Convocado o Plan Renove de maquinaria 2023, con axudas para adaptar a cisterna de xurro

O prazo ábrese o día 7 de xullo e as axudas concederanse por orde de presentación. Subvenciónase o 30% do custo dos equipos de aplicación localizada de xurro, que deberán estar comprados e rexistrados no ROMA no momento de realizar a solicitude

Tractor con cisterna con inyectores de purín

Tractor con cisterna con inxectores de purín

O Ministerio de Agricultura acaba de convocar as axudas correspondentes ao Plan Renove de Maquinaria para este ano 2023. A orde de subvencións, publicada a semana pasada no BOE, establece axudas de ata 6.000€ para adaptar cisternas de xurro á nova normativa, que entrará en vigor o próximo 1 de xaneiro.

As axudas do Plan Renove están destinadas á adquisición de máquinas novas de distintas categorías: tractores agrícolas, máquinas autopropulsadas de recolección, aplicación de fitosanitarios e aplicación localizada de xurros e maquinaria arrastrada ou suspendida, tales como sementadoras directas, cisternas para xurros, abonadoras, sulfatadoras etc.

Tamén se inclúen os accesorios de aplicación localizada de xurros (tubos flexibles ou ríxidos, inxección por reixas e inxección por discos) que se incorporen a cisternas xa existentes, así como a súa adaptación.

Será necesario achatarrar a maquinaria antiga á que substitúe a adquirida

Será necesario achatarrar a maquinaria antiga á que substitúe a adquirida. En caso de adquirir soamente o accesorio de aplicación de xurro, será necesario presentar un certificado emitido polo fabricante de retirada do equipo anterior (abano, prato ou canón).

Concesión por orde de presentación

O orzamento total para o Plan Renove deste ano é de 9,5 millóns de euros, establecéndose dúas liñas diferenciadas de axudas, unha para sementadoras de sementeira directa (3,5 millóns de euros) e outra para o resto de maquinaria contemplada na orde (6 millóns de euros). De non esgotarse o crédito nalgunha das dúas liñas, o sobrante poderá destinarse á outra liña.

O prazo de solicitude comeza o día 7 de xullo (aínda que o período de compra e inscrición no ROMA está aberto desde o pasado día 26 de xuño) e termina o 15 de setembro. As axudas concederanse por orde de presentación, restando en tempo real o diñeiro solicitado do montante total. Unha vez esgotado o crédito, as solicitudes quedarán en situación de reserva por orde cronolóxica. Poderá ser beneficiario do Plan Renove calquera agricultor ou gandeiro a título individual, CUMAS ou empresas de servizos agrícolas.

Adaptación de cisternas existentes

Dentro do Plan Renove deste ano non se concederán subvencións por importe inferior a 1.000 euros, agás que a axuda se destine á adquisición dun dispositivo de aplicación localizada para cisternas de xurros. Nese caso, o límite será de 600 euros, correspondente a un prezo do aplicador superior a 2.000€ máis IVE.

No caso de adaptación de cisternas, subvenciónase tanto a adquisición do novo equipo de aplicación como a súa instalación nunha cisterna xa existente. A cisterna debe estar a nome do solicitante con data anterior ao 1 de xaneiro de 2023 ou a nome dun familiar directo (parentesco en primeiro grao: pais, fillos ou irmáns), que se acreditará mediante a presentación do libro de familia.

O novo sistema instalado debe estar autorizado polo Ministerio de Agricultura. Para solicitar a subvención o agricultor ou gandeiro debe comprar primerio o aplicador e inscribilo no ROMA e, unha vez rexistrado, entrar na páxina web do Ministerio e solicitar a subvención do Plan Renove.

O importe da axuda é do 30% do valor de adquisición e a subvención máxima é de 6.000€, para un prezo de compra subvencionable do aplicador de 20.000€ máis IVE.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información