Archives

‘A Pegada de AIRA’, o lema do primeiro encontro de traballadores da cooperativa lucense

A cooperativa agrogandeira lucense celebrou a súa primeira convención de traballadores baixo o lema ‘A pegada de AIRA’. O evento tivo lugar no hotel ATTICA21 de Vilalba (Lugo) e reuniu a máis de 270 traballadores dos máis de 300 que forman o persoal da cooperativa. A finalidade da xornada foi pór en valor o traballo que leva a cabo cada un dos traballadores e traballadoras, que é fundamental para que a cooperativa funcione. Así mesmo, tamén serviu para potenciar os valores que se fomentan desde AIRA, como son o esforzo, compromiso, igualdade ou respecto, entre outros moitos. A cita empezou coa proxección do vídeo corporativo e acto seguido, o director xeral de AIRA, Daniel Ferreiro, realizou unha pequena presentación sobre o pasado, presente e futuro da entidade. “O compromiso, o esforzo e a dedicación de todos os traballadores/as de AIRA, levaron á cooperativa a ser un referente no sector”, destacou o director. Así, lembrou que a cooperativa ten numerosas áreas de traballo, “e todas elas son importantes, relevantes e necesarias”. Tamén incidiu en que a función de AIRA non é só resolver problemas ou atender necesidades, senón estar sempre un paso por diante: “Debemos adiantarnos ao que está por vir e o que terá que afrontar o sector nos próximos anos”. Acto seguido, Cristina Lamas e Alba Vázquez falaron sobre a súa experiencia como as empregadas con máis antigüidade e menos, respectivamente. Así, nos seus relatorios mostraron porqué segue apostando por formar parte do equipo de AIRA, despois de máis de tres décadas, no caso de Lamas, e porqué decidiu incorporarse na actualidade, no de Vázquez. A primeira parte do evento concluíuna o coach Emilio Duró, quen ofreceu unha charla sobre ‘A Nosa Pegada. Unha vida con sentido’. Na súa exposición lembrou a importancia de que a “vida cambia nun instante” e aconsellou “non sacrificar o importante polo secundario”. Engadiu que ante a realidade da vida hai que aceptala, adaptase e mostrar unha actitude positiva. Na súa exposición motivadora concluíu: “Traballades nunha cooperativa, isto é unha fortuna, porque a felicidade reside en cooperar”. Tras a comida, o presidente da cooperativa, José Manuel López Tellado, agradeceu o traballo que levan realizando en AIRA e a participación nun evento de especial importancia para todo o equipo. A xornada concluíu co recoñecido monologuista Carlos Blanco, quen ofreceu un dos seus espectáculos a todos os traballadores/as asistentes e, finalmente, un DJ puxo o broche á xornada.

“Mulleres de Seu” celebra 10 anos traballando polo empoderamento feminino no rural galego

A asociación Mulleres de Seu, impulsada pola cooperativa Clun cumple 10 anos traballando por fomentar a visibilidade, o empoderamento e o desenvolvemento profesional e persoal das mulleres no rural. Este é un grupo interxeracional de mulleres gandeiras que viven e traballan en zonas rurais dos concellos de Ames, Ribadeo e Melide. Coincidindo coa celebración do Día Internacional da Muller Rural (15 de outubro), poñen en marcha unha serie de actividades para conmemorar o seu 10º aniversario. “Os nosos grandes obxectivos son empoderar e motivar ás mulleres rurais para fomentar o seu liderado, traballar pola visibilidade e o recoñecemento do papel das mulleres no ámbito rural. Buscamos a igualdade de oportunidades real e efectiva entre homes e mulleres e tratamos de contribuír á transformación do rural como motor de emprendemento e innovación, como un medio sostible e como un lugar onde vivir e traballar”, explica Carmen Rodríguez, vicepresidenta da cooperativa Clun e presidenta de “Mulleres de Seu”. O colectivo celebra o seu décimo aniversario coa posta en marcha un novo plan de formación para o período 2023-2024 baixo o lema “Para Nós”. Trátase dunha serie de talleres persoais e de auto coidado cos que se pretende mellorar o benestar físico e emocional das mulleres, reforzar o seu traballo diario de empoderamento e potenciar o seu recoñecemento profesional como mulleres rurais. Nesta liña, abordaranse aspectos como a nutrición, a beleza, o mindfulness… “Nacemos para visibilizar a presenza e a profesionalidade das mulleres na gandería, dando importantes pasos ao longo destes anos, e agora traballamos polo noso empoderamento a través do desenvolvemento persoal”, indica a presidenta de “Mulleres de Seu”. Con motivo deste aniversario, a través das redes sociais de Clun (Instagram, Facebook e TikTok) vanse difundir historias das mulleres da asociación, unha nova sección titulada “Mulleres gandeiras de CLUN” que formará parte das redes da cooperativa con novas entrevistas cada mes. Ademais, durante uns días, a nova canle de TikTok da cooperativa estará en mans de Lucía Casal, unha moza influencer gandeira, socia de CLUN e membro de “Mulleres de Seu”, tiktoker con preto de 15.000 seguidores que recibiu este ano o Premio Nacional de Juventud na categoría de Medio Ambiente -un galardón que concede o Instituto de la Juventud en España (Injuve), dependente do Ministerio de Asuntos Sociales y Agenda 2030-. Desde a súa granxa familiar de vacas, situada nunha aldea de Melide, amosa cada día como é o seu oficio, achegando o traballo das mulleres gandeiras á poboación máis nova.

Xuntanza de Mulleres Rurais

Ademais, este domingo 15 de outubro co motivo da celebración do Día da Muller Rural a asociación Mulleres de Seu reunirase en Melide no encontro de Mulleres Rurais organizado pola Asociación Alecrín. Un evento que servirá como homenaxe ás traballadoras do rural e que contará coa presenza institucional acollendo a personalidades como Susana López Abella, Conselleira de Emprego e Igualdade ou Ángeles Vázquez Mejuto Conselleira do Medio Rural.

Loitas e recoñecementos

Ao longo destes anos, representantes de “Mulleres de Seu” levaron as súas demandas a Bruxelas, ao Congreso dos Deputados e ao Parlamento de Galicia. E teñen recibido importantes recoñecementos ao seu labor como o Premio á Igualdade de Oportunidades por parte de Cooperativas Agroalimentarias de España, o Premio pola Innovación da Muller no Rural da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), a Medalla Emilia Pardo Bazán da Xunta de Galicia, un recoñecemento público polas acción realizadas en Galicia que contribúen á defensa da igualdade e o Premio Muller Agro, que outorgan Siete Agromarketing e Comercio Agrario.

