“Un 40% das terras agrícolas de Galicia que analizamos teñen contidos altos ou moi altos en fósforo”

Ás portas da campaña de abonado de primavera, Esperanza Álvarez, catedrática do departamento de Edafoloxía da Escola Politécnica de Lugo, recomenda facer analíticas de solo para poder corrixir as súas carencias, como a excesiva acidez, e axustar mellor as doses de fertilizante. Di que botar man, sen máis, do socorrido NPK pode levar a desequilibrios e ser mesmo prexudicial

Publicidade
Esperanza Álvarez, ás portas da Escola Politécnica Superior de Enxeñería do Campus de Lugo

Esperanza Álvarez, ás portas da Escola Politécnica Superior de Enxeñería do Campus de Lugo

Esperanza Álvarez é catedrática do departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da USC no Campus Terra de Lugo e coñece ben os solos galegos, dos que destaca as súas aptitudes para a produción cun manexo racional.

Ela ten levado a cabo estudos sobre a súa degradación e recuperación, sobre a contaminación por metais pesados e antibióticos, sobre a toxicidade do aluminio, a fertilidade en solos agrícolas e forestais e a dinámica de macro e micronutrientes, así como sobre a utilización de materiais bioadsorbentes para a descontaminación tanto dos solos como da auga.

Nos laboratorios da Escola Politécnica realízanse análises para empresas, cooperativas agrogandeiras e particulares que axudan a coñecer o estado do solo para poder corrixir deste xeito as súas carencias e a adaptar as doses de abonado ás necesidades reais de nutrintes dos cultivos.

Nos laboratorios da Escola Politécnica realízanse análises de solos para empresas, cooperativas agrogandeiras e particulares

Ás portas da tempada de abonado de primavera, falamos con Esperanza para coñecer problemas habituais de fertilización dos solos galegos e algúns consellos para elevar a produtividade das terras sen prexudicar o entorno.

– Que características teñen os solos agrícolas galegos?
– Nós temos solos ácidos, todos teñen pH baixo, incluso os que están sobre rochas básicas, debido a que temos un clima cunha precipitación abundante e con moito lavado. Por iso chegamos a ter sobre rochas básicas solos ácidos tamén.

Esa é unha característica común e xeralizada, aínda que nos solos sobre rochas ácidas (granitos, xistos da serie de Vilalba, lousas, cuarcitas) o pH é máis baixo que os que están sobre rochas básicas (gabros, anfibolitas) ou xistos da serie de Ordes. En calquera caso, a maioría dos nosos solos necesitan un encalado previo á fertilización.

– Que efectos produce esta acidez a nivel agronómico?
– Como dixen, todos os solos galegos, por natureza, son ácidos, pero os de cultivo, dependendo do tratamento histórico previo que teñan recibido e do seu manexo, uns témolos en mellores condicións ca outros. Temos un problema de acidez e nestas condicións o aluminio pode chegar a ser tóxico.

En moitos solos onde debería haber nutrientes, hai un elemento tóxico, que é o aluminio

Nos solos de Galicia non ocorre tanto iso porque temos moita materia orgánica e podemos dicir que atrapa ao aluminio. Por iso en moitos casos este elemento non ten unha toxicidade directa, pero si que está ocupando sitios na despensa de solo formado pola materia orgánica coloidal e as arxilas, onde debería haber nutrientes como calcio, magnesio ou potasio e que no lugar deles sitúase o aluminio, polo que cando a planta quere ir a esa despensa a buscar un nutriente concreto non o ten, o que atopa é o aluminio.

É dicir, en moitos solos onde debería haber nutrientes, hai un elemento tóxico. Como temos moita materia orgánica e anións como flúor ou sulfato, complexa neste elemento, non adoitamos ter un problema de toxicidade por absorción de aluminio polas plantas, pero está ocupando o sitio doutros nutrientes. Polo tanto, o aluminio considérase o principal limitante da fertilidade dos solos ácidos. 

O aluminio considérase o principal limitante da fertilidade dos solos ácidos

Pero tamén a pH ácido, a despensa do solo (coñecida como capacidade de intercambio catiónico) é máis pequena, é dicir, algúns coloides teñen pouca carga negativa e mesmo a poden ter positiva. Neste medio tamén hai unha baixa dispoñibilidade de macronutrientes como N, P, S, a parte da sinalada de Ca, Mg e K, e dun micronutriente como é o molibdeno.

