A decisión do Pleno do Consello Regulador das IXPs de Vacún de Carne de Galicia de modificar o actual Regulamento da marca Ternera Gallega Suprema para esixir o acortellamento dos animais a partir dos 8 meses de vida segue a xerar unha enorme controversia no sector.
O xoves, durante a presentación dos resultados do primeiro ano de traballo do grupo operativo Carne de vacún a pasto, celebrada na Facultade de Veterinaria de Lugo, o acto acabou derivando nun debate de máis de dúas horas de duración entre o secretario executivo do Consello Regulador, José Gómez Viaño, e o medio cento de produtores presentes, que crían na actualidade os seus animais en extensivo e rexeitan ter que cebalos dentro.
Pode aínda haber cambios no proceso que queda por diante até que a modificación aprobada polo Pleno sexa definitiva e entre en vigor
O secretario executivo da IXP aclarou que a obriga de acortellar os becerros e alimentalos con penso afecta unicamente a aqueles xatos que se envíen ao matadoiro con máis de 8 meses de vida. “Se os sacrificades con 8 meses ou menos non é obrigatorio ningún tipo de cebo nin acortellamento, podédelos seguir mandando directamente desde o pasto”, afirmou.
Os becerros que se sacrifican de 8 meses e veñen de amamantamento raramente teñen problemas de conformación ou engraxamento
“Normalmente os problemas prodúcense nas canais de animais que proceden do prado con idades de 9 e 10 meses e con baixo peso, non nas que van con 8 meses e están aínda mamando na nai”, argumentou.
E apoiou a súa afirmación cun dato: “O peso medio de Suprema o ano pasado foron 222 kg/canal, pero hai un grupo de canais, que son 8.500, de animais que foron sacrificados con entre 9 e 10 meses de vida e que pesaron 178 kg de media”.
Acortellar ou agrupar no prado os animais?
A partir de que o xato cumpra os 8 meses de idade si que será obrigatorio separar da nai e cebar con concentrado, aínda que non está claro se esta finalización deberá realizarse obrigatoriamente na corte ou poderá facerse con algún tipo de infraestrutura mínima no prado.
No texto aprobado para a modificación do Regulamento fálase de “acortellar ou agrupar os animais”, o que abriría a posibilidade de levar a cabo o cebo na pradeira, pero engádese “protexidos das inclemencias meteorolóxicas”, o que levaría a ter que contar con algún tipo de cobertizo.
Esíxese acortellar ou agrupar “protexidos das inclemencias meteorolóxicas” a todos aqueles animais que se sacrifiquen despois dos 8 meses
“Haberá que definir o termo agrupar. O aprobado é un primeiro acordo que pode sufrir aínda variacións no proceso que vén por diante. O Consello Regulador fai unha proposta pero a decisión final recae nas Administracións. No proceso de tramitación haberá que aclarar iso, para que os nosos inspectores teñan criterios claros á hora de ir a unha granxa”, recoñeceu o secretario executivo da IXP.
Naves con todas as garantías
A falta de concreción no tipo de instalación que se vai esixir para o cebo está a xerar dúbidas en relación a se se permitirá o uso de cubertas móbiles para a finalización dos animais na pradeira e se este tipo de sistemas cumprirían con outro tipo de normativas que teñen obriga de aplicar as ganderías, como a de benestar animal ou a de xestión de xurros e estercos. No caso das naves de nova creación, deben contar con estercoleiro cuberto e recollida de lixiviados, o que encarece o custo das instalacións.
“Non temos datos de que número de explotacións teñen instalacións axeitadas para o cebo nin tampouco acerca de que número de granxas neste momento alimentan só con pasto e non ceban os becerros”, recoñeceu José Gómez Viaño en relación ás consecuencias do cambio no Regulamento sobre o tecido produtivo.
En ecolóxico os animais teñen que saír a pacer sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan, o que é contraditorio coa obriga de acortellar
Santiago Crecente, investigador do CIAM e vicepresidente da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes, asegurou na súa intervención que “obrigar á xente a facer cortes é un erro” porque “pode facerse cebo fóra mediante un acurralamento con algún tipo de sombra”, afirmou.
Este modelo de cebo no prado evitaría o estrés que sofren os becerros ao pasar do prado ao establo e reduciría tamén os riscos de pneumonía habituais nos procesos de acortellamento.
