“Non ten sentido desligar a Suprema da sustentabilidade e o benestar animal para homoxenizala coa carne de cebadeiro”

Produtores de vacún de carne que fan un manexo en extensivo critican a decisión de obrigar a acortellar os animais para o cebo final. O SLG anuncia que tratará de paralizar na UE o cambio no Regulamento da IXP Ternera Gallega

A secretaria xeral do SLG, Isabel Vilalba, xunto a produtores de Suprema

A secretaria xeral do SLG, Isabel Vilalba, xunto a produtores de Suprema

A decisión da IXP Ternera Gallega de esixir aos animais de Suprema un remate final con acurralamento durante os dous últimos meses de vida está a xerar división entre os produtores.

Os que fan un manexo en extensivo do seu gando opóñense á decisión acordada no Pleno do Consello Regulador, mentres outros gandeiros que seguen un sistema de manexo tradicional semiextensivo, coas vacas fóra e os xatos na corte, defenden a medida.

A medida aprobada, pero que non entrará en vigor de xeito efectivo até dentro de dous anos, unha vez reciba o visto bo da Unión Europea, ameaza con reducir o número de produtores amparados baixo o selo rosa de Suprema, ao obrigalos a optar entre cebar durante os dous meses finais ou, do contrario, comercializar a súa produción coa etiqueta amarela, a empregada pola carne dos xatos criados en cebadeiro.  

A IXP Ternera Gallega produce ao ano unhas 22.000 toneladas de carne, das que a metade son de Ternera Gallega Suprema, que saen das case 7.000 ganderías de vacas nodrizas que segue habendo repartidas polo territorio galego, a maioría na provincia de Lugo.  

Tres de cada catro explotacións inscritas na IXP están na provincia de Lugo

Segundo os datos do Consello Regulador, dentro do selo Ternera Gallega hay 7.000 ganderías de Suprema e 400 cebadeiros. Do total, o 74% das ganderías atópanse na provincia de Lugo, o 18% na da Coruña, o 6% en Ourense e o 2% en Pontevedra. As canais certificadas son unhas 95.000.

José Carracedo“Con bo pasto podes lograr os mesmos quilos e engraxamento que con penso”

“Eu teño instalacións para cebar, porque até hai 3 anos tiña os xatos dentro, pero decidín probar a facer todo o proceso fóra, só con pasto, sen nada de penso, e logro animais da mesma calidade ca tiña antes, dunha media de 200 kg/canal aos 9 meses e un nivel engraxamento 2”, conta José Carracedo, da gandería Irmáns Carracedo de Vilalba, que conta con 30 reprodutoras e 27 hectáreas de superficie.

José fai pastoreo rotacional, un sistema no que os animais non están nunca máis de 3 días na mesma parcela. “Dispoñendo de pasto de calidade e introducindo os animais cando o pasto ten 15 cm de altura é posible lograr animais cos mesmos niveis de peso e engraxamento que con forraxe seca e penso”, asegura.

“Os becerros, comendo o mesmo, non engraxan todos igual. Pasa no pasto pero pasa tamén con penso. Pero non son peores as canais que teño hoxe das que tiña antes”, di convencido.

O aforro só en penso ronda os 5.000 euros ao ano nesta explotación

O aforro só en penso ronda os 5.000 euros ao ano nesta explotación. “Dependendo da época do ano, 1.000 quilos de penso podíanme durar tres semanas, en función do número de xatos que tivera nese momento, e iso sen darlles a libre disposición”, lembra.

A maiores, prodúcese un aforro de maquinaria e gasóleo, xa que se precisa ensilar menos, asegura, porque os animais botan máis tempo no pasto. “Eu con 100 rolos de silo e 60 de herba seca resolvo perfectamente, cando antes facía máis do dobre”, di.

“A maior presenza dos animais nas pradeiras tamén fai que o pasto mellore. Os prados vense moito máis verdes agora que cando os usa para sega”, asegura. A gandería Irmáns Carracedo leva un ano en conversión a ecolóxico, polo que ter que volver a estabular sería para eles volver atrás. “Levar a cortello e rematar con penso é case levar a Suprema a convencional; non melloras a calidade da carne e implícache traballar más e gastar máis”, asegura.

Cambio de sistema para aforrar traballo e diñeiro

Até fai tres anos José tiña os xatos sempre dentro. As vacas saían pacer pola mañá, despois de darlles de mamar, e volvían á noite. “Os xatos mamaban só dúas veces ao día e facíano con ansiedade; agora ao estar coas nais nos pastos maman moitas máis veces de xeito moito máis natural e tranquilo e incluso o destete é moito menos brusco e traumático, tanto para o becerro como para a vaca, co que evitas as pneumonías nos xatos ao metelos dentro e as mamites das vacas”, asegura.

Ao botar o gando fóra o número de receitas de medicamentos redúcese drasticamente

Desde o punto de vista da saúde dos animais, di, ao botar fóra o gando “desaparecen as diarreas e as pneumonías”, polo que “diminúen tamén moito os gastos en veterinario e medicamentos”.

