Bruxelas focaliza o problema das emisións agrícolas no sector gandeiro ao afirmar que o 70% das emisións proceden da gandería (metano e ácido nitroso). Ademais, indica, o 68% das terras agrícolas están destinadas á produción animal (39,1 millóns de hectáreas de cereais e oleaxinosas e 70,7 millóns de hectáreas de pasteiros en 161 millóns de hectáreas de terras agrícolas nos 27 países da UE, segundo os datos de Eurostat relativos a 2019).
Dentro do Pacto Verde Europeo e nun dos seus documentos esenciais, o da Estratexia Da granxa á mesa –impulsada pola comisaria de Saúde e Seguridade Alimentaria, Stella Kyriakides, e non polo comisario de Agricultura, Janusz Wojciechowski–, a Comisión Europea pretende reducir o impacto ambiental e climático da produción animal mediante o desenvolvemento dunha produción gandeira que mellore o benestar dos animais e reduza a pegada ambiental.
No Plan de Acción da Estratexia Da granxa á mesa, que conta cun total de 27 medidas, tres delas fan referencia especificamente ao sector gandeiro: por exemplo, a avaliación e revisión da lexislación vixente en materia de benestar animal, así como a relativa ao transporte e ao sacrificio de animais (prevista para 2023); a proposta de revisión do Regulamento de aditivos para pensos a fin de reducir o impacto ambiental da gandería (2021); e a iniciativa da UE sobre a captura de carbono en chans agrícolas (prevista no terceiro trimestre de 2021).
A lexislación en materia de benestar animal, transporte e sacrificio será modificada no 2023
“A Comisión está a levar a cabo unha revisión do programa de promoción da UE para produtos agrícolas, con miras a aumentar a súa contribución á produción e o consumo sostibles, e en consonancia coa evolución das dietas. En relación coa carne, esa revisión debería centrarse no modo en que a UE pode utilizar o devandito programa de promoción para apoiar os métodos de produción gandeira máis sostibles e eficientes en materia de carbono”, propón Bruxelas.
Bruxelas pretende reducir a dependencia da soia importada con proteínas vexetais cultivadas na UE, así como con produtos de orixe mariña como as algas ou os desperdicios de peixe
Para axudar a reducir o impacto ambiental e climático da produción animal, evitar a fuga de carbono a través das importacións e apoiar a transición en curso cara a unha gandería máis sostible, a Comisión facilitará a comercialización de aditivos alimentarios sostibles e innovadores. Examinará as normas da UE para reducir a dependencia de materiais de alimentación críticos (por exemplo, soia cultivada en terras deforestadas en lugares como Brasil) mediante o fomento de proteínas vexetais cultivadas na UE, así como materiais de alimentación alternativos, por exemplo algas e subproductos da bioeconomía como o desperdicio de peixe. “Facilitarase asímesmo a introdución no mercado de aditivos sostibles e innovadores para pensos que axuden a reducir a pegada de gases de efecto invernadoiro e a contaminación da auga e do aire asociadas”, anuncia o Executivo comunitario.
Alternativas á carne na dieta
Bruxelas pretende reeducar aos europeos na súa forma de comer, modificando hábitos de consumo e reequilibrando a dieta da poboación cara a un maior consumo de vexetais en detrimento de outros produtos de orixe animal, como a carne ou os derivados lácteos, argumentando beneficios para a saúde e o medio ambiente.
“En xeral, as dietas europeas non están en liña coas recomendacións dietéticas nacionais, e a contorna alimentaria non garante que a opción saudable sexa sempre a máis doada. Se as dietas europeas estivesen en liña coas recomendacións dietéticas, a pegada ambiental dos sistemas alimentarios reduciríase significativamente”, xustifica o Executivo comunitario.
Se as dietas europeas estivesen en liña coas recomendacións dietéticas, a pegada ambiental dos sistemas alimentarios reduciríase significativamente, afirma a Comisión Europea
Pero a UE dá mesmo un paso máis aló. De feito, o programa Horizonte Europa “fomentará a investigación para aumentar a dispoñibilidade e o abastecemento de proteínas alternativas, como as proteínas vexetais, microbianas, mariñas e baseadas en insectos, e os substitutos da carne”, avanza a Comisión.