Véndense máquinas para plantar cebolas e de recollida de patacas

A cooperativa Postoiro SCG, con base en Vilar de Santos (Ourense), ten á venda varias máquinas para labores de horta. En concreto conta con dúas máquinas de plantación de cebolas con funcionamento por inxección de auga e unha máquina de recollida de pataca, esta con reducidas horas de traballo. As tres máquinas atópanse no polígono de Vilar de Santos, donde as persoas interesadas poderán velas, no caso de estar interesadas en adquirilas. O prezo de todas estas maquinarias é negociable. Pódese mercar as máquinas de forma individual, non é un lote pechado. A maiores teñen tamén á venda palots de madeira, cun prezo de 50 euros a unidade. Dispoñen dun elevado número destes e pódense mercar por conxunto ou de forma individual. Para máis información poden poñerse en contacto coa cooperativa nos teléfonos 699 516 116 / 662 669 223 ou nos correos electrónicos: postoiroscg@gmail.com e tecnicopostoiroscg@gmail.com

Aira dobra o volume de negocio nos primeiros cinco anos de actividade e factura 206,5 millóns de euros

A cooperativa agrogandeira Aira acaba de presentar balance dos 5 primeiros anos de actividade, dende o proceso de intregración que realizaron no 2018. Fíxoo durante a súa asemblea ordinaria, celebrada este xoves en Taboada (Lugo). Aira conseguiu dobrar o volume de negocio nestes anos e presenta unha facturación consolidada de 206,5 millóns de euros, cun crecemento continúo e significativo durante tódolos exercicios. A cooperativa medrou en tódalas áreas de negocio, en especial naquelas de referencia para o sector agrogandeiro, coma o leite ou o penso. Reivindica tamén o seu compromiso de valorizar a produción e servir de apoio ós máis de 2.900 socios e socias que integran a entidade. “Seguimos medrando e facémolo en tódalas áreas de negocio, en especial no volume de actividade da fábrica de penso e na planta láctea”, explica Daniel Ferreiro, director xeral de Aira. Outro dos datos significativos é que acadou un nivel de EBITDA de 7,2 millóns de euros. Estas cifras, como apuntan dende a entidade, permítenlle afrontar o volume de investimentos que manexa. Nestes 5 anos Aira investiu máis de 33 millóns de euros, sobre todo na transformación láctea, á que destinaron un 70% dos investimentos, en especial á planta láctea de Melide.
A cooperativa destinou 33 millóns de euros a investimentos, sobre todo para a transformación láctea. Este ano teñen previsto realizar investimentos por 5 millóns de euros
Mentres, investiron preto de 12 millóns de euros noutras actividades de interese para a cooperativa. “Só no 2023 temos previsto destinar a investimentos outros 5 millóns de euros”, detalla Ferreiro. No último ano, algúns dos proxectos destacados foron a construción dun novo taller para os carros mesturadores da Cooperativa e unha nova gasolineira, que se atopan aínda en plena fase de construción. A cooperativa pechou este último exercicio cuns beneficios antes de impostos de 4,2 millóns de euros, dos que máis do 50% capitalizaráselle ós asociados.

Leite e penso, motores de AIRA

A comercialización do leite das ganderías socias segue sendo unha das prioridades e un dos motores da cooperativa. No 2022 Aira comercializou un total de 115 millóns de litros de leite, fronte ós 91 millóns de litros de leite que xestionaba no 2018, cando se formalizou o proceso de integración da Cooperativa. Ademais, nestes 5 anos, Aira pasou a transformar o 55% deste leite nas industrias lácteas nas que participa. “A transformación do leite é unha das prioridades de Aira e unha das liñas nas que imos seguir sumando esforzos”, ratificou Ferreiro na asemblea.
Aira tranforma o 55% dos 115 millóns de litros de leite que comercializa das ganderías socias
A fabricación de alimentos para o gando é outra das actividades principais da cooperativa. Nestes 5 anos, Aira conseguiu dobrar o volume de produción e só no 2022 fabricáronse máis de 270.000 toneladas de penso e mesturas húmidas, unhas cifras polas que se mantén coma unha das principais fábricas de penso especializadas en vacún de leite en España.

A dixitalización das granxas

A cooperativa tamén está destinando importantes esforzos a contribuír á dixitalización das granxas, con programas especializados como o TRAC PLUS, co que ademais de proporcionar ferramentas de utilidade para as ganderías buscan poder chegar a certificar todo o proceso dende a granxa ó consumidor, cunha trazabilidade completa. “Tentamos dar resposta ás esixencias que se lle presentan dende Europa ás granxas socias”, explica Ferreiro. Ademais, as ganderías de Aira seguen a colaborar en distintos proxectos para a análise da pegada de carbono e hídrica, para seguir apostando por unha produción sostible.

Xornada formativa para ganderías de vacún en Frades

A cooperativa coruñesa Central de Frades SCG organiza unha xornada formativa na que se tratarán temas de interese para as granxas de vacún coma o uso responsable de antibióticos, a prevención de IBR ou as novas normativas no agro. A xornada celébrase o xoves 15 de xuño no restaurante O Cadaval, en Frades (A Coruña). A formación comezará ás 11.00 horas e prolongarase durante toda a mañá. Trátase dunha actividade aberta a todos os gandeiros e gandeiras interesados, pero por motivos de organización é preciso confirmar asistencia antes do 14 de xuño. As persoas interesadas en acudir deben chamar á Cooperativa no 981 692 105 ou enviar un email a info@centralfrades.es. Detallamos a continuación o programa completo da xornada: 10.45 – 11.00 horas. Recepción de asistentes. 11.00 – 11.45 horas. A Rinotraqueítes Infecciosa Bovina (IBR) e o seu novo programa de prevención, control e erradicación. Sergio Rodríguez Pedrouzo, do Servizo Técnico Rumiantes de Vetia. 11.45 – 12.05 horas. Pausa do café. 12.05 – 12.50 horas. Uso responsable de antibióticos e normativa sobre o veterinario da granxa. Raquel Gómez Gómez, da subdelegación xeral de Sanidade e Hixiene Animal e Trazabilidade do Ministerio de Agricultura. 12.50 – 13.35 horas. Novas normativas para o sector agrario. O caderno de campo e fertilización. Diana Freijeiro Lorenzo, enxeñeira agrónoma en Agroenxeñería Galega CB.

“A maioría das granxas xa non volverían ó secado tradicional, aínda que se puidera”

