Este martes a actividade na Central Agropecuaria de Galicia Abanca, celebrada en Silleda (Pontevedra), viuse notablemente afectada ó non realizarse a venda de animais de recría, debido á festividade nacional deste mércores. A suspensión da poxa xa fora anunciada nas semanas previas.
Aínda que non houbo recría, si se celebraron as poxas de vacún das outras categorías de gando. No vacún maior a tendencia foi á alza, con subas en boa parte das seccións. Mentres, os prezos dos becerros de cebo resentíronse esta semana.
Nas mesas de porcino volveu producirse unha baixada nos prezos dos porcos cebados e os leitóns experimentaron unha nova suba esta semana. O mercado do ovo tamén rexistra un incremento do valor nalgunhas categorías.
Prezos do vacún
Facemos agora un repaso detallado polas distintas seccións do gando vacún para coñecer a evolución dos prezos. É preciso ter en conta que se trata de prezos medios e que o valor dos exemplares estará condicionado tamén por outros factores.
Nos becerros de cebo houbo baixadas en case tódalas seccións. Os machos frisóns tiveron un prezo medio de 679 euros (-292 euros). Nos becerros de cruces industriais, o valor medio foi de 1.088 euros (-5). As femias cotizáronse a 884 euros (-277 euros). Os machos de Rubia Galega tiveron un prezo medio de 1.261 euros, ó rexistrar a única suba da xornada para este gando (+5 euros). As femias desta raza están nos 1.096 euros, ó descontar -328 euros. Pola súa banda, os animais comercializados baixo o selo de Ternera Galega Suprema mantivéronse no prezo medio de 1.230 euros.
Esta semana o vacún maior rexistrou subas en case tódalas seccións. Os animais da categoría extra tiveron un prezo medio de 2.093 euros, o que amosa un incremento de 103 euros. As vacas de primeira foron das excepcións, cunha baixada de 18 euros, polo que quedan nos 1.142 euros. Os exemplares de segunda cotizáronse a un prezo medio de 741, o que supuxo unha suba de 29 euros con respecto da semana pasada. Nas vacas de desfeito o valor de referencia estivo nos 492 euros (+47 euros). Os animais comercializados baixo o selo Vaca e Boi de Galicia foron outra das excepcións, ó caer o seu valor medio 589 euros en comparación coa semana pasada e ter un prezo de referencia de 1.815 euros.
Baixadas no porco cebado
Unha semana máis, as mesas de cotizacións do porcino experimentaron novas baixadas nos prezos do porco cebado. Os animais das categorías selecta e normal descontaron 0,03 euros e quedan nos 1,71 e 1,685 euros o quilo, respectivamente. Os porcos de Canal II están a 2,188 euros, tras unha baixada de 0,039 euros. Os animais de descarte descontaron 0,06 euros e cotízanse entre 0,81 e 0,87 euros o quilo.
Os leitóns continúan á alza. Esta semana tiveron un incremento de 2 euros para ambas categorías. Así, os exemplares chegados dunha única granxa están agora nos 75 euros (cun prezo de 3,75 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 70 euros e cun prezo por quilo de 3,5 euros.
O mercado do ovo experimentou subas nalgunhas das categorías. Así, os ovos da S e a M tiveron un incremento de 0,02 euros, o que deixa un prezo de 1,68 e 1,98 euros a ducia, respectivamente. Mentres, no resto de categorías non houbo cambios. As galiñas de descarte semipesadas descontaron esta semana 0,01 euros e o prezo medio dos animais semipesados de entre 2,1 e 2,2 quilos sitúase entre 0,21 e 0,29 euros o quilo.
O prezo do coello está nos 2,65 euros o quilo, segundo a Mesa de Prezos Nacional do Coello (Loncun).