Como reducir as emisións? (I) Xestión do purín e o esterco

Nos próximos anos o aspecto ambiental nas ganderías de vacún pesará de forma significativa nas axudas da PAC e, por tanto, na súa rendibilidade. Este é un compendio das ferramentas e técnicas dispoñibles que permiten mitigar os gases de efecto invernadoiro xerados

El objetivo en 2050 es que la ganadería de vacuno de carne secuestre tanto carbono como produzca

O obxectivo en 2050 é que a gandería de vacún de carne logre secuestrar tanto carbono como produza

A interprofesional do vacún de carne, (Provacuno), acaba de publicar un Código de Boas Prácticas Medioambientais coas que conseguir reducir progresivamente os gases de efecto invernadoiro xerados polas explotacións co obxectivo de que a gandería logre ser climáticamente neutra en materia de carbono en 2050. O obxectivo é secuestrar o CO2 equivalente aos gases de quecemento global que xera no seu proceso produtivo.

A preocupación ambiental aumenta na sociedade (e por tanto tamén no consumidor), polo que a diminución da pegada ambiental e a contaminación converteuse nunha necesidade na que, pese ao esforzo dos gandeiros e o seu intento de adaptación progresiva nos últimos anos, aínda existe marxe de mellora.

Metano, amoníaco ou nitratos son termos que estarán no día a día dos gandeiros nos próximos anos

Aínda que frear o quecemento global é unha necesidade humana a nivel planetario que afecta a todos os sectores económicos, desde distintos ámbitos e de maneira interesada focalizouse sobre a gandería a lupa das emisións de gases de efecto invernadoiro, unha mensaxe que calou mesmo nas elites gobernantes, de forma que as normativas europeas e estatais poñen xa o acento sobre a diminución de emisións, ao mesmo nivel que sobre os aspectos nutricionais dos alimentos, en documentos como a Estratexia da Granxa á Mesa, presentada o pasado mes de maio, en plena pandemia sanitaria, pola Comisión Europea.

Metano, amoníaco ou nitratos son termos que estarán no día a día dos gandeiros nos próximos anos. A pesar de que os últimos datos do inventario do Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico feitos públicos o pasado marzo, atribúenlle ao sector da carne de vacún tan só o 3,6% das emisións totais de gases de efecto invernadoiro en España, o sector vacún está obrigado a reducir, por exemplo, as súas emisións de amoníaco un 40% na próxima década, segundo o listón legal colocado polo Goberno español no Plan de Proxeccións de Emisións de Gases Contaminantes á Atmosfera.

Aínda que están pensadas para explotacións de carne, moitas das medidas son tamén aplicables a ganderías de leite

Trátase dun obxectivo que non é doado de lograr e para o que ata o de agora non existía un documento de referencia, de carácter práctico, con medidas a aplicar nas explotacións. A través deste Código de Boas Prácticas que acaba de ser presentado, as explotacións contarán cunha ferramenta de base científica para saber que facer en cada caso, en función das características particulares de cada gandería, e os seus efectos.

Esquema resumen de las principales medidas a aplicar para reducir las emisiones de la ganadería de vacuno

Esquema resumo das principais medidas a aplicar para reducir as emisións da ganadería de vacún

A guía, elaborada por 17 expertos integrados na Red Remedia e pertencentes a 7 institucións e centros de investigación españoles (CSIC, INIA, Neiker, Universidad Autónoma de Barcelona, Universidad Politécnica de Valencia, Universidad de Córdoba e Basque Center for Climate Change), recolle un total de 37 medidas de mitigación de emisións estruturadas en 5 grandes bloques: alimentación; mellora do funcionamento do rumen; xenética, reprodución e manexo; xestión do esterco e pastos e cultivos.

A guía foi elaborada por investigadores pertencentes á rede científica Remedia, que desde o 2012 engloba a expertos que traballan na mitigación do cambio climático nos sectores agrario, gandeiro e forestal

Dentro de cada bloque identificáronse as medidas dispoñibles, describindo brevemente o fundamento destas, os efectos sobre os diferentes gases de efecto invernadoiro, así como a dispoñibilidade tecnolóxica e económica de cada medida. Con esta información, preténdese que cada produtor poida identificar as medidas máis aplicables en termos custo-beneficio á súa explotación.

