Prácticas coas que paliar a seca no pasto

A seca nos pastos está a impactar nas ganderías de leite e carne do interior galego, que se ven obrigadas a aumentar o consumo de silos e a compra de forraxes como a alfalfa. Repasamos a situación e consellos para paliar a seca nos prados

Prácticas coas que paliar a seca no pasto

Diferenza na conservación dos pastos entre unha parcela cun maior manexo (esquerda) e outra sen el (dereita). / Imaxe: María Osorio.

A falta de chuvias deixou xa serios danos no millo e provocou que moitos dos pasteiros estean máis secos do habitual a estas alturas do ano, o que obriga a buscar outro sustento para o gando durante máis tempo. “Os prados están moi secos e boa parte dos gandeiros xa non levan as vacas ó pasto e aliméntanas a base de alfalfa e outras forraxes, o que está a supoñer un novo gasto extra para as ganderías”, explica Rocío Corral, presidenta da cooperativa Coafor, de Forcarei (Pontevedra). Nesta zona, debido á gran incidencia de xabaril, a maioría das ganderías deixaron de sementar millo e céntranse no pastoreo, polo que a falta de pasto está a supoñer un gran impacto nas granxas.

Tamén no concello veciño de Rodeiro, que conta cun importante número de ganderías en pastoreo, están a ter unha importante incidencia da seca nos pastos. “As vacas estámolas tendo a base de silo, xa que non queda pasto”, apunta Montes. Na cooperativa prepáranse xa para facer a sementeira directa naquelas pradeiras ás que non se lle deixou caer a semente antes da corta. A situación nos pasteiros de Chantada, acostumados á secar, é tamén moi semellante.

Mentres, a diferencia co que acontece na zona sur de Lugo e norte de Pontevedra, onde xa case non queda pasto, en concellos como Riotorto (Lugo) na cooperativa Clun aínda estiveron a facer segas para silos de herba a inicios de agosto e contan con pasteiros verdes.

Boas prácticas

O final do verán deixa habitualmente ás ganderías sen pasto en Galicia. Porén, manter pasto o maior tempo posible, máis aínda coas altas temperaturas e a falta de chuvias que se están a rexistrar este verán, e que son cada vez máis frecuentes, é un dos retos para as ganderías, en especial para as de pastoreo, xa que o pasto é fundamental na ración do gando. O manexo que se fai do pasteiro e da terra pode ser fundamental para dispoñer máis tempo de pastos, pese ás vagas de calor.

“As boas prácticas de pastoreo poden axudar moito a mitigar a seca. Un pasto cun manexo axeitado pode aguantar entre 15 días a 3 semanas máis” (Xan Pouliquen, enxeñeiro agrónomo)

“A maneira na que pacemos inflúe moito sobre a capacidade do pasto para aguantar a seca. As boas prácticas de pastoreo poden axudar moito a mitigar a seca. Un pasto cun manexo axeitado pode aguantar entre 15 días a 3 semanas máis”, explica Xan Pouliquen, enxeñeiro agrónomo e asesor agrogandeiro especializado na xestión do pasto.

Entre os factores que determinarán un manexo axeitado do pasto, tal e como sinala Pouliquen, atópanse cuestións como: fraccionar o pasto, controlar a entrada dos animais en función do estado da herba, a carga gandeira da parcela, a altura á que se corta a herba, o momento no que se fai a sega para o ensilado, o tempo sen pastorear que se deixan os pasteiros… “Hai moitos factores que condicionan o manexo, trátase de ter coñecemento sobre o pastoreo”, apunta o experto.

O tipo de especies herbáceas das pradeiras tamén é un factor que pode contribuír a mitigar a seca, posto que hainas con maior ou menor resistencia ó estrés hídrico. Neste senso, Pouliquen recomenda optar por pradeiras con diversidade de especies. Ademais tanto entre os trevos como entre os raigrás existen variedades cunha maior resistencia á seca que outras. Sinala tamén que especies de gramíneas como o dáctilo ou a festuca son herbas a ter moi en conta pola súa capacidade para aguantar a seca, aínda que como recoñece o experto, non adoitan gustar moito ós gandeiros. “A clave está en traballar con pradeiras diversificadas, pero para paliar a seca é máis determinante a xestión do pasto e a terra que a elección das especies”, indica.

“Estamos tratando moi mal a saúde da terra, o que fai que sexamos máis sensibles á seca”

Á marxe da xestión do pasto, Pouliquen incide sobre o impacto negativo que teñen prácticas moi habituais sobre a saúde da terra. “Estamos tratando moi mal a saúde da terra, con prácticas que lle afectan en gran medida, o que fai que sexamos máis sensibles á seca”, detalla Pouliquen. Entre as prácticas máis prexudiciais sinala o laboreo da terra ou o emprego de fertilizantes químicos ou xurro no canto de materia orgánica.

A recuperación dos antigos sistemas de rega tradicionais, en desuso polos cambios de manexo, pode ser tamén unha vía para conseguir pasteiros durante máis tempo.Así o apuntan tamén ganderías centradas no manexo de gando en pastoreo, como é o caso da de María Osorio, nos Ancares que reflexionaba estes días nas súas redes sociais sobre a importancia deste tipo de medidas para paliar os efectos da seca.

A seca deixa serias perdas no millo que xa non resolverán as inminentes choivas

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información