Archives

Prezo medio de 2330 euros na poxa de Rubia Galega en Seane do Courel

A Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega, Acruga, celebrou esta mañá a poxa de tres xovencas preñadas na localidade de Seoane do Courel, dentro dos actos da cuarta edición da feira de gando. O primeiro dos exemplares adxudicouse en 2.400 euros, mentres que as outras dúas xovencas vendéronse en 2.300 euros. Estes animais irán parar a explotacións de Sarria, Cervantes e Pedrafita do Cebreiro. As seguintes poxas nas que está a traballar esta asociación levarán máis touras a Cervantes, o próximo 11 de maio, e en Sarria, o día 12 do mesmo mes.

Prezo medio de 2.500 euros na poxa de Acruga en Láncara

As xatas preñadas do centro de recría da Granxa Gayoso Castro acudían por primeira vez a unha poxa en Láncara, e fixérono na festa de exaltación da Tenreira Galega da Pobra de San Xillao, onde a Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega celebraba unha poxa por primeira vez. Os resultados foron moi positivos, segundo a entidade, debido a que houbo moitísimo público, e máis de 20 gandeiros e criadores que retiraron tarxetas acreditativas, dado o seu interese en aquirir algún destes exemplares. Ao final, a poxa finalizou coa adxudicación dos catro exemplares, cun prezo medio de 2.500 euros e a cotización maior foi para unha xata adquirida por 2.600 euros por un gandeiro do Corgo. Os outros tres exemplares leváronos criadores de Sarria, Friol e Baralla. O presidente de Acruga, César Dorado, valorou moi positivamente a presenza da asociación nesta festa. «É a primeira vez que facemos unha poxa aquí e obtivéronse bos resultados, por encima dos prezos de saída. Ademais, participamos como sempre o facemos na exposición de exemplares, cuns 75, e realizamos un concurso, o que permitiu a todos os visitantes que se achegaron ata aquí poder contemplar os mellores exemplares de Raza Rubia Galega". As explotacións máis destacadas neste concurso foron a Gandería A Morena, de Friol; a de José Antonio Ferreiro Palacios, do Corgo; e a de Manuel López Quiroga, de Samos. Precisamente e por esta orde os responsables das mesmas foron tamén premiados cos tres premios que había ao mellor lote. Ademais, foron os que levaron a maioría dos premios nas seis categorías deste concurso, xunto a outras dúas destacadas explotacións, a gandería de Pena Guisende S.C, do Páramo, e a Gandería Santalla, do Corgo.

Estas son as xovencas de Rubia Galega que este mércores se poxarán en Láncara

A Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega (Acruga) segue adiante co seu calendario de poxas para responder á demanda de exemplares de calidade de pura raza e incrementando ademais as súas citas, segundo a demanda dos concellos. Este é o caso de Láncara, concello que solicitou a organización dunha poxa de xovencas, como parte do programa de actividades da Feira da Tenreira Galega, que cada ano fai unha auténtica exaltación da carne galega. Acruga leva anos participando na exposición desta festa, trasladando até Láncara aos mellores exemplares de rubia  galega e este ano, por primeira vez, realizará unha poxa de animais. Trátase de catro xovencas, procedentes do centro de recría da granxa Gayoso Castro, depediente da Deputación de Lugo, con idades comprendidas entre os 22 e 27 meses, e preñadas de 6 e 7 meses. Proceden de gandarías de Ourense, dúas do Corgo e unha de Lugo, e contan cunha xenealoxía de touros tan coñecidos pola súa xenética como Paderne AG ou Quijano AG, ademais de touros de monta natural. Todas elas terán un prezo de saída de 2.200 euros con axudas á compra de 200 euros por exemplar de Caixa Rural Galega. En canto ao concurso-exposición, outra das grandes citas desta festa, Acruga participará cun total de 75 animais procedentes de dous 2 ganaderias do Corgo, unha de Samos, dúas de Friol, unha de Vilalba e outra do Páramo.