Maiores restricións aos antibióticos na produción gandeira
Para desenvolver o Pacto Verde e a Estratexia Da granxa ao garfo a UE aprobará en 2021 unha lexislación máis restritiva en materia de uso de antibióticos, pesticidas e fertilizantes químicos. Calcúlase que as resistencias aos antibióticos provocan a morte de 33.000 persoas cada ano no conxunto da Unión Europea e que, de seguir a tendencia actual, en 2050 morrería máis xente por resistencias bacterianas que por cancro.
As vendas de antibióticos en España en 2016 foron as segundas máis altas na UE despois de Chipre e son 2,5 veces superiores á media da UE
“As vendas en axentes antimicrobianos veterinarios en mg por cabeza en España aumentaron ata 2014 e diminuíron en 2015 e 2016. As vendas en España en 2016 –350mg por cabeza– foron as segundas máis altas na UE (despois de Chipre) e son máis de 2,5 veces máis alta que a media da UE –que se sitúa por baixo de 150mg–”, indica a Comisión Europea.
España, moi lonxe dos obxectivos fixados para redución de amoníaco
Do mesmo xeito que nos obxectivos de redución do uso de antibióticos España atópase moi atrasada a respecto do resto de países da UE, o noso país tamén se atopa moi por detrás da evolución comunitaria na minoración das emisións de amoníaco á atmosfera.
As emisións de amoníaco (NH3) da gandería constitúen, ademais dunha perda económica para o gandeiro, un dano ao medio ambiente pola contaminación do aire, os chans e as augas e un dano para a saúde. E é que a agricultura e a gandería son responsables en España do 91% das emisións de amoníaco, sobre todo o sector porcino, o principal emisor deste gas contaminante en España.
Para atallar este problema, Bruxelas, a través do Protocolo de Gotemburgo, estableceu un réxime de teitos nacionais, ou cotas de emisións de amoníaco, de forma que a partir do ano 2020 deberanse reducir as emisións nacionais nun 3%, respecto ao ano 2005, e nun 16% a partir do ano 2030.
España é o país da UE que máis se desvía dos obxectivos fixados no Protocolo de Gotemburgo, superando nun 47% os valores de emisións fixados
Con todo, no último inventario remitido en marzo de 2019, o Estado Español superaba, en 165 kt de NH3, o límite de 353 kt asignado na Directiva de Teitos para España entre 2010 e 2019, o que equivale a un 47% por encima do acordado, sendo España o Estado da UE que en maior proporción se desviaba dos valores de emisións fixados.
Hai unha tendencia á baixa na emisión total de amoníaco da agricultura na UE desde 1999, cando roldaban os 4 millóns de toneladas anuais, aínda que están a aumentar desde 2013, situándose en 2016 en 3,6 millóns. “España está moi lonxe de alcanzar os obxectivos de emisión de NH3 para 2020 (-3% en comparación con 2005) e 2030 (-16%) segundo o establecido pola Directiva NEC. En 2016, as emisións de NH3 aumentaron un 0,8% en comparación con 2005. En xeral, a emisión en España é bastante estable no tempo, fluctuando entre 400.000 e 500.000 toneladas. Hai unha diminución na emisión de amoníaco entre 2003 e 2012, pero aumenta de novo a partir de 2013”, reprocha a Comisión Europea a España.
Segundo a Directiva NEC, España debe reducir as emisións de amoníaco un 3% en 2020 e un 16% en 2030 en comparación con 2005
A Directiva (UE) 2016/2284 de Teitos Nacionais de Emisión (NEC), relativa á redución das emisións de determinados contaminantes atmosféricos, en concreto, dióxido de xofre (SO2), óxidos de nitróxeno (NOx), compostos orgánicos volátiles non metánicos (COVNM), amoníaco (NH3) e partículas finas (PM2,5), impón a elaboración, adopción e aplicación, a cada Estado membro, de programas nacionais de control da contaminación atmosférica e o seguimento das emisións e os seus efectos.
