Constituída unha Plataforma de produtores ecolóxicos ante a falta de fondos para as axudas deste ano

Está integrada por 180 agricultores e gandeiros inscritos no Craega, que piden á Xunta que “subsane de inmediato a súa falta de previsión ampliando o orzamento” previsto para este ano 2022 e os sucesivos

Integrantes da Plataforma de Produtores Ecolóxicos de Galicia durante a presentación este venres en Lugo

Integrantes da Plataforma de Produtores Ecolóxicos de Galicia durante a presentación este venres en Lugo

A previsible falta de fondos dentro do PDR deste ano para cubrir a totalidade das axudas de agricultura ecolóxica solicitadas está a motivar un fondo descontento entre os produtores, que veñen de constituír unha Plataforma que foi presentada este venres en Lugo.

Está integrada por 180 produtores e produtoras, tanto de gandería como de outros sectores e piden á Consellería do Medio Rural “que subsane de inmediato a súa falta de previsión ampliando o orzamento para a agricultura ecolóxica para que ningún produtor e produtora que cumpra os criterios precisos quede sen a correspondente axuda tanto na solicitude 2022 como na 2023-2027”.

A Consellería conta este ano cun orzamento de 3,18 millóns de euros, negándose polo de agora a incrementalo, polo que “faltarían algo máis de 2 millóns de euros para cubrir a convocatoria do ano 2022”, denuncian os produtores no manifesto aprobado.

Os criterios de priorización son inxustos e irracionais e implicarán que máis do 50% dos solicitantes queden fóra das axudas, tanto novas inscricións como produtores que leven moitos anos certificando

Ante a escaseza de recursos, aplicaríanse criterios de priorización para o reparto das axudas, tal como se recolle nas bases da convocatoria. A asignación de puntos realizaríase en función da ubicación (2 puntos por estar en zona de montaña e 1 punto por estar en Rede Natura). En caso de empate, contaría ser explotación prioritaria e a superficie, penalizando a declaración de fincas de pasto arbustivo ou baixo arborado.

“Estes criterios son inxustos e irracionais e implicarán que máis do 50% dos solicitantes queden fóra das axudas, tanto novas inscricións como produtores que leven moitos anos certificando”, consideran os membros da nova Plataforma.

Á espera da resolución das axudas

Á espera da publicación da resolución das axudas por parte de Consellería (agárdase a aprobación antes de final de ano), existe moita incertidume sobre o número de afectados, aínda que desde a Plataforma estímase que dos 400 produtores inscritos no CRAEGA o 50% poderían quedar fóra, sendo a liña de corte 30 hectáreas para mantemento e 60 para conversión.

Calculan que por baixo de 60 hectáreas en conversión e 30 en mantemento quedaríase fóra das axudas

A Consellería tiña xa coñecemento desde hai meses de que a superficie certificada aumentaba de forma considerable, nunhas 12.000 hectáreas, “o cal debería implicar o correspondente aumento orzamentario”, razoan.

Situación para os vindeiros anos

“É evidente a falta de previsión, así como un menosprezo importante aos produtores e produtoras de ecolóxico, sabedores de que esta situación pode poñer en entredito a viabilidade dos nosos proxectos vitais nun contexto social e económico verdadeiramente delicado, cun incremento de custos sen precedentes”, quéixanse os produtores. “Sen as axudas, a miña explotación é inviable”, alertaba este venres un gandeiro que leva 15 anos producindo en ecolóxico.

Sen estas axudas e as de zonas con limitacións naturais moitas explotacións son inviables

 “Para os anos sucesivos a situación pode ser aínda moito peor, obrigando aos produtores a adquirir compromisos temporais de 5 anos, renunciando á posibilidade de solicitar axudas en convencional, sen ter garantida a cobertura económica das axudas por parte da Xunta de Galicia”, denuncian.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información