Media de 2537 euros na poxa de Acruga na Fonsagrada

A neve que caeu practicamente toda a mañá deste sábado no concello lugués da Fonsagrada non impediu a celebración da poxa de xovencas preñadas de Acruga no mercado gandeiro deste concello, nin que se adxudicasen o catro animais presentados, cun prezo medio que alcanzou os 2.537 euros. Si que houbo menos gandeiros que noutras ocasións, e un total de 10 cartóns retirados antes do inicio da poxa, todas eles de criadores da provincia lucense. A primeira das xovencas preñadas, procedente do centro de recría da Granxa Gayoso Castro, dependente da Deputación de Lugo, foi a que logrou un maior prezo na venda, ao alcanzar os 3.100 euros. Foi adquirida por unha gandaría de Sarria. Seguindo coa orde da poxa, a segunda, terceira e cuarta toura adxudicáronse por 2.450, 2.400 e 2.200 euros, a criadores con explotacións en Baleira, Ribadeo e Baleira. O concello de Láncara será o escenario da próxima gran cita de Acruga, a da Festa dá Tenreira Galega, o próximo 1 de maio, un dos eventos máis importantes en canto á exaltación da carne de calidade, na que Acruga sempre estaba presente cunha exposición dos mellores exemplares da Raza Rubia Galega. Este ano, por primeira vez, completará a súa participación coa poxa de exemplares, respondendo así á chamada do propio Concello de Láncara e á demanda de exemplares de Raza Rubia Galega por parte dos criadores.

Acruga poxa este sábado na Fonsagrada catro xovencas preñadas

A Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega segue adiante co seu calendario de poxas e trasládase este sábado a Fonsagrada para celebrar a súa tradicional poxa de xovencas no mercado gandeiro. A partir das doce da mañá, poderanse á venda catro touras preñadas de entre 25 e 26 meses, preñadas duns 6 ou 7 meses, todas elas procedentes do centro de recría da Granxa Gayoso Castro, dependente da Deputación de Lugo. Os interesados en tomar parte nesta poxa, poderán retirar o seu cartón acreditativo, desde unha hora antes da poxa, e os que decidan poxar por un destes exemplares, contarán coa axuda á compra de 200 euros por animal, por parte da Caixa Rural Galega. Como é habitual cos exemplares que levan ás distintas poxas organizadas por Acruga, os animais do centro de recría chegan aos distintos recintos gandeiros acreditados pola súa alta calidade xenética, que no caso dos animais que se poderán ver na Fonsagrada, presentan unha xenealoxía touros tan coñecidos polos criadores lucenses como Rufino, Vitolo ou Quijano. Estes animais, aínda que pasaron o tempo de recría na Granxa Gayoso castro, proceden de explotacións de Castro de Rei, Vilalba, Láncara e Pol. Precisamente, un destes concellos, o de Láncara, será o escenario da próxima gran cita de Acruga, a da Festa da Tenreira Galega, o próximo 1 de maio, un dos eventos máis importantes en canto á exaltación da carne de calidade, na que Acruga estará presente cunha exposición dos mellores exemplares da Raza Rubia Galega. Este ano, por primeira vez, completará a súa participación coa poxa de exemplares, respondendo así á chamada do propio Concello de Láncara e á demanda de exemplares de Raza Rubia Galega por parte dos criadores.

Feira de gando, premio aos mellores exemplares de raza rubia galega e asturiana e subasta de Acruga o sábado 11 en Cervantes

Un momento da poxa de xovencas de ACRUGA durante a feira do ano pasado A localidade de San Román, en Cervantes, celebra o segundo sábado do mes de maio a súa Feira en Defensa do Gandeiro da Montaña cun completo programa de actividades para dar visibilidade á labor de produción de carne de calidade e coidado do territorio que realizan os produtores desta zona da montaña de Lugo. A feira, que foi recuperada no ano 2019 por iniciativa da asociación Territorio Verde coa colaboración de gandeiros e de veciños da zona dos Ancares converteuse xa nunha referencia no calendario de feiras de ano da provincia de Lugo. Acudirán á cita gandeiros de Cervantes, Navia, A Fonsagrada, As Nogais e Becerrá e entre vacas, cabras, ovellas e cabalos agárdanse unhas 200 cabezas. O prazo de inscrición para participar segue aberto até o día 5 de maio nos teléfonos 636280102 e 690265895 e haberá axudas ao transporte dos animais e importantes premios para os mellores exemplares tanto de raza rubia gallega como de asturiana de los valles, moi utilizada tamén nesta zona da raia con Asturias e León.
Daranse axudas para o transporte aos produtores que acudan co seu gando e importantes premios aos mellores exemplares
O programa inclúe ademais da feira de gando, poxa de xovencas de ACRUGA, venda de produtos de alimentación e artesanía, exposición e venda de maquinaria e vehículos, pulpeiros e animación ao longo de toda a xornada, con inchables de balde para os cativos e exhibición en vivo dun ferreiro. A maiores, pola mañá actuarán os grupos de música tradicional Os Xardois e Os Gaioleros, ambos de Cervantes, e pola tarde tocará Tania y su acordeón, da Fonsagrada. Venda de animais para vida A previsión da organización é superar as cifras récord do ano pasado, tanto en afluencia de público como de venda de animais. Un dos obxectivos da asociación organizadora coa recuperación desta feira era precisamente dar aos gandeiros e gandeiras a posibilidade de, cando menos unha vez ao ano, ter un mercado gandeiro de proximidade onde poñer á venda os seus animais, así como os excedentes de colleita de outros produtores da zona.
A poxa de xovencas de Acruga comezará ás 12 do mediodía 
O feito de poder vender o gando para vida revaloriza os prezos e dá unha alternativa diferente aos produtores para dar saída aos seus animais, algo importante nun momento de prezos de venda dos xatos a matadoiro baixos.  Tradicionalmente, en Cervantes existían varias feiras de gando, como a de Seixas, a de Quindous e outras, pero dende principios dos anos 80 non se volvera celebrar no concello ningún tipo de feira gandeira. A que terá lugar este ano o día 11 de maio foi recuperada no 2019 con grande acollida por parte dos gandeiros da zona e de todos os habitantes da montaña.
Os organizadores queren reivindicar a labor de produción de carne de calidade e coidado do territorio que realizan os produtores desta zona da montaña de Lugo
Os organizadores queren reivindicar coa celebración desta feira as especiais características da gandería que se practica nesta zona de alta montaña, cun manexo do gando adaptado á climatoloxía e a uns desniveis que impiden moitas veces a mecanización das labores agrícolas.

