Archives

Xornada na Fonsagrada sobre emprendemento no rural

'Xornada de Promoción do Emprego para Repoboar ou Rural' é o título da sesión que terá lugar na Casa do Concello da Fonsagrada. Esta actividade está organizada polo Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Montes e Vales Orientais e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), dentro do marco do proxecto Montes e Vales Orientais Territorio Intelixente e financiado pola Dirección Xeral de Políticas Contra o Despoboamento, pertencente ao Ministerio para a Transición Ecolóxica. A sesión é gratuíta e celebrarase o próximo 26 de abril, aínda que o prazo de inscrición péchase o 24. Conta cun programa matutino que finaliza cunha comida e xa pola tarde haberá a visita ao proxecto agroecológico da Cooperativa Ribeira do Navia, en Negueira de Muñiz. A xornada abrirase ás 10:00 horas coa benvida e inauguración a cargo de Carlos López, presidente do GDR e alcalde da Fonsagrada, e de Alberto López, presidente da FEGAMP e alcalde de Vilagarcía de Arousa. Acto seguido, terá lugar a primeira mesa redonda, que estará centrada nas 'Oportunidades de traballo no sector primario e agroalimentario'. Nela participarán representantes dos Obradoiros Compartidos de Brión, Adegueiros do Navia e da Indicación Xeográfica Protexida Terras do Navia, así como membros do Sindicato Labrego Galego, que falarán sobre distintos proxectos agroecológicos.
Haberá tres presentacións nas que participan a Xunta de Galicia, a Deputación de Lugo e a FEGAMP
O segundo faladoiro virará ao redor das 'Oportunidades de traballo impulsadas desde ou sector asociativo e público'. Coa moderación de Patricia Vilán Lorenzo, asesora xurídica da FEGAMP, representantes da Federación de Asociacións de Mulleres Rurais (Fademur) contarán a súa experiencia impulsando unha cooperativa de coidados persoais a domicilio; a Fundación TerrEo explicará como se poden aproveitar os recursos produtivos desde o sector público; e coñecerase a experiencia da rede de coworkings da Deputación da Coruña. A última mesa redonda terá como temática as 'Oportunidades en servizos sociais innovadores'. Abordarase o Zwit Project de videoasistencia e presentarase a proba piloto do programa de videoasistencia que se está realizando xunto cos Servizos Sociais da Fonsagrada no marco tamén do proxecto Montes e Vales Orientais Territorio Intelixente. Despois das mesas redondas haberá tres presentacións. A primeira será a do programa de mobilización de vivendas para aluguer (VIN426E) da Xunta de Galicia; a segunda do programa de apoio aos alugueres da Deputación de Lugo; e a terceira servirá para coñecer a ferramenta Aldeas Vivas que impulsan a FEGAMP e o GDR Montes e Vales Orientais, que é outra das liñas de traballo deste proxecto. Ás 14:30 horas haberá unha comida networking con produtos de quilómetro cero da Asociación de Gandeiros A Fonsagrada (Asgafon) e posteriormente aqueles participantes que o desexen poderán asistir en Ernes, en Negueira de Muñiz, a unha visita ao proxecto agroecolóxico da Cooperativa Ribeira do Navia e un achegamento á historia da Comuna que se asentou naquela zona. Programa completo

“A Mariña sempre foi unha comarca cun gran dinamismo emprendedor no rural”

Dar ferramentas aos axentes que integra o territorio e fomentar un turismo sostible é a folla de ruta que segue a Asociación de Desenvolvemento Rural (ADR) Terras de Miranda. Este grupo integra moitos outros colectivos que lle fan diversificar o esforzo cara diversas ramas de actividade, desde o sector agrícola ao sector servizos, onde se volca coa dotación de servizos sociais. Falamos coa xestora da asociación, Elena Martínez. Canto tempo levades coordinando o Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR), que municipios comprende, institucións e que colectivos que participan? Levo traballando no GDR 21 anos, 15 anos como xerente na Asociación Terras de Miranda, no primeiro Leader + (2002-2006) e no Leader actual (2014-2020) e 6 anos como técnico do GDR Comarca de A Mariña (2007-2013). Comprendemos 14 municipios: Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, O Valadouro, O Vicedo, Ribadeo, Trabada, Viveiro e Xove. Forman parte do noso GDR: Concellos, Asociacións de Mulleres Rurais, de Mozos e Mozas, Culturais, Artesanais, SAT, ACIAM (Asociacións de comerciantes), Asociacións de veciños, de Mozos e Mozas Agricultoras, de Fruticultores, e un longo etcétera. Un dos vosos lemas é ‘Impulsando o progreso da Mariña Lucense’. A que tipo de proxectos se orientaron as axudas nos últimos anos para conseguir este impulso (tanto públicos como privados)? A nosa actividade foi moi plural e orientada a articular todos os elementos que interveñen na dinámica do nosos territorio. Por exemplo, subvencionamos proxectos de aloxamento turístico (aldea de turismo rural, pensións, hoteis, apartamentos turísticos, glamping, cabanas de madeira,etc.), proxectos empresariais, transformación e comercialización de produtos agroalimentarios, vivendas para maiores independentes,  construción de locais sociais e equipamentos dos mesmos para o desenrolo de actividades relacionadas coas novas tecnoloxías ou equipamento para o desenrolo de outras actividades de formación, entre outros moitos proxectos. Ademais, recentemente traballamos con paquetes turísticos que presentamos ao resto de axentes do territorio, ao mesmo tempo que fixemos obradoiros de como elaborar un paquete turístico para crear sinerxias entre todos eles. Ademais, pretendemos incentivar que todos os axentes sexan quen de dar información específica e turística tanto da zona, como das posibilidades que ofrece, para levar o turismo máis alá de certos puntos de interese destacados. Como valorades a situación de desenvolvemento rural no voso territorio e os obxectivos que vos marcades? Considero que todo contribúe a favorecer o desenvolvemento do noso territorio, desde unha pequena iniciativa a unha máis grande, e que os resultados vense a curto e medio prazo.  Proxectos empresarias, turísticos, de servizos sociais, agrarios, etc., en algúns como os servizos sociais son máis inmediatos, no sentido en que a repercusión para o territorio é dende un primeiro momento. A Mariña sempre foi unha zona con un gran dinamismo emprendedor. Hai emprendedores novos, que queren poñer e poñen en marcha iniciativas, xa desde un carácter moito máis innovador. E logo tamén con empresas que queren modernizar e ampliar a súa actividade para adaptarse ás novas demandas do mercado. Encontrámonos tamén con debilidades que ten o territorio nas que se debería traballar, pero xa desde un ámbito político que conlevarían á xeración de novas oportunidades no mesmo. Temos un gran problema de transporte, tanto entre os municipios de A Mariña, como de horarios coas cidades porque están moi limitados. Igualmente, os obxectivos que nos marcamos van desde impulsar a creación, modernización e diversificación empresarial, ata traballar nun turismo máis sostible, no ecoturismo, e nunha maior oferta de experiencias turísticas. O turismo é un dos puntos fortes da Mariña, e en xeral o sector servizos. Desde o GDR  tamén é unha das vosas apostas. Como apoia este GDR o turismo? Por un lado subvencionando os proxectos turísticos, sobre todo de aloxamento turístico, foron os máis solicitados a través das convocatorias Leader e por outro lado a través de proxectos de animación do GDR: O primeiro proxecto baseouse en identificar os recursos patrimoniais de carácter cultural, natural e gastronómico de maior interese do territorio para mellorar a competitividade das empresas relacionadas con produtos agroalimentarios locais de KM0 e para o deseño de experiencias turísticas autoguiadas atractivas vinculadas cos procesos produtivos do territorio. No segundo proxecto fíxose á adaptación da oferta ás características do mercado mediante a creación de paquetes de produtos e experiencias e a creación de sinerxias entre o tecido produtivo e os servizos turísticos do territorio. Tamén se levou a cabo a captación e incorporación de empresas turísticas necesarias para a execución do proxecto, e realizáronse dous obradoiros de networking. No terceiro proxecto deseñouse un manual de prescritores do destino dirixido ao tecido turístico e un obradoiro de activación de prescritores dirixido ás empresas adheridas co obxecto de presentar unha ferramenta que posibilite o coñecemento da oferta do territorio que permita prestar un asesoramento de calidade aos visitantes, así como facilitar sinerxias con outros axentes cos que se poida colaborar. Presentouse un selo identificativo da Rede de Prescriptores do territorio facendo un estudo de mercados nacionais e internacionais para a comercialización e prospección de mercados, axencias de viaxe e touroperadores, e deseñando un paquete base extraído dos anteriores. Tamén se realizou un FAM TRIP no territorio con axencias de viaxes de Canarias. Do mesmo xeito, desenvolveuse un proxecto para poñer en marcha un club de produto de ecoturismo, no que se identificaron as bases, o modelo de xestión, o manual de requisitos e o plan de acción. En definitiva leváronse acabo moitos outros proxectos enfocados a desenvolver e potenciar un turismo sostible. Ademais de todo, a sede do GDR está asentada na Horta de Mondoñedo. O sector primario, e en xeral a agricultura, é outro dos vosos focos? No referente ao sector primario, traballamos nesta liña a través de proxectos de cooperación con outros GDR galegos. O primeiro proxecto: 'Alimentos da Biosfera: Rede para a promoción de circuítos curtos alimentarios baixo a marca Reserva da Biosfera' e logo a través do proxecto 'Rede de Ecocomedores' para animar o consumo de produtos ecolóxicos, de tempada e de proximidade en comedores escolares do territorio. Entre outras colaboracións, participamos como socios do proxecto 'Eo Alimenta', cuxo impulsor foi o Concello de Ribadeo xunto coa Universidade e a Fundación Juana de Vega, polo cal se plantexou unha estratexia alimentaria para a cunca do Eo, que afecta a tres territorios -Ribadeo, Trabada e Barreiros-. Neste momento estase a intentar poñer en marcha as accións que se determinaron en dita estratexia. Arrancamos recentemente un novo período para os Grupos de Desenvolvemento Rural. Cales son os obxectivos da vosa estratexia para esta nova etapa?
  • Diversificación da economía e mellora da competitividade
  1. Modernización e diversificación de empresas
  2. Fomento do autoemprego
  3. Xeración de oportunidades
  4. Potenciación do mercado turístico
  • Plan de dixitalización
  1. Mellora da competitividade empresarial a través da dixitalización dos procesos de produción
  2. Incentivar o teletraballo
  3. Creación de entornos de traballo intelixentes
  4. Aplicabilidade das ferramentas dixitais nos procesos de comercialización
  5. Aplicabilidade das ferramentas dixitais nos servizos a colectivos desfavorecidos
  • Aplicación da estratexia europea 'Da granxa á mesa'
  1. Valorización dos produtos agroalimentarios de calidade do territorio
  2. Fomento da actividade agraria, principal ou complementaria
  3. Promoción de programas de comercialización de produtos km0
  4. Relación entre a venda agroalimentaria e o agroturismo
  5. Redución da pegada de carbono e da contaminación
  6. Recuperación de terras en abandono para creación ou ampliación da actividade agraria
  • Mellora da eficiencia enerxética e emprego de enerxías limpas
  1. Implantación de enerxías renovables
  2. Mellora da capacidade enerxética nas explotacións agrarias
  3. Redución do gasto enerxético tanto en iniciativas privadas como públicas
  4. Emprego de enerxías limpas nos procesos industriais
  5. Aproveitamento dos recursos da auga
  6. Xeración de actividade económica relacionada coa biomasa
  • Medidas de corresponsabilidade social
  1. Fomento de iniciativas do empoderamento da muller a través da potenciación do emprendemento
  2. Mellora da empregabilidade dos colectivos desfavorecidos, sobre todo persoas con discapacidade
  3. Loita contra a violencia de xénero
  4. Emprego de transporte sen combustible fósil
  • Conservación do patrimonio rural
  1. Mellora e coidado do medio ambiente
  2. Posta en valor dos espazos naturais e dos elementos patrimoniais
  3. Desenvolvemento de actividades turísticas (Ecoturismo- Espeleoparque)
  4. Preservación dos valores idiosincráticos do territorio
  • Servizos asistenciais básicos
  1. Iniciativas de coidado dos maiores, menores e dependentes
  2. Creación e mellora de espazos asistenciais
  3. Servizos básicos ás persoas a domicilio
  4. Mellora dos servizos de transporte adaptado
Con que orzamento contades e que investimento prevedes mobilizar? Se 3.000.000€ é o investimento a mobilizar, pois aproximadamente o dobre. Que cuestión ides priorizar, polo tanto, para este novo ano que ven? Entre elas está o sector empresarial e agrario/forestal. Imos darlle unha volta para implicarnos neste ámbito e ver de que xeito podemos apoialo. Que destacarías do Bono Activa Rural? Son 18.000€ para autónomos. É unha nova oportunidade que se introduce no novo programa da cal se poderán beneficiar proxectos que sexan importantes para os núcleos rurais, pero que polas características dos mesmos non dean alcanzado unha puntuación o suficientemente elevada para conseguir subvención, xa que tamén os recursos cos que contamos son escasos. Como valorades o nivel de coñecemento que ten a poboación nas vosas comarcas sobre o GDR e as posibilidades das axudas Leader? Todavía hai xente no territorio que non coñece os GDRs, pero penso que levando xa tres programas Leader realizados no territorio, o coñecemento é cada vez maior, ao igual que a demanda de proxectos ou información acerca das nosas axudas. Tamén os proxectos de animación e cooperación nos permiten traballar con axentes do territorio de distintos ámbitos que fai que cada vez coñezan mellor o noso traballo e se dirixan a nós para demandar axuda ou charlas, formación, etc.. e tamén fai que aumenten as sinerxias entre os distintos axentes implicados.

