O director xeral de Gandaría, José Balseiros, reuniuse este xoves en San Caetano con responsables da asociación Gandeiros Galegos da Suprema, nun encontro no que lles detallou o importe previsto das axudas que a Xunta dará aos produtores de vacún de carne amparados baixo a Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega.
Segundo traslada a Consellería, a convocatoria destas achegas publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG) nas próximas semanas, previsiblemente antes de final de ano, de maneira que os produtores poidan solicitalas e cobralas no primeiro trimestre de 2024.
Balseiros lembrou que “estas achegas están enmarcadas nun contexto definido polos custos de produción e dentro do compromiso do Goberno galego co sector e cos produtos agroalimentarios da máxima calidade”, dixo.
24 millóns de euros de fondos propios da Xunta
O importe total das axudas será de 12 millóns de euros para esta convocatoria e outros 12 millóns na prevista para o ano que vén, xa que a Xunta efectuará un novo pago a comezos de 2025 polos animais marcados co selo da IXP que sexan sacrificados durante o ano 2024.
A contía por becerro marcado como Suprema sacrificado no 2023 será duns 200 euros aproximadamente, que se pode incrementar lixeiramente dependendo do número total de canais que haxa a 31 de decembro. Establécese un tope máximo de 20.000 euros por explotación, derivado da normativa de mínimis. No caso das axudas para os cebadeiros inscritos na IXP, a contía será de 36€ por animal, cun tope de 10.000 euros por produtor.
Satisfacción na asociación Gandeiros Galegos da Suprema
Desde Gandeiros Galegos da Suprema, a entidade que considera que promoveu esta axuda, por medio das tractoradas e concentracións levadas a cabo a pasada primavera en Lugo, mostran a súa satisfacción polo feito de que o compromiso do conselleiro José González se vexa finalmente materializado.
“Estamos contentos porque se cumpriu o prometido”, asegura Santiago Rego, presidente do colectivo, que destaca o feito de que se trate de “fondos propios da Xunta”. “Se foran fondos doutro tipo, por exemplo fondos da PAC, sería detraelos do propio sector”, argumenta.
Santiago Rego considera que esta axuda servirá tamén para impulsar a propia IXP, posto que “moitos animais que non se estaban marcando pode que a partir de agora se marquen”, di, aínda que iso faga que na axuda do vindeiro ano o importe por animal finalmente resultante se vexa reducido. “É un factor que pode penalizar de cara ao cobro previsto para 2025”, admite.
Pensamos que é importante dar estabilidade ao sector e que esta nova liña de axudas se manteña no tempo; así llo pedimos á Consellería
Aínda que o compromiso acadado inicialmente pola Xunta era o de manter esta axuda durante dous anos, desde a asociación xa lle solicitaron formalmente á Consellería que esta nova liña se manteña no tempo máis aló de 2025.
“Pensamos que é importante dar estabilidade ao sector, xa que é necesario garantir a rendibilidade das explotacións de vacún de carne en extensivo se desde a Administración queren que sigamos coidando do territorio e mantendo poboación no rural”, argumenta Santiago Rego, presidente da asociación, que celebra o vindeiro luns, 18 de decembro, a súa asemblea anual de socios, onde se explicarán os pormenores deste cobro por parte das explotacións.
Preocupación pola lingua azul e a EHE
Os representantes da asociación de produtores de Suprema reunidos este xoves con Balseiros trasladáronlle tamén a preocupación que hai entre os gandeiros polo avance de enfermidades como a lingua azul ou a Enfermidade Hemorráxica Ezpizoótica (EHE).
O director xeral de Gandería explicoulles que se manterá a campaña de vacinación contra a lingua azul e que nas zonas decretadas de vacinación obrigatoria vai ser a custo cero para as explotacións. A morte de animais afectados por estas dúas enfermidades, tanto por lingua azul como por EHE, vanse indemnizar pola mesma vía que a prevista para as campañas de saneamento e baixas por tuberculose.
O cambio no Regulamento de Ternera Gallega Suprema, sobre a mesa da Consellería para enviar a Bruxelas
Este xoves houbo tamén Pleno do Consello Regulador da IXP Ternera Gallega. Foi o seguinte ao do 8 de novembro, no que se aprobou o cambio no Regulamento para esixir un acortellamento de dous meses aos animais que sexan sacrificados despois dos 8 meses dentro da categoría Suprema.
O cambio está agora sobre a mesa da Consellería, que ten que darlle traslado para a súa aprobación definitiva por parte da Comisión Europea. Até o mes de febreiro non volve a haber Pleno do Consello Regulador (que dispón ademais dunha Comisión Técnica e unha Comisión de Promoción) e na xuntanza deste xoves non se falou do asunto, logo da polémica xurdida nas últimas semanas entre partidarios e detractores desta medida.
As obras e reformas para habilitar espazos para o acortellamento nas ganderías poderán solicitarse como Plans de Mellora ou dentro dunha liña específica que está previsto que habilite a Consellería
Está previsto que as ganderías que precisen facer obras ou reformas para dispoñer de espazos nos que acortellar aos animais poidan solicitalo a través da convocatoria ordinaria de Plans de Mellora no 2024, aínda que a Consellería comprometeuse tamén a habilitar unha liña específica de axudas con esta finalidade.