Prezo medio de 2758 euros na poxa de Pedrafita, cun máximo de 3150 euros

Esta mañá celebrouse no recinto feiral de Pedrafita do Cebreiro a poxa de 6 xovencas preñadas de Raza Rubia  Galega, organizada por Acruga. Todos os animais foron adxudicados por riba dos prezos de saída -2200 euros, cunha axuda de 200 euros de Caixa Rural Galega-, o que permitiu pechar a poxa cun prezo medio de 2.758 euros. A xovenca que logrou o prezo máis alto nesta poxa adxudicouse por 3.150 euros e irá parar a unha explotación de Castroverde. O resto de exemplares viaxarán até as granxas de criadores de Samos, Becerreá, As Nogais e dous no municipio do Corgo. O bo tempo animou á afluencia de xente até o recinto feiral dun concello que leva anos celebrando poxas en colaboración con Acruga e coa Deputación de Lugo, un gando que forma parte do rabaño de elite da Granxa Gayoso Castro, centro do ente provincial. Pasadas as doce da mañá comezou a poxa deste seis exemplares, novelas preñadas de entre 24 e 27 meses de idade, todas elas preñadas e con moi boas valoracións no que respecta á súa xeneaoloxía, produción e capacidade reprodutiva. A asistencia de compradores foi alta, como adoita pasar neste concello de Pedrafita, tanto na súa cita de abril como na poxa de setembro, o que supuxo un total de 28 cartóns de posibles compradores. O prezo medio alcanzado, eses 2.758 euros, supera ao da anterior poxa, a primeira do ano, que tivo lugar en Becerreá e que se pechou cunha cotización media de 2.635 euros e que supón un lixeiro aínda que importante incremento do prezo medio, que se espera se manteña ao longo do ano. Unha vez rematada esta cita, a Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega comezará xa a preparar a seguinte poxa, que terá lugar na Fonsagrada, o próximo día 27 deste mes, á que lle seguirán varias poxas para un mes de maio moi completo, no que por agora están confirmadas poxas na Pobra de San Xillao, en Láncara, o día 1 de maio, no marco da festa da Tenreira Galega; o 4 de maio, en Seoane do Courel; o 11, no municipio de Cervantes; e o 28 na parroquia ribadense de Arante.

