A Xunta ratificou esta semana na comisión de Agricultura no Parlamento galego o seu compromiso de habilitar axudas para facer fronte ás mortes do gando causadas pola Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE). Dende o grupo parlamentario do Partido Popular reiterouse o compromiso acadado e anunciado xa en días pasados. “Non só se está a traballar nese dereito de indemnizacións senón en que estas sexan retroactivas, para poder abarcar os danos que a enfermidade xa causou en granxas galegas” explicou o parlamentario do PP, Ángel Rodríguez.
Con todo, a petición do BNG de incluír nesta liña de axudas os abortos, as baixadas de produción ou os gastos veterinarios derivados do tratamento da EHE foi descartada. “Cando nunha gandería aínda que non lle morran as vacas, lles quedan coxas ou infértiles e ten que sacrificalas, deben contabilizarse eses gastos”, reclamou o parlamentario nacionalista Xosé Luis Rivas.
A EHE deixou en Galicia xa 245 vacas mortas e detectáronse 29 focos da enfermidade
A proposta foi apoiada polo PSdeG, pero o PP desestimou apoiar dita proposición debido á dificultade que supón incorporar e cuantificar eses danos derivados da enfermidade, polo que opta por contemplar só as mortes e o apoio a medidas preventivas. Así, recordou que xa adoptou medidas consensuadas co sector para informar sobre o avance da enfermidade e ofrecer charlas informativas sobre a mesma. Tamén apuntan que se publicará un protocolo de medidas preventivas e se realizarán novas accións dende as Oficinas Agrarias Comarcais.
Tal e como indicaron dende a Xunta, na actualidade hai declarados 29 focos da enfermidade en Galicia que deixaron xa 245 vacas mortas. Cómpre precisar que cada foco territorial abarca normalmente casos en diversas granxas da mesma zona.
Plan nacional fronte a EHE
Dende a Xunta tamén reclaman ó Ministerio de Agricultura unha estratexia estatal conxunta e un plan nacional fronte á EHE. “É fundamental unha vacina e loitar pola súa homologación en Europa, polo que é fundamental o apoio do Goberno español e Europa”, reivindica Ángel Rodríguez.
De feito, a Xunta trasladoulle xa ó ministro nunha carta esta petición, así como a de necesidade de crear un sistema de alertas sobre as novas enfermidades que están afectando ó sector primario para ter unha mellor resposta fronte a elas.