O Caderno Dixital entrará en vigor en setembro

En cada parcela, os produtores estarán obrigados a rexistrar datos do tipo de cultivo, abonado e uso de produtos fitosanitarios. As explotacións máis pequenas, de menos de 30 hectáreas, terán ata xullo de 2024 para adaptarse

sulfatando milloO Ministerio de Agricultura acaba de publicar no BOE o Real Decreto que regula o uso do Caderno Dixital por parte das explotaciones agrícolas e gandeiras, que terán obriga de rexistrar nel datos por parcela do tipo de cultivo, abonado e os tratamentos aplicados.

Os titulares de explotacións agrarias xestionarán electronicamente un Caderno Dixital de Explotación Agrícola co seguinte contido mínimo:

  • Datos do cultivo de cada parcela agrícola
  • Tratamentos fitosanitarios aplicados
  • Operacións de fertilización

As administracións públicas proporcionarán aos titulares de explotacións agrarias de maneira gratuíta, os sistemas informáticos necesarios para o cumprimento desta obriga. Estes sistemas informáticos deberán incluír, desde o 1 de xaneiro de 2024, a funcionalidade da ferramenta de sustentabilidade agraria para nutrintes, en liña coas esixencias derivadas do Real decreto de nutrición sostible de solos agrarios, que lle esixe un plan de abonado a cada explotación.

A ferramenta de sustentabilidade agraria de nutrintes entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2024

O titular de explotación agraria poderá utilizar os sistemas informáticos desenvolvidos pola Administración ou poderá utilizar calquera outro sistema informático da súa elección, sempre que cumpra cos requisitos técnicos que se establezan e co contido mínimo establecido.

A obrigatoriedade do Caderno Dixital entrará en vigor o 1 de setembro de 2023 para aquelas explotacións con máis de 30 ha de terra de cultivo, 30 de pasto permanente ou 10 de cultivos permanentes; teñan máis de 5 hectáreas de regadío ou dispoñan dalgunha parcela de invernadoiro. Para o resto de explotacións entrará en vigor o 1 de xullo de 2024.

Obriga de rexistrar antes dun mes o uso de tratamentos fitosanitarios

Cada explotación agraria deberá manter actualizado o rexistro de tratamentos fitosanitarios no seu Caderno Dixital. Esta información deberá rexistrarse de maneira electrónica na aplicación que se habilite para o efecto por parte das comunidades autónomas, cun prazo de envorcado de datos dun mes desde a data de realización dos tratamentos.

A través dunha modificación do Real Decreto 1311/2012, do 14 de setembro, publicada este xoves no BOE, incorpórase ao seu contido un novo capítulo que regula os programas individualizados de uso sostible de produtos fitosanitarios, entre os que cabe destacar a obriga de contar cun Caderno Dixital de Explotación Agrícola.

O elemento principal desta modificación será establecer en cada explotación os indicadores de uso individualizado que permitirán medir o consumo de fitosanitarios, un obxectivo aliñado co recentemente aprobado Plan de Acción Nacional de Fitosanitarios para o período posterior a 2022.

Indicador por hectárea

Coa información envorcada no Caderno Dixital, a Administración calculará anualmente para todas as explotacións agrícolas un indicador por hectárea. O cálculo realizarase por cada explotación e cultivo.

Cos datos de 2023, 2024 e 2025 estableceranse valores de referencia para os distintos produtos a utilizar. A partir do 1 de xaneiro de 2026, unha vez fixados os valores de referencia, no caso de que o indicador de uso individualizado calculado anualmente para cada cultivo de cada explotación agrícola se atopase por enriba destes valores de referencia, aplicaranse medidas correctoras.

Valores de referencia

Os titulares daquelas explotacións agrícolas nas que entre o 50% e o 75% da súa superficie se atope por enriba dos valores de referencia nacionais fixados para cada cultivo e zona produtiva serán consideradas de risco moi alto, aumentándose a frecuencia de inspección. A maiores, deberán realizar unha análise das causas cun asesor en materia de xestión integrada de pragas, e establecerán as medidas necesarias para corrixir a situación, que quedarán recollidas por escrito.

O 20 de maio de 2020 a Comisión Europea publicou a Comunicación da Estratexia Da granxa á mesa, segundo a cal se avoga pola redución do uso e do risco de produtos fitosanitarios nun 50% para 2030, así como unha redución adicional do 50% do uso dos produtos fitosanitarios máis perigosos no mesmo período.

A aplicación de xurros con prato ou en abano prohíbese a partir do 1 de xaneiro do 2024

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información