Co fin de cumprir os compromisos nacionais de redución de emisións e evitar as sancións de Bruxelas, o Goberno español aprobou en 2019 o Programa Nacional de Control da Contaminación Atmosférica, que fixa prioridades, obxectivos e medidas para os distintos sectores, entre eles a agricultura e a gandería. Deseñado para o horizonte 2020-2030, inclúe un catálogo de 50 medidas agrupadas en 8 paquetes sectoriais: mix enerxético; transporte; industria; eficiencia enerxética en vivendas, comercios e oficinas; residuos; agricultura; restos de poda e gandería.
Entre outras medidas, inclúese a alimentación multifase en todas as especies gandeiras e o axuste do contido en proteína bruta tendo en conta as necesidades dos animais, medidas de xestión de estercos, como a evacuación frecuente do esterco almacenado no lugar de cría dos animais e a incorporación de medidas de redución de emisións de amoníaco en establos e granxas de nova construción para gando bovino, porcino e avícola ou en obras de ampliación ou modificación das instalacións existentes.
O Programa Nacional de Control da Contaminación Atmosférica obriga a axustar o contido en proteína bruta da alimentación en función das necesidades dos animais
No Programa Nacional de Control da Contaminación Atmosférica o Ministerio para a Transición Ecolóxica insiste en cargar sobre o sector de vacún a responsabilidade de reducir as “cotas de emisións” de amoníaco nos próximos anos, cos gastos para os gandeiros que isto suporá tal e como se expoñen algunhas das medidas, mentres permite que o porcino, o principal emisor deste gas contaminante en España, siga incrementando a súa cota nacional de emisións, segundo se contempla no Plan de Proxeccións por sectores presentado hai un ano.
Balance de fósforo e nitróxeno
No Programa Nacional de Control da Contaminación Atmosférica tamén se fixa o límite do 30% das necesidades de nitróxeno na achega de forma ureica, a prohibición de aplicación do xurro en abanico, o enterramento de estercos, o establecemento de plans de abonado, o balance de nitróxeno dos chans e o rexistro de operacións no caderno da explotación.
O balance bruto de nutrintes proporciona unha estimación do impacto potencial da agricultura na calidade da auga e a súa posible contaminación. Os indicadores baséanse na contaminación por nitratos e fosfatos. “Cando o nitróxeno (N) e o fósforo (P) se aplican en exceso, poden causar contaminación e eutrofización das augas superficiais e subterráneas. O excedente de nitróxeno en España varía entre 27 e 40 kg N/ha por ano entre 1995 e 2015. O excedente de fósforo diminuíu lixeiramente co tempo de 6 kg/ha/ano en 1995 a 4 kg/ha/ano en 2015”, indica a análise da Comisión Europea.
En Europa países como Irlanda, Holanda ou Alemaña teñen problemas de contaminación de acuíferos por fertilizantes. No caso español, Bruxelas destaca que o 46% das analíticas de auga subterránea en España en 2012 foron de alta calidade fronte ao 32% de mala calidade, que o 14% das terras agrícolas en España estaban baixo contratos para mellorar a xestión da auga en 2017 e que a área en risco de erosión do chan en 2012 en España situábase un 9,6% por encima da media da UE. A nivel rexional, a taxa de perda de chan é a máis alta no sur de España e menor no norte.
A orientación que Europa está a darlle á nova Política Agraria Común (PAC), que se espera para o 2022, elevará os requisitos que terán que cumprir as explotacións. As ganderías terán que medir as súas emisións e comprometerse a reducilas, tanto de gases de efecto invernadoiro, caso do CO2 ou do metano, como doutros gases que afectan á saúde, como o amoníaco. O Ministerio está a traballar nunha ferramenta informática, Ecogan, que permitirá calcular as emisións de cada granxa e valoraranse nos pagos da PAC as medidas de mitigación que poderán adoptar as gandeirías.
