As granxas de Suprema disporán dun período transitorio de dous anos para acortellar os becerros

O cebo final dos xatos poderá levarse a cabo tamén nun alpendre delimitado na propia pradeira. A asociación Gandeiros Galegos da Suprema pide unha liña de axudas específica para que as ganderías que non dispoñan de instalacións poidan acometer as obras ou reformas necesarias

Os xatos marcados de Ternera Gallega de menos de 250 quilos e con boa morfoloxía estanse pagando a 4,10€

Os xatos marcados de Ternera Gallega Suprema deberán estar estabulados os últimos dous meses

O cambio aprobado o pasado xoves no Pleno do Consello Regulador da IXP Ternera Gallega, co único voto en contra do SLG, non será de aplicación inmediata nas ganderías. Logo da necesaria aprobación por parte da Comisión Europea da modificación no Regulamento e o Prego de Condicións e a súa publicación posterior no DOG, as explotacións de Suprema disporán dun período transitorio de dous anos para adaptarse á nova norma.

O acortellamento previo ao sacrificio, por un período de cando menos dous meses, figura neste momento como “recomendación” nas condicións de Ternera Gallega para os animais da categoría Suprema, pero unha vez entre en vigor o cambio acordado a semana pasada no Pleno do Consello Regulador e transcorran os dous anos de moratoria, pasará a ser obrigatorio, como unha condición máis para a marcaxe dos animais de Suprema.

O acortellamento previo ao sacrificio pasa de recomendación a obriga, polo que os xatos pasteiros perderían a categoría de Suprema para equipararse aos de cebadeiro

A modificación afecta sobre todo ás granxas que, empurradas en boa medida polo incremento de custos dos pensos vividos o ano pasado, deixaron de cebar os seus becerros, mandándoos directamente desde o prado ao matadoiro, sen darlle un remate final á carne mediante o acortellamento dos xatos e unha alimentación diferenciada a base de forraxe e cereais.

Liña de axudas para habilitar instalacións

O cebo final poderá levarse a cabo ben na casa ou ben na pradeira, sempre que se conte con instalacións onde poder pechar e dar de comer aos animais, e desde a asociación Gandeiros Galegos da Suprema solicitan que o cambio no Prego de Condicións vaia acompañado dunha liña de axudas específica para que neses dous anos de transición, as granxas que carezan de espazos onde cebar os xatos poidan habilitalos.

“Cada explotación pode facer o manexo que queira, ben en extensivo ou en semiextensivo, sempre que os becerros sexan amamantados ata os 7 meses e se garanta posteriormente que pasan eses 2 meses de finalización mediante unha separación efectiva, para o que só se precisa un pequeno cobertizo”, insiste Santiago Rego, presidente da asociación de produtores de Suprema.

As ganderías que fan un manexo en extensivo do gando poderán cebar os becerros na pradeira, sempre que conten con instalacións específicas

A posibilidade de levar a cabo o cebo final dos xatos mediante unhas instalacións específicas na pradeira busca precisamente permitir que as ganderías que fan a cría en extensivo poidan continuar producindo animais de Suprema e non vexan reducida a categoría da carne que producen.

A alimentación deberá incluír concentrado de cereais  

Pero máis aló do espazo onde se realice este período de finalización dos becerros, a modificación, que foi aprobada tras varias reunións de traballo previas dentro da Comisión Técnica, busca garantir unha suplementación da alimentación nos dous meses finais, introducindo a obriga de aportar cereais, ben sexan producidos na propia explotación ou mercados fóra dela. No caso dos pensos teñen que cumprir cunha serie de requisitos, que xa estaban tamén regulados.

As mesturas de concentrados na dieta buscan incrementar o nivel de engraxamento das canais, moi inferior no caso dos xatos pasteiros enviados directamente desde o prado ao matadoiro, cun menor nivel de infiltración e unha maior dureza da carne.

Non se amplía o catálogo de razas admitidas

Os cambios acordados no Pleno do Consello Regulador non inclúen ningunha modificación a respecto das razas e cruzamentos permitidos dentro da IXP. Na actualidade, o gando apto para subministrar a carne amparada por Ternera Gallega procede das razas Rubia galega, cachena, frieiresa, caldelá, vianesa e limiá, así como dos cruzamentos entre si ou coas razas cárnicas asturiana de los valles, limusin e blonde de Aquitania.

