Un estudante do Campus Terra de Lugo desenvolve un sistema para mellorar a ventilación e controlar o amoníaco en granxas de porcino

A tese de doutoramento realizada por Eugenio Losada Vázquez baixo a dirección de Manuel Rodríguez e Dolores Fernández, desenvolve estratexias de aforro enerxético e valida modelos de control ambiental en explotacións que melloran o benestar animal

Un estudante do Campus Terra de Lugo desenvolve un sistema para mellorar a ventilación e controlar o amoníaco en granxas de porcino

Eugenio Losada Vázquez xunto ao tribunal de tese

A procura de modelos de explotación gandeira máis sostibles e respectuosos co medio ambiente e apropiados para a progresiva mellora do benestar animal centra a temática da tese de doutoramento desenvolvida na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra por Eugenio Losada Vázquez, baixo a dirección dos profesores da área de Electrotecnia do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC Manuel Rodríguez Rodríguez e Dolores Fernández Rodríguez.

A investigación de doutoramento presentada por Losada Vázquez, que está estruturada en tres artigos de investigación publicados en revistas de impacto, abrangue un gran número de variables produtivas, ambientais e enerxéticas, cuxa interacción harmónica incide directamente no funcionamento das instalacións de climatización presentes en explotacións porcinas de transición para a cría de leitóns (6-20kg p.v.), nas que conviven ventilación e calefacción para o acondicionamento do aire.

“As explotacións deste tipo localizadas en áreas de clima oceánico teñen que adaptarse a grandes variacións das condicións ambientais óptimas dos leitóns a medida que medran, o cal require gran elasticidade dos sistemas de control ambiental, así como demandas enerxéticas importantes”, sinala o investigador, que considera de vital importancia a predicción fiable de parámetros relacionados coa temperatura ou coa concentración de amoníaco e aire. Daquela, Eugenio Losada define nesta tese novas estratexias de baixo custo que se poden implementar facilmente en explotacións convencionais en aras a lograr un máximo rendemento co menor uso posible de recursos centrándose no benestar animal e a eficiencia produtiva.

Logo do estudo e medición previa de variables ambientais (humidade, concentración de CO2, concentración de NH3, velocidade e renovación do aire; produtivas (peso dos animais, consumos de penso e auga) e enerxéticas (consumo de sistema de calefacción e de ventilación), a investigación relaciona este abano de parámetros coa súa adaptación ao crecemento dos leitóns ao longo do seu ciclo vital. Os resultados destas pescudas indican que unha ventilación eficaz que controle os niveis de humidade relativa mellora o ambiente interior e reduce os consumos enerxéticos entre o 33% e o 47% por kg de leitón producido.

Outra das cuestións abordadas nesta tese de doutoramento afecta ao aforro enerxético. Neste caso, Losada Vázquez valida un modelo de media móbil integrada autorregresiva (ARIMA) para a predición da temperatura interior na zona animal dunha explotación porcina de transición convencional.Así, logo de 292 días de estudo, o investigador conclúe que a aplicación do modelo predictivo en sistemas de climatización permite reducir o consumo enerxético, coa consecuentes melloras ambiental e económica.

Amoníaco

O amoníaco ambiental nas granxas de gando porcino non se adoita controlar, a pesar de que presenta unha dobre vertente como elemento nocivo ou contaminante, dada a súa influencia tanto no benestar animal e na saúde dos propios traballadores, como na contaminación atmosférica. Esta problemática levou a diversos autores a establecer límites para estas concentracións, pero a súa medición é custosa e require equipos con elevada demanda de mantemento para un funcionamento aceptable.

Diante desta realidade, a investigación desenvolvida por Eugenio Losada propón a determinación de niveis de concentración ambiental de amoníaco (NH3) a través doutras variables de máis fácil medición e baixo custo. Para iso obtivéronse os patróns diarios da concentración NH3 na zona ocupada por animais dunha explotación de transición convencional e a súa relación coa temperatura de consigna definida nos sistemas de climatización. Mediante estes patróns, explica Losada Vázquez, a concentración de NH3 pode incorporarse en sistemas de control convencionais coa temperatura como variable de entrada única aplicando un algoritmo sinxelo baseado nas variables utilizadas polo sistema de climatización.

Tribunal de tese e cualificación

O catedrático da USC Francisco Maseda Eimil presidiu o tribunal encargado de avaliar a tese de doutoramento presentada por Eugenio Losada Vázquez. O profesor da Universidade de Oviedo Pedro Álvarez Álvarez e o tamén docente da Universidade Politécnica de Madrid Fernando Ruiz Mazarrón completaron a composición dun xurado que outorgou a esta tese de doutoramento a máxima cualificación de sobresaínte cum laude.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información