A Consellería de Medio Rural seguirá esixindo no 2024 a vacinación obrigatoria contra a lingua azul dos becerros que vaian directamente da explotación ao matadoiro. Segundo explican a Campo Galego dende o departamento que dirixe José González, esta obriga é de carácter estatal e mentres non se cambie a normativa terán que seguir aplicándoa.
Rexeitan así unha demanda unánime tanto por parte dos gandeiros como dos tratantes que levan pedindo que se exceptúen da obriga de vacinar contra a lingua azul aos becerros carniceiros, ao entenderen que só lles supón un prexuízo económico e que non é necesaria do punto de vista sanitario.
En concreto, dende a Consellería do Medio Rural lembran que “a Lei estatal establece como unha obriga das persoas gandeiras a vacinación dos seus animais sensibles, así como os requisitos de movemento que deben cumprir os animais bovinos e ovinos nos movementos durante o período de circulación do vector transmisor, que consisten en que procedan de explotacións vacinadas e que os animais obxecto de movemento estean vacinados ou ben, se son menores de 4 meses, sexan fillos de nais vacinadas”.
“Esta normativa -engaden- non establece, polo tanto, requisitos distintos en función de que o movemento sexa un movemento cara a vida ou un movemento a sacrificio en matadoiro, pois a finalidade da vacinación é conferir protección aos animais sensibles en canto esta sexa posible levala a cabo (a partir dos 2 meses se son fillos de nais non vacinadas ou a partir dos 4 meses se as nais foron vacinadas)”.
Haberá que agardar por tanto a que dende o Ministerio de Agricultura, ben por iniciativa propia ou a petición das Comunidades Autónomas -caso de Galicia- se atenda esta demanda do sector, modificando a normativa para que os becerros con destino ao matadoiro non sexa obrigatorio que estean vacinados contra a lingua azul.
A Xunta levan vacinados a 360.000 animais contra a lingua azul nos últimos meses
Por outra parte, dende a Xunta destacan que “Galicia lidera a resposta das CCAA fronte á esta doenza, con 360.000 animais vacinados nos últimos oito meses, dentro dunha campaña gratuíta artellada en dúas fases -masiva e de continuidade-, para vacinar a todos os bovinos e ovinos maiores de tres meses da área restrinxida”.
“Este é camiño no que continuaremos nos vindeiros meses e de cara ao vindeiro ano, no que se continuará coa campaña de vacinación anual -cunha única dose vacinal por animal bovino ou ovino na zona restrinxida decretada en febreiro de 2023- e acometer a primovacinación -dúas doses vacinais separadas 21 días no caso da especie bovina e unha única dose vacinal no caso dos ovinos- na recente zona restrinxida decretada o 16 de novembro de 2023”, aseguran dende Medio Rural.
Precisamente, para seguir avanzando no traballo desenvolvido este ano fronte á lingua azul e atender ás necesidades do sector gandeiro galego neste eido, no 2024 cóntase cun orzamento inicial de 2 millóns de euros para programas sanitarios contra a lingua azul.
Así mesmo, recentemente o Consello da Xunta vén de autorizar convocar as achegas do 2024 para as agrupacións de defensa sanitaria gandeiras (ADSG), por un importe de 2,28 millóns de euros, que subvencionarán os programas de planificación zoosanitaria que se desenvolvan entre o 1 de marzo de 2024 e o 28 de febreiro de 2025, enter eles a vixilancia de enfermidades como a lingua azul ou a enfermidade hemorráxica epizoótica ou a vacinación de lingua azul.