Tamén son aptos os cruzamentos de vacas leiteiras frisonas e pardo alpinas con machos destas razas. Outros cruces ou razas, sen embargo, non están amparados pola IXP, como por exemplo, os cruzamentos con azul belga ou salers, nin os animais limusín puros, algo que tampouco cambia.

Compensar os custos de marcaxe de xovencas de reposición

O que si se acordou é que as femias marcadas como Ternera Gallega Suprema que quedan nas explotacións como futuras nais sirvan para compensar os custos que tería a marcaxe dentro da IXP Vaca e Boi de Galicia das vacas que saen da explotación cara ao matadoiro.   

Con esta medida, ademais de descontar o gasto da marcaxe das futuras reprodutoras, preténdese potenciar a IXP de vacún maior, que non acaba de arrincar, con poucas explotacións e animais adheridos na actualidade.

“A Suprema está perdendo mercado por non ser unha carne homoxénea”

Santiago Rego, presidente da asociación Gandeiros Galegos da Suprema, coas súas vacas

Santiago Rego, presidente da asociación Gandeiros Galegos da Suprema, coas súas vacas

Santiago Rego encabezou a lista máis votada entre os produtores nas pasadas eleccións ao Consello Regulador de Ternera Gallega e defende os cambios acordados, que pretenden, di, unificar as características dos xatos marcados como Suprema.

“O que tratamos é de sacarlle as armas á industria e á distribución, que nos acusan de que a carne de Suprema non é un produto homoxéneo, fronte á carne de cebadeiro, por exemplo. O que queremos é que a carne de Suprema sexa un produto claramente recoñecible, que para alguén que merca Suprema ese produto teña sempre as mesmas características”, defende.

Santiago nega que a intención coa estabulación final sexa que a carne de Suprema se asemelle á de cebadeiro, máis ben o contrario, asegura, “o obxectivo é diferenciarse para potenciar a Suprema”. “Temos o produto de máis calidade, o produto diferenciador dentro da IXP, pero estábamos perdendo ese valor e perdendo mercado”, di.

Eu discrepo con que ao manexo en extensivo os 365 días do ano lle queiran chamar tradicional

A obriga de finalizar os becerros ten que servir, asegura, para incrementar a actual diferenza de prezo entre os animais de Suprema e os de Ternera Gallega convencional. “Na actualidade hai só unha diferenza de 40-50 céntimos, desde os 6€/kg canal da Suprema aos 5,60€/kg canal da carne de cebadeiro. Esa diferenza ten que incrementarse, ten que haber máis diferenciación tamén no prezo porque os custos non son os mesmos, nin na alimentación nin no manexo”, argumenta Santiago.

A marca de Suprema vai quedar nas explotacións

O presidente da asociación Gandeiros Galegos da Suprema nega tamén, tal como afirmou o SLG, que un cebadeiro que merque xatos con 7 meses a unha gandería de Suprema para cebalos os dous últimos meses poida vender logo eses animais como carne de Suprema, xa que unha das condicións para que un becerro sexa sacrificado como Suprema é que proceda directamente dunha gandería de vacas nodrizas.

É falso que os cebadeiros poidan marcar xatos de Suprema, aínda que os merquen aos 7 meses nunha gandería en extensivo

“A marca de Suprema vai quedar nas explotacións, que son as que custodian o territorio e as que fan un manexo tradicional dos animais”, di. Aínda que discrepa do Sindicato Labrego en que o manexo tradicional consista en ter sempre fóra o gando. “As explotacións tradicionais galegas metían as vacas; saían pola mañá da corte para accederen aos pastos e volvían pola tarde”, lembra.

Axudas de 200€ por animal a partir de xaneiro

Finalmente, o presidente da asociación Gandeiros Galegos da Suprema pide á Consellería do Medio Rural que a axuda específica para as ganderías de Suprema “se estenda no tempo e non quede limitada só ao ano 2024” para frear deste xeito “o goteo constante de peche de explotacións”.

Segundo avanza Santiago Rego, está previsto que esta axuda, duns 200 euros por animal, comece a cobrarse a partir do vindeiro mes de xaneiro como un xeito de primar ás ganderías que producen carne de calidade e coidan o territorio. Esta axuda foi un dos compromisos que a asociación Gandeiros Galegos da Suprema arrincou da Consellería tralas últimas mobilizacións levadas a cabo.

Ternera Gallega acorda que o acabado dos becerros de Suprema sexa acortellado

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información