Dezaoito restaurantes de nove concellos da montaña de Lugo únense para promocionar os alimentos de proximidade

Máis de 15 establecementos hostaleiros do Xeodestino Ancares Terras de Burón participarán durante este Entroido e o que resta de inverno nas Xornadas do Cocido de Montaña. Todos estes restaurantes e casas de comidas están certificados co selo Cociña de Ancares Terras de Burón, unha distinción que garante que a totalidade dos ingredientes que se empregaron na elaboración deste prato son de proximidade e de produción local. Esta certificación lévaa a cabo un equipo técnico, que é o que confirma que todos os compoñentes deste cocido de montaña teñen a súa orixe na zona. O Xeodestino busca con esta certificación dinamizar o consumo de produtos locais e de proximidade nos establecementos de restauración da zona. Na web do GDR Montes e Vales Orientais pódense consultar os locais adheridos a esta iniciativa e que xa recibiron a certificación de que ofrecen un verdadeiro cocido de montaña. Nos próximos días é posible que se engada aínda algún establecemento máis, xa que a iniciativa permanece aberta e pódense anotar chamando ao teléfono 659275743.
Todos os ingredientes son de proximidade e a súa elaboración ao estilo tradicional baixo o selo 'Cociña de Ancares Terras de Burón'
A día de hoxe son 18 os restaurantes e casas de comidas habilitados. En Baleira ofrecen este saboroso cocido de montaña A Marronda, o Recuncho D’Vane, O Neireo e os Apartamentos Sons do Eo. Aqueles que se acheguen durante este Entroido a Navia de Suarna poderán desfrutar deste manxar na Casa de Chao, o Caserío Meiroi, o café bar Xegunde, no restaurante A Escola e no Mesón Aarau. Na Fonsagrada participan O Piñeiral e o mesón Catro Ventos; en Becerreá os restaurantes Rivera e Boavista; mentres que completan as xornadas A Lareira (As Nogais), Casa Sidrón (Negueira de Muñiz), Fonda Zarralleiro (Baralla), o restaurante O Cebreiro (Pedrafita do Cebreiro) e a Casa Cazoleiro (Meira). Gran degustación en Baleira Ademais de comer o cocido de montaña nestes establecementos, o vindeiro martes 13 de febreiro levarase a cabo en Baleira a Feira do Cocido de Montaña, que será unha xornada dedicada a este prato típico e que contará tamén con música, sorteos e o desfile de disfraces do Entroido. Ás 10 da mañá abrirase a feira na praza do Concello e o pavillón Municipal acollerá, a partir das 13:45 horas, unha gran degustación de cocido de montaña.As entradas para a degustación de Baleira poden mercarse (15€) de xeito anticipado nos seguintes establecementos que forman parte da Asociación de Hostalaría de Baleira: A Marronda, O Moneda, O Neireo e O Recuncho D’Vane. A xornada completarase ás 17:30 horas cando, unha vez rematada a degustación e co acceso xa libre e gratuíto para todo o mundo ao pavillón, arrincará o desfile de disfraces. Haberá música e festa durante o resto da tarde, con inchables gratuítos incluídos e un sorteo de dúas caixas de produtos de Ancares Terras de Burón entre todos os participantes na comida.