Engraxamento idóneo
Santiago, que ten realizado ensaios sobre cebo de tenreiros en Mabegondo, afirmou que “o engraxamento é unha característica dos animais adultos, que se logra despois de chegar á madurez sexual”.
Por iso, dixo, “só con pasto a esa idade de sacrificio de 9 ou 10 meses os becerros é difícil que engraxen, xa que o pasto é un alimento desequilibrado en enerxía e os animais depositan primeiro músculo e despois graxa. En 10 meses non se logra unha clasificación R3 en base a pasto”, asegurou.
“A maioría dos animais de Ternera Gallega Suprema son de pouco engraxamento. Máis do 60% están no nivel 2 e deles unha parte importante son 2-. Se subimos o nivel de engraxamento esixido a 3 para a Suprema quedarían fóra da marca o 70% dos animais”, afirmou Gómez Viaño.
Mentir nas idades
Outra das controversias xurdidas durante o debate foi a da falta de fiabilidade nas idades de sacrificio. O secretario executivo de Ternera Gallega recoñeceu que “hai idades que ás veces son algo discutibles”. “Pero vixiar iso corresponde máis á Administración que ao Consello Regulador, nós temos que basearnos na documentación que existe pero hai cousas que non deberían pasar”, afirmou.
O sector tamén é un pouco responsable do que fai. Todos sabemos que hai idades que ás veces son algo discutibles e levamos anos tratando de corrixir prácticas que se estaban xeneralizando nas explotacións
Os gandeiros presentes aseguraron que permitindo enviar sen cebar até os 8 meses e obrigando a acortellar posteriormente estase incitando precisamente a mentir nas datas de nacemento dos xatos para tratar de alongar o período de cría e ter deste xeito unha maior marxe de tempo para a súa venda, ao que Gómez Viaño respondeu: “o sector tamén é un pouco responsable do que fai; levamos anos tratando de corrixir prácticas que se estaban xeneralizando nas explotacións”, insistiu.
“A clasificación no matadoiro deixa vendido ao gandeiro”
Aínda que o encontro estaba organizado para falar de como un mellor aproveitamento do pasto redunda nunha maior rendibilidade por parte das explotacións de vacún de carne, os cambios na IXP monopolizaron por completo o debate.
A maioría dos asistentes decantáronse por clasificar os animais en función da calidade das canais e non por como ese xato foi criado. “As clasificacións deberían facerse en función da conformación e o engraxamento que se observa sobre a canal colgada no matadoiro, independentemente do sistema do que procedan”, defendeu Ruth Rodríguez, profesora da área de Produción Animal da Facultade de Veterinaria de Lugo.
“A maneira máis evidente de esixir aos gandeiros é no matadoiro; hai que ser estritos na clasificación das canais”, argumentou Santiago Crecente, mentres que David López García, gandeiro na Mariña, pediu ao secretario executivo da IXP “unha boa clasificación en matadoiro e criterios uniformes”.
Hai unha liña moi pequena entre un 1+ e un 2- e iso provoca indefensión fronte á industria
Pero José Gómez Viaño asegurou que “hai unha liña moi pequena entre unha canal clasificada como 1+ e outra calificada como 2-” e que “cando hai necesidade de gando sempre se clasifica un pouco para arriba”. Defendeu a necesidade dunha “clasificación previa nas explotacións con criterios obxectivos” antes de ir ao matadoiro para evitar a “indefensión do gandeiro fronte á industria”, porque “unha vez que o animal está sacrificado non ten volta atrás”, dixo.
“A clasificación en matadoiro deixa vendido ao gandeiro porque unha vez que o animal está sacrificado, alí colgado, o produtor sempre leva as de perder. Non sei se a mellor fórmula é poñer o prezo unha vez sacrificado, penso que é mellor ter criterios previos, co animal vivo, para establecer ese prezo, porque a liquidación dun animal que sae da explotación marcado como Suprema e perde a categoría no matadoiro pode supoñer unha variación importante no valor do becerro”, insistiu.
