Tormenta perfecta: mala colleita española de cereais e posible fin do corredor do Mar Negro

España rexistrará unha colleita catastrófica de cereais, que se estima en 10,7 millóns de toneladas, o que supón menos da metade de hai dúas campañas, segundo os cálculos da Confederación Española de Fabricantes de Alimentos Compuestos para Animales (Cesfac)

Tormenta perfecta: mala colleita española de cereais e posible fin do corredor do Mar Negro

O sector gandeiro enfronta os próximos meses con incertidume, pois as perspectivas actuais para os prezos de pensos e forraxes son negativas. España enfronta unha colleita de cereais catastrófica, que se estima en 10,7 millóns de toneladas, polos 18 da tempada anterior e os 23,9 de hai dúas campañas. En trigo brando, espérase unha colleita do 57% en comparación co 2022, en tanto en cebada do 64%. Tamén no millo para pensos agárdase unha diminución de case un tercio da produción.

As consecuencias da mala colleita para as granxas galegas son dobres. Dun lado, unha menor dispoñibilidade de palla, calcúlase que polo menos un 60% menos que o ano pasado, co que a pouca palla que haberá terá un prezo elevado. Doutro lado, a perspectiva de que os prezos de pensos e cereais se incrementen nos próximos meses.

España precisará importar máis de dous terzos dos cereais que consume cada campaña, segundo as previsións de Cesfac

A Confederación Española de Fabricantes de Alimentos Compostos para Animais (Cesfac) estima que España terá que importar un mínimo de 23 – 25 millóns de toneladas de cereais, para cubrir a demanda interna para consumo humano e alimentación animal, que ascende a 35 millóns de toneladas.

Ese aumento do esforzo importador xerará previsiblemente problemas loxísticos, sobre todo no transporte da materia prima desde os portos ata as fábricas do interior da Península. Cómpre tamén ter en conta o escenario actual de mercado mundial, pois a partir desta semana Rusia anunciou que cancela o corredor do Mar Negro, que permitía a exportación de cereal ucraíno. Se ese corredor se chegase a pechar, habería consecuencias importantes nos prezos e dispoñibilidade de cereais.

Os prezos de futuros de trigo e soia disparáronse nas últimas horas tras anunciarse o fin do corredor do Mar Negro

Os mercados de futuros de comercialización de soia, trigo e millo xa se dispararon nas últimas horas, con aumentos que chegan a superar o 4% nos prezos a futuro no caso do trigo norteamericano, se ben, se o acordo do Mar Negro se chegase a reeditar, é previsible unha caída inmediata deses prezos.

Perspectivas de produción mundial de cereais
A parte positiva do actual escenario é que a nivel mundial, hai unhas aceptables expectativas de produción de cereais. Brasil moverase en cifras récord en soia e millo, co que se espera que sexa o principal exportador de millo nos próximos meses, aínda que prevense dificultades loxísticas, a modo de embudo, no almacenamento da materia prima e no seu embarque.

As perspectivas semellan tamén positivas a nivel da UE, coa excepción de España e Polonia, e en principio tamén en Estados Unidos e Canadá, á espera de ver como se comporta a meteoroloxía en agosto. No lado negativo, empeorando colleita, estarían Arxentina, China ou Australia.

A previsión da CESFAC é que haxa suficiente materia prima no mercado, pero advirten tamén de que a partir do 2025, se non cambia a normativa europea que quere evitar a importación de materias primas producidas en zonas deforestadas, pode existir un problema de suministro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información