‘Condado Paradanta Xera’: un proxecto rural que aposta pola transición enerxética

A Asociación de Desenvolvemento Rural Condado Paradanta exporá na xornada que organiza o proxecto europeo EC4RURAL a iniciativa ‘Condado Paradanta Xera’, recollido na súa estratexia de desenvolvemento local participativa ‘Reverdecendo Condado Paradanta’. EC4RURAL, liderado pola Universidade de Vigo, busca impulsar comunidades enerxéticas en 22 concellos. Esta iniciativa do GDR Condado Paradanta pretende dar un servizo á poboación facilitando o aforro enerxético e a implantación dunha economía verde de escala; fomentar a cultura da enerxía innovadora para crear un entorno medioambientalmente sostible e establecer canles colaborativas comunitarias coa fin de facer realidade a creación da primeira comunidade enerxética comarcal.  Ao igual que ‘Condado Paradanta Xera’, o proxecto EC4RURAL, financiado polo Programa LIFE, busca afondar e transformar as relacións entre as autoridades locais e rexionais, e as comunidades rurais para contribuír á transición enerxética limpa en Europa ao tempo que se garante a participación activa dos axentes locais, evitando que sexan deixados de lado nestes procesos. O proxecto garantirá que as comunidades rurais formen parte e se beneficien dos procesos da transición enerxética limpa fomentando a creación de comunidades enerxéticas rurais para producir electricidade a través de paneis fotovoltaicos.  EC4RURAL porá en marcha este novo cambio de paradigma a través de 2 pilotos en Estonia e España, cun total de 34 casos de estudo en diferentes municipios rurais, co obxectivo de propiciar a replicabilidade, non só nas rexións participantes, senón tamén a nivel europeo, a través das actividades de comunicación, divulgación e explotación levadas a cabo coa rede de socios e colaboradores externos. Así mesmo, reúne a un grupo de 10 entidades que compoñen un consorcio multidisciplinar situado en 3 países diferentes da UE (España, Estonia e Bélxica). O consorcio está liderado pola UVIGO e participan diferentes autoridades públicas locais e autonómicas, xunto con diferentes entidades capaces de proporcionar aos concellos, cidadáns e pemes, o apoio necesario para desenvolver, implantar e controlar as comunidades enerxéticas rurais.

Proxecto para impulsar as permutas agrarias dos GDRs de Lugo, Ordes e Pontevedra Norte

O proxecto de cooperación ‘Ordenación da terra agraria a través do sistema de permutas’ é unha iniciativa colaborativa protagonizada polos Grupos de Desenvolvemento Rural de  Lugo, Ordes e Pontevedra Norte. En si, as permutas forman parte xunto ás aldeas modelo, aos polígonos agroforestais ou ás agrupacións de xestión conxunta da “caixa de ferramentas” da Lei de Recuperación de Terra Agraria, e “ están predispostas para a súa implantación en áreas onde a presión sobre a terra é alta debido a existencia de múltiple actividade agraria, sobre todo, gandeira”, manifestou o conselleiro de Medio Rural, José González, quen estivo presente no acto de presentación da iniciativa, que tivo lugar na Cidade da Cultura este luns. De acordo mutuo entre propietarios e aplicable noutras zonas Estas permutas, declaradas de especial interese agrario “facilitaron a mobilización de arredor de 400 hectáreas no concello lucense de Friol e son froito do libre acordo entre os propietarios dos predios e do seu intercambio”, e así mesmo, “faise mediante un proceso consensuado bilateral e recíproco”, destacou na súa intervención José González. “A posta en marcha desta iniciativa en Friol non só tivo como consecuencia unha mellora da estrutura das propiedades agrarias, senón que tamén serviu de punto de referencia para estudar a idoneidade de implantar este sistema noutras zonas de Galicia. Así, entre os concellos nos que se prevé actuar atópanse, ademais do de Friol, os de Outeiro de Rei, Guntín, A Estrada e Ordes”, avanzou. “Deste xeito, as permutas son ideais para mobilizar terras en zonas con características singulares, nas que non existen problemas nin de identificación da titularidade do parcelario, nin necesidade de máis infraestruturas viarias”, engadiu o conselleiro. Sobre outras figuras de reordenación da terra, González destacou que “entre 2020 e o que vai de 2023 rematáronse un total de 29 parcelarias na nosa comunidade, que abarcaron unha superficie de máis de 19.500 hectáreas, beneficiando a máis de 14.000 persoas, que recibiron preto de 31.000 títulos de propiedade”, salientou. Da mesma maneira, sobre as figuras da Lei de Recuperación de Terra Agraria, como aldeas modelo, avanzou que “no 2024 aprobaranse os pilotos dos plans de dinamización de catro destas aldeas e que se porán en marcha os primeiros espazos agrarios de experimentación, nos que os mozos emprendedores poderán facer uso”, adiantou.

Xornada informativa en Lalín sobre o sistema de permutas de terras agrarias

Lalín (Pontevedra) acolle este venres, día 17 de novembro, unha xornada formativa sobre a Ordenación territorial da terra agraria a través do sistema de permutas. A sesión celebrarase na Aula da Uned do municipio, situada no polígono industrial Lalín 2000, a partir das 11.00 horas.

Na xornada participarán Ramiro Ruibal Fuentes, xerente do GDR Pontevedra Norte e Miguel Rodríguez López, responsable técnico do proxecto de permutas agrarias no Concello de Friol (Lugo), pioneiro na aplicación deste tipo de permutas de terras agrícolas.

O alcalde de Lalín, Xosé Crespo Iglesias, presidente do GDR Pontevedra Norte, encargarase da clausura da xornada que se pechará coa degustación de produtos locais.

“No GDR Terras de Compostela apostamos por un xeodestino fluvial para potenciar un turismo sustentable”