Juan Pérez Rouco é un dos veterinarios de calidade do leite da Cooperativa Aira. Leva máis de 20 anos traballando no control do leite das ganderías socias e na actualidade supervisa e asesora a granxas da zona de Taboada, parte de Chantada e Monterroso, Antas de Ulla e algunhas granxas de Rodeiro. Con el abordamos algunhas das cuestións de interese sobre a calidade do leite e aspectos a ter en conta nas granxas coma a redución de usos de antibióticos e as rutinas do muxido. -Que te levou como veterinario a especializarte en calidade do leite? -Aínda que ó principio quería traballar en clínica, comecei en calidade do leite, gustoume este traballo e xa decidín non cambiar. Xa levo máis de 20 anos traballando sobre isto. -En que consiste o teu traballo dentro da cooperativa AIRA e como está organizado o servizo de calidade do leite dentro da mesma? -Dentro do servizo de calidade do leite en AIRA centrámonos, sobre todo, no control da mamite, pero tamén prestamos moita atención ó risco de inhibidores e á bacterioloxía. -Como puntuarías de 1 a 10 a calidade hixiénico sanitaria do leite das explotacións gandeiras nas que traballas e por que motivo? -É certo que hai variacións entre as granxas, pero a nivel global as ganderías melloraron moito e agora mesmo se tivera que dar unha nota media sería un 8 ou máis alta. As granxas traballaron duro por mellorar nos últimos 10 ou 12 anos.
“O 90% das granxas de AIRA cumpre cuns estándares que se sitúan moi por encima dos esixidos para ter un leite de gran calidade”
-Cales son as calidades medidas do leite das explotacións que controlas en canto a bacterioloxía e sólidos lácteos? -É tamén complicado dar unha media xeral, xa que as granxas máis grandes, novas e profesionalizadas están por debaixo de 10.000 xermes e cun reconto de células somáticas tamén menor a 150.000. En granxas pequenas é máis difícil acadar esas cifras, aínda que estean a facer un moi bo manexo e estean a ofrecer un leite de calidade. A bacterioloxía está hoxe moi controlada. O 90% das granxas de AIRA cumpre cuns estándares que se sitúan moi por riba dos esixidos para ter un leite de calidade. -Cales son os aspectos clave que inflúen na calidade hixiénico sanitaria do leite e en cales ves máis marxe de mellora? -Os aspectos fundamentais é a ausencia de inhibidores, o punto crioscópico, a bacteroloxía (que está moi relacionada coa limpeza e funcionamento da maquinaria de muxido e refrixeración), así como as células somáticas. En xeral, non hai moita marxe de mellora, porque xa se está traballando por encima do esixido. Puntualmente cando se producen subidas das células centrámonos en baixar eses valores, pero o resto xa en cada gandería está a traballarse axustado ós estándares e dentro das posibilidades de cada gandería. -No caso do muxido, que pautas imprescindibles se deberían seguir? -É fundamental a rutina de limpeza para estimular ben a vaca e axustarse ós tempos que marcan estes procedementos. Comézase polo despunte dos tetos, seguido do pre dipping e a continuación o secado do teto, previo á colocación da máquina de muxido. Cada granxa debe establecer unha rutina de muxido na que se axusten o mellor posible as características desa gandería (tamaño da sala de muxido, número de persoas para o muxido...) cos tempos e procedementos para poder facer un bo manexo. Tamén é importante un bo funcionamento da máquina de muxido e ter identificadas as vacas con mamite para poder muxilas ó final. -Por que a presenza de patóxenos nos silos, sobre todo os de herba, repercuten tamén negativamente na calidade do leite? -Os silos mal conservados, con presenza de micotoxinas, silos que quecen acaban provocando non só problemas na calidade do leite, senón que deixan mamites, problemas en reprodución, na lonxevidade do animal, problemas de patas... Se as forraxes teñen pouca calidade inflúen en tódolos aspectos da granxa. Cada vez hai menos, pero segue habendo silos que saen mal e neses casos sae máis barato tirar esa forraxe, polos problemas que provoca na granxa. -O muxido robotizado incide nunha mellora da calidade do leite? Por que? -Normalmente si. Non se debe a que o robot de muxido mellore a calidade do leite senón porque eses gandeiros teñen máis tempo dispoñible para o control do gando e estar na granxa atendendo dos animais. Tamén é verdade que hai gandeiros que teñen o robot porque non queren ou non poden pasar tanto tempo na granxa, neses casos non se aprecia esa mellora ou mesmo pode ir a peor. -O punto crioscópico é a veces motivo de disputa entre gandeiros e control leiteiro. ¿Que factores inflúen no mesmo? -Hoxe ninguén lle bota auga ó leite, xa que as calidades son un dos parámetros para pagar o leite, polo que o tema do punto crioscópico adoita deberse a problemas de arrastre no lavado. Nalgunhas granxas débese ó tanque de frío que é demasiado potente e non está ben dimensionado para as características da granxa, polo que pode chegar a conxelar o leite do primeiro muxido, mentres está baleiro e despois queda esa auga no leite. A solución nestes casos pasa por prender o tanque unha vez que se estea xa muxindo, para evitar que se conxele. -Como valoras a implantación nas granxas da nova normativa sobre o uso restrinxido de antibióticos? -Nas granxas de Aira estase facendo xa dende antes de que entrara en vigor a nova normativa. Levamos anos sabendo que isto ía pasar e dende xa hai máis dun ano, os veterinarios clínicos e de calidade do leite reducimos ó mínimo o uso do secado, pese a que os parámetros da normativa aínda non se coñecían. -E en concreto, no secado selectivo, está sendo complicado a súa extensión? -O cambio está a resultar moi ben, pese a que tamén levou a noites sen durmir tanto ós veterinarios como para os gandeiros, pola preocupación das consecuencias do cambio. Agora a maioría dos gandeiros xa non volvería ó secado, aínda que se puidera. O novo sistema élles agora unha tranquilidade, porque xa saben que non van ter inhibidores no leite e iso é significativo sobre todo cando tes rabaños grandes. -Que foi o que máis custou para dar o paso ó secado selectivo? -En Aira fixemos moito traballo cos gandeiros para ensinarlles a rutina, acompañándoos para que soubesen como se deben colocar os seladores internos, que é totalmente diferente á colocación dunha cánula de mamites, aínda que é o mesmo aparato, pero ten diferentes obxectivos. A maioría das granxas están facendo un secado selectivo. En Aira non diferenciamos entre granxas de alto ou baixo risco, senón que diferenciamos entre vacas sas ou enfermas á hora de aplicar o secado selectivo, xa que en tódalas granxas hai vacas sas coas que se poden facer estas técnicas sen necesidade de tratar de xeito sistemático. Así conseguimos que tódalas granxas reducisen, na medida das súas posibilidades, o uso de antibióticos.
“É vital realizar un test de California no momento do secado, para comprobar os valores dese animal no momento de iniciar o tratamento”
-Que pautas seguides na cooperativa Aira? -O procedemento que estamos a seguir é aplicar selado nesa lactación ás vacas que teñen mamite ou que teñen recontos altos no control leiteiro. Para min é vital realizar un test de California no momento do secado, para mirar a vaca cando realmente a vou secar para comprobar que os datos do control leiteiro nese momento seguen a ser como para tratar o animal. -Desafortunadamente, de vez en cando circulan "fake news" sobre a presenza de antibióticos no leite de consumo. Por que é moi difícil ou practicamente imposible que iso ocorra en España? -O uso dos antibióticos nas ganderías de vacún de leite é moi reducido. Das 90 granxas coas que eu traballo podo facer de media ó ano un total de 6 informes sobre inhibidores, o que dá xa boa conta do uso mínimo que se fai destes medicamentos. O problema de residuos de antibióticos no leite hoxe en día nas granxas galegas é practicamente cero e o risco de que chegue ó consumidor é cero. -O control da calidade do leite depende da administración, do LIGAL, nutrólogos, persoal dos Africores, e gandeiros e veterinarios. En que aspectos cres que se podería mellorar nesta tarefa tan importante e na que participan tantos axentes? -Xa se está traballando a un nivel moi alto. Estar por debaixo de 100.000 células e de 10.000 xermes son valores que están rexistrando moitas granxas e que xa son indicadores de calidade moi alta.

Dez claves para mellorar o ensilado de herba

“Facer un bo ensilado de herba é moito máis que segar e meter no silo a herba”. Así de contundente se amosa o responsable técnico da Cooperativa O Rodo, Daniel Rodríguez, á hora de falar do ensilado de herba. Precisamente a cooperativa agrogandeira de Rodeiro (Pontevedra), organizou recentemente unha xornada formativa para os socios na que, entre outros temas, ofreceron algunhas recomendacións á hora de realizar os ensilados, a ter en conta xa na próxima campaña de ensilado, que está a piques de comezar. “Se se quere ter unha forraxe de calidade hai que prestar atención a moitos factores, non só durante o ensilado”, explica o técnico. Así, nas últimas semanas, o técnico estivo a facer visitas nas ganderías socias da cooperativa para incidir na importancia de realizar un encalado axeitado para lograr forraxes de calidade e unha boa produción. Xornada técnica organizada na Cooperativa O Rodo na que entre outros temas se abordou o ensilado de herba. Recollemos algunhas das claves que apunta o técnico Daniel Rodríguez para mellorar os ensilados de herba:

1. Elección da semente.

A elección da semente debe adecuarse ás condicións edafoclimáticas de cada zona. Para os produtores de Rodeiro, o técnico recomenda optar por variedades que teñan un espigado tardío. Están a empregarse mesturas de raigrás con veza ou trevos, que axudan a incrementar a calidade da ración. “Introducir unha leguminosa co raigrás permítelle fixar nitróxeno para as gramíneas”, recorda o técnico.