Poxa de xovencas preñadas de Acruga este venres en Pedrafita

O recinto feiral de Pedrafita do Cebreiro acollerá mañá venres unha nova subasta de xovencas preñadas, organizada por Acruga, en colaboración co propio concello. Será a partir das doce da mañá cando os interesados en adquirir xatas preñadas de pura Raza Rubia Galega poderán poxar por algún dos seis exemplares, todos eles procedentes do centro de recría da Granxa Gayoso Castro, dependente da Deputación de Lugo. O prezo de saída será de 2.200 euros, e como incentivo á compra, Caixa Rural axudará con 200 euros por exemplar. Trátase de xatas de entre 24 e 27 meses de idade, e preñadas de entre catro e cinco meses, e aínda que a recría destes animais levouse a cabo no centro de Castro de Ribeiras de Lea, os animais foron adquiridos en explotacións de Samos, Becerreá, Láncara, Ribadeo e O Corgo. Os animais chegan con poucos meses para que, segundo explica a directora da Graxa Gayoso Castro, Sonia Verdes, "acaden un nivel de desenvolvemento axeitado, conseguindo novillas próximas ao parto cunhas características morfolóxicas e funcionais que permiten acadar exemplares cun maior potencial produtivo, co obxectivo de conquerir explotacións mais competitivas e viables". Un dos aspectos que máis valoran os gandeiros e gandeiras que mercan exemplares nestas poxas é a xenealoxía dos animais, e neste sentido algunhas das xovencas da poxa de mañá son fillas de sementais moi recoñecidos e de gran calidade, como Paderne Ag e Gayoso Ag, entre outros, ou de Xacobe, un toro de monta natural. Grazas a estes datos, os compradores poderán escoller e poxar por estes animais, dependendo de se precisan exemplares para cruce industrial, para recría de raza pura, con boa facilidade de parto, e con máis conformación cárnica, entre outras cualidades. Todos os criadores interesados en adquirir algunha das xovencas na poxa de mañá, poderán retirar a súa tarxeta acreditativa a partir das once da mañá, no propio recinto feiral de Pedrafita do Cebreiro.

Vendidas en Boimorto as xovencas de Acruga a un prezo medio de 2233 euros

Esta mañá celebrouse no concello coruñés de Boimorto, no marco da feira agrícola e gandeira MAGRECO, a poxa de tres xovencas de raza Rubia Galega propiedade de ACRUGA a un prezo medio de 2233 euros. As tres xovencas, con idades comprendidas entre os 23 e os 25 meses e preñadas de 5 meses, procedían do Centro de Recría da Granxa Gayoso Castro da Deputación de Lugo. Todas ellas foron adxudicadas a unha gandería do Pino. A próxima poxa de gando de raza Rubia Galega organizada por ACRUGA será o vindeiro 5 de abril en Pedrafita do Cebreiro (Lugo).

Magreco acollerá este domingo unha poxa de xovencas de Rubia Galega

No marco da feira de maquinaria agrícola e forestal MAGRECO, a Asociación Nacional de Criadores de Raza Rubia Galega (ACRUGA, organiza para este domingo, 24 de marzo, unha poxa de gando. Serán 3 xovencas preñadas de 5 meses, procedentes da Granxa Gayoso Castro, xestionada por ACRUGA, as que sairán a venda cun prezo de saída de 2200 euros. A poxa terá lugar ás 12:00 horas e cada comprador recibirá unha axuda á compra de 200 euros de Caixa Rural Galega. Estes son os animais que se poxarán:

Resultados da poxa de xovencas de Rubia Galega en Becerreá

A primeira das poxas de Acruga neste 2024 celebrada esta mañá na vila luguesa de Becerreá, concluíu  coa adxudicación das seis xovencas presentadas e cun prezo medio de 2.458 euros, algo inferior respecto dos 2.600 da pasada edición. Rexistrouse boa asistencia de público e posibles compradores, con até 28 cartóns de criadores, principalmente da provincia de Lugo, que retiraron a súa credencial para poder poxar por algún destes animais. As xovencas foron adquiridas por gandeiros con explotacións en Láncara, Seoane do Caurel, O Incio e O Corgo. Precisamente, a gandaría Santalla, do citado municipio foi a que adquiriu o exemplar con maior cotización da poxa, unha novela preñada de excelente xenética, que alcanzou os 2.900 euros. O seguinte prezo máis alto da xornada foi para o segundo exemplar dos poxados, unha xovenca parida cun xato de dous meses, lote que foi adxudicado a un gandeiro do Incio por 2.750 euros. A seguinte poxa de Acruga neste mes de marzo será na provincia da Coruña, no municipio de Boimorto, o próximo día 24. Uns días despois, o 5 de abril, terá lugar outra das grandes citas do calendario feiral de Acruga, esta vez en Pedrafita do Cebreiro.