O fósforo, xofre e o molibdeno quedan retidos sobre esas cargas positivas que presentan os coloides do solo a pH ácido, ou poden precipitar co aluminio. No caso do nitróxeno, a acidez limita as reaccións de mineralización da materia orgánica e a nitrificación, responsables de que teñamos un nitróxeno na forma en que a planta o pode tomar. Pola contra algúns micronutrientes, que a planta toma en moi pequeñas cantidades, como Mn, Cu ou Zn, poden estar en concentración máis elevadas cas que necesita a planta.

Ademais das propiedades químicas, a acidez tamén afecta ás propiedades físicas como á porosidade do solo, e ás biolóxicas, principalmente á actividade microbiana que é responsable, entre outras, da mineralización da materia orgánica e da nitrificación.

– Cal é a acidez media que vos estades atopando nos solos e cal a que debería haber?
– Nas análises que facemos nos solos de cultivo normalmente xa vén corrixida por encalados anteriores, pero aínda así atopámonos case un 50% dos solos que analizamos con pH por debaixo de 5,5. Falo dese nivel porque por enriba del o aluminio precipita, e así eliminamos o principal problema dos solos ácidos; polo tanto débese encalar para precipitar o aluminio. Un 5,8 de pH xa pode ser axeitado, porque tes o aluminio precipitado e os nutrientes dispoñibles.

Se ti queres lograr unha maior dispoñibilidade de nutrientes podes chegar a un valor de pH de 6, pero non é necesario pasar de aí, porque por enriba o que fas tamén é prexudicar a absorción dos micronutrientes, que a maioría deles, agás o molibdeno, están dispoñibles a pH ácido e, aínda que os cultivos os necesitan en pequenas cantidades, son tamén necesarios. Evidentemente, vai depender tamén das esixencias dos cultivos. 

Un valor de pH que estea entre 5,8 e 6 sería o máis recomendable

Se ti te pasas moito do valor de 6 no pH e o levas até 7 ou algo máis, por exemplo, que pasa ás veces, algúns micronutrientes como o ferro, que é super necesario, non o pode absorber a planta, porque baixa totalmente a súa solubilidade, e co manganeso pasa o mesmo.

Pero pode pasar ademais se elevamos o pH por enriba de 7 que o fósforo precipite co calcio e o aluminio pode solubilizarse de novo, polo que o que conseguimos nestes casos son efectos prexudiciais e contrarios ao que nós pretendemos co encalado. É dicir, hai que ter moito coidado con non pasarte tamén por enriba porque pódense provocar efectos non desexados: unha clorose férrica que é moi visible nas plantas.

Se ti te pasas do valor de 7 no pH podemos provocar efectos prexudiciais na absorción de ferro ou fósforo

En resumo, un valor de pH que estea entre 5,8 e 6 sería o máis recomendable, porque por un lado estariamos precipitando o aluminio, que é o que nos estorba, para sacalo da despensa e facer que non sexa soluble e que a planta non o tome e, ao mesmo tempo, lograr que todos os nutrientes estean dispoñibles, tanto os macronutrientes como os micronutrientes, para que a planta os poida coller cando os necesite. Ese pH tamén é moi axeitado para que os microorganismos do solo realicen a súas funcións e para que haxa moitas cargas negativas no solo, é dicir, para que haxa unha boa despensa.

– E que dose sería necesaria para lograr ese nivel de 5,8-6 de pH?
– A dose é moi variable, porque os solos teñen unha historia previa e unha resposta diferente dependendo da súa capacidade tampón, e ademais depende do valor neutralizante e do tamaño de partícula do encalante que se use. Cando se transformaron montes en pradeiras alá polos anos 80, fixéronse ensaios no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo con distintas doses de caliza (0,75;1; 1,5;  3, 4, 5 e 6 t ha-1) e concluiron que 3 toneladas por hectárea era unha dose suficiente para situar ao aluminio en valores por debaixo do crítico para as pradeiras (<10% na despensa do solo) e o efecto do encalado permanecía 7 anos despois.

Pero agora na maioría dos casos esas doses non van ser necesarias porque normalmente hai un encalado previo e xa non partimos de pHs tan ácidos. Aínda que hai moita xente que fertiliza e non encala, hai moitos outros solos que xa veñen cun pH de entre un 5 e un 5,2 e neses casos a dose é moito menor. Nós non a calculamos en función do pH, senón en función do aluminio que haxa e o que queremos que quede despois de encalar.

Hai que corrixir a acidez se queres plantar especies esixentes ou senón buscar cultivos que toleren esa acidez do solo. Se ti botas centeo tolérache unha acidez, se sementas trigo outra e no caso do millo unha diferente. Dependendo dos cultivos, os requirimentos de encalado tamén son uns ou outros.

