Este mes de decembro agardábase unha baixada xeral dos prezos do leite coa entrada en vigor dos novos contratos, logo de que boa parte das industrias lácteas anunciaran unha redución de entre 2-3 céntimos por litro. Agora algunhas delas desmárcanse e comprométense a manter os prezos para os próximos contratos.
Trátase de Lactalis e Naturleite, que respectarán os prezos do leite no próximo contrato. Así o aseguran dende Unións Agrarias, logo de manter unha negociación con ambas industrias. Dende a entidade valoran moi positivamente que estas empresas comprenderan que unha nova caída de 3 céntimos no prezo do leite sería moi prexudicial para as ganderías. “A retirada deste recorte nas cotizacións lácteas para esta campaña, abre o camiño para que outras compañías do sector afonden neste compromiso coas granxas”, apuntan nun comunicado dende Unións.
Campaña de denuncia das empresas que baixen prezos
Unións iniciará tamén unha campaña de denuncia contra aquelas empresas que teñan previsto realizar estas baixadas dos prezos. Ó mesmo tempo, recriminan que precisamente esta redución dos prezos a contemplen “aquelas firmas que máis se envolven na bandeira galega, só como estratexia de marqueting”.
Neste senso advirten a empresas como Leite Río e Celta que non van a consentir unha nova baixada do prezo do leite en orixe logo de ter sufrido xa outras en marzo e agosto deste mesmo ano. Apuntan que unha baixada de 2-3 céntimos por litro como a que propoñen agora suporá o peche de granxas, dada a delicada situación financeira na que se atopan pola suba dos custes de produción e a caída dos ingresos.
Tamén fan un chamamento ás administracións para que actúen de xeito decido. “Xunta e Ministerio teñen instrumentos de sobra para impedir que esta situación siga agrandando a fenda de mais 5 cts/l que separa aos produtores galegos respecto dos do resto do Estado”, valoran dende Unións.