Por iso, ao feito de facer a cría toda en extensivo velle todo vantaxes: “ves que se che reducen moito as horas de traballo porque non hai que traer e levar as vacas, nin limpar a corte, e o prado xa queda abonado; e tamén as enfermidades, que practicamente desaparecen”.  

“Non teño ningunha intención de cambiar ao sistema anterior”, di, malia que se o cambio no Regulamento de Ternera Gallega segue adiante José sufriría unha depreciación no seu produto. “Estaría facendo un manexo en extensivo, producindo unha carne de moita calidade que quedaría despois ao mesmo nivel de prezo que a carne de cebadeiro”, quéixase.

David Outeiro“Se se aproban os cambios eu xa non poderei entrar na marca”

David Outeiro ten unha explotación de vacas cachenas na Fonsagrada. “Empecei no ano 2021 desde cero, non había vacas na casa desde facía 50 anos”, conta. Fai venda directa e non marca como Ternera Gallega pero estábase a plantexar incorporarse á IXP para ter unha alternativa máis para dar saída aos seus becerros. Sen embargo, se de aproba o cambio no Regulamento, xa non podería entrar na marca.

“A miña perspectiva cando empecei foi irme a un modelo o máis sinxelo posible, no que poder prescindir da compra de insumos, porque me incorporei sen axuda e a miña capacidade económica era moi pequena”, explica.

David defende a “resiliencia” do modelo baseado no pastoreo fronte a modelos máis intensivos, sobre todo en momentos de custos de produción elevados, como os que se deron desde que el comezou, nos últimos dous anos. “Se tivera empezado cun alto nivel de endebedamento, con moita maquinaria e dando penso, xa tería pechado”, asegura.

O incremento dos custos de produción fixeron que me afianzara na miña idea de manexo o máis sinxela posible

Este mozo apostou pola gandería rexenerativa, con altas cargas instantáneas en curtos períodos de tempo de pastoreo para ir mellorando deste xeito a produtividade do solo. “Empecei collendo as peores fincas que había na aldea, con pastos moi malos”, describe.

David procedía de fóra do mundo gandeiro pero parecíanlle “chocantes” algunhas prácticas de manexo habituais en moitas ganderías, como o feito de limitar o acceso ao pasto do gando. “Cousas que moitas veces se consideran naturais a min parecíanme contraditorias, como o feito de impedir que un herbívoro rumiante poida pacer”, describe.

Que teñas que facer un investimento importante para poder producir non é viable para unha persoa nova que non ten recursos económicos

Co estalido da guerra de Ucraína e o encarecemento dos pensos e os fertilizantes David veu afianzada a súa idea de alimentar o gando con pasto. “Foron momentos nos que vimos que moitos gandeiros estiveron coa auga ao pescozo por seguir o camiño da intensificación que a industria lles marcaba. Neses momentos complicados onde ganderías moi sólidas e moi asentadas o estaban a pasar mal, ganderías como a miña, moito máis pequenas e sinxelas eramos capaces de seguir adiante”, describe.  

Por iso, di, “obrigarme agora a facer un establo sería incrementar o endebedamento e facerme construír algo que eu non necesito. As axudas moitas veces son xeitos de endebedar á xente e facerche seguir unha liña que te fai máis escravo e dependente. Non entendo, por exemplo, como as axudas de incorporación impiden un proceso natural, que sería o de empezar con poucas vacas e ir medrando pouco a pouco a través dun proceso de aprendizaxe co mínimo investimento”, argumenta David.

Lois Varela“O que hai é que facilitar as cousas, non poñer trabas para producir”

Lois Varela, da Ulloa, ceba na corte pero está en contra de que se obrigue a todas as ganderías a facer o mesmo. “Non me parece lóxico que se un gandeiro cumpre cos requisitos da IXP cebando fóra haxa que obrigalo a meter o gando dentro. Non é entendible que teñan que obrigalo a facer o mesmo que fago eu”, argumenta.

Lois está en ecolóxico, polo que ten os becerros coas nais fóra até que cumpren os 7 meses de vida. Logo, en función do estado de xestación da vaca, desteta e finaliza os animais na corte con 5 quilos de penso ecolóxico por animal ao día, que é o que lles permite o Regulamento do Craega.

“Eu non estaría afectado polo cambio de normativa, porque remato dentro, polo que cumpriría coas condicións que queren impoñer,  pero penso que sería moi negativo para o sector. Porque o que hai é que facilitar as cousas aos produtores, non poñer máis trabas e obrigas”, di.

O SLG anuncia que tratará de bloquear o cambio en Bruxelas por ir en contra das directrices da nova PAC

“O cambio no Regulamento de Ternera Gallega Suprema é unha proposta moi negativa para o sector, tanto desde o punto de vista da calidade da carne producida como desde o punto de vista da sostibilidade ambiental, o benestar animal e a rendibilidade das granxas”, asegura o Sindicato Labrego Galego.

A súa secretaria xeral, Isabel Vilalba, reiterou a oposición do SLG ao cambio proposto e anunciou que tratarán de que a modificación, que debe ser aprobada agora pola UE, non saia adiante en Bruxelas.