Iniciamos en Campo Galego unha serie de catro artigos nos que tentaremos desagregar cales son estas posibilidades de actuación a nivel de granxa e os seus efectos redutores, empezando pola xestión de xurros e estercos, un aspecto clave e que sufrirá modificacións coa próxima entrada en vigor do Decreto de Nutrición Sostible de Cultivos redactado polo Ministerio de Agricultura.

TRATAMENTO E APLICACIÓN DE PURÍNS:

balsa purin

Cuberta de balsas de xurros
As balsas de xurros son fontes relevantes de emisión de metano. Cubrir estas balsas evita a emisión descontrolada deste gas. Esta técnica funciona mellor cando a cuberta é estanca e se equipa a balsa cun sistema de recuperación do biogás co seu aproveitamento para a xeración de enerxía ou cunha chama piloto que queime a mestura de gases producida, xa que se xeraría dióxido de carbono (CO2), tamén contaminante pero cun efecto invernadoiro 24 veces menor que o metano (CH4).

As cubertas estancas permiten a recuperación de biogás e reducen as perdas de nutrintes do xurro, aumentando a súa capacidade fertilizadora

Ademais, ao reducirse as emisións de óxido nitroso (N2O), a súa capacidade como fertilizante increméntase ao aumentar o contido en nitróxeno do xurro, permitindo así reducir o uso de fertilizantes sintéticos.

Burgo de Negral costra purin

Manter costra permanente nas balsas ou fosas de xurro
A presenza de costra natural nos depósitos de xurro relaciónase coa redución das emisións de amoníaco, xa que evita o contacto do xurro coa atmosfera, diminuíndo a circulación de aire sobre a superficie emisora. Considérase que o uso de material orgánico nas camas (serrín, palla, etc) favorece a súa formación, do mesmo xeito que a forma de enchela, frecuencia e condicións climáticas da contorna.

A costra evita o contacto do xurro coa atmosfera e reduce as emisións de amoníaco ata nun 60% na fase de almacenamento

Ademais da redución de emisións de amoníaco, o metano pode verse tamén disminuído pola creación de zonas aeróbicas nos primeiros centímetros da superficie, onde o CH4 se converte en CO2 pola acción das bacterias metanotróficas.

Ao reducirse significativamente as perdas de nitróxeno en forma de amoníaco, a capacidade fertilizante do xurro vese incrementada

Ao reducirse significativamente as perdas de nitróxeno en forma de amoníaco, a capacidade fertilizante do xurro vese incrementada, pero este feito obriga a optimizar a aplicación en campo para minimizar as perdas de amoníaco e óxido nitroso.

Aplicación de xurro mediante tubos colgantes
Consiste na aplicación localizada dos xurros mediante tubaxes que o depositan na superficie do chan. Trátase dunha técnica deseñada para reducir as emisións de amoníaco, e, por conseguinte, as emisións indirectas de óxido nitroso, e é unha das opcións permitidas para a aplicación do xurro trala restrición das aplicacións en abanico.

Destinado principalmente ao abonado de praderías, ao evitar emisións e perdas de nutrintes asociadas ao esparexemento mediante sistema de prato, permite aproveitar mellor a capacidade fertilizante do xurro

O obxectivo desta técnica é reducir a superficie de xurro en contacto coa atmosfera. É aplicable principalmente en cultivos herbáceos en fases iniciais de crecemento e a súa principal vantaxe é ser un sistema pouco intrusivo co cultivo.

inyector purin

Aplicación de xurro mediante inxección
Do mesmo xeito que a aplicación do xurro mediante tubos colgantes, a inxección no chan é unha técnica deseñada especialmente para reducir a emisión de amoníaco. Combina un arado que abre regos na terra cunhas mangueiras que depositan o xurro no rego aberto e é outra das posibilidades permitidas pola nova normativa sobre fertilización de chans agrícolas.

En comparación co método de tubos colgantes, é unha técnica que reduce máis as emisións de amoníaco, pero ten un maior custo enerxético e de desgaste de maquinaria, existindo dificultades para aplicala en chans pesados de textura arxilosa

Existen dificultades ao realizar inxección de xurro en chans pesados de textura arxilosa pola súa menor permeabilidade e facilidade de encharcamiento, dado que a humidade do terreo é un factor que favorece as emisións. En comparación co método de tubos colgantes, é unha técnica que reduce máis as emisións de amoníaco, pero ten un maior custo enerxético e de desgaste de maquinaria.

