Récord de afluencia de gando en Silleda

A Central Agropecuaria supera os 1.300 animais, a maior asistencia deste ano, debido ó gran número de becerros de recría. Baixada xeral dos prezos en tódalas categorías. Novas reducións nas cotizacións dos leitóns e no mercado do ovo

Récord de afluencia de gando en Silleda

Recría nas instalacións da Central Agropecuaria de Galicia. // Imaxe de arquivo.

A Central Agropecuaria de Galicia Abanca rexistrou este martes a maior afluencia de reses no que vai de ano. En concreto contabilizáronse 1.357 animais. Ata esta mañá a maior asistencia anual fora a do pasado 14 de marzo, cando acudiran 1.217 cabezas de gando.

Como sinalan dende a Central, esta elevada cifra debeuse principalmente á alta afluencia de tenreiros de recría, os cales tamén rexistraron a maior afluencia anual, con 973 animais. Esta cifra supera amplamente a do pasado 13 de xuño, cando se rexistraran 772, que supoñían ata entón a maior cifra do ano.

Tamén esta categoría acadou as maiores cifras deste ano en canto a becerros adxudicados, con 939 exemplares. A anterior máis elevada fora a do 13 de xuño, con 747. Como consecuencia tamén foi a cifra máis alta en canto a transaccións de recría, con 241.294 euros (a anterior foran os 226.650 euros do 13 de xuño).

Pola contra, a gran afluencia de gando deixou unha caída xeral dos prezos que afectou a case tódalas categorías. Tanto na recría, como nos becerros carniceiros ou no vacún maior as cotizacións de referencia foron máis baixas que a semana pasada. Só rexistráronse excepcións puntuais. 

No referido ás mesas de porcino, esta semana os prezos dos leitóns experimentaron unha nova baixada. O porco cebado continúa sen cambios. Tamén no mercado do ovo continúan as baixadas en boa parte das categorías.

Prezos do vacún

Facemos un repaso polas distintas seccións do gando vacún para coñecer a evolución dos prezos, aínda que cómpre ter en conta que se trata de prezos medios e que o valor dos exemplares estará condicionado tamén por outros factores.

Na recría frisoa, os becerros máis novos cotizáronse a un prezo medio de 61 euros, é dicir 3 euros menos que na última feira. Nos tenreiros de entre 20 e 50 días, o valor de referencia situouse nos 105 euros, o que supón 11 euros menos que na feira pasada. Os machos de máis de 50 días tiveron un prezo medio de 123 euros, cunha baixada de 17 euros.

Nos tenreiros de recría de cruces industriais tamén predominaron as baixadas. Os becerros máis novos cotizáronse a 273 euros, o que supón unha baixada de 8 euros con respecto da semana pasada. As femias descontaron 45 euros con respecto da última feira e sitúanse nos 176 euros. Nos machos de entre 20 e 50 días, o valor de referencia foi de 309 euros, é dicir 38 euros menos. As femias desta categoría foron a única excepción ó incrementar en 12 euros o seu valor e situarse nos 228 euros. Nos machos de máis de 50 días, o prezo medio foi de 559 euros, o que supón unha redución de 54 euros. As femias descontaron 83 euros, e quedan cun valor medio de 338 euros.

Nos becerros carniceiros, os machos frisóns tiveron un valor medio de 643 euros, polo que se reduce en 7 euros con respecto da semana pasada. Pola contra, nos machos de cruces industriais houbo un incremento de 10 euros e acadan os 1.181 euros. As femias descontan 115 euros, o que as sitúa nos 1.030 euros. Nos animais de Rubia Galega, os machos tiveron unha baixada de 65 euros, ata quedar nos 1.284 euros e as femias reduciron o seu valor en 66 euros, polo que agora quedan nos 1.258 euros. Pola súa banda, os animais comercializados baixo o selo de Ternera Galega Suprema reduciron o seu valor medio en 93 euros e quedan nos 1.246 euros.

A tendencia foi claramente á baixa no vacún maior. As vacas da extra reduciron o seu valor en 86 euros e sitúanse nos 2.008 euros. As vacas de primeira cotizáronse a 1.132 euros, o que amosa unha baixada de 5 euros. A única excepción foron os exemplares de segunda, onde o prezo medio foi de 757 euros, logo dunha suba de 9 euros. Nos animais de desfeito, o valor medio situouse nos 403 euros, polo que descontaron 46 euros con respecto da última feira. Nesta xornada, os animais comercializados baixo o selo Vaca e Boi de Galicia tiveron un prezo medio de referencia de 2.104 euros.

Central agropecuaria _vacun 01_08_2023
Continúan as baixas nos leitóns e os ovos

As mesas de cotizacións do porcino mantivéronse esta semana sen cambios no porco cebado, pero houbo baixadas nos prezos do leitón. Nos animais cebados, o porco selecto e o normal teñen un valor de 2,055 e 2,03 euros o quilo, respectivamente. Os porcos de Canal II están a 2,636 euros. Os animais de descarte cotízanse entre 1,37 e 1,43 euros o quilo.

Nos leitóns houbo unha baixada de 3 euros para ambas categorías, ó igual que aconteceu a semana pasada. Así, os exemplares chegados dunha única granxa están agora nos 91 euros (cun prezo de 4,55 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 86 euros e cun prezo por quilo de 4,3 euros.

O mercado do ovo continúa esta semana con baixadas en boa parte das categorías. Só os ovos da XL experimentaron unha suba de 0,04 euros e acadan os 2,98 euros a ducia. Os ovos da L mantéñense sen cambios e están a 2,59 euros a ducia. Mentres, os da M e a S tiveron unha baixada de 0,04 euros e quedaron en 2,07 e 1,82 euros a ducia, respectivamente. No prezo das galiñas de descarte semipesadas non houbo cambios e cotízanse entre os 0,23 e os 0,31 euros o quilo.

O prezo do coello está nos 2,45 euros o quilo segundo a Mesa de Prezos Nacional do Coello (Loncun).

Central Agropecuaia porcino 01_08_2023

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información