A medición das emisións por granxa e o establecemento de compromisos de redución é unha das cuestións que se establecerán na próxima PAC
“A Comisión promoverá o obxectivo de cero contaminación por fluxos de nitróxeno e fósforo dos fertilizantes mediante a redución das perdas de nutrintes en polo menos un 50%, á vez que garante que non haxa deterioración na fertilidade do chan. Isto dará como resultado a redución do uso de fertilizantes en polo menos un 20%. Isto lograrase implementando e aplicando a lexislación ambiental e climática comunitaria na súa totalidade, identificando cos Estados membros as reducións de carga de nutrintes necesarias para lograr estes obxectivos, aplicando unha fertilización equilibrada e un manexo sostible de nutrintes, e administrando mellor o nitróxeno e o fósforo ao longo do seu ciclo de vida. Con esta fin, a Comisión traballará cos Estados membros para desenvolver un Plan de Acción de Manexo Integrado de Nutrintes en 2022”, anuncia o Executivo comunitario no documento da Estratexia de Biodiversidade para 2030, a outra das patas fundamentais do Pacto Verde xunto á Estratexia Da granxa ao garfo.
A medición das emisións por granxa e o establecemento de compromisos de redución é unha das cuestións que se establecerán na próxima PAC a través de ecoesquemas, uns pagos adicionais cos que se quere incentivar ao sector para implicarse na mitigación do cambio climático e na conservación da biodiversidade.
Entre os compromisos de xestión ambiental que deberán cumprir as explotacións dentro da “condicionalidade reforzada” da futura PAC estarían o complimiento da Directiva de Nitratos e a Directiva Marco da Auga, o uso da Ferramenta de Sustentabilidade Agrícola para Nutrintes, que proporcionará servizos adicionais para o manexo sostible de cultivos (auga, pesticidas, micronutrintes) e o establecemento de faixas de amortiguación de 5 metros de ancho ao longo dos cursos fluviais, algo con gran incidencia en Galicia, dado o importante número de ríos e regatos existentes.
Ademais das faixas de protección sen abono de 5 metros en leitos fluviais, primarase que en certas zonas non se supere un máximo 13 kg de nitróxeno, 40 de fósforo e 40 de potasio por hectárea de terra de cultivo ao ano
A maiores, primarase a aplicación por parte das explotacións doutras medidas voluntarias, coñecidas como eco-esquemas, como a limitación da fuga de nutrintes mediante o establecemento dunha cuberta vexetal que evite o chan espido no inverno antes dos próximos cultivos de primavera ou a introdución de cambios nos sistemas de cultivos herbáceos cara a un enfoque máis eficiente no uso de insumos en certas áreas definidas en base á Directiva Marco da Auga, o que incluiría a limitación do uso de nutrintes a un máximo 13 kg de nitróxeno, 40 kg de fósforo e 40 kg de potasio por hectárea de terra de cultivo por ano e o uso reducido de pesticidas (un máximo 3 doses de produtos de protección de planta utilizados por hectárea durante unha tempada de cultivo).
Aumento da carga gandeira por perda de superficie
Bruxelas fai fincapé nos valores dos pastos permanentes tanto como reservorio de biodiversidade como sumidoiro para a captura de carbono, polo que fomentará este tipo de praderías na nova PAC 2021-2027, pero alerta de que en España, “o 30% dos pasteiros ten un estado de conservación desfavorable-inadecuado e só o 15% estaba nun estado favorable en 2012”. Estas porcentaxes son valores medias para toda España, explicando que as áreas máis favorables atópanse no norte do país, mentres que a dehesa no suroeste de España indícase como máis desfavorable.
A Comisión Europea anuncia para o terceiro trimestre de 2021 a presentación dunha Iniciativa da UE sobre a captura de carbono en chans agrícolas
O número total de ganderías diminuíu entre 2005 e 2016 en España de aproximadamente 1.080.000 a 945.000. O tamaño medio das explotacións mantívose estable entre 24 e 25 hectáreas no mesmo período de tempo pero en conxunto a área agrícola total diminuíu nestes anos de 25,7 millóns de hectáreas en 2005 a 23,7 millóns de hectáreas en 2016.