“Non podemos permitir que o consumidor dubide”
“Temos que conxugar a calidade desde a óptica da industria (menor desperdicio) coa calidade desde a óptica do consumidor (aspectos organolépticos, como a cor ou a xugosidade). Por deficiencias nalgunhas canais o consumidor dubida da calidade da carne de Suprema e non podemos permitilo; temos que lograr que o produto responda no mercado”, defendeu.
A homoxeneización está a ser vista como un concepto prexudicial, pero homoxeneizar para mellorar non é negativo
Gómez Viaño asegurou que os cambios no Regulamento están baseados nas conclusións do Plan Estratéxico da Carne, elaborado hai dous anos, onde figuraba como medida a adoptar, e tamén no Manual de Manexo de Ternera Gallega Suprema que encargou a Xunta.
Non teño a sensación de que esteamos promovendo unha industrialización da Ternera Gallega Suprema
“Non teño a sensación de que esteamos promovendo unha industrialización da Ternera Gallega Suprema. Hai 30 anos, cando eu entrei en Ternera Gallega, había moito menos extensivo que hai hoxe. Influiron as políticas europeas e os cambios no sistema de manexo. Non cambian os estándares de produción e non considero, desde a miña óptica, que a modificación aprobada sexa unha industrialización da produción nin vaia en contra das pequenas granxas”, asegurou.
O transporte, sacrificio e arrefriamento inflúen na calidade
Abel López, da gandería O Igrexario, de Ortigueira, puxo o foco en que a calidade final da carne non depende tampouco en exclusiva do método de cría ou o tipo de manexo realizado polo gandeiro senón tamén doutros factores que non están na súa man. “Se no transporte o camión ten que dar un frenazo brusco os animais estrésanse e esa carne xa é diferente, tamén por como se cargan e descargan os becerros, por problemas co pH no momento do sacrificio ou porque non se agarda o tempo suficiente para meter a canal na cámara, o que provoca o acurtamento das fibras e maior dureza”, describiu.
A calidade final da carne non depende en exclusiva do método de cría ou do tipo de manexo realizado polo gandeiro
“Un arrefriamento rápido non é bo”, admitiu José Gómez Viaño, pero dixo que “o problema non é a dureza da carne, porque iso pode corrixirse con máis tempo na cámara; o problema é o aspecto, tanto a cor como a consistencia, porque é unha carne máis escura e menos firme. O aspecto é moi negativo cando un animal non está ben acabado, sexa a pasto ou a penso. Recibimos queixas sobre que esa carne non ten a calidade esperada, non é unha porcentaxe alta, pero é moi difícil de cifrar”, di.
Unha etiqueta verde a maiores da azul e a rosa
Outra das propostas xurdidas no debate foi a necesidade de crear unha nova categoría dentro de Ternera Gallega para aqueles animais que proceden directamente do pasto. “Hai que ir a facer 3 etiquetas e non obrigar a facer obras”, defendeu David López.
A solución igual pasa por facer un cruño verde en Ternera Gallega e non por facer establos
O secretario executivo da IXP respondeu que “os primeiros que vos tendes que poñer dacordo no número de categorías que queredes sodes os gandeiros” e indicou que “cantas máis etiquetas máis difícil é a comercialización”. Neste momento existe unha etiqueta azul para a Ternera Gallega convencional (que inclúe a de cebadoiro) e unha rosa para a carne de Suprema, cun reborde amarelo no caso de animais de raza rubia galega inscritos no libro xenealóxico que xestiona Acruga.
Valorar aspectos medioambientais e de benestar
Ruth Rodríguez defendeu a necesidade de “valorar aspectos medioambientais e de benestar e non só as características organolépticas da carne” á hora de “vender” a Ternera Gallega para deste xeito ir en sintonía coas novas preocupacións do consumidor.
Calidade non é só conformación e engraxamento, son moitas máis cousas
“Estase falando sempre como se o consumidor fose único, pero o perfil do consumidor non é un só. O concepto calidade non é o mesmo para todos os consumidores, que poden basearse tamén en criterios éticos ou doutro tipo á hora de mercar. Na xente nova a tendencia é a unha redución no consumo de carne e os que a mercan valoran máis cousas ademais do gusto do bisté que está no prato. Mercarán a carne en base ao sistema no que está producido. Os novos consumidores danlle valor a que sexa producida en extensivo, porque consideran que é máis natural, ten maior benestar animal e mellora a biodiversidade”, afirmou.