A promoción turística dos 10 concellos que abrangue o GDR Terras de Compostela é un dos puntos fortes na nova estratexia. A aposta por un xeodestino fluvial non só procura atraer xente, senón facer un modelo de turismo que coide do medioambiente e conserve os recursos da zona. En paralelo, as intencións de fomentar o tecido produtivo e a competitividade do territorio xogarán un papel importante entre as accións desta entidade. A continuación, a xerente deste GDR, Chefa Fernández, danos máis detalles: Poderías facer unha pequena presentación tanto túa como do GDR? Dende o ano 2000 estou vinculada a iniciativas e programas LEADER e dende o ano 2009, coordinando este Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Asociación Terras de Compostela, a cal se constitúe no ano 2008. É unha entidade colaboradora da AGADER na xestión da Medida Leader 2014-2020, e na actualidade está presidida por M. Guarina Rey Vazquez (Concello de Brión). O ámbito de actuación do noso GDR comprende 10 concellos da comarca de Santiago de Compostela (Vedra, Boqueixón, Santiago, Teo, Ames e Brión), da comarca da Barcala (Negreira, Val do Dubra e A Baña), así como Santa Comba, da comarca do Xallas.  No GDR participan como socios 9 dos 10 concellos do territorio e asociacións do ámbito do sector agrario (asociación e organizacións profesionais), forestal, medioambiental, entidades de economía social, asociacións veciñais, de empresarios, etc. O territorio no que actuamos ten unha superficie de 1105 km2 e unha poboación 86.922 habitantes (sen incluír a poboación de Santiago de Compostela nin a do Milladoiro e Bertamiráns). Sodes os xestores do programa Leader no voso territorio. Cóntanos, a que tipo de proxectos se orientaron as axudas nos últimos anos? No noso grupo, ao abeiro da medida Leader de Galicia 2014-2020, foron diversos os proxectos que se solicitaron e recibiron apoio económico neste período.  En proxectos privados destacan a creación ampliación e modernización de pequenas empresas -venda de produtos do agro, oficinas de enxeñería, clínicas de fisioterapia, centros de coworking, etc.- medidas de aforro enerxético nas explotacións agrarias, creación de novas prazas de aloxamento turísitico e restauración, etc. O investimento total xustificado de estas iniciativas superou os 5 millóns de euros e a axuda pagada case os 2 millóns de euros. Un breve resumo dos proxectos privados
TÍTULO PROMOTOR
AMPLIACION E DESENVOLVEMENTO DUNHA PEME DE VENDA DE PRODUTOS PARA O AGRO AGROESPARIS COMERCIAL, S.L
MEDIDAS DE AFORRO ENERXÉTICO E USO DE ENERXÍAS RENOVABLES EN EXPLOTACIÓN DE LEITE DE A BAÑA- GUIMARANS XUANEIRO, SAT Nº 980 XUGA
ALBERGUE DE 1ª CATEGORIA EN GRANXA ESCOLA BERGANDO KARMADEN S.L
TURISMO ENOLOGICO EN BOQUEIXON (APARTAMENTOS TURISTICOS UNA LLAVE) ENOTURISMO MARIA MANUELA, S. L
PROXECTO DE APERTURA DUN NOVO CENTRO DE TRABALLO PARA OFICINA DE ENXEÑARÍA E COMEZO DAS NOVAS ACTIVIDADES DE COMERCIALIZACIÓN DE SEGUROS AGRARIOS NAS EXPLOTACIÓNS E ESPAZO COWORKING ALVARO NUÑEZ FERREIRO
CLINICA FISIOTERAPIA - FISIONICRA FISIONICRA, S.C.P.
AMPLIACION LAVANDERIA INDUSTRIAL HOSTELERIA SANTA COMBA, S.L.
APERTURA DE TENDA MULTIOPERADOR E MULTISERVICIO LA CENTRALITA DEL MOVIL, S.L.
HOSTAL GASTRONÓMICO- VILACHAN CON CATEGORÍA DE PENSIÓN TRES ESTRELAS E CAFÉ-BAR RESTAURANTE NICRAREA TAMARA, S.L.   (10 PLAZS + 38 pax)
CABAÑAS EL CAMINO AMAPEN NEW TOURISM, S.L. (RAFAELLA AMARO)  (18 PLAZS)
COMPLEXO TURÍSTICO RURAL SAN PEDRO DE DONAS GARCILVA, S.L.    (30 PLAZS)
INSTALACION DE TRATAMIENTO TERMICO DE CORTEZA DE PINO VISTA JARDIN, S.L.
COMEZO DUNHA NOVA ACTIVIDADE DE INTERMEDIACIÓN NO COMERCIO DE MATERIAS PRIMAS E OFICINAS DE COLABORACIÓN AGRARIA ALVARO NUÑEZ FERREIRO
SENSE: SALUD Y RENDIMIENTO DANIEL TOMÉ LAGE
MODERNIZACIÓN E AMPLIACIÓN EN PANADERIA BEMBIBRE Mª SOLEDAD LANDEIRA DUBRA
MANGOS DE MADERA JOSE MANUEL BELLO NEO
CONSTRUCCIÓN DUN EDIFICIO PARA AMPLIACIÓN E MODERNIZACIÓN DAS INSTALACIÓNS DE ASESORÍA E CREACIÓN DUN CENTRO COWORKING INTASEM ASESORIA, S.L
CLINICA DENTAL – NICRA DENTAL INFANTIL E ADULTOS NICRA DENTAL INFANTIL E ADULTOS, S.L
AMPLIACIÓN DE PROCESOS PRODUCTIVOS PARA LA FABRICACIÓN DE CERRAMIENTOS Y ARTÍCULOS DE CERRAJERíA ALUMINIOS ARANTON, S.L.
CAMPAMENTO DE TURISMO TEMÁTICO DE PERMACULTURA DE 1*  "O CASTRO DO RETIRO" O CASTRO DE TORRENTE DE ATRÁS, S.L.
DIVERSIFICACION DA EXPLOTACIÓN GANDEIRA CARA O AGROTURISMO GANADERÍA DO MOURO, S.C.G.
TENDA DE COMIDA PARA LEVAR. A COCIÑA DE LUCÍA LUCIA PENEDO GARCIA
MELLORA DE ACCESIBILIDADE E DE INSTALACIONS DE ATENCION AO CLIENTE MAIS EXPOSICION DE PRODUTO CONFECCIONES MAIMEN, S.L.
REVESTIMIENTO NAVE INDUSTRIAL CARPINTERIA METALICA GALANAS, S.L.
Por outra banda, nas iniciativas promovidos por entidades públicas, o investimento total xustificado de estas iniciativas superou o  millón de euros e a axuda pagada os 700.000 euros. O resume sería o seguinte:
TÍTULO PROMOTOR
CENTRO COWORKING-CONCELLO DE VEDRA CONCELLO DE VEDRA
AFORRO ENERXÉTICO E SISTEMA DE CONTROL EN ETAP DE PONTILLÓN E OUTROS CONCELLO DE BOQUEIXÓN
REHABILITACIÓN E ACONDICIONAMENTO DA ESCOLA UNITARIA DE SOLLÁNS PARA A SÚA CONVERSIÓN NUN ESPAZO DE TRABALLO COLABORATIVO CONCELLO DE TEO
SERVIZO DE FOGAR EN TRANSICIÓN CONCELLO DE AMES
ACCESIBILIDADE EDIFICACIÓN MULTIUSOS DE SAN VICENTE CONCELLO DE A BAÑA
REHABILITACIÓN E ACONDICIONAMENTO DO CENTRO SOCIOCULTURAL DO GOSENDE (ERMIDA) CONCELLO DE A BAÑA
MELLORA DO ENTORNO RECREATIVO E PATRIMONIAL DA ÁREA FLUVIAL DE A PONTE VELLA ( PONTE PEREIRA) NO RÍO ABUÍN CONCELLO DE SANTA COMBA
ACTUACIÓNS DE MELLORA NA ESCOLA/LOCAL SOCIAL A ILLA CONCELLO DE SANTA COMBA
ACTUACIÓN DE MELLORAS NA ESCOLA/LOCAL SOCIAL DE BARBEIRA (FONTECADA) CONCELLO DE SANTA COMBA
ESPAZO COWORKING PARA O PRIMEIRO SECTOR CONCELLO DE BRION
VIVENDA DE EMERXENCIA E URBANIZACIÓN DO ENTORNO EN PORTODEMOURO CONCELLO DE VAL DO DUBRA
REFORMA Y ADECUACIÓN PARA PUNTO DE INFORMACIÓN TURÍSTICA Y ETNOGRÁFICA DEL AYUNTAMIENTO DE NEGREIRA CONCELLO DE NEGREIRA
Tamén se axudaron dende o GDR iniciativas de asociacións sen ánimo de lucro e asociacións veciñais. Que perspectivas tedes na convocatoria deste ano? Estamos pechando o período de programación 2014-2020. Nesta última convocatoria 2023-2024, se presentaron proxectos cun importe de investimento que alcanzou os 2.950.923 €. Pola parte que lle compete ao GDR xa os temos todos informados e agora estamos á espera do informe da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural. De seguro que comprometemos todos os fondos, e si máis houbese, comprometeríamolos tamén. Que papel ten a formación para o GDR? Para o GDR Terras de Compostela a formación ten un peso moi importante. Considerámola como un eixo transversal a calquera das actuacións definidas na Estratexia de Desenvolvemento Local. Neste novo período prevese que se centren en dúas modalidades:
  • Modalidade 1: Formación agraria e medioambiental. Os temas poderán ser de agricultura, gandería, silvicultura, desenvolvemento sostible, conservación do medioambiente, procesos industriais agroalimentarios, sanidade vexetal, sanidade e benestar animal, etc.
  • Modalidade 2: Formación rural non agraria. Formación dirixida a aspectos transversais respecto da modalidade 1, como TICs, turismo rural, SICTED, etc.. 
A formación entendémola como un instrumento clave para a promoción do desenvolvemento rural e polo tanto sempre vai dirixida á poboación activa. Polo tanto, preténdese fomentar a aprendizaxe permanente e a formación profesional nos sectores de referencia. Nós interpretamos que unha maior cualificación resultará nunha produtividade laboral, co obxecto de manter ou aumentar a competitividade do seus negocios. Que é o destino fluvial? A Lei 7/2011, de 27 de outubro, do Turismo de Galicia define os Xeodestinos turísticos como ‘as áreas ou espazos xeográficos limítrofes que comparten unha homoxeneidade territorial baseada nos seus recursos turísticos naturais, patrimoniais e culturais, con capacidade para xerar fluxos turísticos e que, xunto á súa poboación, conforman unha identidade turística diferenciada e singular’. Dende o ano 2019, a Asociación Terras de Compostela é ente xestor do Xeodestino Terras de Santiago. Neste caso, trátase dun territorio de 823 km2 de superficie que conta cunha zona fondamente definida pola presenza de tres dos principais ríos de Galicia, tanto por caudal como pola súa riqueza faunística, florística, paisaxística e mesmo cultural: 
    • Ulla, que a delimita polo sur. 
    • O río Tambre, que suca a súa parte central. 
    • O curso alto do Xallas, que marca o seu límite setentrional.
No ano 2019 comezouse a traballar no destino xestionado pola entidade GDR Terras de Compostela co obxectivo xeral de crear unha estratexia de diferenciación para o destino, e en liña con este obxectivo xeral, deseñouse e configurouse un produto turístico fluvial, estruturado en base aos recursos naturais, neste caso os ríos. Imaxe corporativa do Xeodestino fluvial. // Fonte GDR Terras de Compostela
“No GDR Terras de Compostela apostamos por un xeodestino fluvial para potenciar un turismo sustentable”
O Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Terras de Compostela actualiza a súa estratexia cara a dinamización do territorio e a potenciación do xeodestino.  A promoción turística dos concellos que abrangue o Xeodestino Terras de Santiago é un dos puntos fortes na nova estratexia. A aposta por un xeodestino fluvial non só procura atraer xente, senón facer un modelo de turismo que coide do medioambiente e conserve os recursos da zona. En paralelo, as intencións de fomentar o tecido produtivo e a competitividade do territorio xogarán un papel importante entre as accións deste GDR.  Que nos podes dicir dos Plans de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) do cal fóstedes beneficiarios? En 2022 o GDR Terras de Compostela decide acudir á convocatoria extraordinaria dos PSTD co proxecto ‘Nova experiencia enogastronómica e incremento da cota de mercado do destino Terras de Santiago’ do cal fomos beneficiarios cunha asignación de 1.300.000,00€. Entendemos que a orientación enogastronómica podía ser unha moi boa estratexia para o noso Destino. O enfoque non se basa na exaltación dun produto en concreto, senon en crear experiencias novas incluindo toda a impronta da tradición gastronómica na paisaxe e a actividade económica do destino.  As liñas de traballo vanse centrar na potenciación de mercados gastronómicos, a través de  actuacións en diversos mercados gastronómicos para favorecer o seu uso turístico e polo tanto a relación entre vendedores e turistas. Para iso traballaranse novos formatos para o turismo gastronómico.  A estratexia do novo período está enfocada a potenciar o turismo sustentable así como a xerar unha experiencia nas comarcas que abrangue o GDR? Un dos fins da Asociación Terras de Compostela é o de fomentar o turismo como sector de actividade sostible nas áreas rurais como medio para aproveitar os recursos dos territorios locais.   Neste senso, estanse desenvolvendo accións de creación dun programa de experiencias turísticas nos 10 concellos, con actividades de natureza e culturais que promovan o coñecemento dos visitantes desta oferta, á vez que dinamizan a actividade turística en tempada baixa.  A este programa denominámolo “Terras de Santiago: máis alá de Compostela”. A intención é que a xente descubra as Terras de Santiago a través dos seus sendeiros, a súa xente e o seu patrimonio. Traballades en conxunto con outros GDR en Galicia? O certo é que sí, dende o ano pasado estamos a traballar con cinco GDRs de Galicia (Asociación de Desenvolvemento Rural Ribeira Sacra-Courel, ASDECOMOR, Asociación de Desenvolvemento Local Deloa e a de Costa da Morte) nun proxecto de moito peso chamado ‘Paisaxes intelixentes’. Os GDRs socios deste proxecto pretendemos levar a cabo procesos de planificación participada para xerar iniciativas piloto de paisaxes intelixentes nos núcleos rurais do territorio participantes. O proxecto incide directamente na posta en valor das terras agrarias nos núcleos rurais, tanto dende o punto de vista do uso conxunto das mesmas a través das diferentes figuras que se recollen na Lei de Recuperación da Terra Agraria de Galicia, como do seu aproveitamento dende o punto de vista agrario e/ou forestal.  Cales son as vosas prioridades para este ano e o que ven? Neste momento estamos cambiando de período de programación. Remata o período 2014-2020 e comeza o 2023-2027. Esto supón que o territorio, é dicir a sua xente, decida cara onde camiñar a través da elaboración da Estratexia de Desenvolvento Rural. Estamos polo tanto nun momento inspiracional, ilusionante, con capacidad de poder cambiar as cousas porque o territorio non é estático, está en continuo movemento e por eso se necesita a estratexia, para atender ás necesidades sociais, medioambientais, e do propio mercado. Por iso, entre as liñas estratéxicas e propostas de actuación para o novo período estarán claves como a mellora da competitividade e o desenvolvemento do tecido produtivo, ou a conservación, recuperación e rehabilitación do patrimonio natural e cultural, así como actuacións de animación e dinamización territorial que promove o propio GDR, que irán encamiñadas á valorización de produtos locais, e en xeral, á promoción de recursos do territorio, ou á dinamización do sector turístico cara o distintivo de calidade turística SICTED, entre outras.
15 aniversario do GDR Terras de Compostela co recoñecemento á súa labor O pasado venres 6 de outubro tivo lugar o 15 aniversario do Grupo de Desenvolvemento Rural Terras de Compostela, que tivo lugar no Pazo de Vista Alegre de Vedra. Ao longo da xornada organizouse un evento con varias actividades para celebrar o aniversario da asociación. A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé clausurou o acto e destacou o labor que desempeñan este tipo de entidades no rural.