En 10 anos perdéronse 2 millóns de hectáreas de superficie agraria pero a cifra de cabezas de gando mantívose estable en 14,5 millóns
Dado que “o número de unidades gandeiras mantívose bastante estable no tempo en España, en ao redor de 14,5 millóns de cabezas, a densidade de gando (calculada como o número total de unidades de gando por área agrícola total utilizada) aumentou de 0,56 en 2005 a 0,61 en 2016”, indica a Comisión Europea.
A área agrícola de pastoreo extensivo representa no conxunto español un terzo do total da Superficie Agraria Útil aínda que o estado de conservación dos pastos permanentes é inadecuado, destaca Bruxelas
Entre tanto, a área agrícola de pastoreo extensivo (área de baixa produción gandeira por baixo de 1 cabeza por hectárea de área de forraxe) mantívose estable entre 2005 e 2013, ao redor do 33% do total da Superficie Agraria Útil.
Árbores, sebes e peches verdes para lograr maior biodiversidade
“Cos anos, a Política Agrícola Común (PAC) agudizou o seu enfoque no coidado do medio ambiente e o clima, con certo éxito. Entre outras cousas, as emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) do sector agrícola da UE diminuíron, os agricultores reduciron significativamente o uso de fertilizantes á vez que aumentan os rendementos e, nalgúns aspectos, a protección dos hábitats de vida silvestre mellorou”, destaca Bruxelas, que con todo chama a atención sobre a diminución das especies de aves e polinizadores.
O indicador de aves de terras agrícolas está deseñado como un barómetro de cambio para a biodiversidade das paisaxes agrícolas en Europa. O indicador é un índice composto que mide a taxa de cambio na abundancia relativa de especies de aves comúns en sitios seleccionados e os recontos de poboación levanse a cabo por unha rede de ornitólogos voluntarios. A lista de especies da UE cobre actualmente 39 especies que dependen das terras de cultivo para alimentarse e aniñar e non poden prosperar noutros hábitats. En España, este índice de aves de terras agrícolas diminuíu un 16%, pasando de 100 en 2000 a 84,2 en 2008.
Non se poderán arar os pastos permanentes en Rede Natura e haberá que manter un mínimo dun 5% da SAU con árbores ou estanques
Para frear esta deterioración, a futura PAC incide na conservación de hábitats e paisaxes de forma que a actividade agrícola e gandeira contribúa á protección da biodiversidade. Entre outras medidas, na condicionalidade post 2020 será necesario manter un mínimo dun 5% das terras agrícolas dedicadas a sebes, árbores en liña, peches verdes ou estanques (de forma opcional, primado con máis fondos, poderá incrementarse esta porcentaxe de SAU da explotación ata o 10%) e prohibirase cortar sebes e árbores durante a tempada de reprodución e cría de aves (de abril a xullo). Ademais, prohibirase converter ou arar todos os pasteiros permanentes existentes nos lugares declarados como Rede Natura 2000, algo que nunha rexión como Galicia tamén terá enorme incidencia, dada a alta porcentaxe de territorio incluído dentro da Directiva Hábitats.
O sector agrogandeiro español produce o 8% do total de emisións agrícolas da UE
O sector agrogandeiro español produce 39 millóns de xigatoneladas equivalentes de CO2 anuais, o 8% do total da UE. “As emisións totais de gases de efecto invernadoiro da agricultura (incluídas as emisións das terras de cultivo e os pasteiros) mantivéronse estables en España entre 1995-2016 mentres descendían un 12% no conxunto da EU-28, aínda que fluctuaron entre un máximo de 39,4 millóns de xigatoneladas equivalentes de CO2 en 2004 e un mínimo de 30,6 millóns de xigatoneladas en 2016 en España. Ademais, a participación da agricultura nas emisións netas totais españolas tivo altibaixos e desde 2004 é inferior á media da UE”, destaca a Comisión Europea no documento de avaliación da situación por países previo á aprobación dos respectivos Plans Estratéxicos Nacionais da PAC 2021-2027.
Na actualidade, o 12% dos gases de efecto invernadoiro que se producen no conxunto da UE proceden da agricultura e a gandería mentres a produción e o uso de enerxía no resto de sectores representa máis do 75% das emisións causantes do quecemento global na UE, onde o 40% do consumo enerxético corresponde aos edificios e onde o transporte representa outro 25% das emisións totais.
