O Sindicato Labrego Galego calcula que a día de hoxe hai varios milleiros de granxas que inda non cobraron absolutamente ningún dos importes e anticipos da PAC anunciados pola Xunta en novembro pasado, de igual xeito que tamén están sen pagar as contías asociadas aos ecorrexímenes. “Non se deron pagado en decembro porque a Administración non fixo os trámites requeridos para proceder aos mesmos e a 24 de xaneiro inda non cobrou ninguén”, denuncia o SLG.
“Esta situación de incerteza económica na que se atopan milleiros de granxas galegas débese á mala organización da Consellería do Medio Rural, polo que esiximos que dote ao Fondo Galego de Garantía Agraria (FOGGA) de persoal e medios dabondo para poder tramitar os expedientes en tempo”, solicita Ana Rodríguez, economista do SLG especialista en políticas agrarias.
Retrasos nas resolucións de plans de mellora e incorporacións
O Sindicato Labrego tamén denuncia que seguen pendentes de publicación pola Consellería as resolucións das axudas de incorporación, plans de mellora e pequenas explotacións do ano 2023 cando este luns se publicou no DOG a convocatoria destas axudas para 2024.
Vén de publicarse a convocatoria do 2024 cando aínda están pendentes de resolución das solicitudes de plans de mellora e axudas de incorporación do 2023
Este feito implica consecuencias negativas directas para as granxas solicitantes, xa que, por unha banda, “aquelas persoas que iniciaron durante o ano 2023 o proceso de instalación inicial contando con obter esta axuda, perderán a posibilidade de solicitala, ao seren xa titulares de granxas, precisamente por térense tomado o traballo de ir arrancando xa o proxecto”, denuncia Ana Rodríguez.
Ademais, as persoas que teñan posibilidades de obter a axuda na nova convocatoria publicada, perderán varios días ou semanas do prazo establecido para a mesma, aberto desde o pasado 22 de xaneiro, ao notificárselle a denegación do 2023 coa nova convocatoria xa en marcha.
É necesario que o prazo para solicitar as axudas de incorporación á actividade agraria estea aberto todo o ano
“Queremos chamar a atención sobre a irresponsabilidade da Consellería ao reincidir nunha cuestión que prexudica un aspecto socialmente tan sensible como é a incorporación de novas persoas labregas á produción de alimentos. A tendencia ao despoboamento do medio rural é patente, e prevese que 6 de cada 10 persoas que se adican arestora á produción de alimentos estean xubiladas no ano 2030”, alerta o SLG.
Para dinamizar a incorporación de persoas mozas á actividade agraria, desde o Sindicato Labrego reiteran á Xunta de Galicia a demanda de que o prazo de solicitudes de axudas de incorporación estea aberto durante todo o ano, non unicamente durante dous meses, tal como está establecido neste momento.