Podería ser o cultivo de remolacha unha alternativa en Galicia?

Nova Zelandia, Irlanda, Bélxica, Holanda ou as Azores apostan por esta forraxe para alimento tanto para o gando de leite coma de carne. A falta de maquinaria específica frea a súa introdución na nosa comunidade. Falamos con gandeiros que a botaron

Campo de remolacha plantado este ano na gandería Mosquera Vaamonde SC en Ordes

Campo de remolacha plantado este ano na gandería Mosquera Vaamonde SC en Ordes

Con rendementos que chegan a multiplicar até por tres os obtidos co millo, o uso da remolacha forraxeira podería ser unha alternativa interesante en Galicia tanto para alimentación de vacún de leite como para a ceba de gando de carne, pero o cultivo na nosa comunidade non acaba de arrincar, entre outros motivos, pola ausencia de maquinaria específica para a súa recollida.

O cultivo da remolacha forraxeira ábrese camiño como alternativa ao millo noutros países produtores de leite como Nova Zelandia, Irlanda, Bélxica, Holanda ou as illas Azores en Portugal. En España segue estando moi vinculado á industria azucareira, principalmente en dúas zonas produtoras, Castela e Andalucía. En Galicia trátase por agora dun cultivo tradicional a pequena escala en moitas casas, en hortas e pequenas leiras familiares, coa finalidade da alimentación do gando, porcos e vacas principalmente.

Pero nos últimos anos realizáronse algunhas probas e ensaios con vistas a fomentar unha maior produción. As dificultades para a mecanización dos procesos de recollida e ensilado (por ausencia de maquinaria específica, que si hai en zonas como Castela) e os problemas para a rotación co raigrás (para lograr un rendemento óptimo, a remolacha hai que sementala antes ca o millo, o que fai que non sexa posible compatibilizar o seu cultivo con varios cortes de herba) son dous hándicaps importantes para a súa implantación en Galicia.

É un cultivo de ciclo máis longo que o millo do que se obteñen até tres veces máis quilos por hectárea

As primeiras experiencias na nosa comunidade de cultivo de remolacha forraxeira para alimentación de gando vacún de leite leváronse a cabo hai 6 anos en varias explotacións das provincias da Coruña (a Cooperativa Agraria Provincial da Coruña plantouna na zona de Ferrolterra) e de Lugo (SAT Gomelle en Guntín e SAT Romualdo e Grancorona SL na Pastoriza). A dificultade para o control das malas herbas (hoxe solucionado cunha nova variedade que admite un sulfatado específico nunha soa aplicación), os problemas de conservación do silo e a perda de nutrintes nos lixiviados que emite foron algunhas das razóns que botaron para atrás a estes gandeiros á hora de continuar co cultivo.

Dificultades de conservación nos silos

SAT Gomelle, do concello lugués de Guntín, botou no ano 2014 un total de 9 hectáreas. Eran terras de millo que estiveran paradas no inverno. Cristóbal Rodríguez, un dos cinco socios desta SAT, conta que “os rendementos por hectárea son bos e dá máis quilos que o millo” pero aínda así considera que “aquí en Galicia non compite co millo”.

Esta explotación, que moxe 250 vacas, botou este ano 85 hectáreas de millo, unhas 15 menos que en anos anteriores, nos que chegaban ás 100. Delas, entre 20 e 30 hectáreas destináronas nos últimos dous anos a grao húmido, que asegura que é “unha opción que vai moi ben se tes excedente de millo”. Este ano perderon algo de superficie porque levaban unhas fincas en aluguer que agora foron vendidas e irán máis xustos na colleita.

Os rendementos son bos pero co traballo que dá penso que aquí en Galicia non compite co millo

A idea de probar coa remolacha foi do nutrólogo da explotación e Cristóbal considera que “como alimento ía ben e as vacas comíano de marabilla” pero explica que “ten dificultades para a súa conservación no silo”. “A almacenaxe é moi complicada, porque escurre moito e escápache moito líquido da pila, nós mesturámola no silo con palla, pero aínda así escurría moitísimo e perdíase moito alimento e moito azucre nos lixiviados”, di. A remolacha ía picada en capas superpostas a outras de palla pero as dificultades para o prensado fai que unha vez aberto o silo sexa de difícil conservación tamén. “A remolacha non vai moída, vai picada en cachos e na capa de arriba unha vez aberto o silo estropeábase moito”, lembra.

Cristóbal engade outros factores que lles fixo desistir no cultivo: as dificultades para o control das malas herbas e a ausencia de maquinaria específica para recoller e procesar a remolacha. “É un cultivo traballoso, había que dar varios tratamentos contra as malas herbas e despois para ensilala tivera que vir unha máquina de fóra, porque aquí non as hai. Era unha picadora móbil que tamén lavaba a remolacha para sacarlle a terra e as pedras, viña montada nunha plataforma dun camión, é unha máquina que tiña Azucarera para usar nas fincas, viña desde Páramo en León”, explica Cristóbal.

