Compromiso da Xunta para conceder en 2024 axudas a todas as solicitudes de agricultura e gandería ecolóxicas

Compromiso da Xunta para conceder en 2024 axudas a todas as solicitudes de agricultura e gandería ecolóxicas

A Consellería do Medio Rural asegura que no 2024 concederá axudas a todas as solicitudes admisibles de agricultura e gandería en ecolóxicas da orde actual de convocatoria deste tipo de subvencións, que conta cun orzamento de 9 millóns de euros.

En concreto, dende o departamento que dirixe José González, aseguran en resposta a Campo Galego que “en base aos datos aportados polo propio Craega, prevese que ningunha solicitude admisible (que cumpra os requisitos da convocatoria) da orde actual quede sen axuda”.

Deste xeito, parece disiparse o temor de que se repita a mesma situación de 2022, cando a falta de previsión levou a que dende Medio Rural non se atendesen todas as solicitudes de axudas que cumprían cos requisitos. Isto provocou  que arredor de 300 produtores en ecolóxico quedasen sen axuda, sendo os máis afectados, os que fixeron conversión a ecolóxico no ano 2022, xa que deixaron fóra ao 80% dos novos produtores que se incorporaron, e os que a recibiron viron diminuída a achega ata case o 50% nalgún caso.

Neste sentido, dende a Xunta destacan que “a convocatoria deste ano da PAC elevou ata os 9 millóns de euros as axudas para agricultura ecolóxica, o que case multiplica por 3 o presuposto de 2022 (era de 3,18 M€)”. “Ademais hai que destacar que este incremento (de chegar ata os 9 millóns de euros) fíxose extensivo durante un período de cinco anos 2023-2027, o que representa un montante total de 45 millóns de euros”, engaden.

Dende Medio Rural, lembran tamén que “subiu a prima unha media do 26% para beneficiar as explotacións ecolóxicas, tamén tralo acordo ao respecto con organizacións agrarias e Craega”.

O orzamento da Xunta para todas as liñas de axudas agroambientais 2023-2024, incluído o ecolóxico, é de 26.770.000 euros e ademais habería que sumarlle 18.000.000 € das axudas a zonas con limitacións naturais, repartidos en 12.000.000 € para as zonas clasificadas como de montaña e 6.000.000 € para as áreas distintas de montaña.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información