O custo de sementar unha hectárea de millo encareceuse 200 euros nesta campaña

Algúns gandeiros aumentan a superficie dedicada a millo para tentar reducir o impacto da suba dos pensos mentres outros redúcena ó dispoñer de excedentes de forraxes e debido ós custo dos fertilizantes, combustibles, sementes. A campaña está a ser áxil e rápida polo tempo solleiro e seco

O custo de sementar unha hectárea de millo encareceuse 200 euros nesta campaña

Traballos de sementeira de millo. // Foto cedida.

O incremento dos custos dos fertilizantes, os combustibles, a sementeira ou os fitosanitarios así como dos pensos e os cereais que se rexistrou nos últimos meses, entre outros factores polo estalido da guerra en Ucraína, está a deixar tamén pegada nesta campaña de sementeira do millo.

Mentres algúns gandeiros están optando por aumentar a superficie de millo, para reducir a necesidade de mercar cereais e pensos, outros decidiron deixar de sementar algunhas parcelas, se dispoñen de forraxes suficientes, polo desembolso que lles supón. Segundo algunhas estimacións, os custos de sementar millo nesta campaña incrementáronse nuns 200 euros por hectárea.

As previsións apuntan a que o incremento dos custos de produción se trasladarán á alimentación e ó consumidor final dentro duns meses, xa que polo momento os gandeiros seguen a producir leite e carne coas forraxes que colleitaron o ano pasado, cun prezo máis reducido.

O tempo solleiro destas últimas semanas está a favorecer que sexa unha campaña de sementeira rápida e áxil. Estanse apurando os últimos cortes para ensilado de herba naquelas parcelas nas que se fai rotación co millo. Mentres, nas que se dedican en exclusiva a millo xa se sementaron boa parte delas, xa que o inverno seco tamén propiciou que se poida acceder a case tódalas fincas sen dificultades, pese a ser terreos húmidos.

Facemos un percorrido polas principais comarcas gandeiras de Galicia para coñecer a evolución da campaña da sementeira deste 2022:

Mariña lucense: “Os custos de sementar o millo incrementáronse nuns 200 euros nesta campaña”

En Ribadeo, na cooperativa Os Irmandiños, integrada en Clun, a sementeira do millo comezou un pouco máis tarde que o ano pasado, pero nestes momentos están en plena campaña traballando arreo con dúas sementadoras. “Sementamos as primeiras hectáreas o 25 de abril, pero realmente comezouse coa sementeira o 30 de abril e xa non paramos”, explica José Ramón Loza García, responsable de maquinaria da cooperativa.

Polo momento levan unhas 300 hectáreas sementadas, apenas o 25% do que agardan plantar. Con todo, as previsións de bo tempo e de avance dos traballos do ensilado, así como o bo ritmo que están a levar os traballos fan prever que nesta semana se incremente en gran medida esa porcentaxe, xa que moitos gandeiros aínda están acabando co ensilado.

No Centro de Alimentación do Gando Vacún (Cavi), que a cooperativa xestiona en Ribadeo e que é ademais a maior instalación de tratamento e almacenamento de forraxes de Galicia, contan sementar nesta campaña unhas 800 hectáreas de millo. Polo momento xa teñen sementadas unhas 120 hectáreas das 350 que xestiona de maneira integral a cooperativa, ás que se engaden arredor dunhas 400 hectáreas de socios, unha cantidade que varía en función do ano e das previsións de forraxe que se manexen en cada tempada. “Moitos dos socios están aínda collendo o segundo corte de raigrás por iso a sementeira aínda non se fixo, pero nos próximos días vaise avanzar moito na sementeira do millo”, apunta Loza.

Comezar os traballos un pouco máis tarde que outros anos tamén fixo que reducisen os ciclos. Na cooperativa na campaña pasada sementaron un ciclo de 600 e este ano optaron por ciclo de 500. “O ano pasado é verdade que veu mal ano para que o millo acabase de madurar, polo que este ano queremos ter unha colleita de cedo, alomenos unhas 200 hectáreas que esperamos ensilar xa na primeira semana de setembro”, concreta.

A previsión de superficie dedicada a millo na Mariña parece manterse nesta campaña. Mentres algúns gandeiros optaron por sumar novas parcelas para dispoñer de máis forraxe e tentar mercar menos cereal, outros decidiron reducir as parcelas dedicadas a millo polo elevado custo que ten o cultivo e ó ter aínda excedentes de forraxes na granxa. “Estimamos que sementar o millo costa uns 200 euros máis por hectárea, co que cada gandeiro valora que lle resulta máis rendible”, concreta Loza.

sementeira millo_Os Irmandiños _Clun

Unha das sementadoras de millo que a cooperativa Os Irmandiños está a empregar nesta campaña. // Imaxe cedida.

Zona central e oriental de Lugo: “A campaña arrancou esta fin de semana e está a ir moi concentrada, sementando moito millo nestes días”

En Sarria a campaña está indo moi rápida. “Comezouse a sementar na fin de semana e estase a seguir nesta semana sementando moito. Está a ir todo moi concentrado”, indica Mari Luz Basanta, técnica de cultivo da cooperativa Aira.

