“Para que Os Ancares manteña as paisaxes que ten hoxe ten que haber un bo prezo para a carne”

San Román de Cervantes acolle mañá unha feira reivindicativa sobre a labor produtiva, medioambiental e de coidado do territorio que realizan os gandeiros da montaña

Asociacion Territorio Verde (Cervantes )Feira en Defensa dos Gandeiros da Montaña (Miguel)Miguel González Vilela, de Doiras, é o presidente da Asociación Territorio Verde, que naceu hai 5 anos co obxectivo de dinamizar desde o punto de vista social e económico a comarca dos Ancares. Falamos con el da Feira en Defensa do Gandeiro da Montaña, que se celebra mañá en San Román e da situación dos produtores da zona. 

“A asociación creouse co obxectivo de dar a coñecer a realidade e os problemas que hai en toda a montaña. Nós non nos centramos só en Cervantes, senón en toda a montaña. Imos todos no mesmo barco e temos que ir todos da man”, defende Miguel.

Na directiva da asociación, explica, “somos todo xente nova e todos vivimos aquí”, polo que coñecen de primeira man as posibilidades que existen nas zonas de montaña e as necesidades que hai.

Non é o mesmo producir na Terra Chá que na montaña de Lugo

“É unha mágoa que cada día vaiamos perdendo servizos e que non se lle dea a importancia que ten a labor medioambiental que se fai nestas zonas. A todo o mundo que visita Os Ancares lle encantan as paisaxes, pero iso é mérito dos gandeiros e moitas veces non se lles recoñece esa labor. Para axudar a que se establezan familias e a xente nova se quede ten que haber servizos e comunicacións, pero tamén un bo prezo para a carne. Senón cando esa xente que nos visita volva dentro de 10 anos será todo toxos, xestas e silveiras”, afirma.

Consolidar a feira, primeiro obxectivo

Un dos primeiros obxectivos trala creación da asociación no ano 2018 foi recuperar unha feira de gando que este sábado celebra a súa terceira edición tralo parón obrigado pola pandemia. “É unha feira pensada por e para os gandeiros, pero sobre todo feita grazas a eles”, destaca Miguel.

Entre os obxectivos que Territorio Verde persegue con esta cita está o de dinamizar a comarca dos Ancares por medio da creación dun evento anual onde se dan cita gandeiros, tratantes, produtores e compradores e onde os habitantes da zona poden pasar un día de lecer.

A feira dá a oportunidade aos produtores da montaña de poñer á venda o seu gando ou os excedentes de colleitas nun entorno cercano

Esta cita converteuse xa en referencia obrigada para a poboación local e cumpre tamén unha función social, permitindo a xuntanza dos nenos que viven espallados nas distintas aldeas da montaña e dos máis maiores, que aínda lembran as feiras ao aire libre que se facían en lugares como Seixas ou Quindous e que tan bos recordos lles traen.

Para as persoas de fóra da comarca, esta cita é tamén unha oportunidade para visitar a zona. De feito, a Feira en Defensa do Gandeiro da Montaña forma parte do Pasaporte Gastronómico, unha iniciativa posta en marcha polo Xeodestino Ancares Terras de Burón para dar a coñecer o territorio a través das súas feiras.  

Recoñecer a labor medioambiental dos gandeiros

Os gandeiros son, sen dúbida, unha peza fundamental do éxito da feira. Así o di Miguel, que reivindica a labor que realizan os produtores e o seu gando no coidado do territorio.

“Esta actividade permite que a montaña siga viva e fai que o gando e os gandeiros manteñan limpos os montes preto das aldeas, cumprindo así unha función de prevención de incendios”, destaca.

Ademais de producir carne de calidade, os gandeiros manteñen a paisaxe tradicional dos Ancares

En Cervantes, e na montaña de Lugo en xeral, a principal actividade económica é a gandeiría extensiva, en zonas orograficamente moi difíciles de traballar e ás veces con accesos complicados.

“Esta feira é un pouco reivindicativa da labor que fan os gandeiros no día a día. Onde hai gandería e agricultura vese un rural vivo. A labor antiincendios que realizan é tremenda e non se lles recoñece. Nos últimos anos estamos vendo incendios voraces que poñen en perigo as nosas casas e as dos nosos veciños. Desbrozar todo con maquinaria é imposible, pero se os prados están verdes e coidados non arde”, argumenta.

“Son necesarios apoios reais aos produtores da montaña e non continuas trabas ao seu traballo”

Prados de rega en Fonlor

Prados de rega en Fonlor, na parroquia de San Martiño de Zanfoga, en Pedrafita do Cebreiro

Miguel reivindica as especiais características da gandería que se practica nesta zona de alta montaña, cun manexo tradicional do gando adaptado ás inclemencias invernais, que mantén prácticas como a da trashumancia, e a unha orografía que impide moitas veces a mecanización das labores agrícolas.

“Hai que apoiar aos gandeiros de zonas coma os Ancares, porque non é o mesmo traballar na Terra Chá que na montaña de Lugo. E hai que facelo con medidas efectivas e non poñéndolles trabas, porque véndese moito fume de que se lles está axudando pero a realidade é que a normativa non están feita para eles”, afirma.

Quérennos tirar os banzados, que forman parte do sistema tradicional dos prados de rega que se mantén nesta zona

Pon como exemplo a problemática existente cos prados de rega. A Confederación Hidrográfica do Cantábrico, a través da empresa Tragsa, quere eliminar os banzados dos ríos da zona. “Hai unha normativa que quere que os ríos volvan ao seu cauce natural, pero, cal é o seu cauce natural”, pregúntase Miguel, porque “hai banzados que aparecen xa en documentos do ano 1.400”, di. 

Trátase dun sistema de rega tradicional compatible co mantemento do caudal e a biodiversidade dos cauces fluviais, polo que desde a Asociación Territorio Verde non entenden por que a Confederación non quere que haxa banzados nos ríos da zona. “Os Ancares é un dos poucos sitios de España onde quedan este tipo de prados de rega. Este tipo de pequenas presas e infraestruturas son necesarias para poder regar. É un uso e costume secular e sen embargo estanse poñendo trabas por parte da Administración para o seu mantemento”, denuncia Miguel. 

Non todo pode ser facer pastizais no monte, porque as temperaturas son cada vez máis altas e para ter herba hai que ter prados tamén noutras zonas

Na súa opinión, “non todo pode ser facer pastizais nos montes” porque “cada vez as temperaturas son máis altas, non só no verán, senón tamén nos meses de maio ou xuño, e este tipo de prados permiten ter herba, aínda que requiren de moita man de obra para manter o sistema de rega”, indica.

“Estamos en zona de Rede Natura e hai subvencións para recuperar estes usos tradicionais”, di, polo que considera contraditorio que “desde Europa están subvencionando a recuperación dos prados de rega e desde aquí querennos tirar os banzados. Hai que construír, non derrubar”, critica o presidente de Territorio Verde.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información