“Os cartos para agricultura ecolóxica son os que son e non hai máis”

O director xeral de Gandería, José Balseiros, encóntrase nunha xornada en Friol con gandeiros que temen quedarse fóra das axudas por non atoparse en zona de montaña nin en Rede Natura, dous dos criterios que se primarán para o reparto

“Os cartos para agricultura ecolóxica son os que son e non hai máis”

José Balseiros, xunto ao subdirector do FOGGA, Jorge Piñeiro, na charla celebrada este xoves en Friol

“Levamos un ano enteiro cumprindo todas as condicións de ecolóxico, interésanos saber se imos ter algo de axuda ou nos imos quedar sen nada”. Así de directo se dirixiu ao director xeral de Gandería, José Balseiros, un produtor de carne ecolóxica da Fonsagrada, José Manuel, durante un acto organizado por Medio Rural en Friol para explicar os cambios da nova PAC. A xornada, que contou tamén coa presenza do subdirector do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), Jorge Piñeiro, acabou sendo máis un foro de queixas e reproches de gandeiros que se sentían prexudicados polas últimas decisións da Consellería, tanto en agricultura ecolóxica, como en vacún de carne, que merece capítulo a parte.

“Este ano aumentáronse os fondos un 57%, de 2 millóns de euros no ano 2021 pasamos a 3,2. Aínda así, van ser insuficientes, pero os cartos son os que son e non hai máis”, contestoulle Balseiros, que lle pediu aos afectados que agarden á resolución das axudas por parte da Consellería porque “que haxa un número determinado de axudas solicitadas non quere dicir que todas cumpran os requisitos; imos ver”, dixo Balseiros na xornada de onte.

Moitas solicitudes que hai este ano son do período de conversión e probablemente o vindeiro ano non sigan en ecolóxico (José Balseiros)

Algún dos afectados propuxo que se non chegan os fondos para o pago por ecolóxico se lles permita polo menos cobrar as axudas agroambientais, que percibían en moitos casos até agora, pero o subdirector do FOGGA aclarou que “se unha explotación está en ecolóxico non pode cobrar as agroambientais normais”, afirmou.

“Pero se cumpren as condicións de ecolóxico, tamén cumpren as de agroambientais. Como é posible que queden sen nada?”, reprochoulle outro produtor, ao que Balseiros enseguida contestou: “Pensades que unha Administración pode dar as axudas que lle peta no momento que lle peta?. Non é así. Temos que cumprir normativas e regulamentos”, advertiu.

Por iso, Balseiros aclarou igualmente que “non se poden prorratear os fondos”, tal como se propuxo desde o Craega, para repartir deste xeito os cartos dispoñibles entre todos os solicitantes. “Tamén cando a Xunta saca as axudas de eficiencia enerxética e cambio de xanelas en vivendas, esgótanse en media hora e hai xente que queda fóra”, comparou Balseiros.

Tamén cando se sacan as axudas de cambio de xanelas en vivendas hai xente que queda fóra (José Balseiros)

“Hai uns criterios de priorización fixados no Plan de Desenvolvemento Rural (PDR) desde o ano 2015 e recollidos na orde deste ano, que son os que se van aplicar: por estar en zona de montaña (2 puntos) e en Rede Natura (1 punto). A igualdade de puntos, terase en conta o que menos proporción de pasto arbustivo e arborado ten e, se segue habendo empate, primaría o que ten máis superficie”, detallou Piñeiro.

As modificacións, de ser necesarias, de cara ao vindeiro ano

Para o vindeiro período PAC 2023-2027, estes criterios manteranse, incorporando a titularidade compartida como factor de explotación prioritaria, avanzou o subdirector do FOGGA. Ademais, ante o importante incremento de solicitudes para axudas de agricultura ecolóxica que se produciu este ano (12.000 hectáreas máis), a Consellería do Medio Rural valorará a necesidade dunha posible modificación do Plan Estratéxico da PAC, co fin de poder dedicar no futuro máis fondos a esta medida, pero non para a convocatoria deste ano 2022.

“Cara ao mes de marzo agardamos ter os datos que nos indiquen por sectores como vai saír a PAC, e facer trasvases entre sectores a través das modificacións pertinentes no Plan de Desenvolvemento Rural, vía Ministerio e a Comisión Europea, que é quen a ten que autorizar eses cambios”, aclarou Balseiros.

Os cartos son os que hai, e se se aumenta dun sitio haberá que sacar doutro (José Balseiros)

Pero o director xeral xa advertiu: “Os cartos son os que hai, e se se aumenta dun sitio haberá que sacar doutro. A modificación do PDR está prevista para iso, para trasladar cartos dunha medida excedentaria a outra deficitaria. Fíxose sempre e seguirémolo facendo, pero para este ano xa non é posible”, concluíu.

De todos xeitos, e aínda que se mostrou aberto a facer estes cambios de cara aos vindeiros anos, insinuou que pode que non sexa necesaria a modificación, xa que prognosticou que as solicitudes o ano que vén serán menores. “Moitas solicitudes que hai este ano son do período de conversión e probablemente o vindeiro ano non sigan en ecolóxico”, afirmou.