2. Encalado das terras.

O encalado das terras é moi importante, dada a acidez media das terras galegas, con pH moi baixos que poden atoparse entre 4,2 e 5. Cos pH tan baixos só se adoita aproveitar arredor do 43% do Nitróxeno que se lle aporta á terra. “Co aporte de cal pode chegar a ter un pH de 6,5 ou 7 para que todo o nitróxeno que lle proporcionemos sexa o máis eficiente posible”, explica. O técnico incide na importancia de ter en conta minerais como o Calcio ou o Magnesio, xa que son determinantes para o aproveitamento do Nitróxeno. Na Cooperativa acostuman a traballar cun cal de orixe mariña, que como destaca Rodríguez ten unha reactividade carbónica co terreo moi eficiente. “Botándoo un mes antes de segar a herba xa fixo efecto para o ensilado, mentres que con cales de canteira, tardan máis en verse os efectos e haberá que esperar para as seguintes cortas ou para o ensilado do millo”, concreta. Ambas son solucións axeitadas para conseguir corrixir o pH da terra.

3. Fertilización.

Á hora de fertilizar a pradeira, Rodríguez pon especial atención en conseguir un abonado equilibrado, aportando distintos minerais que permitan o desenvolvemento óptimo da herba e o aproveitamento do abono que se lle proporciona. “De nada nos serve facer un gran aporte de Nitróxeno se non lle temos Magnesio e Xofre, xa que a absorción de Nitróxeno estará limitada”, indica. Rodríguez tamén recomenda planificar o ensilado da herba en base á fertilización que se fai da pradeira. Así, con algúns dos fertilizantes máis empregados, entre os 25 e 28 días estaría aproveitado ese abono. Mentres, se se opta por abonos con liberación máis lenta poden facer falta arredor de 40 días para o seu aproveitamento. “O día que se fertiliza a herba xa se pode fixar a data de ensilado, tendo en conta o fertilizante que se lle botou”, apunta.

4. Momento do corte da herba.

Escoller o momento axeitado para o corte da herba resulta tamén decisivo para lograr un silo de calidade. No caso do raigrás, o corte debe realizarse xusto antes do espigado, cando a concentración de azucres na planta é maior. “Para lograr un ensilado eficiente precisamos unha boa cantidade de azucres, que despois contribúen a ter unha forraxe máis dixerible”, detalla o técnico. A choiva é un dos factores que adoita condicionar a sega da herba. Rodríguez é partidario de adiantar a sega se hai previsión de precipitacións para as datas que se tiña previsto ensilar. “Se temos previsto segar a semana do 4 de maio e dá auga para eses días, é preferible ensilar a finais de abril antes que esperar a que volva escampar. Deste xeito, se son terras en rotación co millo poderemos adiantar a sementeira e se procuramos unha segunda corta o rebrote da herba comezará antes”, valora o técnico. A altura e o momento no que se corte a herba son claves para conseguir forraxe de calidade.

5. Altura do corte na pradeira.

Ó igual que acontece co millo, a altura do corte da herba vai condicionar o rendemento do ensilado, xa que ó segar alto pérdese cantidade de herba no silo, pero gáñase en calidade da forraxe. “Segar alto non é só gañar en calidade, tamén para favorecer un rebrote máis rápido da herba se se quere facer segundas cortas”, indica. O técnico ademais recomenda evitar os cortes moi baixos para reducir a presenza de terra nos silos, xa que provocan contaminacións pola presenza de clostridium, o que afecta á saúde dos animais. Rodríguez recomenda segar a unha altura de 6-7 centímetros do chan.

6. Manexo da herba no prado.

Tan importante coma a altura á que decide cortarse a herba é o tratamento de presecado que se lle fai no prado á herba. Debe prestarse atención ó manexo que se fai da herba á hora de estendela ou enrolala, para evitar que acabe levando terra para o silo. “De nada nos serve cortar alto se despois xuntamos terra cando enrolamos”, explica.

7. Presecado.

As primeiras horas trala corta son fundamentais para o secado das gramíneas. Nas dúas primeiras horas é cando máis auga se consegue que perda a herba, xa que os estomas (parte da planta que está en contacto co ambiente) permanece aberta e facilita o secado. Así, mentres os estomas permanecen abertos chegan a perderse uns 100 litros de auga por tonelada cada hora. Porén, cando os estomas se pechan redúcese a 20 litros por tonelada á hora. Recoméndase a sega con acondicionado ou un uso áxil de maquinaria acondicionadora (hileradoras e similares) nas dúas primeiras horas trala sega.

8. Picado da herba.

Á hora de ensilar, o tamaño da herba é outro dos aspectos a ter en conta, xa que contribúe á conservación da forraxe. “Ó picar a herba, mellor se compacta despois no silo”, recorda o técnico. Recomenda o uso do picador ou remolque autocargador sobre todo nos primeiros cortes. Nas segundas ou terceiras cortas, cando a herba ten máis talo e resulta máis difícil o seu picado, pódese optar xa pola colleitadora.

9. O silo.

O estado do silo tamén inflúe na conservación da forraxe. Rodríguez recomenda empregar plásticos nas paredes dos mesmos para garantir que o silo das beiras teña a mesma calidade que o resto e evitar deste xeito as perdas de forraxe. Tamén insiste no emprego do rolo de pisado e en facer capas finas para conseguir unha axeitada conservación da herba. Á hora do pisado, cómpre encher en forma de U para non danar as lonas dos laterais e unha vez que o pisador se atopa na cima da herba debe facerse unha U invertida, para que as augas decorran e non se acumulen na parte superior. Tamén é importante que non sobresaia a herba por encima das paredes, xa que iso limitará o pisado desa zona e dificultará a conservación. “É fundamental pisar, pisar e volver pisar o silo”, insiste o técnico.

10. Selado e conservación do silo.

Para a conservación do silo, ademais do emprego de conservantes, é necesario asegurar o selado do silo, para o que aconsella empregar o film protector, previo ó plástico e á lona protectora. Tampouco hai que descoidar o mantemento que se fará despois do silo, unha vez aberto, xa que vai influír na calidade final da forraxe que inxiren os animais.

A cooperativa A Carqueixa presenta unha liña de pratos cociñados con tenreira das súas ganderías