Estudo de CAP Coruña e do CIAM

O mesmo año que a cultivaron en SAT Gomelle, tamén botaron remolacha en dúas explotacións da Terra Chá, SAT Romualdo e Grancorona SL, e na Cooperativa Agraria Provincial da Coruña, que repetirían tamén ao ano seguinte. Un ensaio similar foi realizado tamén no CIAM de Mabegondo.

O investigador César Resch explica que foron dous anos de proxecto no que se testaron en sementeira de primavera e verán variedades de remolacha forraxeira facendo despois silos para medir a capacidade nutricional destas remolachas. “Probáronse 9 variedades en pequenas parcelas tanto en Mabegondo como Brollón, sementadas en dúas épocas, en febreiro-marzo para recoller en outono e en outono para recoller en primavera. Funcionou mellor o que sementamos en primavera e recollimos en outono, como case todos os cultivos en Galicia, por cuestión de luz, temperatura, etc. En Andalucía cultivan máis en outono por cuestión de temperaturas e en Castela lábrase en primavera e apáñase en novembro, e déixase á chuvia para que se lave”, conta César.

A remolacha é un cultivo enerxético, non proteico, polo que encaixa mal en racións con millo polo medio

A grandes rasgos os resultados daquel ensaio foran que “un par de tipos de variedades non funcionaron e hai variedades que teñen moita auga e pouca materia seca, que anda arredor do 20%”, di. “A remolacha é un cultivo enerxético, non proteico, a maioría das variedades teñen só un 5-6% de proteína bruta, polo que encaixa mal en racións con millo polo medio porque as racións que temos en Galicia, con millo, son deficitarias en proteína, non en enerxía. Co silo de millo meter remolacha é diluír aínda máis a ración, o que nos interesa aquí en Galicia é meter cultivos proteicos, non enerxéticos”, engade.

“Para min o principal problema é a falta de coñecemento en canto a cultivo, variedades adaptadas, etc, porque houbo algunha variedade atacada por fungos que había na terra nalgunha parcela, pero, sobre todo, hai o problema da falta de maquinaria adecuada para cultivo e maiormente para a recolección. A remolacha hai que lavala, despedregar porque senón unha pedra do tamaño da remolacha vai para dentro, úsase para iso unha piscina con auga para lavar, a remolacha queda flotando e as pedras van para baixo, e non é anecdótica a cantidade de pedra que se xunta. Logo a máquina pica a remolacha e amoréaa para ensilala, pero o problema á hora de ensilar é que había variedades que tiñan unha cantidade de fluintes moi alta ao ter pouca materia seca e iso é un problema”, explica César.

Que aporta nutricionalmente a remolacha?

A enerxía da remolacha provén do azucre, e nutricionalmente o azucre ten o mesmo valor enerxético que o almidón dos cereais, polo que o alto contido en azucre da remolacha fai que sobre materia seca teña a mesma Enerxía Neta que os grans de cereais (1 kg de MS de remolacha equivale a uns 4 kg de remolacha fresca). Pero a diferenza do almidón, a asimilación do azucre é moito máis rápida. Por iso é necesario un período de transición dunhas 2 semanas ata introducir a cantidade máxima de remolacha na dieta, que pode ser duns 15 kg vaca/día en lactación, e ata 20 kg en vacas secas, mesmo máis en gando de cebo. “Se non fas unha transición adecuada podes xerar problemas nas vacas”, advirte Javier Fuertes, da empresa de sementes KWS.

As remolachas, sobre todo as de alta MS, débense picar e mesturar con outras forraxes, para evitar altas concentracións de azucre no rumen. Tamén por iso, a remolacha debe aportarse ao longo de todo o día, mesturada na ración, non só como aporte extra pola mañá ou pola tarde, para deste xeito poder manter estables as condicións do rumen.

A remolacha non debe substituír ás forraxes na ración das vacas, senón á enerxía neta equivalente do concentrado

Na ración diaria, a remolacha non debe substituír ás forraxes, senón á Enerxía Neta (EN) equivalente do concentrado, é dicir, a remolacha non debe substituír na mestura diaria ás forraxes, senón parte dos concentrados, pero hai que suplementar a proteína do concentrado. Javier, que participou nas experiencias levadas a cabo até o de agora en explotacións galegas, explica que “moitos gandeiros pensan que a remolacha é unha forraxe cando en realidade actúa coma un concentrado, pois ten a mesma composición case que un gran de trigo ou de millo, por iso cada 5 kg de remolacha forraxeira que come a vaca tes que sacarlle un 1 quilo de concentrado e tendo en conta que podería comer até un máximo de 20 quilos, iso suporía restarlle 4 quilos ao penso, que a 300 euros que está a tonelada son moitos cartos nunha explotación”, argumenta.