Nesta zona adóitase sementar nestas primeiras semanas de maio, co que a sementeira estase a realizar nas datas habituais, a diferenza do que aconteceu o ano pasado cando as chuvias atrasaran a sementeira e condicionaran os ciclos a sementar. “O tempo está moi bo para sementar e sumado á suba dos prezos dos cereais a xente estase animando a sementar, parece que se preparan máis fincas”, comenta a técnica.

O habitual entre os produtores de Sarria é optar por sementar ciclos de 400 e a maioría do millo que se está a sementar é tratado con repelente fronte ós corvos para tentar evitar os danos unha vez sementado cando comeza a agromar. Pese ó incremento de prezo que supón optar por este tipo de millo, a gran incidencia dos corvos nas fincas de millo fai que os gandeiros decidan facer o gasto.

Interior coruñés: “A subida dos prezos dos cereais está motivando que os gandeiros tenten aproveitar para cultivar máis forraxes e mercar o menos posible”

En Concellos como Mesía, Vilasantar ou Santa Comba aínda están co ensilado de herba ás voltas e a sementeira vai máis atrasada que noutras comarcas galegas de interior, coma o Deza. Porén, a campaña está a vir case con entre 10-15 días de adianto con respecto doutros anos, xa que o tempo solleiro e seco está permitindo sementar. “O tempo está a vir moi bo para a sementeira, así é que a xente está ensilando herba e sementando o millo detrás”, comenta Alejandro Mosquera, técnico de cultivo da cooperativa Aira nesta zona.

Na maior parte das ganderías desta zona están optando por ciclos de 400 ou 500, que é tamén o recomendable para as datas nas que nos atopamos, tal e como sinalan dende Aira. Tamén hai parcelas, sobre todo naquelas zonas do interior da provincia próximas ó río Ulla, coma Touro, onde están sementando algún ciclo de 600, aínda que como indica Mosquera son parcelas puntuais.

A finais desta semana agárdase que estará sementado arredor do 40% do millo que se plantará esta campaña. Pese ó incremento notable dos prezos dos fertilizantes, aquelas granxas máis técnicas e con gran necesidade de forraxe están a manter o mesmo plan de abonado. Nesta zona estase a apreciar un incremento da superficie de terra que se sementará de millo. Estímase que poida aumentar nun 5% as hectáreas cultivadas ó sumarse terras que estaban baleiras. “A subida dos prezos dos cereais está motivando que os gandeiros tenten aproveitar para cultivar máis forraxes e ter que mercar o menos posible, en definitiva ser menos dependentes das materias primas que hai que mercar fóra”, detalla Mosquera.

Por agora nesta zona case non detectaron incidencias nas parcelas plantadas debido ós corvos, aínda que si houbo algúns danos puntuais co xabaril en fincas de Vilasantar e Mesía.

Xallas e Barcala: “A maneira de abaratar é tendo quilos por hectárea, e sen abonar non se conseguen”

Na cooperativa Ganxabar, en Mazaricos (A Coruña), a maior parte das arredor de 700 hectáreas que cultivan habitualmente está xa sementada. “Foi unha sementeira rápida aínda que nós comezamos máis tarde, case 10 días despois do que o viñamos facendo”, explica Adrián Cundíns, xerente da cooperativa asentada na comarca do Xallas. Polo xeral, adoitan comezar coa sementeira do millo arredor do 20 de abril e este ano adiárono ata a primeira semana deste mes de maio. Así é que o ano pasado polo 25 de abril xa tiñan todo o millo sementado.

Este ano reduciron tamén os ciclos. Polo xeral sementaban, en función das parcelas e o momento da sementeira, ciclos de 600 e 500. Mentres este ano escolleron ciclos de 500 e 400 ó ir un pouco máis tarde. Tamén traballan con millo con repelente para evitar os ataques dos corvos. Agora mesmo está comezando a xerminar boa parte dos grans e polo de agora non acusaron ataques, aínda que non descartan que aínda se poidan producir.

Nesta campaña botaron unhas 20 hectáreas máis de millo, entre parcelas novas e algunhas fincas que pasaron a cultivar de millo, terras que antes estaban como pradeira permanente e polo que precisaban anovar. O incremento da superficie adicada a millo débese a un aumento da cabana e que precisan dispoñer de máis forraxe. “En Ganxabar levamos anos coa idea de ser autosuficientes, non é algo novo nin derivado do incremento dos prezos dos cereais. Levamos moito tempo traballando para logralo”, indica Cundíns.

A suba que experimentaron os custos de produción, dende os fertilizantes, o gasto en gasóleo, a propia sementeira e os fitosanitarios fixo que se barallasen varias estratexias para afrontalos. Porén, finalmente decidiron non reducir o gasto nos fertilizantes, que case chegaron a triplicar o seu prezo por hectárea. “Teño claro que querer aforrar no abonado fai que saia máis cara a forraxe. A curto prazo non gastas, pero o que é unha inversión convértese nun gasto. Abonamos para que o quilo de forraxe saia económico e para iso precísase rendemento. A maneira de abaratar é tendo quilos por hectárea, e sen abonar non se conseguen”, xustifica.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información