O presidente da Carqueixa, Antonio Delpueblo, xunto cos cociñeiros Pedro Sánchez e Mari Carmen Fernández O Sabor dos Ancares, o selo de comercialización da Cooperativa A Carqueixa, vén de lanzar ao mercado un novo produto que segue a filosofía de calidade, proximidade e sostibilidade que a caracteriza: os pratos cociñados. Estas receitas elabóranse en dous restaurantes dos Ancares e comercialízanse a través do sitio web O Sabor dos Ancares. A cooperativa presentou a nova liña de pratos esta mañá no Bar Xegunde de Navia de Suarna, coa presenza dos cociñeiros que os elaboran, Pedro Sánchez e Mari Carmen Fernández, do presidente da Cooperativa, Antonio Delpueblo, e de cooperativistas da Carqueixa. O acto rematou cunha degustación de produto, logo da proxección dunha peza audiovisual promocional do novo produto. Os pratos cociñados son callos con garavanzos, caldo galego, tenreira con salsa de figos, xarrete con castañas, carne ao caldeiro e xarrete á pementa. O mesón Campa da Braña (Cervantes) e o Bar Xegunde (Navia de Suarna) son os locais de hostalaría que están detrás destas propostas gastronómicas que capturan a auténtica esencia dos Ancares para trasladala á mesa de todos os clientes. Todos os pratos elabóranse con carne de vacas criadas en liberdade e alimentadas con herba nos pastos dos Ancares.
Pedro Sánchez (Campa da Braña, Cervantes) e Mari Carmen Fernández (Bar Xegunde, Navia de Suarna) son os cociñeiros responsables da nova iniciativa da cooperativa
A Carqueixa aposta novamente polo territorio e confía esta nova liña de produtos a dous establecementos de longa historia nos Ancares con senllos cociñeiros veciños da comarca. Pedro Sánchez (Campa da Braña) e Mari Carmen Fernández (Xegunde) son os encargados de sorprender con pratos de toda a vida, preparados coa calma, o agarimo e o bo facer pasado de pais a fillos durante centos de anos. Pedro Sánchez, nado en Navarra, chegou aos Ancares e namorouse das montañas de Lugo. Hoxe en día, o Mesón Campa da Braña é un referente do bo comer nos Ancares. Esta casa de comidas (que ten tamén aloxamento) está situada a 1.200 metros de altitude, nun lugar moi axeitado para coñecer os cumios da serra.  A súa carta está baseada na cociña caseira, elaborada con produtos de proximidade e de gran calidade, pero cun toque persoal. Un xeito de entender a cociña que Pedro quixo trasladar aos pratos cociñados que comercializa A Carqueixa. Pola súa banda, no Bar Xegunde comanda os fogóns Mari Carmen, unha verdadeira experta na cociña tradicional ancaresa. Cada prato que sae da súa cociña é unha mostra da gastronomía local e tamén a proba de que foron as mulleres da comarca as que conservaron e enriqueceron a cultura culinaria da zona durante décadas. Os callos con garavanzos de Mari Carmen son un clásico das feiras de Navia de Suarna.  Envíos a toda a península A través dunha nova sección da páxina web de O Sabor dos Ancares, os clientes poden adquirir calquera destes pratos, xa que se envían a calquera punto da península ibérica. Todos os produtos son transportados envasados ao baleiro, de forma que poden conservarse ata unha semana sen abrir. Listos para consumir, abonda con quentalos no microondas ou en pota, sinalándose en cada caso o tempo recomendado. O transporte é refrixerado e os envíos elabóranse a comezos de semana, de forma que as e os clientes poidan ter o pedido na casa os mércores. Os pratos cociñados tamén se comercializan na carnicería de O Sabor dos Ancares na cidade de Lugo. O local atópase no número 25 da Praza de Abastos da cidade. Os clientes poden adquirir estes novos produtos sen necesidade de encargo previo.

Cobideza inaugura un supermercado rural

A cooperativa agrogandeira Cobideza acaba de inaugurar na súa sede en Cercio (Lalín) un supermercado rural. A directiva da entidade celebrou o sábado unha visita para amosar a nova tenda ós socios, un acto no que tamén participaron diferentes representantes políticos tanto da Deputación de Pontevedra, así como de Lalín ou Vila de Cruces. O novo supermercado está situado nas instalacións centrais da cooperativa, que anteriormente albergaban a tenda agraria, que agora foi trasladada a outro espazo desa mesma nave que servía para almacenaxe de forraxes. A compra dunha parcela próxima a esta sede e que utilizan agora para gardar a maquinaria da cooperativa posibilitou afrontar este proxecto ó dispoñer do espazo necesario. Instalacións do novo supermercado rural de Cobideza. Os socios coñeceron a oferta do supermercado antes de dar paso á tradicional comida de confraternidade que a cooperativa celebra cada ano nestas datas con motivo da Festa na honra da Muller, que este ano acadou a súa vixésimo terceira edición. Na actualidade, Cobideza conta xunto coa súa sede central de Cercio (Lalín) con delegacións en Vila de Cruces e Silleda ademais da queixería situada en Agolada onde elaboran os queixos a partir do leite das ganderías socias e que comercializan baixo a marca Dona Cobiña.

“En Postoiro conseguimos unha cebola de calidade a base de respectar o solo e o ciclo da planta”

