“Quen leve fincas que non declara na PAC terá problemas para xustificar os fertilizantes e fitosanitarios”

A enxeñeira agrónoma Diana Freijeiro explica algunhas das dificultades coas que se van atopar as ganderías para cumprir coas novas normas relativas aos plans de abonado e ao caderno dixital, que entran en vigor o ano que vén

Diana Freijeiro, durante a súa intervención na xornada organizada pola Cooperativa Central de Frades

Diana Freijeiro, durante a súa intervención na xornada organizada pola Cooperativa Central de Frades

O 2024 traerá cambios normativos de calado que van obrigar ás explotacións gandeiras a levar un control exhaustivo das aplicacións de puríns, fertilizantes químicos e tratamentos fitosanitarios que fan en cada parcela.

Esta trazabilidade implica maior dificultade para xustificar o uso de abonos ou herbicidas en fincas non declaradas na PAC, que será a superficie que se tomará de referencia para o cálculo dos niveis medios de fertilizantes e fitosanitarios empregados pola explotación.

“A información que se volca é a da PAC, que normalmente é moito menor que a superficie que realmente traballan moitas explotacións e van saltar alertas de que a esas ganderías lles sobran por exemplo 50 litros de herbicida ou tantos quilos de abono”, alerta Diana Freijeiro, enxeñeira agrónoma da entidade de asesoramento e xestión Agroenxeñería Galega, que recentemente participou nunha xornada organizada pola Cooperativa Central de Frades sobre as novas normativas de uso de antibióticos, control de IBR, nutrición sostible de solos agrícolas e caderno dixital.

Levar fincas sen contrato de arrendamento

É unha práctica habitual en Galicia que as explotacións leiteiras leven fincas sen contratos de arrendamento debido a que os seus propietarios seguen a declaralas na PAC para seguir cobrando os dereitos históricos que posúen, malia non seren xa na realidade produtores en activo.

Esta situación, que se dá de xeito frecuente e que a última reforma da PAC perpetuou até 2027, vai supoñer un problema importante para moitas explotacións a partir do vindeiro ano, cando o desfase entre superficie traballada e superficie declarada sexa importante.

Moitos propietarios con dereitos históricos seguen cobrando a PAC sen traballar as terras

“Tentade convencer á xente para que vos alugue esas parcelas para ir regularizando ese tema, porque en Europa consideran iso unha fraude. Hai que tratar de comprar os dereitos e ter un contrato de aluguer con eses propietarios, xa que a PAC quere que se comunique todo o que se cultiva, onde se cultiva e os tratamentos e fitosanitarios que se lles aplica”, recomendoulles Diana aos gandeiros socios da cooperativa de Frades.

Moitos deles recoñeceron estar nesta situación e reclamaron a implicación directa da Administración, debido a topárense en moitos casos coa negativa dos donos das fincas a arrendárllelas legalmente para poderen seguir deste xeito cobrando eles a PAC.

“É certo que é difícil convencer aos propietarios, pero ten implicacións moi importantes para as explotacións profesionais. É un problema moi gordo que habería que resolver en conxunto”, concordou Diana.

Plans de Abonado

Unha das novas obrigas que terán todas as explotacións agrogandeiras que traballen máis de 10 hectáreas de terreo é a elaboración e aplicación dun Plan de Abonado que sirva de guía para a fertilización de todas as parcelas, e que será obrigatorio a partir do 1 de setembro de 2024.

“Hai que facer o Plan de Abonado, subilo á aplicación do SIEX (Sistema de Información de Explotacións) e facer as anotacións pertinentes das aplicacións de fertilizantes: tipo de abono, doses, data de aplicación, parcela, etc. O que hai que anotar é similar ao dos fitosanitarios”, comparou Diana.

Non vexo viable cumprir esta normativa ao 100% para o próximo ano; non hai técnicos dabondo para xestionar todo isto

“Non vexo viable cumprir esta normativa ao 100% para o próximo ano; non hai técnicos dabondo para xestionar todo isto. Hai que marcarse obxectivos pequenos e ir cumpríndoos e as ganderías tendes que buscar axuda, igual que tendes un veterinario deberedes ter un enxeñeiro agrónomo que vos leve estes temas”, asegurou.

Analíticas de solos

O Real Decreto de Nutrición Sostible de Chans Agrarios avoga por unha aplicación de doses axustadas ás necesidades do solo e o cultivo, para o que se fará imprescindible facer analíticas tanto do nivel de nutrintes das parcelas como da composición dos abonos orgánicos que se vaian aplicar.

En Galicia non hai ningunha empresa que faga análises de metais pesados; hai que irse fóra e son caras

“O primeiro follón importante en comunidades como Galicia, onde abunda o minifundio, é ter que facer unha analítica de cada parcela que a explotación ten. As analíticas que realiza o CIAM custan 30 euros, pero para a análise de metais pesados non existe en Galicia empresa que a faga, hai que irse a fóra e custa moito máis”, indica Diana, que explicou que “a Xunta está plantexando como alternativa facer unha serie de catas por toda Galicia e realizar un mapa de referencia”.

Aplicacións de purín

As explotacións teñen a obriga de aumentar ou, polo menos, manter o contido en materia orgánica do solo, ben mediante emendas orgánicas ou con sistemas de cultivo que aporten materia orgánica ao chan.

Para evitar esta perda de materia orgánica, priorízase a aplicación de abonos orgánicos, preferentemente xerados na propia granxa, á utilización de abonos de síntese química. “A norma enfatiza todo o tempo o aproveitamento dos fertilizantes orgánicos da propia explotación. O esterco e o purín é ouro neste momento, pero non se pode botar en calquera sitio, de calquera maneira ou en calquera época”, matiza Diana, que advirte: “agora hai normativa coa que se pode sancionar cando non se respecten as franxas de 5 metros de seguridade a cauces fluviais”.

