Produtores ecolóxicos que non recibiron axudas da Xunta no 2022 demandan á Consellería no Xulgado

Denuncian a "decisión unilateral da Xunta de non pagar as axudas comprometidas", algo que interpretan como "un boicot á produción ecolóxica" por parte do Goberno galego

produtores ecoloxico plataforma 1Produtores ecolóxicos que foron excluídos no reparto efectuado pola Xunta das axudas agroecolóxicas da PAC no ano 2022 veñen de presentar demandas no Xulgado do Contencioso-Administrativo contra a Consellería do Medio Rural despois de ter recibido a denegación aos seus recursos de alzada. 

A asociación Proecogal, que aglutina aos afectados, denuncia a “decisión unilateral da Xunta de non pagar as axudas comprometidas ao sector ecolóxico no 2022” e anuncia que “o número de demandas aínda pode aumentar dado que 4 meses despois continúan a chegar comunicacións de denegación a varias explotacións”.

Proecogal lamenta o feito de ter que chegar ao Xulgado para reclamar estas axudas, “que estaban establecidas e só requerían unha maior inxeción económica”, algo que interpretan como “un claro indicativo das políticas da Xunta de boicot á producción ecolóxica”.

A Xunta semella diverxer cada día máis da liña marcada por Europa dunha produción sostible e saudable

Dende a asociación avanzan que pretenden “seguir na loita en defensa dunha producción sostible e saudable, na liña marcada por Europa e da que a Xunta semella diverxer cada día máis”.

Campaña de recollida de apoios

Recordan que ademais das demandas xudiciais continúan coas campañas de concienciación da sociedade en canto ós beneficios da produción ecolóxica e na busca do apoio social, político e institucional ás súas reivindicacións.

Por unha banda, a campaña de recollida de sinaturas acadou máis de 10.000 apoios, que foron presentados recentemente no Rexistro da Xunta. Por outro lado, recibiron “ducias” de apoios institucionais de concellos, deputacións, así como de diversos organismos e asociacións relacionados co sector.

Proecogal ten esperanza “dun xiro de 180º nas políticas actuais da Consellería do Medio Rural”

Proecogal ten esperanza “dun xiro de 180º nas políticas actuais da Consellería do Medio Rural que cumpran cos obxectivos establecidos para a produción ecolóxica e aposten por un sector sostible, en auxe, rendible e con gran potencial en Galicia”.

A Xunta, que achacou no seu momento a un exceso de solicitudes e ao esgotamento orzamentario a imposibilidade de dar apoios a todos os solicitantes, reiterou en días pasados a súa intención de que todos os agricultores e gandeiros que producen en ecolóxico que soliciten a axuda no actual exercicio a cobren

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información