A Cooperativa Postoiro SCG é un dos referentes na produción de cebola galega de calidade. Da man do enxeñeiro agrícola e técnico agrícola na entidade, Lucas Vázquez, repasamos a traxectoria da Cooperativa e abordamos algúns os proxectos e novas liñas de negocio nas que están a traballar, que se manteñen fieis á tradición e ó respecto ó medio. -Que é a Cooperativa Postoiro SCG? -Postoiro SCG é unha cooperativa adicada á produción e comercialización de produtos hortícolas, situada no concello de Vilar de Santos, no sur da provincia de Ourense. En concreto, hoxe en día prodúcese pataca, repolo, cebola, cabazo, brócoli e porro. -Cando comezou a funcionar? -Nace en 1996, froito da iniciativa de 7 socios da comarca da Limia co fin de promover a introdución de novos cultivos nesta zona, centrada naquel entón basicamente na produción de pataca e cereal. Neses primeiros anos, algúns destes socios estaban a producir cebola e decidiron seguir apostando e traballando por producir cebola e outros produtos da horta. -Hoxe a cebola é o produto estrela da Cooperativa Postoiro, pero como foi o camiño ata aquí? -Traballaron moito para chegar ó que hoxe é. Non foi comezar a producir e ter éxito. Fixeron unha busca da cebola que querían producir consultando con produtores de zonas coma Betanzos, Valencia ou Portugal, así como procurando sementeira de variedades autóctonas. Hoxe contamos coa nosa semente e podemos pechar o ciclo produtivo da cebola grazas ó esforzo que fixeron os primeiros socios en procurar semente, xa que durante anos nas súas casas eles mesmos se encargaban de facer as plantas de semente.
“Hoxe contamos coa nosa semente e podemos pechar o ciclo produtivo da cebola grazas ó esforzo que fixeron os primeiros socios en procurar semente”
-É moi diferente a cebola actual que se produce en Postoiro daquelas primeiras recolleitas de semente? -Fíxose un traballo moi importante nestes anos. Comezaron a traballar sobre a cebola de Betanzos, replicando a variedade nesta zona e facendo unha selección e adaptación desta variedade. Ademais, neste proceso para procurar unha variedade propia tamén se levaron a cabo sendos proxectos de investigación co CIAM de Mabegondo, para seguir mellorando nas técnicas de cultivo. Un dos traballos de investigación centrouse nos factores que condicionan a sementeira directa da cebola, abordando tamén novas técnicas de control de fungos e malas herbas no cultivo. Mentres, a outra investigación abordou a selección de ecotipos de cebolas galegas, a mellora do proceso produtivo (sementeira directa) e avaliaron as condicións de conservación post-colleita.
“Atopámonos en proceso de certificar e rexistrar a variedade da cebola coa que traballamos en Postoiro, unha variedade diferenciada e que se comercializará como de Vilar”
-Entón, aínda que se partiu da cebola de Betanzos, hoxe en día son cebolas diferentes? -Si. De feito, o ano pasado a Universidade de Santiago realizou unha comparativa das cebolas de Betanzos, a producida en Postoiro, a de Ribadeo e a producida en Vilagarcía e nesa análise quedou demostrado que a cebola de Postoiro é diferente das outras variedades. A base foi a cebola de Betanzos, pero hoxe son cebolas distintas. Agora atopámonos en proceso de certificar e rexistrala baixo o nome de Vilar. -Que diferencia á cebola producida en Postoiro doutras cebolas? -É unha cebola moi achatada, tanto na parte superior como inferior, o que recorda á cebola do país, á cebola que se producía antigamente en Galicia. Ademais, ten unha cor laranxa escura nas capas exteriores, que a diferencia doutras. Ten un tamaño medio e é unha cebola que aguanta máis tempo en boas condicións, temos unha cebola de calidade. -Como se consegue esta calidade e conservar a cebola máis tempo? -Traballamos moito para conseguir unha cebola que se conserve ben máis tempo. A nosa cebola non leva ningún produto para a súa conservación, senón que as almacenamos en naves con ventilación forzada e revisámolas de xeito manual para reducir os riscos de que podrezan. Pero ademais, tanto a calidade como que se conserve durante máis tempo en bo estado conséguese no proceso produtivo.
“Tentamos só aportar aquelo que a planta precisa e deixamos que a cebola cumpra o ciclo de crecemento, sen buscar adiantalo ou atrasalo”
-Cales son as claves que teñen en conta no proceso produtivo? -Coidamos dende a selección das sementes a outros aspectos da produción. Así, fixemos unha redución moi notable do abonado, aportamos micronutrientes e buscamos reducir ó mínimo o uso de fitosanitarios. Tentamos só aportar aquelo que a planta precisa e deixamos que a cebola cumpra o ciclo de crecemento, sen buscar adiantalo ou atrasalo. Temos unha cebola cun ciclo vexetativo moi longo, xa que se planta en abril e ata setembro non se recolle, cando outras cebolas xa se están recollendo en xuño ou xullo. Buscamos que as nosas cebolas sexan tamén máis resistentes e tentamos coidar moito os ecosistemas dos nosos solos, por iso empregamos materia orgánica peletizada, que é máis respectuosa co medio ambiente, no canto de abono sen ningún tipo de tratamento e procedente de granxas de polos, un dos métodos máis utilizados. Unha mala fertilización nitroxenada prexudica moito o noso cultivo e hai que ter en conta que incrementar o aporte de abono non vai significar incrementar a produción. Nós procuramos mirar polos solos, o medio ambiente e a cebola e ese trío dá bos resultados. -Estades a producir ou tedes previsto pasarvos a unha produción en ecolóxico? -A día de hoxe non comercializamos ningunha das nosas hortalizas co selo de ecolóxico, pero moitos dos produtos que empregamos no cultivo son ecolóxicos. Vemos o sistema agroecolóxico coma un ben para o medio ambiente. Así, os fitosanitarios soen ser ecolóxicos no canto de convencionais e tamén realizamos prácticas dun manexo ecolóxico. Fixemos xa un proxecto de investigación para o paso a unha produción en ecolóxico na horta extensiva. Foi un proxecto que realizamos conxuntamente con AGACA e o CTC. A día de hoxe estamos a aplicar nas nosas parcelas en convencional algunhas das técnicas desenvolvidas nese traballo. Tamén estamos inmersos nun proxecto coa Universidade de Vigo para tentar aproveitar os restos da produción como abono, mediante técnicas de compostaxe. -Que produción tedes a día de hoxe e que superficie manexades? -Comezaron traballando 5 hectáreas e na actualidade contamos con 42 hectáreas, con socios de toda a contorna. Producimos de media unhas 40-45 toneladas de cebola por hectárea e temos entre 25-30 hectáreas para este cultivo. Tamén traballamos repolo rizo, liso e corazón, do que temos entre 3 ou 4 hectáreas. Producimos cabaza, tanto violín como de Samaín (5-6 hectáreas). Ademais temos arredor dunhas 6 hectáreas de pataca. Contamos cunhas 2 hectáreas de porro e outra hectárea de brócoli e este ano tivemos uns 1.000 metros de coliflor. Do mesmo xeito que coa cebola, buscamos ter variedades autóctonas e facemos un manexo sostible, con rotación dos cultivos e sen apurar os seus ciclos. Unha das traballadoras da Cooperativa Postoiro, durante o proceso de selección e revisión da cebola. -Cantos socios e traballadores forman parte da Cooperativa Postoiro? -Comezaron 7 socios e na actualidade continúan neste proxecto cooperativista 3 deles. Os valores que rexen o traballo da entidade destaca a aposta clara e decidida pola agricultura como medio de vida, sempre loitando e defendendo a nosa terra e na actualidade somos 8 traballadores, a maioría mulleres.
“Cando precisamos algo sempre nos preguntamos: isto terao Delagro? Sempre é a nosa primeira opción”
-Traballades dende hai tempo con provedores especializados como a cooperativa de segundo grao Delagro, por que decides traballar con eles? -Levamos traballando con Delagro uns 4 anos e comezaron a facelo por tratarse tamén dunha cooperativa. O presidente de Postoiro, Anxo Morán é unha persoa que cree e defende o sistema cooperativista e decidiu que se comezara a traballar con eles. A nosa experiencia foi moi boa e por iso continuamos. -Que vantaxes ofrece Delagro fronte a outras firmas comerciais? -Ademais de ter resposta para o que precisamos, ofrécenche o asesoramento que buscas, sen mirar só de venderche o produto senón de darche solucións que se adapten ás túas necesidades. En Delagro podes confiar e a día de hoxe é practicamente imposible que cambiemos do distribuidor polo bo servizo que estamos a ter, ata o punto que cando precisamos algo sempre nos preguntamos: isto terao Delagro? Sempre é a nosa primeira opción. -Que servizos tedes con Delagro? -Delagro sírvenos tódolos fitosanitarios e os abonos. Traballar con eles é tamén un xeito de estar en contacto co propio sector, xa que moitas veces póñente en alerta de problemas que se están a detectar no campo e axúdanche a afrontalos. -En que mercados estades traballando en Postoiro? -O noso mercado céntrase en Galicia e Asturias e é onde máis se consume este tipo de cebolas chatas. Estamos moi orientados a un mercado de proximidade, ó que ofrecerlle un produto local e de calidade. Nós buscamos seguir vendendo en Galicia, xa que a nosa produción, a estrutura de Cooperativa, a nivel loxístico e por convencemento medioambiental cremos nunha produción destinada ó mercado local e de proximidade. Por iso, aínda que tivemos ofertas de clientes doutras rexións de España, estamos centrados no mercado galego e asturiano. Neste último ano tamén participamos en feiras de alimentación, para dar a coñecer o noso produto. Estivemos no Salón Gourmet de Madrid, no Salón de alimentación do Atlántico (Salimat), no Galicia Forum Gastronómico, en Alimagro e en Xantar. Neste senso estamos tamén traballando para comezar a comercializar os nosos produtos de xeito directo con restaurantes locais.
“No 2022 decidiuse apostar de forma clara e decidida por amosar os nosos produtos e poñer en valor a nosa forma de traballo coa creación de marca”
-Estades a encargarvos vós tamén da comercialización directa da vosa produción? -Un dos principais obxectivos da cooperativa é ofrecer novas propostas comerciais que faciliten o acceso dos seus produtos a novos mercados e, ademais imprimíndolles características propias que o consumidor final aprecie e valore. A nosa entidade ó longo do 2022 decidiu apostar de forma clara e decidida por amosar os nosos produtos e poñer en valor a nosa forma de traballo. Deste xeito, neste pasado ano fixemos unha remodelación na nosa imaxe de marca, onde mudamos tanto de logo, creamos unhas marcas para os nosos diferentes produtos (A cebola de Vilar, A cabaza de Vilar, A pataca de Vilar ou A cabaza de Samaín), para así tentar saír desa idea fixada de ser simples alimentos básicos e pasar a velos coma uns produtos de calidade, galegos e cun xeito ben marcado de traballar e de facelas cousas. -Que novos proxectos tedes na Cooperativa Postoiro? -Xa conseguimos pechar o círculo a nivel de produción, facendo a nosa propia planta, e agora queremos tamén facelo a nivel de comercialización. Buscamos pechar o círculo cos nosos produtos e reducir o desperdicio de alimentos que se produce a día de hoxe, por iso estamos traballando para elaborar produtos de cuarta gama como a cebola confeitada, marmelada de cabaza ou a cebola en po. Polo de agora aínda nos atopamos en fase de probas. Tamén procuramos darlle unha saída a aqueles produtos que aínda sendo aptos e bos para o consumo non cumpren cos estándares máximos de calidade, polo que tamén estamos a comercializalos baixo outras categorías. Unha cebola que non acada o calibre que se busca, pero que igualmente é unha boa cebola non ten lóxica que se desbote, polo que queremos tamén buscarlle saída. E o mesmo acontece co resto de hortalizas que producimos.