– Cal sería o mellor momento do ano para facer ese encalado e con que produtos?
– Quizais o mellor momento sexa antes das primeiras choivas do outono, que no caso de Galicia coincide coa sementeira das pradeiras. Encalar un tempo antes de botar a pradeira sería un momento axeitado para facer un encalado de fondo, que despois poderías corrixir máis tarde se fora necesario cun de coberteira, pero o encalado de fondo é o mellor, porque incorporas o produto ao solo mediante o laboreo.

Despois habería que deixar un tempo antes de fertilizar para que non haxa perda de nutrientes, sobre todo de nitróxeno, porque cando ti inmediatamente despois de encalar botas nitróxeno créanse puntualmente condicións microalcalinas e coa auga pode dar lugar a que o nitróxeno se volatilice. Debería de pasar mínimo dúas semanas entre o encalado e o abonado, pero depende tamén do encalante que se use, se é de reacción máis rápida (óxido de calcio) ou máis lenta (carbonato cálcico ou carbonato cálcico magnésico). O que pasa é que moitas veces bótase todo xunto para non ter que levar a cabo dúas operacións, pero córrese o risco de perder o nitróxeno do fertilizante. Isto mesmo ocurre cando se engade xurro ou esterco ao tempo que o encalado.

Deberían pasar mínimo dúas semanas entre o encalado e o abonado

E en canto o produto a utilizar, o encalado en Galicia debería facerse, polo xeral, con caliza magnesiana, porque nós temos solos pobres en calcio e en magnesio, aínda que por exemplo na zona de Melide, que ten moito magnesio, aí non se pode botar caliza magnesiana; de novo hai que saber onde estás e o que botas.

Tamén hai subprodutos da industria alimentaria que funcionan moi ben, como por exemplo a cuncha de mexillón, sempre e cando lle deas un tamaño adecuado, cunha granulometría semellante á da propia caliza. Cunha cuncha de mexillón triturada e botada co mesmo tamaño de gran que a caliza os resultados obtidos son moi similares, porque a cuncha é carbonato cálcico e pode ter tamén pequenas cantidades de magnesio. Era algo que xa se facía tradicionalmente nas zonas costeiras de Galicia.

– O Real Decreto de Nutrición Sostible de Solos Agrarios obriga a facer analíticas. Que che parece?
– Cando abonamos ou encalamos o que non se pode facer é botar por botar e facelo ao tun tun porque iso conleva problemas ambientais importantes pero tamén un gasto absurdo, desperdiciando fertilizante e provocando ou acentuando desequilibrios no solo, o que se traduce en que non haxa unha mellora na produción senón todo o contrario.

Moitas veces a xente fertiliza botando NPK por simple rutina. É o que se acostuma botar en Galicia, pero moitas veces non encalou previamente. Cando se fai iso estás perdendo eficiencia na fertilización, porque o fósforo retense fortemente sobre os compoñentes de carga positiva que hai no solo e que teñen esa carga positiva cando o pH é ácido, ou precipita co aluminio. Pero se ti encalas cambias o valor do pH e o fósforo estaría dispoñible para as plantas. Polo tanto, é moi necesario primeiro encalar e despois corrixir as carencias co que faga falla, por iso é tan necesaria a analítica.

A xente fertiliza con NPK por simple rutina e estámonos atopando solos cunha concentración moi elevada en fósforo

É como se ti vas ao médico e queres que che receite sen saber antes o que tés. Primeiro hai que facer unha análise de sangue e as probas oportunas; diagnosticar e despois medicar. Pois co solo pasa o mesmo. E incluso para pacientes coa mesma doenza o tratamento pode ser diferente. Igual no solo, dous solos ácidos poden necesitar unha dose de encalado e abonado diferente dependendo doutras propiedades do propio solo e do cultivo que vaia levar.

A partir das analíticas é cando nós podemos recomendar. O xeral case sempre é que hai que encalar, pero non en todos os casos. Hai zonas de agricultura moi intensiva onde xa encalan desde fai tempo e nas que non é necesario encalar todos os anos, porque sempre hai un efecto residual do cal e igual chega con encalar cada dous ou tres anos; iso hai que velo en cada caso concreto.