A gandería sería en España responsable do dobre de emisións que a agricultura, segundo os datos do Inventario Nacional de Gases de Efecto Invernadoiro
Segundo un estudo recente elaborado pola consultora internacional Liken Carbon Hub e publicado pola Fundación Naturgy, en España a gandería sería a causante o 8% das emisións de gases de efecto invernadoiro, o dobre que as prácticas agrícolas, que equivalerían a outro 4% do total de gases causantes do quecemento global.
O estudo recolle a evolución das emisións de gases de efecto invernadoiro desde 2005 ata 2018, extraídas fundamentalmente do Inventario Nacional de Gases de Efecto Invernadoiro (INGEI), que engloba as actividades agrogandeiras dentro da apartado “Agricultura”.
As emisións agrupadas neste epígrafe engloban principalmente as seguintes actividades ou fontes xeradoras de emisións:
As emisións procedentes da gandería:
• Fermentación entérica: recolle as emisións de metano (CH4) xeradas nos procesos de fermentación entérica que ocorren no sistema dixestivo de certas especies animais.
• Xestión do esterco: recolle as emisións de CH4 producidas polo esterco ata o seu destino final. O valor das emisións depende da cantidade de excreta e do seu tipo de xestión.
As emisións procedentes das prácticas agrícolas:
• Cultivo de arroz, esencialmente vinculadas á emisión de CH4, producida como consecuencia das especificidades do seu cultivo.
• Chans agrícolas, que comprende todas as fontes de nitróxeno que se aplican ao chan e que son emisoras de óxido nitroso (N2O) por vía directa e indirecta (por deposición e lixiviación ou escurrimiento).
• Queima de residuos agrícolas no campo.
• Emenda calcaria: esta actividade contabiliza o dióxido de carbono (CO2) que se libera tras a aplicación de carbonatos de calcio e magnesio aos chans agrícolas para corrixir a acidez.
• Aplicación de urea: esta categoría contabiliza o dióxido de carbono (CO2) que se libera trala aplicación de urea aos chans agrícolas. Só se considara a urea sintética, xa que o CO2 procedente de urea animal é bioxénico e non computa no Inventario Nacional.
• Outros fertilizantes que conteñen carbono.
No subsector da agricultura a principal actividade emisora está representada polos chans agrícolas (30% das emisións), que integra as fontes de nitróxeno que se aplican ao chan e que son emisoras de óxido nitroso (N2O) xa sexa por vía directa ou indirecta (por deposición ou lixiviación).
No pediodo estudado, aumentaron porcentualmente as emisións consecuencia da fertilización química con produtos a base de urea e diminuíron as que proceden do encalado das terras, así como das queimas de restos ou residuos agrícolas.
A emisión de CH4 e N2O por hectárea de SAU en España está por baixo da media da UE
Procedentes da gandaría, as emisións de CH4 procedentes da fermentación entérica e da xestión de esterco constitúen, cunha achega de 44% e 22% das emisións, as dúas categorías con maior participación nas emisións totais.
As emisións agrícolas reducíronse un 20% na UE
“O cambio climático e a degradación do medio ambiente son unha ameaza existencial á que se enfrontan Europa e o resto do mundo. Para superar estes retos, Europa necesita unha nova estratexia de crecemento que transforme a Unión nunha economía moderna, eficiente no uso dos recursos e competitiva, onde deixen de producirse emisións netas de gases de efecto invernadoiro en 2050, o crecemento económico estea disociado do uso de recursos e non haxa persoas nin lugares que queden atrás”, defende o organismo comunitario no documento da Estratexia Da granxa ao garfo, que xunto coa Estratexia sobre Biodiversidade, son as dúas pezas fundamentais do Pacto Verde Europeo.