Distintas fases de desenvolvemento do cultivo de cebola na cooperativa Postoiro: 

Viña Costeira, a cooperativa que apostou en firme polas castes autóctonas

Hai máis de medio século daquela primeira reunión na que se congregaran máis de 1.500 viticultores do Ribeiro e que foi o xermolo do que hoxe é Viña Costeira, unha das cooperativas vitivinícolas máis antigas de Galicia e situada en Ribadavia (Ourense), no corazón do Ribeiro. “Aqueles primeiros pasos déronse no 1968 e os viticultores fixeron un gran esforzo, xa que durante moito tempo estiveron cedendo a súa uva para afrontar o proxecto da Cooperativa”, valora o presidente de Viña Costeira, Andrés Rodríguez Gómez, neto dun dos fundadores. Outro dos fitos que marcaron á Cooperativa, forxando a súa identidade, foi a aposta decidida que fixeron nos anos 90 pola recuperación das variedades autóctonas no Ribeiro. “Foi a primeira cooperativa en buscar a recuperación destas castes, mesmo pagándolle a enxerta ós socios, xa que tiñan claro que era o camiño a percorrer”, indica Rodríguez.
Viña Costeira foi a primeira cooperativa en buscar a recuperación das variedades autóctonas, mesmo pagándolle a enxerta con estas castes ós socios
Hoxe Viña Costeira atópase nunha nova fase, desta volta mirando cara a internacionalización e a especialización, coa vista posta nos mercados exteriores e na elaboración de viños máis segmentados, de finca e especiais. Instalacións de Viña Costeira en Ribadavia.

Formar parte da Cooperativa

A Cooperativa conta a día de hoxe aproximadamente con 450 socios ós que se suman uns 230 provedores, ós que lle levan mercando a uva durante moitos anos. Así, Viña Costeira abrangue unhas 340 hectáreas de viticultores do Ribeiro e outras 60 hectáreas plantadas e xestionadas directamente pola cooperativa e que se sitúan tanto no Ribeiro coma na Denominación de Orixe (DO) Valdeorras. Á marxe de participar no beneficio que xere Viña Costeira, a Cooperativa tamén ofrece importantes vantaxes para os viticultores mediante servizos para o seu día a día nos viñedos e ante algúns dos retos que se lle presentan. “Sempre se garante un prezo digno pola súa uva, e nos últimos anos este prezo está mesmo por encima do medio pagado no mercado, ó ter un retorno cooperativo”, apunta.
A Cooperativa conta na actualidade cuns 450 socios e 230 provedores de xeito que abarcan unha superficie de viñedo dunhas 400 hectáreas
Ademais, Viña Costeira é a única cooperativa vitivinícola de España que ten conveniado o seguro para a colleita da uva. Contan tamén cun departamento de asesoramento de campo e dixitalizaron o caderno de campo de xeito que o viticultor ten acceso de forma dixital a toda a súa información, tanto do viñedo como dos temas vinculados coa Cooperativa. Ó mesmo tempo, a Cooperativa está a fomentar a formación ós viticultores.

Os viños de Viña Costeira

A aposta pola recuperación das variedades autóctonas motivou que a día de hoxe o 70% da superficie de viñedos de Viña Costeira sexan de Treixadura, ós que se lle suman outras castes coma o Godello, Albariño e Loureira. “Os viños do Ribeiro sempre se caracterizaron por esa combinación de variedades, nós seguimos nesa liña, pero a Treixadura predomina”, concreta. Os buques insignia da Cooperativa son viños coma o Viña Costeira, sen dúbida o máis coñecido. Tamén destacan Colección 68 ou Amadeus, que acaban de renovar a súa etiqueta e que foi o primeiro viño elaborado con variedades autóctonas recuperadas. Algúns dos viños e licores elaborados por Viña Costeira. Na aposta polos viños de finca contan tamén con Toubes, elaborado cos viñedos situados no Pazo de Toubes, onde acaban de abrir un restaurante que permite combinar enoloxía e gastronomía, un paso máis na inmersión no enoturismo que están a facer en dúas vertentes: ofrecendo por unha banda visitas máis didácticas e centradas nos métodos de elaboración dos viños e outra visita máis centrada no ocio, onde o percorrido céntrase máis nos viñedos e na adega de Pazo de Toubes, que data do s.XVIII. Con todo, o enoturismo segue a representar unha parte minoritaria para do volume de negocio da Cooperativa. “A aposta polo enoturismo comezou no 2015 e hoxe representa pouco máis do 3% do volume de facturación, pero xa está sendo rendible en termos económicos e vémolo coma unha vía para fidelizar ó consumidor e axudarnos a reposicionar os nosos viños”, destaca Rodríguez. Nos últimos anos, a Cooperativa puxo en marcha un proxecto en Valdeorras, no que cobran maior importancia os tintos e a maioría dos seus viñedos nesta de DO son de Mencía, aínda que tamén contan con parcelas de Godello de Valdeorras. “Para seguir avanzando na internacionalización dos viños de Viña Costeira precisabamos contar cunha carteira máis ampla de viños e por iso comezamos a traballar cos tintos e co Godello de Valdeorras”, explica o presidente. Así, teñen tamén un Viña Costeira tinto. Agora atópanse a punto de dar un salto importante neste proxecto, xa que en breve dobrarán a capacidade produtiva da adega de Valdeorras, chegando a empregar os 400.000 litros de capacidade que ten a adega. “Cando o viñedo propio que fomos plantando comece a producir chegaremos á capacidade máxima da adega de Valdeorras, sen necesidade de acometer obras”, detalla. Instalacións da adega Viña Costeira.

Retos e proxectos da Cooperativa

Na actualidade, Viña Costeira está presente xa en 40 países, aínda que nalgúns deles as súas vendas son aínda moi testemuñais, polo que nestes momentos están a impulsar esa internacionalización dos seus viños. Os principais mercados exteriores son Estados Unidos, Alemaña e Reino Unido. “Este ano chegamos ó 10% e aínda que pode parecer unha porcentaxe moi baixa comparada con outras DOs, foi xa un logro, posto que hai 5 anos estábamos a exportar só o 1% da nosa produción”, recoñece o presidente. As previsións para este próximo ano son de seguir medrando e lograr no 2023 exportar arredor do 14% da produción. Nestes momentos, cunha produción de 3,5 millóns de litros entre o Ribeiro e Valdeorras, o 50% comercialízana en Galicia, o 40% no mercado nacional e o 10% no estranxeiro. A nivel de viñedo, outro dos retos para Viña Costeira é afrontar o minifundio que caracteriza ó Ribeiro e que está a limitar a remuda xeracional, polo que teñen un plan de financiamento ós socios para que poidan afrontar a compra de terra.
Acto de entrega do selo Galicia Calidade á adega.

O selo Galicia Calidade consolida o reposicionamento de Viña Costeira no mercado

Viña Costeira é unha das últimas firmas galegas en incorporarse ó selo Galicia Calidade. A irrupción da pandemia do Covid-19 motivou que o acto de presentación da incorporación de dito selo se vise adiada ata o pasado verán, nun acto no que o director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, acompañado polo delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Gabriel Alén, e a xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, coñeceron as instalacións da adega en Ribadavia e destacaron a súa traxectoria. O selo, con validez para os próximos tres anos, permite á empresa incluír o distintivo de Galicia Calidade nas etiquetaxes dos produtos certificados, así como nas diferentes accións para a súa promoción. “A marca Galicia está asociada entre os consumidores no ámbito alimentario á calidade, polo que contar co selo Galicia Calidade é o mellor dos distintivos, ó ser recoñecido en todos os recunchos do país. Incluír o selo axúdanos á comercialización e a conseguir o reposicionamento dos nosos viños”, apuntan dende Viña Costeira.
  • Reportaxe elaborada en colaboración con Galicia Calidade
https://www.campogalego.gal/o-selo-galicia-calidade-celebra-o-seus-25-anos/

Xornada sobre as novidades da PAC en Cobideza

Unións Agrarias-UPA en colaboración coa cooperativa Cobideza organiza unha xornada informativa para aclarar en detalle a futura Política Agraria Común (PAC) que entrará en vigor a partir do 1 de xaneiro do 2023 ata o 2027.