O Grupo de Desenvolvemento Rural de Valdeorras estará presente na XXIV Edición de Xantar en Ourense

O Grupo de Desenvolvemento Rural de Valdeorras participará na XXIV edición de Xantar, o Salón Internacional do Turismo Gastronómico, que se celebrará do 2 ao 5 de novembro en Ourense. A Xunta Directiva do GDR aprobou esta mañá a contratación dunha caseta propia, de 7x4 metros, co que estará presente por primeira vez neste importante evento que se celebra anualmente no recinto feiral de Expourense. A presidenta do grupo, María Carmen González, destacou que “un dos obxectivos básicos dos Grupos de Desenvolvemento Rural é a execución de proxectos de animación e de promoción do territorio. Para iso, unha das accións recollidas na nosa estratexia é a participación en feiras que permitan poñer en valor e difundir as riquezas da nosa comarca. E eventos como Xantar, a través do cal Ourense convértese durante 4 días na capital gastronómica de Galicia e do Noroeste de España, ofrécennos unha oportunidade perfecta”. Destino turístico O GDR promocionará na 23ª edición deste prestixioso salón os principais atractivos gastronómicos, vitivinícolas e turísticos da comarca. Durante os 4 días que dure a feira, do 2 ao 5 de novembro (en horario de 12:00 a 01:00 os 3 primeiros días e de 12:00 a 18:00 o domingo), os visitantes que se acheguen pola caseta poderán recibir información sobre os pratos máis típicos da comarca, sobre as materias primas que se usan na súa elaboración, que son cultivadas e criadas na súa maioría no propio territorio, e sobre os excelentes viños brancos e tintos que se elaboran baixo o selo do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras. Nun momento no que o turismo gastronómico e o enoturismo cada vez teñen máis forza a nivel nacional e internacional, quérese poñer en valor a Valdeorras como un dos destinos máis interesantes para os amantes da boa cociña e da vinicultura. Dous atractivos que se unen á riqueza paisaxística, histórica, patrimonial e ambiental da comarca. Degustacións e catas maridadas Ao longo das 4 xornadas de Xantar, o GDR Valdeorras ofrecerá aos visitantes a feira unha serie de degustacións de pratos típicos de cada un dos 9 concellos que compoñen o territorio. Ademais, o venres 3 de novembro, ás 20:00 horas, terá lugar unha cata dunha selección de viños da D.O. Valdeorras seleccionados polo director técnico do Consello Regulador, Jorge Mazaira, maridados por un selecto menú dalgunhas das elaboracións máis representativas da cociña valdeorresa. As persoas que se acheguen pola caseta tamén poderán recibir información sobre os outros atractivos da comarca: os seus monumentos, a súa historia, a influencia romana, a Vía Nova, o Camiño de Inverno, o turismo industrial, as súas espectaculares praias fluviais ou as súas incribles paisaxes. Sobre o GDR7 O GDR7, o Grupo de Desenvolvemento Rural de Valdeorras, enmárcase no programa europeo Leader 2014-2020. É un dos seis que actualmente están en funcionamento na provincia de Ourense e o seu radio de acción abarca os municipios da Rúa, A Veiga, Carballeda de Valdeorras, Larouco, O Barco de Valdeorras, O Bolo, Petín, Rubiá e Vilamartín; cunha extensión de 969 quilómetros cadrados e 27.000 habitantes.

Os establecementos de turismo dos Ancares que non teñan cociña disporán dunha despensa de pratos tradicionais elaborados por produtores locais