SAT O Liñar separador1

Separación sólido-líquido de xurros
A colocación dun sistema de separación da fracción sólida e líquida do xurro permite facer unha xestión diferenciada de ambos compoñentes: a parte sólida pode someterse a un proceso de compostaxe que incrementa o seu valor fertilizante ou permite a súa reutilización nas camas como material de recheo de cubículos, mentres que a redución do contido en materia orgánica da parte líquida diminúe de forma moi importante as emisións de metano debidas á fermentación nas balsas ou pozos de xurro.

A separación do xurro e a xestión diferenciada da parte sólida e líquida permite realizar un uso agronómico máis eficiente

Para ser máis efectiva, a separación ha de facerse canto antes, preferiblemente sobre xurro recentemente excretado ou que leve pouco tempo almacenado. Do mesmo xeito, para evitar a emisións secundarias de amoníaco deben usarse técnicas como a aplicación e enterrado rápido da fracción líquida resultante.

Compostaxe
A compostaxe é un tratamento aeróbico que se aplica sobre o esterco ou sobre a fracción sólida do xurro que permite lograr un abono orgánico estabilizado en termos de nitróxeno, cunha maior concentración de nutrintes (elevada concentración de nitróxeno de liberación lenta), diminución de patóxenos e redución de cheiros.

Compostar aumenta o valor fertilizante do esterco e reduce á metade as emisións de metano

Respecto a un almacenamento estándar do esterco, este sistema reduce á metade as emisións de metano e trala aplicación en campo o compost aminora de maneira significativa as emisións de óxido nitroso, compensando as emisións acumuladas durante o proceso de compostaxe.

Ao tratarse dun abono estabilizado con elevada concentración de nitróxeno de liberación lenta, as emisións de amoníaco en campo redúcense significativamente ata compensar as que se producen no proceso de compostaxe

A compostaxe relaciónase co aumento das emisións de amoníaco debido á mineralización do nitróxeno orgánico durante o proceso. Estas emisións poden supoñer ata un 45% do contido inicial do nitróxeno incluído no esterco. Estas emisións nitroxenadas poden reducirse cubrindo a pila para compostar para limitar a transferencia ao aire, evitando un excesivo número de volteos no proceso e mediante a compactación do montón de esterco.

Biogas_Mouriscade_lalin_standar

Extracción de biogás
A dixestión anaerobia é un sistema de tratamento que potencia a produción de metano procedente do xurro en condicións controladas co obxectivo de aproveitalo para a obtención de enerxía mediante a súa combustión, habitualmente nun motor de coxeración (producindo enerxía térmica e eléctrica).

As plantas de biogás reducen en gran medida a emisión de metano procedente do xurro, non así a carga de nitróxeno e as emisións de amoníaco nos efluentes digestados

É importante someter o xurro a este proceso de dixestión anaeróbica canto antes para evitar emisións de metano anteriores que diminúan o seu potencial na planta de biogás. O habitual é utilizar a co-dixestión con outros substratos, idealmente de dispoñibilidade local, que complementan o potencial dos xurros para xerar biogás.

Aínda que é unha tecnoloxía madura e dispoñible no mercado, a clave da súa viabilidade económica depende do valor da enerxía obtida. En España é, a día de hoxe, unha técnica pouco viable polo seu elevado custo e as limitadas primas existentes actualmente a este tipo de enerxía, polo que o investimento necesario só é asumible por granxas ou agrupacións de certo tamaño.

Uso de adhitivos inhibidores da nitrificación
Os procesos microbiolóxicos polos que se produce óxido nitroso pódense modificar grazas ao uso de aditivos químicos.

Existen dous tipos de aditivos inhibidores:
• Inhibidores da nitrificación: que inhiben a oxidación de amonio (NH4+) a nitrato (NO3-). Os animais que reciben estes inhibidores co alimento excretáno sen alterar os ouriños, polo que poden exercer a súa función sobre as excretas.
• Inhibidores da ureasa: impiden o paso de urea a amonio, polo que presentan gran potencial para reducir as perdas de amoníaco por volatilización. Estes inhibidores téñense aplicado tanto ao chan como ao esterco almacenado. Os inhibidores da ureasa reducen a volatilización de amoníaco, xa que este non chega a formarse e, por tanto, tamén as de óxido nitroso, ao ser o amoníaco un precursor deste.