Estes son os animais de raza Rubia Galega que sairán á venda o vindeiro martes en Becerreá

Exemlares no centro de recría de ACRUGA na Granxa Gayoso, en Castro de Rei, Lugo. O mercado gandeiro de Becerreá congregará o vindeiro martes, día 19, a primeira das poxas do ano, de raza Rubia Galega, organizada por Acruga. Sairán á venda cinco xovencas do centro de recría da Granxa Gayoso Castro e unha procedente dun criador particular, con explotación en Samos. Catro do cinco xovencas da granxa Gayoso Castro, dependente da Deputación Provincial de Lugo, están preñadas de entre tres e cinco meses, mentres que a quinta é unha xovenca parida que se poxará xunto ao seu tenreiro de dous meses, e que terá un prezo de saída de 2.400 euros. Para as outras catro, o prezo inicial fixouse en 2.200 euros, e para todas elas os compradores terán como aliciente as axudas de Caixa Rural, de até 200 euros por animal. O prezo para a xovenca procedente da explotación de Samos, que está preñada de catro meses, determinarao o propio particular. Os interesados en poxar por algún destes animais poderán retirar o seu cartón acreditativo a partir das 11.00 da mañá no propio mercado gandeiro. Desde Acruga destacan "a excelente calidade das xovencas presentadas, todas con idades comprendidas entre os 23 e os 25 meses, que queda reflectida nas fichas técnicas de cada un dos animais, con boas cualificacións e destacadas xenealoxías, e así o constatan os gandeiros que venderon ao centro de Gayoso Castro as cinco xatas para esta poxa despois do seu período de recría". Algunhas son fillas de touros de monta natural, como a que procede da explotación de Castro Caldelas, de Manuel Yáñez, unha das máis grandes de Ourense, e que posúe cinco touros para a monta natural. Segundo explica este gandeiro "é a primeira vez que vendo ao centro de recría, posto que tiña excedente de animais. Están a levarse exemplares de moita calidade a estas poxas, aínda que o único pero que lle poño é que se debería mirar máis que as cabezas dos animais sexan mellores, máis acordes coa boa morfoloxía do exemplar". Outra das xatas recriadas en Gayoso Castro adquiriuse na provincia de Pontevedra, na explotación que Sandra Ledo ten en Lalín. Segundo explican desde esta gandaría "xa vendemos varias xovencas ao centro de recría; unha oportunidade de trasladar a boa xenética dos nosos animais, que son fillos tanto dos nosos touros para monta natural como tamén de inseminación artificial". Precisamente, outra das explotacións que vendeu exemplares ao centro de recría é a que Jesús Saco posúe no municipio lucense do Corgo, quen explica que "son fillas de touros de inseminación artificial con moi boas xenealoxías e resultados contrastados". Desde a directiva de Acruga sinalan que algunhas das xovencas que levarán a Becerreá son fillas de touros de inseminación artificial tan coñecidos por exemplo Friol AG, Pavaroti II AG, e Avispado AG. "Trátase de animais cuxo seme xa foi sexado polo que se pode saber para que tipo de inseminación están indicados e, o que é mellor, os seus resultados xa foron contrastados. Trátase ademais de touros con bos índices de vida, é dicir adecuados para a recría; con bos índices de carne, o que aumentará as canales e a conformación cárnica, e reprodutivos, o que implica que as súas fillas serán moi fértiles e con bos datos en factores tan importantes como a facilidade de parto", destacan desde ACRUGA Ademais, engaden que "o feito de que estes sementais teñan probas de descendencia xa contrastadas, permite ao gandeiro escoller entre as descendentes máis axeitaas para a recría de animais puros ou para cruzamento industrial".

Publicado o catálogo de sementais de Acruga 2024

A Asociación Nacional de Criadores de Gando Vacuno Selecto de Raza Rubia Galega (A.C.R.U.G.A.), acaba de publicar o seu catálogo de sementais 2024, disponible xa en formato online e en breve tamén en papel.  O catálogo ofrece 14 touros con proba de descendencia e 8 sementais en proba con valoración individual, así como unha completa información sobre xenealoxía dos animais, días en xestación, comparativas dos mesmos ou disponibilidade de doses seminais. 

Descarga aquí o catálogo

Baixada de prezos no mercado de Amio

Esta semana no Mercado de Amio a recría de cruces industriais de cor experimentou unha baixada de 5 euros dos prezos de referencia. Mentres, as canais de vacún maior coas clasificacións O e P rexistraron un lixeiro descenso de 0,05 euros. En canto á afluencia, contabilizáronse un total de 1.704 animais, 59 máis que na feira da semana pasada. En concreto, na sesión de hoxe houbo 1.455 cabezas de vacún menor (87 máis), 78 de vacún mediano (12 reses menos) e 171 de vacún maior (16 menos). Pola súa banda, os vogais da Mesa de Prezos de Ternera Gallega acordaron baixar 0,03 euros os prezos das canles da categoría Suprema. Máis información –Táboa de cotizacións de Amio (24-I-2024).