VALEECO, o proxecto que busca reducir a pegada de carbono e aumentar a eficiencia das ganderías de vacún de leite en ecolóxico de Galicia

Presentados os primeiros resultados do proxecto piloto que busca, mediante o manexo, reducir a pegada de carbono en explotacións ecolóxicas de ruminantes, á vez que aumenta a efectividade produtiva.

Xornada técnica titulada “Primeiros resultados sobre a eficiencia produtiva e pegada de carbono en ganderías de leite ecolóxico”, celebrada no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo o pasado venres 14 de xullo e que o CRAEGA organizou para Agronovo.

Xornada técnica titulada “Primeiros resultados sobre a eficiencia produtiva e pegada de carbono en ganderías de leite ecolóxico”, celebrada no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo o pasado venres 14 de xullo e que o CRAEGA organizou para Agronovo.

O proxecto “Incremento da eficiencia en ganderías de ruminantes e valorización dos seus produtos”, ou “VALEECO”, ten como obxectivo aumentar a eficiencia produtiva, económica e ambiental das explotacións de ruminantes mediante cambios nas prácticas de manexo.

O seu promotor é a asesoría Agronovo Ecoloxía S.L. e conta coa colaboración principal do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM). Ambos tomarán e analizarán mostras, interpretarán os seus resultados e crearase unha ferramenta TIC (baseada en web) que permitirá rexistrar e conxuntar as variables analizadas e obter, de maneira semiautomatizada, datos concluíntes para buscar a eficiencia produtiva das granxas.

Tamén colaboran o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA) para a difusión de enquisas e divulgación de resultados, así como dez explotacións de vacún de leite, oito delas pertencentes á Asociación de Produtores de Leite Ecolóxico de Galicia, como destinatarias das probas para obtención de datos do proxecto.

Os obxectivos específicos do proxecto son:

-Maximizar as forraxes reducindo os custos de alimentación (10%), así como mellorar a inxestión e calidade dos mesmos para aumentar a produción (6.500 kg/vaca/ano) que repercutirá nunha baixada da pegada de carbono (preto do valor neutro).

-Reducir a pegada de CO2 medíndose a eficiencia das granxas para corrixir aquelas que teñan peores rexistros. Unha baixa pegada de CO2 é unha medida indirecta de eficiencia moi válida, aquelas que producen máis con menos recursos son as máis eficientes.

-Mellorar o índice de biodiversidade: Parametrizar este factor con medidas obxectivas dará unha caracterización positiva das granxas. Este índice contribuirá a dar solidez ao leite ecolóxico producido en Galicia.

-Utilizar unha ferramenta TIC a través dunha aplicación informática (baseada en web) que permitirá xestionar todos os datos recolleitos na explotación e analizar a súa situación desde varios puntos de vista á vez, emitindo un informe que sirva de guía para implementar un plan de mellora nos puntos que o requiran.

Obxectivo para as ganderías: Lograr un incremento en beneficio do 8% polo uso máis eficiente dos insumos e dos recursos

Os impactos que esperan obter en Agronovo do proxecto, destinado inicialmente aos seus clientes, serán de tipo económico, ambiental e social. O económico será un incremento en beneficio do 8% polo uso máis eficiente dos insumos e dos recursos. O ambiental será unha redución da pegada de carbono das granxas participantes. E o impacto social esperado é unha mellora nas relacións entre gandeiros, empresas e investigadores, así como o desenvolvemento de novas tecnoloxías que poidan ser transferidas a outras comunidades.

Até o momento hai uns primeiros resultados, dados a coñecer recentemente nunha das accións de difusión do proxecto, a xornada técnica titulada “Primeiros resultados sobre a eficiencia produtiva e pegada de carbono en ganderías de leite ecolóxico”, celebrada no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo o pasado venres 14 de xullo e que o CRAEGA organizou para Agronovo.

O público asistente, gandeiros en produción ecolóxica, puideron comprobar como mellorar o rendemento das súas explotacións á vez que se aproveita a biodiversidade do medio e se reduce o impacto ambiental. Ao mesmo tempo se adaptan ás esixencias da PAC e posibilitando un maior cobro de axudas.

A xornada foi inaugurada por Manuel López Luaces, subdirector da Axencia Galega de Calidade Alimentaria-AGACAL, e por Francisco López Valladares, presidente do GRAEGA. A continuación, Xisela Fernández González, de Agronovo, centrou a súa intervención en explicar como xurdiu este, ademais de enumerar cales son os obxectivos que se queren acadar con el, tales como mellorar a biodiversidade ou reducir a pegada de carbono.

Posteriormente, os relatores comezaron a afondar máis sobre o proxecto, presentándoo en tres bloques. César Resch Zafra, do CIAM, expuxo durante a súa intervención como se analizan os datos de emisión de gases noutros países, entre outros aspectos tamén relacionados con esta iniciativa. Posteriormente, Marcos Veiga López, tamén do CIAM, enumerou as ganderías que participaron na iniciativa, explicou como se poden mellorar e tamén falou da recollida de datos.

Por último, Resch Zafra foi o encargado de poñer fin ao evento ao participar de novo revelando máis datos do proxecto.

Explicáronse os indicadores de biodiversidade, aínda en fase inicial, como son os de parcelación (reparto entre cultivo de inverno, de verán, pradeiras sementadas de menos de 5 anos e pradeiras permanentes), os elementos agroecolóxicos (tipos de cultivo ou elementos, como sebes, muros, arboredo,…) e as pradeiras permanentes, que, en conxunto, darán un índice de biodiversidade da granxa.

Tamén se explicaron os indicadores en granxa:

-Cantas vacas pariron no ano por primeira vez, porcentaxe sobre o total de vacas do establo.

-Cantos quilos de proteína se fan na granxa, que porcentaxe representa sobre as necesidades do rabaño.

-Litros de leite por hectárea.

-Gramos de concentrado por litro de leite producido.

Até o momento atopáronse 4 explotacións con proteína bruta por debaixo de 10. É un indicador de posible mellora.
A recollida de datos nas granxas que se indicou na presentación son os de leite por vaca e día, calidades do leite, urea, días en leite, concentración de partos, adecuación do concentrado, manexo do pastoreo, razas ou o uso de leguminosas.

No momento de exposición dos datos, a falta de realizar algunhas visitas para toma de datos en explotacións, o proxecto contemplaba inicialmente os seguintes (media):

-Nº de vacas de leite/granxa: 45,3
-Produción de leite (litros/vaca): 4.850
-Produción de leite (litros/superficie): 4.839
-Superficie forraxeira (SAU en ha): 45,6
-Carga (UGM/ha): 1,3
-Concentrado (gramos/litro leite): 216

Unha vez rematada a toma de datos se calculará a pegada neta de CO2 equivalente por litro de leite corrixido, que será a referencia para a mellora das granxas mediante as medidas contempladas neste proxecto.
A xornada concluíu cunha despedida e cos agradecementos de todos os participantes.

Este proxecto piloto de Agronovo foi un dos seleccionados nas axudas para o apoio de proxectos piloto, desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías no ámbito agroforestal, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, na convocatoria do ano 2022.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información