recuperar unha feira de gando no concello

Tradicionalmente, en Cervantes existían varias feiras de gando, como a de Seixas, a de Quindous e outras, pero dende principios dos anos 80 non se volvera celebrar no concello ningún tipo de feira gandeira, polo que dende a Asociación Territorio Verde se propuxo recuperar esta tradición e, con ela, axudar a dinamizar a toda a montaña.

A feira foi recuperada no 2019 despois de máis de máis de 30 anos sen celebrarse ningunha no concello, con grande acollida por parte dos gandeiros da zona e de todos os habitantes da montaña.

Desde o ano 1985 non se celebraba unha feira de gando no concello de Cervantes

Converteuse desde entón nunha cita obrigada para os máis maiores, que recibiron a iniciativa de moi bo grado polas boas lembranzas que lles trae e a añoranza daquelas feiras da súa nenez, e tamén polos produtores en activo, que teñen nela un escaparate para o seu traballo e un lugar de relación e intercambio de experiencias con outros produtores. Tras o parón por mor da covid, retomouse a celebración da feira en 2022, sendo un rotundo éxito de afluencia de público, de gando e de vendas de animais.

Apoio aos produtores de carne

Un dos obxectivos da asociación organizadora coa recuperación desta feira era precisamente dar aos gandeiros e gandeiras a posibilidade de, cando menos unha vez ao ano, ter un mercado gandeiro de proximidade onde poñer á venda os seus animais, así como os excedentes de colleita de outros produtores da zona.

O feito de poder vender os animais para vida revaloriza os prezos

O feito de poder vender o gando para vida revaloriza os prezos e dá unha alternativa diferente aos produtores para dar saída aos seus animais, algo importante nun momento de prezos de venda dos xatos a matadoiro por debaixo dos custos de produción.

Feira de gando, premio aos mellores exemplares de raza rubia galega e asturiana e subasta de Acruga

Feira en Defensa dos Gandeiros da Montaña (Cervantes)2O programa deste sábado en San Román inclúe ademais da feira de gando, venda de produtos de alimentación e artesanía, exposición e venda de maquinaria e vehículos, pulpeiros e animación ao longo de toda a xornada, con inchables de balde para os cativos e exposición de talla de madeira con motoserra. A maiores, pola mañá actuarán os grupos de música tradicional Os Xardois e Os Gaioleros, ambos de Cervantes, e pola tarde tocará Tania y su acordeón, da Fonsagrada.

A previsión da organización é superar as cifras récord do ano pasado, tanto en afluencia de público como de venda de animais. Para animar á participación, haberá distintos premios e obsequios para os produtores que acudan co seu gando e daranse axudas para o transporte dos animais. Haberá tamén poxa de xovencas de Acruga ás 12 do mediodía. 

Haberá exposición e venda de animais de raza rubia galega e asturiana de los valles  e importantes premios para os mellores exemplares

Haberá venda tanto de animais de raza rubia gallega como de asturiana de los valles, moi utilizada tamén nesta zona da raia con Asturias e León, e premios aos mellores exemplares de cada unha das razas nas distintas categorías (xovencas, vacas, touros e conxunto de gando).

Folleto_A5_Feira_caraFolleto_A5_Feira_dorso

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información