O Grupo de Desenvolvemento Rural Montes e Vales Orientais, en colaboración co Polo de Emprendemento e Apoio ao Emprego da Montaña, continúa desenvolvendo o proxecto A Despensa de Ancares-Terras de Burón, unha iniciativa que pretende incorporar os alimentos que se producen no noso territorio aos establecementos turísticos da zona, tales como pratos xa cociñados, conservas, embutidos e bebidas, entre outros moitos. Esta iniciativa foi presentada o mes de xuño pasado en dúas xornadas celebradas na Fonsagrada e en Navia de Suarna. O seguinte paso é lanzar unha serie de proxectos piloto para os que se están buscando os primeiros establecementos interesados en contar cunha despensa de pratos e produtos locais nas súas instalacións. Tamén continúa a busca de novos produtores interesados en incorporarse como provedores desta despensa e ampliar as formas de darlle saída á súa produción. O obxectivo é tender pontes entre o sector turístico e o agroalimentario, para establecer circuítos curtos de comercialización que contribúan ao desenvolvemento da economía local en Ancares e Terras de Burón. Para conseguilo vanse realizar “tres sesións de traballo nas que produtores e establecementos interesados acabarán de definir os protocolos loxísticos e de traballo necesarios para implementar a rede local ‘A Despensa de Ancares-Terras de Burón”, explica Fe Álvarez, xerente do GDR Montes e Vales Orientais. Primeira sesión A primeira xornada de traballo desenvolverase este vindeiro xoves, día 28 de setembro, en Baleira, a partir das 18 horas. A participar nela están convidados “os xerentes de casas rurais, hoteis, albergues e outros establecementos turísticos que non contan cun servizo de restaurante propio, así como produtores e produtoras do territorio que busquen novas canles de comercializar os seus produtos alimentarios. Poden anotarse a través de whatsapp no número 659275743 ou cubrindo o formulario aloxado no seguinte enlace. Fe Álvarez lembra que son “varios os albergues e casas rurais que xa solicitaron incorporar os produtos desta despensa para ofrecerlle ás persoas que nos visitan un servizo complementario ao aloxamento”, ao tempo que se mostra moi confiada nunha iniciativa que “está espertando un grande interese entre estes establecementos turísticos do territorio, que eran moi conscientes desta necesidade”, apunta.
Sempre buscamos establecer redes colaborativas no territorio que impulsen o desenvolvemento local en todos os seus ámbitos
A xerente do GDR Montes e Vales Orientais está convencida da importancia que vai ter este proxecto, que encaixa á perfección na filosofía de traballo do colectivo. “Sempre buscamos establecer redes colaborativas no territorio que impulsen o desenvolvemento local en todos os seus ámbitos. O obxectivo principal con esta iniciativa é xuntar a diferentes sectores económicos que contan con necesidades, barreiras e problemáticas aparentemente diferentes e poñer en marcha solucións conxuntas que redunden nun beneficio para todos e, en consecuencia, colaborar no desenvolvemento do territorio”, comenta. Con esta unión na despensa entenden que se vai atallar “o desequilibrio entre a oferta de aloxamentos e a oferta de restauración, xa que neste territorio hai moitos máis aloxamentos que establecementos que sirvan comidas ou ceas aos visitantes; e pola outra banda, hai un sector agroalimentario que está poñendo no mercado produtos de gran calidade e que están buscando darlles saída e ampliar as súas canles de venda”, conclúe Fe Álvarez.

‘Vive a reserva’: relatorios, obradoiros e outras actividades a partir deste domingo en Allariz

Este domingo, 24 de setembro, arranca o programa 'Vive a reserva', incluído dentro do proxecto europeo Equal Rural, no que se inclúen oito actividades diferentes que se desenvolverán durante os meses de setembro e outubro en distintos puntos da Reserva da Biosfera Área de Allariz. Tratase dunhas xornadas abertas a todo o público interesado e de carácter gratuíto. Para asistir é necesario anotarse previamente no 664 52 44 86. ‘Vive a reserva’ terá como protagonistas a unha vintena de mulleres da zona relacionadas co medio rural e a súa dinamización. A través das súas experiencias intentarán impulsar unha solución aos principais problemas de hoxe en día, como son a crise demográfica, a falta de relevo xeracional, a inseguridade alimentaria, a crise enerxética ou a adaptación e mitigación ao cambio climático.  A primeira destas actividades será este domingo, 24 de setembro, en San Mamede de Urrós, en Allariz a partir das 10:30 horas. 'Domingos labregos. Fortalecendo comunidades a través do cultivo da terra' é o título da primeira experiencia que chegará da man de Uxía García de Buciños e Novoa, quen dará a coñecer o concepto de Domingo Labrego e Agricultura Sostida pola Comunidade (ASC), ademáis de afondar sobre a horta ecolóxica e botar unha man en diferentes labores labregas. Nesta sesión será necesario levar luvas, prato e vaso porque remata cun xantar para todas/os as/os asistentes que terá lugar en A Torre, nº 12  de Allariz. Programa de actividades A continuación, expóñense todas as citas de ‘Vive a Reserva’:
  • 24 de setembro (San Mamede de Urrós, Allariz): Domingos labregos: fortalecendo comunidades a través do cultivo da terra
  • 30 de setembro (O Mosqueiro, Vilar de Santos): Medrando co pan. Obradoiro para crianzas
  • 30 de setembro (Salón Social de Rairiz de Veiga): Faladoiro “As abellas. Coidados de outono. Pasado, presente e futuro da apilcultura”
  • 7 de outubro (Mercado da Reserva, Allariz): Encontro de troco de sementes
  • 20 de outubro (Fogar dos Maiores, Allariz): Faladoiro “O papel das mulleres nos montes comunais (CMVMC), pasado, presente e futuro”
  • 22 de outubro (Museo da Limia, Vilar de Santos): Pasado, presente e futuro do liño. Actividade incluída na X Feira de Artesanía e Produto Local de Vilar de Santos
  • 28 de outubro (Zona verde do Polígono Empresarial de Allariz): Rabaños de lume: o papel da gandaría extensiva na loita contra os incendios
  • 28 de outubro (Edificio do Concello de A Bola): Deseño de bosques comestibles: introdución teórica e plantación de froiteiras.

Asemblea dos Grupos de Desenvolvemento Rural de Galicia

A asamblea dos Grupos de Desenvolvemento Rural de Galicia, celebrada este martes ao mediodía en Lalín, serviu como punto para destacar o seu traballo na comunidade. O conselleiro do Medio Rural, José González e a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, asistiron ao acto e fixeron fincapé na importancia da súa labor. Deste xeito, o conselleiro salientou “o importante papel que desempeñan os 24 GDR galegos en ámbitos como a xestión dos fondos Leader así como, en xeral, a súa contribución á dinamización do agro na nosa comunidade. Nesta reunión tamén se estudaron as propostas e suxestións dos GDR á Consellería do Medio Rural para o Plan Estratéxico da Política Agraria Común (Pepac)”.

“Queremos multiplicar por catro a produción ecolóxica e apoiar os ciclos curtos de consumo”