A sesión informativa celébrase mañá, xoves 15 de decembro, no local social de Cobideza, situado na parroquia de Cercio, en Lalín (Pontevedra). Contarán con expertos para abordar os cambios que suporá a nova PAC.

Ademais, na xornada tamén presentarán a ferramenta CalculaPAC, que permitirá a cada un calcular a futura PAC.

A continuación deixamos o programa detallado da xornada:

11.55 horas. Presentación. Román Santalla, presidente de Cobideza.

12.00 horas. A nova PAC. Esperanza Orellana. Directora Xeral de Producións e Mercados Agrarios do Ministerio de Agricultura.

13.30 horas. CalculaPAC. Javier Alejandre. Enxeñeiro agrónomo dos servizos técnicos de UPA.

13.45 horas. Clausura. Roberto García. Secretario Xeral de Unións Agrarias e Lorenzo Ramos. Secretario Xeral de UPA.

Jesús Montes asume a dirección da Cooperativa O Rodo

O Consello Reitor da Cooperativa gandeira O Rodo, de Rodeiro (Pontevedra), celebrou este xoves a súa primeira xuntanza convocada polo novo presidente da entidade Jesús Montes, quen asume a directiva trala renuncia de José Luís Camiñas, que deixou o cargo despois de 13 anos á fronte da entidade. O cambio na directiva fíxose efectivo logo de comunicárllelo ós socios na asemblea xeral celebrada a finais de xullo e na que ademais se presentaron as contas, que ratificaron a solvencia económica da entidade que aglutina a máis de 300 asociados. Nesta primeira xuntanza, Montes destacou a boa labor do seu antecesor no cargo e entre as liñas de traballo para para os vindeiros anos apuntouse o obxectivo de conseguir “que as familias socias ganen máis cartos. Para nós o importante é a solvencia económica da cooperativa acompañada coa mellora e ampliación de novos servizos”, sinalou nun comunicado a directiva. Entre as prioridades para conseguir melloras para as ganderías socias buscan contar cun parque de maquinaria máis eficiente. Dada a alta demanda que ten este servizo dentro da Cooperativa, a directiva procura evitar subir os prezos, pese ó incremento dos combustibles, e busca facer o servizo máis rendible a través da eficiencia. Tamén procurarán unha maior profesionalización das explotacións, proporcionando mellores coñecementos agronómicos e gandeiros, de mellora constante na produción de forraxes coa finalidade de reducir a dependencia de insumos externos, comezando dende os procesos de encalado, abonado, elección de sementes e épocas de sementeira e recolleita. Dende a cooperativa buscan apoiar o servizo de nutroloxía, dado que a eficiencia en canto á alimentación é un piar fundamental para as ganderías. Neste senso tamén destacaron a importancia de contar cunha industria solvente como Xuncoga, cooperativa de segundo grao especializada na fabricación de penso e da que forma parte O Rodo. “Contar cunha industria propia que está a mercar as mellores materias primas para ofrecer un penso de calidade resulta estratéxica para O Rodo e para os seus socios”, destacaron dende a entidade de Rodeiro. Montes sinalou ademais a importancia que as cooperativas teñen para o sector, como ferramentas necesarias para a súa supervivencia. “Queremos que a Cooperativa sexa un instrumento imprescindible para os asociados e para a supervivencia, mellora e dignificación do sector primario local”. Ó mesmo tempo, o novo presidente aproveitou esta primeira xuntanza para agradecer o apoio recibido. “Levo toda vida vinculado ó sector primario cunha granxa familiar e poder aportar os coñecementos adquiridos nun proxecto colectivo coma O Rodo é unha gran satisfacción”, conclúe Montes.

Cobideza logra un crecemento do 11% e remata 2021 cunha facturación de 26 millóns

A Cooperativa agrogandeira Cobideza presentou este venres as contas ós seus asociados durante a asemblea xeral ordinaria celebrada na súa sede en Lalín (Pontevedra). A Cooperativa pechou o 2021 cunha facturación de 26.002.816,09 millóns de euros, fronte ós 23,3 millóns que facturara no 2020, o que amosa un crecemento do 11,5%. Os beneficios antes de impostos son de 145.470,96 euros, consolidando o incremento en todas as seccións coas que traballa a Cooperativa. Os almacéns que a entidade agraria ten nas vilas de Silleda, Vila de Cruces e Cercio (Lalín) son un dos motores para conseguir este aumento da facturación. Outro dos eixos centrais da Cooperativa é a queixería Dona Cobiña, situada en Agolada e que tamén foi responsable deste incremento da facturación. De feito, a facturación derivada da industria queixeira, posta en marcha pola Cooperativa no 2016, incrementouse nun 20% no pasado exercicio con respecto das cifras manexadas no 2020. Este aumento debeuse, en parte, ó impulso da fabricación e venda do queixo ecolóxico. Cobideza pecha o exercicio cunha facturación 850.000 euros na sección de maquinaria, unha das máis importantes da Cooperativa. “O 2021 non se caracteriza polas inversións na sección de maquinaria, pero si por avanzar en consolidar os servizos de proximidade cos seus asociados e estar sempre pendente dos problemas que en calquera momento poden ter os nosos socios”, apunta o presidente da Cooperativa, Román Santalla. A entidade agraria é tamén un dos socios da Cooperativa de segundo grao Xuncoga, asentada no polígono industrial de Lalín. O consumo de penso de Cobideza desta fábrica supera o 40% do total da entidade.

Produción de leite

A maior parte dos máis de 300 socios cos que conta Cobideza están centrados na produción de leite. Así, a Cooperativa manexa máis de 55.000.000 litros de leite en convencional, ademais dunha produción de leite ecolóxico de máis de 700.000 litros. “Pretendemos seguir impulsando a sección de ecolóxico nun modelo diferenciado e sostible”, sinala Santalla. A diferenza do acontecido noutras asembleas da Cooperativa, nesta ocasión non se abordou a situación do contrato lácteo, xa que a entidade ten aínda vixente ata outubro o contrato coa empresa Reny Picot, a quen leva xa anos vendéndolle o leite.

Investimentos

Cobideza afrontou no 2021 investimentos como a compra dunha parcela situada no lugar de Mato, próxima á súa sede, cunha superficie de case 1 hectárea. Neste predio construíron un almacén para maquinaria e acondicionaron unha superficie de 1.600 metros cadrados. Por outra banda, na Cooperativa está a ultimar a apertura dun supermercado rural na súa sede en Lalín. "Agardamos que nun mes poida estar a pleno funcionamento", sinala Santalla.  As contas foron aprobadas en votación secreta por todos os votos a favor e unha abstención.

Xornada sobre o uso dos medicamentos

Á marxe da celebración da Asemblea, a Cooperativa organizou una xornada sobre o novo Real Decreto que regula a utilización e xestión dos medicamentos nas ganderías. A charla foi impartida pola xefa de área de hixiene gandeira do Ministerio de Agricultura, Inés Moreno Gil, e contou cunha destacada afluencia de veterinarios da zona.