O obxectivo do Pacto Verde Europeo é que a UE sexa climáticamente neutra en 2050
O Pacto Verde Europeo é a folla de ruta para dotar á UE dunha economía sostible na próxima década, que inclúe accións en distintos ámbitos, tales como a industria, o transporte, a produción e eficiencia enerxética ou a agricultura e a gandería. “A UE é a única gran economía do mundo que estableceu unha lexislación que abarca todos os sectores da economía para reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro de conformidade co Acordo de París e o sector agrícola europeo é o único no mundo que reduciu as emisións (un 20% comparado con 1990, de 543,25 millóns de xigatoneladas de CO2 equivalente en 1990 a 438,99 millóns de xigatoneladas en 2017 segundo os datos de Eurostat)”, indica a Comisión Europea destacando os logros e o historial da UE en materia de acción polo clima.
“A crise do coronavirus puxo de relevo a importancia dun sistema alimentario sólido e resiliente que funcione en todas as circunstancias e sexa capaz de garantir aos cidadáns o acceso a unha subministración suficiente de alimentos a prezos alcanzables. Tamén nos fixo moi conscientes das interrelacións entre a nosa saúde, os ecosistemas, as cadeas de subministración, as pautas de consumo e os límites do planeta. É evidente que debemos facer moito máis para manter a saúde, tanto a nosa como a do planeta. A pandemia en curso non é máis que un exemplo. O aumento recorrente das secas, as inundacións, os incendios forestais e as novas pragas é un recordatorio constante de que o noso sistema alimentario está ameazado e debe ser máis sostible e resiliente”, defiendeu a Comisión o pasado 20 de marzo na presentación da súa Estratexia Da granxa ao garfo.
A UE é líder mundial na loita contra o cambio climático e o sector agrícola europeo o único que reduciu as súas emisións, destaca a Comisión Europea
A Comisión Europea parece desta forma decidida a seguir reducindo as emisións contaminantes, non só na agricultura e a gandería, seguindo deste xeito un camiño xa iniciado timidamente desde os anos 90 e con máis ímpeto na última década, trala crise económica de 2008. Os datos corroborarían a modernización da economía comunitaria en base á redución de emisións e loita contra o cambio climático, pois no período 1990-2018 descenderon no conxunto da UE un 23% as emisións de gases de efecto invernadoiro mentres o PIB do conxunto da UE incrementouse un 61% neste mesmo tempo.
Para facer efectivo o Pacto Verde Europeo, a Comisión prevé a aprobación dunha Lei do Clima Europea para transformar as promesas en obrigacións xurídicas vinculantes para todos os Estados membros da UE. Esta Lei do Clima converterá desta forma en lexislación obrigatoria para os distintos gobernos nacionais o obxectivo de neutralidade climática para 2050, con obxectivos a cumprir a partir de 2030, como son reducir a emisión de gases causantes do quecemento global entre un 50 e un 55% comparado cos niveis de 1990.
Calendario para a aplicación do Pacto Verde Europeo
O Pacto Verde Europeo, presentado pola Comisión Von der Leyen o 11 de decembro de 2019, establece unha ambiciosa folla de ruta cara a unha economía circular climaticamente neutra, na que o crecemento económico estea disociado do uso dos recursos.
Segundo a folla de ruta e o calendario previsto, presentado pola Comisión Europea o pasado mes de decembro para a posta en marcha das distintas accións do Pacto Verde Europeo, a aplicación da estratexia Da granxa ao garfo en coordinación coa reforma da PAC para o período 2021-2027 completaría no próximo ano o seu corpo lexislativo en materia de redución de antibióticos, pesticidas e fertilizantes químicos, segundo o seguinte cronograma:
Ecoloxizando a PAC: Estratexia Da granxa ao garfo
• Exame dos proxectos de plans estratéxicos nacionais, con referencia ás ambicións do Pacto Verde Europeo e á estratexia Da granxa á mesa: 2020-2021
• Estratexia Da granxa á mesa: primavera 2020
• Medidas, mesmo lexislativas, para reducir significativamente o uso e o risco de pesticidas químicos, así como o uso de fertilizantes e antibióticos: 2021
A estas medidas en materia de produción agrícola e gandeira únense outras en distintos sectores, entre as que se atoparían a nova Estratexia Forestal da UE, prevista para este ano 2020, así como medidas de apoio das cadeas de valor que non conleven deforestación, ou o Plan de Acción de Contaminación Cero para o aire, a auga e o chan, previsto para 2021.