O desenvolvemento sostible é o piar de traballo do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Mariñas – Betanzos, que involucra nese obxectivo común ós principais sectores da comarca, o agroalimentario e o turístico. De cara ó periodo 2023-2027, o GDR, xestor do plan Leader no seu territorio, está a deseñar unha estratexia que aposta por cuestións como a agricultura ecolóxica, os ecocomedores escolares ou a conservación da biodiversidade. Tamén aspira a implicar ás comunidades de montes veciñais en proxectos medioambientais. Analizamos co xerente do Grupo, Jorge Blanco, as perspectivas para o novo periodo. Fainos unha pequena radiografía do GDR Mariñas-Betanzos Empezamos no territorio a traballar en desenvolvemento rural no ano 2003, cunha iniciativa PRODER 2, onde estaban só os concellos da comarca da Coruña. No ano 2008, este grupo das Mariñas coruñesas fusionouse co Grupo de Desenvolvemento Rural da Comarca de Betanzos, dando orixe ao GDR Mariñas-Betanzos, con 15 concellos que aglutinan a maior parte da cunca do Mandeo e a do Mero-Barcés.  Desde ahí estivemos traballando co plan Leader ata este período, e fomos seleccionados como GDR para o período 2023-2027, polo que agardamos seguir traballando coa Metodoloxía LEADER nos vindeiros anos. Actualmente, con novas entradas e saídas nestes anos, somos un total de 126 entidades asociadas ao GDR, con representación de todo tipo de colectivos, organizados en 10 mesas sectoriais -no eido do sector agrario, da xuventude, ambiental, Concellos, sector da pesca, institucións, etc., sendo unha verdadeira Mesa de Gobernanza do territorio. Como é a participación das entidades no GDR?. Que obxectivos vos marcades para o periodo 2023-2027? Sempre traballamos moito o tema da gobernanza e fortalecer esa forma de abordar problemas comúns e toma de decisións, para que pouco a pouco vaia enraizando no territorio, e que o proxecto sexa o máis amplo posible. Nestes momentos, abarcamos o desenvolvemento rural moi centrado no agro a través de iniciativas relacionadas coa produción e transformación, animando sempre á produción e transformación en ecolóxico, que será un dos piares da nova estratexia, pero tamén traballamos diversificación, modernización e innovación en todo o tecido produtivo.  Despois, tamén temos prestado un especial coidado a aspectos ambientais. Desde o ano 2013, propuxemos á Unesco que declare o noso territorio Reserva da Biosfera, e desde a Declaración no 2013 temos aliñada a nosa estratexia co programa MAB da Unesco, que plantexa aplicar unha estratexia de desenvolvemento sostible, en sentido amplo, incorporando coñecemento para unha mellor xestión do territorio.  Isto permitiunos reforzar toda a nosa parte ambiental, desde a conservación, a conectividade ecolóxica ou a biodiversidade. En paralelo, tamén fomentamos a creación de espazos naturais de interese local cos Concellos para ter unha rede máis potente de Espazos Protexidos.  Neste sentido, outro dos nosos piares é a Educación ambiental, mediante traballo coas escolas que facemos conxuntamente cos concellos. Hai que engadir que a Cooperación Leader é un aspecto clave, pois entendemos que o Grupo de Desenvolvemento Rural só non é capaz de acceder a todos os recursos necesarios para os proxectos recollidos na estratexia, e as alianzas con outros GDRs e territorios resulta unha ferramenta moi eficaz para tratar problemas e proxectos en común. Unha aposta fundamental na vosa actividade é o entorno e a sustentabilidade. Cómo vai seguir aportando o GDR á protección medioambiental e ao fomento de prácticas en ecolóxico? Pasamos dun período no que os aspectos ambientais se vían prácticamente “confinados” aos espazos naturais a outro no que queremos incorporalos de xeito transversal na xestión do territorio, no sector agrario, gandeiro, forestal, etc. Ademáis, os proxectos de mellora ambiental deben ser realmente de conservación, é dicir, que melloren a xestión do hábitat, do espazo, a eliminación de especies invasoras, ou de procurar a mellora de determinadas especies. Neste sentido, nós temos un valor engadido que son os nosos 20 anos de experiencia na xestión en contacto co territorio. Unha das cousas que aprendimos é que os “tempos da natureza” non se corresponden cos “tempos administrativos”, e sabemos que unha estratexia ten que ser a longo prazo, e na que o Grupo actúe como o facilitador de proxectos para que se poidan financiar desde outras entidades, Concellos, entidades ambientalistas, etc.  Outra das vosas prioridades está orientada ao agro. De que xeito ides apoiar ao sector no novo período? Imos traballar todo o que é mitigación e loita contra o cambio climático, aforro enerxético, xestión de residuos, xestión eficiente da auga, produción con enerxías alternativas, e no sector agrario, específicamente, mellora da biovidersidade e da conectividade ecolóxica. Isto todo é algo que queremos que permeabilice a todos os proxectos, imos impulsalo así nos criterios de selección, e logo, imos ter accións específicas co sector agrario.  Quizais para nós é un dos eixos de traballo máis potentes, todo o que é asumir a estratexia europea ‘Da granxa á mesa’ e a Estratexia da biodiversidade 2030, e nese marco procuraremos multiplicar por catro a nosa superficie e os nosos produtores en ecolóxico, avanzando cara a convertirnos nun Biodistrito. 
Os Eco-comedores escolares, que permiten achegarlle alimentos de proximidade e calidade ó estudantado, é unha iniciativa que se vai levar a máis Grupos de Desenvolvemento Rural
Pensamos que Leader nos vai permitir tanto apoiar a incorporación de novos activos como ampliar os que xa están producindo en ecolóxico ou os que se queiran meter na transición. Complementario a isto será o impulso á comercialización en ciclos curtos, interpretándoa coma unha das bazas a seguir tendo aquí ao lado unha cidade de 250.000 habitantes. Unha das liñas de traballo ao respecto é a de Eco-Comedores escolares, que temos agora en marcha, coa que pretendemos achegar produto local da zona aos mozos e mozas. Nesta iniciativa estamos colaborando con outros 10 Grupos de Desenvolvemento Rural para levar os Eco-Comedores a outras comarcas galegas. A innovación está cada vez máis presente en calquera ámbito productivo. A onde quere achegar o GDR coa innovación? Fundamentalmente queremos facer o impulso no sector agroalimentario, e para iso, temos en Galicia unha ferramenta que son os Grupos Operativos de Innovación agraria. Desde que se puxo en marcha esta ferramenta no período 2014-20, temos desenvolvido distintos proxectos de Grupos Operativos, o que permite unha conexión entre os centros de investigación e universidades co campo e co monte, para achegar información, novas formas de pensar e en definitiva, aportar eficiencia ao sector productivo. Como novidade, queremos comezar a traballar co sector forestal, un sector cunhas inercias distintas ao agrario, e cunhas lóxicas de produción diferentes. Neste caso, queremos mellorar a prestación de servizos ecosistémicos desde o ámbito forestal, mellorando a biodiversidade, a produción de outros subproductos, etc., e queremos que os Montes Veciñais en Mán Común sexan esas superficies piloto para a aplicación destas iniciativas. 
Os montes veciñais teñen capacidade para prestar servizos ecosistémicos, mellorando a biodiversidade. Faremos iniciativas piloto nesa liña
Isto representa un desafío porque o territorio forestal é moi diferente, moi plural e as comunidades teñen dinámicas propias, pero agora temos unha relación de maior confianza con elas, cuns obxectivos comúns, e iso, é o que permite o programa Leader, facer pequenos proxectos que poidamos apoiar desde o grupo, e traballar en rede con outros GDRs para amosar que os cambios se van facendo paso a paso. Ao respecto dos proxectos, como vai ser a distribución de fondos entre productivos e non productivos no novo período? Acorde á liña anterior, imos continuar mantendo maior porcentaxe de produtivos, cos límites que nos fixa Agader - 65% para productivos- porque consideramos que a parte da dinamización da economía é moi importante. Igualmente, tamén manteremos o complemento dos non-productivos, máis destinados á animación sociocultural. Cabe destacar que nós aquí desenvolvemos moita formación porque cremos que é unha fórmula excelente para animar un cambio de modelo, cambiar a forma de pensar, así como tecer alianzas con axentes locais. Cal foi o ton da formación no último período?. E por qué camiño vai seguir neste? Este ano, por exemplo, estivemos cun curso de produción de horta ecolóxica e froiteiras, porque é unha das demandas máis importantes que temos. Entón, os nosos cursos foron e irán por dúas vías: na liña agro -onde tamén somos Entidade de aconsellamento-, e polo apoio técnico aos produtores. Nestes últimos anos temos traballando moito o EcoTurismo, que xa ten unhas dinámicas de desenvolvemento moi positivas.  Temos unha Marca propia da Reserva de Biosfera, que utilizamos para os productos locais e os servizos de Ecoturismo, e que axuda a uniformizar e mellorar a comercialización destos productos, vinculándoos ao desenvolvemento deste territorio.  Neste sentido, a restauración da zona que se involucrou na Marca ten obriga de empregar produtos alimentarios de proximidade, o que xa de por sí é un circuito curto de alimentación.

Aprobada a Estratexia de Desenvolvemento Local do GDR Condado Paradanta para o novo período

A Asemblea Xeral Ordinaria do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) do Condado Paradanta vén de aprobar, no salón de plenos da Cañiza, a Estratexia de Desenvolvemento Local Participativa para o período 2023-2027. Esta definirá os criterios a seguir á hora de seleccionar os proxectos susceptibles de financiamento con fondos LEADER. Con esta aprobación remátase o proceso de elaboración da Estratexia, a expensas da aprobación definitiva por parte da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER). Para o presidente do GDR, Juan Pablo Castillo “culmina unha etapa de intenso traballo realizado no último ano, no que se levou a cabo un exhaustivo proceso de escoita activa da veciñanza, para recoller aquelas liñas que realmente son de interese e teñen potencial de desenvolvemento”. Estratexia transversal Despois de rematar a fase de diagnose, elaborada entre xullo de 2022 e maio de 2023 a través dunha metodoloxía participativa (entrevistas, grupos focais, reunións sectoriais...), procedeuse a identificación dun conxunto de necesidades en torno ás cales o GDR deseñou as áreas de traballo sobre as que versará a EDLP. Esta está aliñada cos obxectivos xerais marcados pola nova Política Agraria Común (PAC), que buscan fomentar un sector agrícola intelixente, competitivo e diversificado, ao tempo que se reforza a protección do medio ambiente e se fortalece o tecido socioeconómico do ámbito rural. Neste senso, as áreas sobre as que a veciñanza amosou interese para potenciar teñen relación con desenvolvemento económico sostible; o aproveitamento da ordenación territorial como canle de desenvolvemento do sector agrario, gandeiro e forestal (con especial atención ó medio natural e a biodiversidade); a promoción do turismo sustentable; o fomento de medidas sociais que promovan criterios de equidade e igualdade; a gobernanza territorial e o apoio á formación e competitividade, entre outros. Tamén se contempla a arte como ferramenta transversal para posta en valor dos demais sectores. “O anterior marcará o rumbo do GDR nos vindeiros anos, máis alá do LEADER, xa que o traballo realizado poderá sinalar a folla da ruta en base as temáticas capitais identificadas no territorio” indica o representante de entidade supramunicipal. Bono Activa Rural O novo período 2023 -2027 incorpora como novidade o Bono Activa Rural, que consiste nunha axuda de ata 18.000 euros en dúas anualidades, para a posta en marcha de actividades non agrícolas en zonas rurais. Esta nova vía de financiamento non esixe xustificar ningún investimento, pero si require o cumprimento do plan empresarial e manter a actividade durante un mínimo de cinco anos, ademais de outros requisitos administrativos. Os proxectos que se presenten a esta modalidade de axuda, concorrerán dentro dos proxectos produtivos, unha das liñas de financiamento dos fondos LEADER, os que tamén contemplan axudas para iniciativas non produtivas (bens ou servizos públicos).