Argumentan que vai en dirección contraria ás directrices marcadas na nova PAC, que aposta pola extensificación da produción, con medidas como o ecorrexime de pastoreo ou a axuda agroambiental de fomento de pastos, así como contra a Estratexia da Granxa á Mesa, que busca que o 25% da superficie agraria europea sexa ecolóxica no 2030.

Máis gasto e traballo para as explotacións

Isabel Vilalba destaca que moitas das ganderías que certifican os seus animais dentro de Suprema na actualidade carecen de instalacións axeitadas para facer o cebo dentro dos establos, tendo en conta as novas normativas de benestar animal, ademais de supoñer un incremento de man de obra e do volume de traballo para as explotacións.

Moitas granxas teñen establos antigos que non cumprirían as condicións esixidas hoxe polas normativas de benestar animal para acoller aos animais

Por iso, a secretaria xeral do SLG considera unha temeridade a aprobación deste cambio por parte do Pleno do Consello Regulador sen antes ter un estudo feito das consecuencias dunha medida que “supón expulsar da marca Ternera Gallega Suprema a unha boa parte dos produtores”, di. “Non é razonable tomar unha decisión de tanto calado sen un estudo das repercusións sobre as granxas”, insiste a secretaria xeral do Sindicato Labrego.

“Obrigar a construír instalacións novas ou reformar as existentes para poder cebar é endebedar aos produtores e metelos en máis gastos”, quéixase. Do mesmo xeito, tampouco non ve “factible” o uso de instalacións móbiles para cebar nas pradeiras, debido ao minifundio e aos impedimentos urbanísticos fixados en áreas con protección ambiental, como poden ser as zonas declaradas Rede Natura.

Ácidos graxos beneficiosos para a saúde grazas ao pasto

O SLG nega tamén que a calidade da carne de animais procedentes do pasto sexa peor que a dos que se finalizan dentro. “A carne dos animais alimentados a pasto ten máis calidade porque ten ácidos graxos recoñecidos cientificamente como beneficiosos para a saúde, como son o Omega3 ou o Omega6”, argumentou.

A calidade increméntase tamén, asegurou, ao aumentar o período de aleitamento máis aló dos 7 meses obrigatorios por parte da IXP. “Pero se acortellamos os becerros os dous meses finais está claro que reducimos o tempo de permanencia coa nai e de alimentación a base de leite materno”, insistiu.

Pensamos que é unha equivocación intentar homoxeneizar a carne de Suprema para que se pareza á de cebadeiro

Para Isabel Vilalba, “é posible lograr nos pastos animais que cumpran cos requerimentos de peso e engraxamento fixados pola IXP”. “Se as granxas levan dende a creación de TG Suprema, hai décadas, acadando eses indicadores cunha alimentación saudábel en base a pasto e prácticas medioambientalmente sostibles, que motivo xustifica que se lles obrigue agora a alcanzar eses mesmos indicadores que xa cumpren, pero acortellando e alimentando con concentrados?”, pregúntase a secretaria xeral do Sindicato Labrego.

Asegura ademais que Ternera Gallega dispón xa neste momento “de ferramentas suficientes para garantir o cumprimento deses estándares, de maneira que se algún animal ten algunha eiva ou non cumpre cos índices fixados non estea dentro da marca”.  

Non se xustifica esta medida drástica cando, segundo os datos da propia IXP, só o 0,1% dos animais non cumpre

Pero argumenta que “un exiguo 0,1% que apuntan que podería representar a porcentaxe de canais que arestora non acadan os estándares de engraxamento da marca non xustificaría unha modificación de calado como sería obrigar a todas as produtoras e produtores a acortellar nos últimos meses”, defende.

Desde o Sindicato Labrego propuxeron como alternativa ao acortellamento a posibilidade de colocar tolvas con cereal nos prados para suplementar a alimentación en base a pasto para aqueles animais que o precisen para acadar os niveis de peso e engraxamento requeridos, unha proposta que non foi aceptada.

Incentivar a produción ecolóxica

Desde o SLG consideran que, no canto de obrigar ao acortellamento do gando no seu tramo final, a IXP debería ir en sentido contrario, fomentando a extensificación e a produción ecolóxica, impulsando un dobre selo para a carne marcada como Suprema ecolóxica.

A maior dureza da carne dos xatos que veñen do prado lógrase corrixir tendo as canais máis días na cámara

Os becerros marcados de Suprema e criados en ecolóxico teñen necesariamente que saír ao prado, polo que a carne ten unha cor máis intensa, que non é sinónimo de peor calidade, senón todo o contrario, di. “A ninguén se lle ocorre dicir que o polo campeiro é de peor calidade aínda que sexa un pouco máis duro”, compara.

“Ninguén dubida que a produción en ecolóxico é unha produción de calidade que reclama a sociedade. Por iso non ten sentido desligar a Suprema da sustentabilidade ambiental e o benestar animal, sobre todo cando a propia UE e os consumidores optan por iso”, conclúe Isabel Vilalba.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información