O uso de inhibidores da nitrificación reduce as emisións de óxido nitroso asociadas aos ouriños en máis dun 60% e pode aumentar a produción de pastos cando se utilizan con animais en pastoreo

Os inhibidores da nitrificación reducen de forma directa a emisión de amoníaco, pero poden aumentar o amonio dispoñible no chan, polo que provocaría un aumento das volatilizacións deste gas a longo prazo.

ALMACENAMENTO E XESTIÓN DE ESTERCOS:

retirada de esterco

Aumentar a frecuencia na retirada do esterco
A cama profunda (almacenamento durante longos períodos de tempo) pode ocasionar maiores emisións de óxido nitroso e metano, ao acumularse maior cantidade de material degradable e facelo en condicións de compactación (ausencia de osíxeno). Retirar frecuentemente a cama (frecuencia de polo menos 1 vez ao mes) impediría que se emitisen estes gases no aloxamento interior.

Retirar polo menos unha vez ao mes o esterco das camas evitaría a emisión de óxido nitroso e metano

Aínda que as emisións do esterco sólido son relativamente baixas, a súa retirada frecuente reduce a xeración de metano, ao diminuír as condicións anaeróbicas necesarias, así como de óxido nitroso, xa que estas redúcense pola menor cantidade de substrato orgánico dispoñible.

Con todo, o problema destas emisións non desaparece, senón que se traslada aos estercoleiros, onde poden continuar se non se fai un adecuado manexo do esterco almacenado.

Almacenamento de esterco sólido
É recomendable o amontoado do esterco sobre unha superficie de formigón ou dun chan compacto
e impermeable. En ambos casos, é convinte recoller as drenaxes mediante un canalización, para
o seu almacenamento nun depósito específico, xa que recoller estes lixiviados reduce o risco de contaminación
de acuíferos.

Protexer os estercoleiros cunha cuberta para impedir a acción directa do sol, ben sexa introducíndoos dentro dun alpendre ou cubrindo a superficie do esterco, reduce as emisións de amonio (NH4)

Débese cubrir o estercoleiro cunha cuberta, con independencia da recomendación de cubrir tamén o propio esterco con palla ou cun plástico flexible para evitar o contacto directo co aire. A redución das emisións de gases producirase como consecuencia de impedir o contacto directo entre o esterco e o aire, que é o lugar o que se produce a liberación de metano (CH4). Dita emisión diminúe substancialmente por baixo dos 10ºC de temperatura ambiental e aumenta por enriba dos 25ºC.

A emisión de metano, que se produce en contacto co aire, diminúe por baixo de 10ºC e aumenta substancialmente por enriba dos 25ºC

Realizáronse estudos sobre o impacto de distintas medidas de manexo do esterco e as porcentaxes de redución de emisións que se conseguen: cando se mantén o esterco sobre un chan impermeable, e cun sistema de drenaxe, a porcentaxe de redución de emisións oscila entre un 0 e un 3%; se cubrimos o esterco con palla ou cun plástico, estabilizado fronte á radiación ultravioleta, a porcentaxe de redución valorouse entre 2 e 5%. Todas estas medidas contribúen tamén a aumentar o valor fertilizante do esterco.

esterco

Abonado mediante incorporación do esterco ao terreo
O esterco debe enterrarse ou mesturarse coa terra no momento da súa aplicación ou nas 4 horas seguintes. Enterralo despois das doce horas supón unha perda importante do nitróxeno achegado, pola súa volatilización como óxido nitroso, polo que enterrar o esterco canto antes fai que o nitróxeno retido no chan aumente, aumentando desta forma a capacidade fertilizante do esterco.

O esterco debe enterrarse ou mesturarse coa terra no momento da súa aplicación ou nas 4 horas seguintes

Outras precaucións na aplicación do esterco son:
• Non aplicalo en chans húmidos, ou en momentos de risco de choiva, nos que se facilita a liberación de óxido nitroso. O mesmo ocorre se se aplica en lugares asolagados, nevados ou xeados.
• Analizar as características do terreo no que se vai a aplicar, especialmente se hai pendentes ou proximidade a leitos de auga, mananciais ou pozos, para previr que se produzan escorrentías ou arrastres.
• Aplicar o esterco cando o requiran os cultivos e na dose apropiada.

MÁIS INFORMACIÓN: 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información