“Para fixar poboación no rural hai que crear emprego, fomentar a inclusión social e dar servizos”

O Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) da Comarca de Ordes intervén en 7 concellos e ten máis de 120 socios. Nestes momentos, continúan con proxectos que arrancaron nos últimos compases do anterior período, e dispóñense a centrar unha liña de traballo para a nova estratexia. Polo momento, as súas prioridades están claras: apostar polas novas tecnoloxías, dar servizos á poboación -principalmente terceira idade e infancia-, fomentar a incorporación de mozos e mozas á actividade, e apoiar o sector agrogandeiro, principalmente de cara a transformación. O xerente deste Grupo, Domingo Lojo, leva máis de 20 anos presente na súa actividade. A pesar de que percibe cambios no reparto e na xestión orzamentaria, entende os desafíos aos que se deben enfrontar, entre os que destaca a necesidade de fixar poboación. Deste xeito, falamos con él para que nos dese máis información ao respecto, e tamén para ver a traxectoria dos últimos anos. Qué presentación pode facer do GDR Comarca de Ordes? A nosa actuación como Grupo de Desenvolvemento oriéntase a 7 municipios: Cerceda, Frades, Mesía, Ordes, Oroso, Tordoia e Trazo, cunha poboación conxunta aproximada duns 36.000 persoas. O punto no que máis se concentra é Ordes, que ten 12.000 habitantes, e logo están Oroso como cidade dormitorio de Santiago, e Cerceda como núcleo industrializado, e os outros catro concellos, con menor densidade de poboación e que son eminentemente rurais. Ademais dos 7 concellos, no GDR hai uns 114 socios privados máis, desde cooperativas agrarias ata asociacións culturais, deportivas, etc. A que axudas e proxectos  -tanto públicos como privados- se orientaron os fondos Leader nos últimos anos? Nós temos dúas tipoloxías de proxectos fundamentalmente, que son os productivos, orientados ás empresas, e os non productivos que son os que promoven os concellos e asociacións. Debido á escaseza de fondos que tivemos neste período -que houbo 3 millóns de euros para proxectos a repartir en cinco anos- apostamos en maior medida polos proxectos produtivos que son os que xeran emprego e fixan poboación, e dentro dos non produtivos, deuselle prioridade a temas sociais, culturais e medioambientais, e en xeral, dotar de servizos á poboación rural.  Entre os proxectos promovidos polos concellos, podemos destacar a creación un Punto de Atención á Infancia (PAI) que da servizo a dous concellos, a recuperación dunha área sensible medioambientalmente (As Brañas de Valga), roteiro do rio Mercurín,  a rehabilitación de inmobles para locais sociais destinados a actividades de asociacións, modernización de bibliotecas municipais, etc.
Unha das nosas prioridades é dotar de servizos á poboación rural por iso apoiamos principalmente proxectos sociais, culturais e medioambientais (Domingo Lojo)
En canto aos produtivos, é dicir, aqueles cuxos promotores son empresarios ou empresas, temos que salientar que contamos cunha limitación no sector agrogandeiro, xa que a Xunta non permite subvencionar ao abeiro do Leader proxectos de máis de 30.000 euros de investimento en produción agraria, e de 60.000 euros en transformación e comercialización de produtos agrarios. Ese importe resulta na maioría dos casos insuficiente para acometer ese tipo de investimentos, pero aínda así, subvencionamos un obrador de transformación de produtos cárnicos, a modernización de unha empresa de fabricación e comercialización de produtos lácteos (Casa Grande de Xanceda), e mesmo demos apoios a algunhas granxas para o emprego de enerxías alternativas. Aparte do sector agrario, tamén se axudou a outras actividades en distintos ámbitos, tales como:  modernización de carpinterías de madeira, creación de plataforma online de subasta de madeira, comercialización de cebo para pesca, albergues turísticos, etc no que a prioridade foi promover a innovación. Tamén axudamos a algunhas cooperativas gandeiras na comercialización de produtos. Gráfico co reparto de fondos entre proxectos productivos e non productivos do período anterior./ Fonte: GDR Comarca de Ordes Ademais destas levastes a cabo outras iniciativas? Si, o propio grupo levou a cabo proxectos de animación e promoción territorial con marcado carácter social como a elaboración dun documental e un proxecto educativo en contra da violencia de xénero e que levan como nome “Murmurios de Silencio” no que se lle da voz a vitimas de violencia de xénero da nosa comarca e no que colaboraron o Centro de Información á Muller da Mancomunidade de Ordes e a Secretaría Xeral de Igualdade. Nun ámbito diferente, levamos a cabo o proxecto “O Camiño que nos une” que mesturaba andainas, coñecemento do territorio, emprendemento musical e valorización de produtos locais.  Que perspectivas de futuro tedes para os proxectos de investimento neste novo período? Nestes momentos estamos no proceso de delimitación de obxectivos e de decisión das accións que queremos implementar no período 2023-2027, polo que temos que ir centrando a liña de traballo de acordo aos fondos Leader e ás directrices da Xunta, tendo en conta a escaseza de fondos coa que contamos. Aínda que estamos comezando con ese proceso, podemos dicir que os proxectos relacionados coa atención á terceira idade, á infancia, e colectivos desfavorecidos van ser preponderantes, así como a aplicación das NNTT, a creación de emprego, e o desenvolvemento sostible. Do mesmo xeito, na comarca temos moito tecido agrogandeiro, e a pesar de limitacións que se non impoñen, imos tratar de apoialo, principalmente no apartado de transformación, para que o valor engadido dos produtos quede no territorio. En definitiva, as liñas de actuación para o seguinte período queremos centralas nos tres piares das sustentabilidade: económico, ambiental e social.
Nesta convocatoria todos os temas relacionados con atención á terceira idade, á infancia, e colectivos desfavorecidos van ser preponderantes (Domingo Lojo)
Traballastes en conxunto con outras Asociacións ou Grupos de Desenvolvemento Rural. Que proxectos estades levando a cabo? Efectivamente, en proxectos de cooperación traballamos fundamentalmente en dous eidos: novas tecnoloxías pero facendo fincapé no patrimonio cultural, tanto material como inmaterial. Exemplo disto pode ser a iniciativa ‘Museos vivos’ pola cal, pretendemos que aqueles museos do territorio que quedaron pechados por diferentes motivo, abríronse de novo cun sistema de apertura dixital, e a axuda  de audioguías e videoguías. No sector primario, apoiamos á Administración na dinamización da Lei de Mobilidade de Terras, a través de dous proxectos: un deles baséase na figura das  Permutas de Terra Agraria, no que participamos con outros dous grupos (Comarca de Lugo e Pontevedra Norte), e o outro, “Paisaxes Intelixentes” pretende levar a cabos procesos de planificación participada para xerar iniciativas piloto de paisaxes intelixentes nos núcleos rurais dos territorios participantes, que contribúan ao desenvolvemento de figuras de mobilidade das terras agrarias como mecanismos para recuperar as paisaxes. Neste último proxecto, participamos 5 GDRs dos que cada un elixe unha temática paisaxística que queira desenvolver no seu territorio; tanto nós, como o GDR Costa da Morte priorizamos a recuperación de variedades fitoxenéticas tradicionais e a implementación de campos de ensaio de novos recursos fitoxenéticos.  Hai algunha novidade para o seguinte período de progamación? As novidades, así a bote pronto, pódense resumir nas seguintes:  teremos moitos menos recursos económicos para xestionar a estratexia; haberá  obrigatoriamente unha liña de formación con moi pouca dotación económica, e que antes era optativa; a inclusión do importe da  cooperación no cadro financeiro dos grupos que ascenderá ao 5% do total da estrategia e a implementación do Bono Activa Rural cunha axuda a tanto alzado. Polo resto é bastante semellante ao anterior, tan só que nos temos que adaptar aos novos retos e obxectivos da Política Agraria Común, claro. Como valora a dinamización e desenvolvemento rural nos municipios que comprende o GDR? O incremento da carga administrativa que recae sobres os equipos técnicos dos GDR, a burocratización dos procesos e a diminución de fondos, dificultan as tarefas de animación territorial. Con todo, o grupo realizou un esforzo moi importante para a promoción e a animación do territorio que comeza a dar os seus frutos, e proxectos como “O camiño que nos une” deberíase realizar anualmente. En canto ao desenvolvemento rural, debemos entender que nese concepto inclúense tanto as iniciativas agrogandeiras, como aquelas que se levan a cabo noutros sectores, e que teñen por obxecto a diversificación económica do territorio, e neste eido avanzouse bastante na Comarca de Ordes.