Ollo ao que vén

Ante as críticas que estaba a recibir dos gandeiros, en varios momentos do acto, Balseiros sentiuse no disparadeiro e mostrouse doído: “Estades atacando a quen vos defende. Vós pensades que o voso inimigo somos nós?. O inimigo téndelo en dous sitios, no Ministerio de Transición Ecolóxica e en Europa, onde teñen un descoñecemento absoluto da vosa realidade. Xa veredes o que vén aí”, advertiu.

“Nos entornos urbanos, estórbanlles as bosteiras das vacas; os vosos inimigos son os animalistas. É unha ola que vén e que hai que tentar parala como sexa. Porque se non houbera circunscricións electorais provinciais, xa estarían no Parlamento e nos próximos anos vai ser infinitamente peor”, opinou.

“Co novo decreto de ordenación do sector vacún (que prepara o Ministerio), case ningunha explotación de leite en Galicia cumpriría a norma. E esperade ver a nova lei de benestar animal. Eu xa sei que vos interesan moito as axudas, pero eu creo que é moito máis importante combater estas cousas”, recomendou, nun dos momentos en que a xornada cobrou tintes de mitin político.

O voso inimigo son os animalistas, que non queren que haxa vacas nos establos nin galiñas nos galiñeiros

Sobre as liñas de agroambientais e ecolóxico, Balseiros afondou tamén en cuestións das negociacións que, con frecuencia, non saen á luz: “Tiñamos que ter gravadas algunhas conversas que tivemos en Madrid polo tema da carga gandeira. A proposta do Ministerio de Transición Ecolóxica era 0,5 Unidades de Gando Maior (UGM) por hectárea. Foi unha negociación moi complicada para dar chegado a 2 UGM/hectárea. O ministro de Agricultura, Luis Planas, paréceme unha persoa dialogante e razoable, e o director general, Fernando Miranda, tamén. Non podo dicir máis que boas palabras deles, pero cada vez que houbo reunións a 3 bandas co Ministerio de Transición Ecolóxica, sempre era o que mandaba”, contou Balseiros.

Explotacións intensivas

O subdirector do Fondo Galego de Garantía Agraria, Jorge Piñeiro, engadiu que a nova PAC é moito máis complexa ca actual porque “o Plan Estratéxico da nova PAC non é só un documento de reparto de axudas, senón que é tamén un documento de política agraria xeral que inclúe normas de fitosanitarios, antibióticos, abonado ou ordenación gandeira”.

O decreto de ordenación das granxas de vacún que prepara o Ministerio pode xerar un problema gordo en Galicia (Jorge Piñeiro, subdirector do Fogga)

“Vai haber, por exemplo, un real decreto paralelo de ordenación gandeira das granxas de vacún, con efectos importantes sobre as explotacións que no REGA (Registro General de Explotaciones Ganaderas) están actualmente como intensivas. En canto se aprobe este real decreto, haberá que facer un cambio de oficio no REGA porque senón córrese o risco de que todas estas explotacións deixen de cobrar a PAC. Pode haber un problema moi gordo en Galicia”, advirte Piñeiro.

Para o subdirector do FOGGA, a esixencia medioambiental da PAC é “espectacular”. “O medio ambiente é unha política transversal que subiu de nivel en todos os aspectos. Son esixencias da Dirección Xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea, que é tamén a que manda hoxe en día en Bruxelas”, afirmou.

Será este un dos últimos períodos da PAC?

Entre os reproches dos gandeiros e as preguntas máis técnicas de asesores pertencentes a entidades de aconsellamento, o acto foi collendo camiños diversos e mesturáronse grandes cuestións de política europea coas necesidades concretas dos gandeiros. “As esixencias ambientais que marca Europa fan que a produción se marche fóra. Neste momento prodúcense xa máis pementos de Padrón en Marrocos que en Galicia”, exemplificou Balseiros.

As esixencias ambientais fan que a produción se marche. Neste momento prodúcense xa máis pementos de Padrón en Marrocos que en Galicia

“Non quero que saiades de aquí coa sensación de que eu son pro-Brexit, pero estanvos abrasando. E eu penso que Europa está cavando a súa propia tumba, tal como está facendo as cousas, porque revestir todo de ecoloxismo desde un despacho está ben para os urbanitas, pero está acabando coa produción e levando ao abandono ao medio rural”, engadiu.

“Estase falando de que este pode ser un dos últimos períodos nos que hai PAC, e iso non o decide Galicia. Os altos funcionarios da Comisión Europea non están pensando en pagarvos a vós, iso é o que pensamos todos. A PAC está para que os prezos dos alimentos non suban e ás veces non logramos subir os prezos precisamente porque está a PAC”, afirmou Balseiros.

“Queren acabar coas axudas. A idea da UE de cara ao futuro é que non as haxa. Nós non queremos iso, pero a tendencia vai por aí. Os países do norte de Europa, os homes de negro, xa non querían poñer cartos para este período 2023-2027. Finalmente fixérono, pero cunhas condicións ambientais reforzadas para abonar as axudas”, asegurou.

E para descargar responsabilidades sobre a Xunta, engadiu: “Non vos esquezades, ao final o Plan Estratéxico que aprobou a Comisión Europea foi o que mandou o Goberno central e hai unhas normas que veñen de Bruxelas, porque nin a condicionalidade reforzada nin os ecoesquemas os impuxo Galicia”, concluíu.

“O sector máis beneficiado pola PAC vai ser o da carne; é falso que saían gañando as granxas de leite”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información