Ao mellor non tes que fertilizar todos os anos. A sobrefertilización é contraproducente porque provoca desequilibrios no solo

O mesmo pasa coa fertilización. Ao mellor non tes que botar fertilizantes todos os anos. Estannos chegando aquí ao laboratorio solos cunha concentración de fósforo moi elevada. Lembro algúns traballos feitos fai uns anos na zona de Ordes, por exemplo. Nalgúns sitios hai unha sobrefertilización incrible e iso non é bo, xa non só polo gasto económico innecesario que supón abonar con fósforo cando non o necesitamos, senón que é mesmo contraproducente para o propio solo porque despois ese fósforo, dependendo do pH, precipítache o calcio e ti tes que ter un equilibrio.

Cando tes déficit dalgún nutriente ou un desequilibrio no solo, a calidade desa colleita e o seu valor nutricional non é bo, porque o que fixeche foi bloquear a absorción dalgún nutriente. Falando de forraxes, por exemplo, puideches ter unha colleita abundante, pero a calidade igual non é a axeitada e aínda que o poidas corrixir despois a nivel de ración para o gando, mediante a suplementación, supón un gasto que podías ter aforrado.

Podemos ter forraxes que medran moito pero que ao mellor non teñen magnesio

Podemos ter forraxes que medran moito pero que ao mellor non teñen magnesio, e iso derivar en problemas de tetania no gando, que é unha desorde metabólica en rumiantes provocada pola falta de magnesio e que se dá moitas veces en sistemas de pastoreo. En ocasións danse problemas nas explotacións que non teñen que ver só coa cantidade que produces, senón coa calidade do que produces e que veñen derivados da nutrición do solo. Unha meneira de producir san e saudable é saber manexar o solo, porque cando ti tes unha relación desequilibrada entre calcio e magnesio, porque encalaches con calcio e non botaches magnesio, por exemplo, igual non se está absorbendo este último e provocas esa hipomagnesemia ou tetania.

Moitos agricultores e gandeiros ás veces por inercia botan NPK, non miran a necesidade que hai. E do que se trata é de axustar cada vez máis as doses de abonado aos requirimentos do solo e o cultivo, porque trátase de satisfacer a demanda da planta pero sen danar ao medio ambiente.

– Hai problemas de exceso de nitróxeno nos solos en Galicia nalgunhas zonas?
– Nós detectamos máis problemas de exceso de fósforo. O nitróxeno acostúmase engadir como nitrato amónico ou como unha sal amónica ou cos xurros, pero ten que pasar a nitrato para que a planta o poda absorber. É dicir, ten que haber unha nitrificación (no caso dos xurros primeiro unha mineralización) se as condicións son axeitadas a nivel de pH, pasando dun amonio a un nitrato, que é como o toma a planta.

Pero o nitrato é moi móbil, polo que moitas veces non se atopa no solo, senón que o exceso está xa na auga. Polo tanto, non é frecuente atopar nas analíticas un exceso de nitróxeno no solo, pero ese risco de contaminación por nitratos si que existe, moitas veces porque se bota moito purín e despois abónase igual con NPK.

Moitas veces estase fertilizando de máis, porque cando se bota moito purín ás veces non sería necesario despois fertilizar con nitróxeno

No caso do xurro ou do esterco, esa materia orgánica mineralízase e ese amonio pasa a nitrato, que pode ir a moitos sitios: pode ir á planta, pode ser retido polos microorganismos do solo, pero ao tratarse dun anión moi móbil, parte vaise ás augas, que é o que fai que haxa problemas nalgunhas cuncas onde se bota moito purín. Porque moitas veces estase fertilizando de máis, xa que co purín non sería necesario despois fertilizar con nitróxeno e séguese botando igual. De novo, isto vai depender das esixencias do cultivo, porque é certo que hai cultivos que demandan moito nitróxeno e non é suficiente o que aportan os xurros. 

 Un 40% dos solos que analizamos teñen contidos altos ou moi altos en fósforo

No caso do fósforo, sobre un 40% dos solos que analizamos teñen contidos altos ou moi altos. O exceso que atopamos moitas veces vén de atrás, de adicións anteriores e non tanto dos xurros, que xeralmente son pobres en fósforo, pero si por botar sempre abono mineral con fósforo.

O NPK é moi recurrido en Galicia, pero eu sempre digo para que queres botar fósforo ou nitróxeno se xa o tes no solo; mira primeiro o que tes e fertiliza só se é necesario. Hai veces que só necesitas potasio e outras veces incluso que nesa campaña non necesitas nada. Botando só o necesario habería un aforro económico e os mesmos resultados produtivos. Tendo en conta, iso si, que non son os mesmos requirimentos para todos os cultivos: hai especies moi demandantes de fósforo e outras máis de nitróxeno. O abonado ten que ser algo racional, sostible e adaptado ás necesidades da planta; o que non pode ser é botar por botar.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información