Bos índices de nitrato e fósforo en auga: o caso dun regato da conca que suministra á Coruña

Durante 14 anos, un estudo das Universidades de A Coruña e Vigo, en colaboración coa de Valladolid, monitoreou a calidade do regato Corbeira, que en último termo leva as súas augas ó encoro de Cecebre

Bos índices de nitrato e fósforo en auga: o caso dun regato da conca que suministra á Coruña

Encoro de Cecebre. / Imaxe: María Varela Martínez.

Dúas son as fontes de contaminación principais que sinala Europa sobre os cauces fluviais: as augas residuais urbanas, que con frecuencia non teñen un tratamento suficiente, e as fontes de contaminación difusa, como as agrarias. Sobre a contaminación por motivos agrarios, as noticias adoitan centrarse en casos problemáticos, como o da Limia, que espera a súa declaración como zona vulnerable a nitratos, pero existen tamén exemplos positivos a destacar, como o do regato Corbeira.

O regato Corbeira é un cauce de 10 km. que se ubica entre os concellos de Oza-Cesuras e Abegondo, nunha zona agroforestal. As súas augas desembocan no río Mero, que vai dar ó encoro de Cecebre, punto de suministro de auga potable para á Coruña. Por ese motivo, o monitoreo das augas desta conca é de especial interese.

Un estudo das Universidades de Vigo e da Coruña, que se publicou este ano, monitoreou durante 14 anos (2004-2018) os niveis de nitratos e fósforo no regato Corbeira, concluíndo que as concentracións de ambos nutrientes son relativamente baixas, o que demostra que nin as prácticas agrícolas nin as forestais poñen en perigo a calidade da auga.

O monitoreo continuado comprobou que os niveis de fósforo e nitratos estaban moi por baixo dos límites marcados na Directiva Marco da Auga, así como do limiar proposto en distintos estudos científicos para protexer as especies de auga doce máis sensibles.

Sobre a evolución ó longo dos anos da investigación no Corbeira, as tendencias que se observan non son claras, pois a presenza de nutrientes na auga está moi influenciada polas precipitacións. Así, os veráns adoitan ser a época con menor concentración de nitratos e fósforo.

En canto ós nitratos, semellan ter unha presenza en retroceso, asociada a un menor tránsito no outono e primavera, quizais en parte pola reducción da actividade agrícola na comarca durante os 14 anos de monitoreo.

No que respecta ó fosforo, percibiuse que a súa concentración aumenta no inverno, cando hai máis fluxo e transferencia de sedimentos. O fósforo chega ós cauces principalmente polas augas superficiais de escorrentía, en tanto os nitratos adoitan estar máis ligados a fluxos subterráneos. Por ese motivo, a persistencia dos nitratos nos cauces adoita ser máis difícil de solucionar, mesmo décadas despois de que cambiaran as prácticas que propiciaron a súa concentración.

Lugar de estudo e metodoloxía

O Corbeira é un afluente pola marxe dereita do río Mero, o principal da zona que contribúe ao embalse de Cecebre -o punto de abastecemento de auga á cidade de A Coruña e arredores-. O principal uso do solo que o rodea é forestal, correspondente un 65% da superficie da conca a plantacións comerciais de eucalipto e piñeiro.

A segunda maior presenza é a de superficie agrícola, a cal representa un 30%, dominada por pastos e prados (25%). A porcentaxe de terreo agrícola restante (5%) está ocupada por cultivos forraxeiros principalmente e pequenas hortas. Complétase a superficie cos camiños e vías forestais distribuídos por toda a cunca (5%).

En canto á metodoloxía seguida, este traballo de investigación parte dun seguimento de 14 anos hidrolóxicos -entre o 2004 e o 2018- que inclúe a medición da precipitación, a descarga e a mostraxe automática e manual da auga do regato na saída da conca.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información