Cítricos Rías Baixas, un cultivo insólito que se revela exitoso en Galicia

Visitamos dúas plantacións situadas no concello de Tomiño, entre as parroquias de Barrantes, Pinzás e Cristelos, nas que Óscar Álvarez (fundador e xerente) e Victor Manuel Iglesias (técnico agrónomo) producen limóns e outros cítricos, principalmente para a venda en fresco

Publicidade

A iniciativa de Cítricos Rías Baixas comezou no 2016, cando Óscar herdou unha terra a monte adicada ao cultivo de eucalipto para madeira: “Queríamos quitar o eucalipto e buscar un novo produto que dera riqueza á zona e que se puidera expandir. Entón, esta parcela, que ten case 3 hectáreas, dividímola en tres fases, e nunha delas, como zona piloto, plantamos 250 árbores de limoeiros. Despois, no 2017, fixemos outra ampliación de 500, e despois, cubrimos toda a extensión das 3 hectáreas, con 600 máis. Aqui, agora mesmo, temos 1450 limoeiros”, destaca Óscar.

Despois de cubrir a terra herdada de limoeiros e ante a demanda dun cliente, decidiu facerse con outro terreo dunha hectárea para plantar 500 plantas de lima de Tahití, que representa un 80% das árbores desta finca, e outros cítricos menos comúns en Galicia, como o caviar cítrico, o pomelo, o limón vermello, a lima kaffir, o limequat, o concuat e o limón tigre rosa, dirixidos principalmente ao consumo en hostelería.

A plantación incorporou cítricos menos comúns en Galicia, como o caviar cítrico, que pode chegar ós 100 euros cada Kg.

“Na finca herdada non houbo problemas, pero na finca onde plantamos a lima e as outras variedades de cítricos, si que tivemos bastantes problemas, porque isto é todo minifundio, parcelas moi pequenas. Queremos aumentar o tamaño da finca pero é difícil, porque para chegar a esa hectárea houbo que comprar case a 10 propietarios”, explica.

Sobre as novas variedades de cítricos, destaca o seu interese: “As variedades menos comúns aquí, como o caviar cítrico, empregado principalmente en alta cociña, pode chegar a un prezo de 100 euros/kilo”, sinala.

“Temos tres liñas de comercialización: hostelería, froiterías e un maiorista. Non hai ningún problema para a venda, xa que existe unha forte demanda de produto galego, vendemos todo o que producimos. Os cítricos son un potencial para Galicia. Temos unhas condicións moi boas, o único que hai que modificar un pouco son as terras, pero cun pequeno coñecemento si que se pode facer unha boa produción” asegura Óscar.

“Para aumentar unha hectárea, tivemos que chegar a acordos con 10 propietarios”

En ecolóxico desde o 2018
Di Óscar que ainda que actualmente non se asocie a Galicia cos cítricos, se buscamos na historia, si que houbo cítricos en Galicia desde hai moito tempo. “Para nós, os primeiros anos foron dificiles, pois existe un forte descoñecemento sobre o cultivo do cítrico en Galicia, e non foi doado dar cun técnico agrónomo que soubese, o que fixo que as primeiras plantacións foran con retraso, algo que xa non está acontecendo coas novas plantacións nin cos aumentos que estamos facendo”.

“Os cítricos foron un cultivo histórico en Galicia, pero cando comezamos nós, faltaba coñecemento na materia”

“Ao principio comecei con produción convencional -sinala Óscar-, pero no 2018 pasámonos á produción ecolóxica e no 2021 comezamos a empregar técnicas de agricultura rexenerativa. Toda esta evolución foi grazas á incorporación de Víctor, técnico especialista nestas técnicas. Despois de facer varias analíticas e distintas probas con abonos, fomos chegando ao punto no que estamos agora, cun nivel de acidez e auga na terra óptimos. Estamos nun punto moi bo pero sempre hai posibles melloras” di Óscar.

Víctor, o técnico agrónomo formado na Escola Forestal de Lourizán que se incorporou no 2018 ao proxecto, cóntanos un pouco máis sobre a evolución da plantación: “No tema da agricultura ecolóxica pecamos un pouco de inexperiencia, pero fomos probando e a verdade é que nos deu moi bo resultado. Conseguimos pór a terra moi ben, cambiar a estrutura da terra, para que os cítricos se adaptaran mellor a esta zona. Aquí axúdanos moitísimo o microclima que temos nas Rías Baixas, e tamén as orientacións Sur das terras, cun arco solar moi amplio e aproveitando practicamente todas as horas de sol”.

“Dá a impresión de que temos todo desmadrado de herba, pero é unha vía para que a natureza nos favoreza”

Unha das bases do proxecto sitúase na agricultura rexenerativa. “Hai un par de anos que empezamos a aplicar técnicas de agricultura rexenerativa, intentando que a natureza nos favoreza e non ir en contra dela. Como podedes ver, temos todo con herba, que parece desmadrado, pero é o que nós queremos conseguir. Isto axúdanos a ter unha capa fértil no chan moito máis grande, reter moita máis auga e así ter que consumir menos, porque as plantas o que fan é que a terra reteña máis auga, e que os alimentos para as plantas se aproveiten mellor, con máis retencións de CO2, e así as plantas teñen moitos menos problemas de fungos e de insectos”, apunta.

Víctor fálanos sobre o seu proceso de adaptación ós cítricos: “Tiña coñecementos de agricultura ecolóxica e de árbores frutais pero non específicamente de cítricos. Cada árbore necesita as súas cousas. Pero simplemente é dar co sistema e co que necesitan. Nós aquí conseguimos ter un ecosistema moi bo para os limoeiros, simplemente tratalos ben, facer as podas e abonados que necesitan, sempre con fertilizantes ecolóxicos”, subliña.

“Se algunha vez as árbores teñen algún problema, sempre lles axudamos con produtos que nós mesmos facemos. Por exemplo, para o pulgón (‘Aphididae’), utilizamos a ortiga. Para abonar utilizamos abonos das granxas de aquí de cerca. Sempre utilizamos recursos locais para que a colleita vaia mellor”, conclúe.

Dixitalización e mecanización a curto prazo
Victor asegura que o maior problema que teñen agora mesmo é a falta de electricidade: “ O feito de que non chegue a corrente fai que teñamos que vir aquí todos os días, para regar, para controlar as plantas, para facer todo… Dentro dun tempo, esperamos que curto, teremos aquí corrente e poderemos dixitalizar os sistemas de rego por internet. Tamén instalaremos cámaras para controlar as plantas. Pasa o mesmo coa auga. Nós aquí regamos por gravidade pero cando poidamos dixitalizar a plantación, xa poderemos distribuir os regos desde a casa”.

mel citricos 2

Ouro de Limón: un mel diferente

Victor cóntanos que a idea de colocar colmeas na plantación de limóns xurdiu como un método para facilitar a polinización: “Sacamos un pequeno produto, Ouro de Limón, que é o nome comercial que recibe o mel que producimos. Simplemente é o resultado dun aproveitamento das abellas de cara á plantación. É un mel que está moi bo, pero non podemos falar dun mel monofloral porque temos moitas especies ao redor, pero creo que o limón apórtalle singularidade. Temos aquí moitas árbores autóctonas e foráneas como eucaliptos, carballos, castiñeiros, ou flor de azahar, entre outras”.

  • Este contido elaborouse en colaboración co Mercado de la Cosecha. O Mercado de la Cosecha é un proxecto de impacto positivo da Corporación Hijos de Rivera que traballa co propósito de transformar o rural.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información