Se se vai levar o purín a outra persoa ou traer purín ou esterco doutra granxa, ten que levar unha analítica NPK

Outra das novidades que haberá que ter en conta a partir do ano que vén é que se o xurro ou esterco non se bota nunha finca que forma parte da explotación deberá contar cunha análise sobre a súa composición, o que de novo vai dificultar o seu uso en parcelas sen contrato de arrendamento ou nas declaradas por outro titular na PAC. “Se se vai levar o purín a outra persoa ou traer purín ou esterco doutra granxa, ten que levar unha analítica NPK”, advertiu a enxeñeira agrónoma.

Índices nacionais de referencia

O sistema que se vai aplicar á hora de calcular os excesos de aplicación de abonos ou fitosanitarios é semellante ao que se vai poñer en marcha en relación aos antibióticos, establecendo uns índices nacionais medios de referencia e exercendo un control sobre as explotacións que máis se desvíen desa media. 

O sistema de control que se vai aplicar é semellante ao dos medicamentos, só que no dos abonos estamos no punto de partida mentres nos antibióticos está xa moito máis avanzado

“O obxectivo da Comisión Europea é chegar a 2030 co 50% menos de fitosanitarios, ao igual que no caso dos antibióticos, só que non hai datos a nivel nacional de aplicación de sulfatos e abonos, mentres que si que os hai xa de antibióticos, pero nos vindeiros anos establecerase un índice nacional de referencia de abonos e fitosanitarios e canta maior desviación teñamos na nosa explotación con respecto a eses índices nacionais de referencia, maior risco de sufrir unha inspección imos ter”, argumenta Diana.

“En épocas de moito traballo, un mes é un prazo moi xusto para facer as anotacións no Caderno Dixital”

Os novos reais decretos aprobados o ano pasado trasladan aos titulares de explotacións agrogandeiras novas responsabilidades, como a de realizar o rexistro dos aportes de nutrintes e materia orgánica ao chan nun prazo non superior a un mes desde a data na que se realiza a aplicación.

Esta anotación debe realizarse na nova sección de fertilización do Caderno de Campo Dixital, onde tamén deben subirse as aplicacións de fitosanitarios. Este rexistro de tratamentos e abonado pode facela o propio gandeiro, entrando co seu certificado dixital, ou ben autorizar a un técnico ou a unha terceira persoa para volcar os datos.

 “Eu entendo que os gandeiros esteades enfadados, porque implica pasar máis horas diante dun ordenador que coas vacas”, asegurou Diana, que recomendou ás explotacións que se apoien en técnicos externos ou en aplicacións informáticas existentes. “Existen ferramentas que facilitan a toma de datos e as anotacións, como pode ser Xeaga, o Caderno Dixital da Xunta, ou Osigris, unha aplicación creada por unha empresa galega”, exemplificou.

Eu entendo que os gandeiros estean enfadados, porque todo isto implica pasar máis horas diante dun ordenador que coas vacas

E chamou a atención sobre a necesidade de facer ben esas anotacións: “Se te equivocas poñendo unha dose, unha data ou unha parcela, despois xa non se pode modificar, con todos os problemas que iso pode conlevar de sancións e demais implicacións de cara á PAC, por exemplo”, alertou.

Diana considerou tamén insuficiente un mes de prazo para facer as anotacións de fertilización e fitosanitarios no Caderno Dixital de Campo. “Un mes é moi xusto, sobre todo en plena campaña ou en épocas de moito traballo. Dá pouco tempo e debería ampliarse ese prazo, porque por exemplo no caso dos medicamentos hai 2 meses para facer a inscrición en PRESVET”, comparou.

O Caderno Dixital entra en vigor o 1 de xaneiro de 2024, pero desde o 1 de xullo deste ano xa se pode cubrir de forma voluntaria

O Caderno Dixital pasará a ser obrigatorio a partir do 1 de xaneiro de 2024 para as explotacións que declaren na PAC máis de 30 hectáreas de terras de cultivo, máis de 30 hectáreas de pastos permanentes ou teñan máis de 5 hectáreas de regadío. Para o resto de explotacións pospúxose a entrada en vigor ata o 1 de setembro de 2024.

ITV das abonadoras

Ademais de asesoramento a explotacións en materia de abonado ou fitosanitarios, Agroenxeñería Galega está autorizada para a realización das inspeccións técnicas aos apeiros e maquinaria destinada á aplicación de tratamentos (ITEAF). 

Preténdese garantir con estas inspeccións obrigatorias dos distintos equipos o seu bo funcionamento, o que redunda nunha aplicación segura para o medio ambiente e eficiente desde o punto de vista económico, permitindo unha aplicación das doses axeitadas.

Vai haber que facer controis de calibración dos apeiros, polo que se non tendes dadas de alta as abonadoras aproveitade agora para dalas de alta no ROMA, porque despois a cousa complícase

“O que vén agora é a ITV das abonadoras. Vai haber que facer controis de calibración dos apeiros empregados na aplicación de abonos, como os que xa se fan nas sulfatadoras e outra maquinaria de aplicación de fitosanitarios. Se non tendes dadas de alta as abonadoras, aproveitade agora para dalas de alta no ROMA, porque despois a cousa complícase”, recomendou Diana aos gandeiros que asistiron á xornada organizada pola Cooperativa Central de Frades.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información