Adicionalmente, a remolacha contén pectinas, betaína e fructo-oligo-sacáridos que contribúen ao bo funcionamento do rumen polo seu efecto probiótico. Tamén ten un alto contido en potasio que favorece a produción leiteira en condicións de tensión térmica. Pero do mesmo xeito que a remolacha é moi rica en potasio, ten sen embargo baixos niveis de calcio e fósforo, polo que teñen que suplementarse tamén estes elementos, sobre todo en vacas de alta produción. A remolacha xera ademais un efecto positivo no aumento do extracto seco do leite, sobre todo da graxa, algo que comprobaron as granxas galegas que botaron remolacha.

Posibles combinacións con veza, palla ou millo

A recomendación da mestura con forraxes na ración e a necesidade de empregar algún acompañante capaz de absorber parte do líquido azucarado que solta a remolacha no ensilado fai que se empregen distintas combinacións á hora de facer os silos. CAP Coruña ensaiou con éxito a mestura da remolacha con veza e en Guntín e na Pastoriza optaron pola mestura palla-remolacha.

“Mesturada con veza vai de marabilla ou con palla picada tamén, para que teña fibra”, asegura Pablo Llorente, nutrólogo da empresa leonesa de alimentación animal Inatega, que participou tamén nos ensaios realizados en Galicia. Pablo mesmo propón a opción de ensilar a remolacha soa, “nun silo onde poidas recoller o azúcar que solta, cunha fosa ou unha canalización a un depósito para recollelo, bombeando directamente despois ese azucre líquido ao carro, porque en moitas explotacións estase comprando ese azucre que se engade á ración”, razoa.

En Bélxica por cada catro hectáreas de millo botan unha de remolacha para ensilala en capas co millo

Pero noutros países fanse combinacións diferentes ás que se ensaiaron en Galicia. En Bélxica, conta Javier, fanse moitos silos de millo e remolacha. “Cada 4 hectáreas de millo sementan unha de remolacha e logo cunha pa picadora van botando capas de remolacha cando fan o silo de millo. Para que os dous cultivos veñan ao mesmo tempo sementan un mes ou dous antes a remolacha que o millo, porque a remolacha xa se pode botar no mes de febreiro se vén bo tempo para poder entrar nas fincas, porque a remolacha con 4 grados xa se pode labrar”, explica.

Esta é tamén a maneira de sacarlle o máximo rendemento ao cultivo. “Aquí a xente espera a sacar o raigrás para sementar a remolacha e así obtés moitos menos quilos. Se sementas a remolacha en maio canda o millo podes sacar uns 70.000 quilos por hectárea, pero se o fas en febreiro sacas 120.000 quilos. É dicir, vaiche dar moito máis que vale o corte de herba”, asegura.

Javier propón facer un manexo máis sinxelo aproveitando as novas variedades de remolacha existentes. “Se labramos unha variedade lisa, que colle menos terra, evitamos ter que lavar, porque a remolacha non colle moita auga pero é un proceso que supón un custo engadido e se a porcentaxe de terra é inferior ao 5% non pasaría nada”, opina.

Aproveitamento directo en pastoreo

Noutros países produtores de leite e con tradición de pastoreo mesmo fan un aproveitamento directo da remolacha, que pode aproveitarse en fresco a partir do mes de agosto, arrincando a planta completa, follas e raíz, para o seu uso posterior un máximo de 2 ou 3 días despois de sacala da terra, pois máis tempo en pleno verán consérvanse mal as follas (no outono e no inverno, a conservación é mellor e pódese almacenar durante máis dunha semana).

A remolacha tipo forraxeira de baixa MS ten un 50% da raíz fóra do chan e arríncase moi ben. En Nova Zelandia, por exemplo, os gandeiros arrincan estas remolachas directamente coa pa do tractor a nivel de chan, cun rendemento moi superior ao dunha colleitadora de 2 liñas de remolacha azucreira. Tamén practican o pastoreo directo da remolacha polas vacas, cun pastor eléctrico para controlar a inxesta. Son os propios animais os que empurran e arrincan a remolacha sen problemas, comendo follas e raíz cun aproveitamento do cultivo superior ao 95%.

As variedades baixas en materia seca son aptas para pastoreo directo ou recolección coa pa do tractor, xa que teñen a metade da raíz ao aire

“Con este sistema, disponse de remolacha fresca desde agosto ata febreiro. En Nova Zelandia bótanse 80.000 hectáreas de remolacha, que se converteu na forraxe de inverno. Teñen raigrás para paceren as vacas na primavera e o verán e no inverno pacen na remolacha e danlles palla a libre disposición para completar a fibra. Con ese sistema están alimentando ás vacas de leite, que comen até 40 quilos diarios de remolacha, e cebando os tenreiros”, explica Javier.

Igual que en Nova Zelandia, onde a Universidade de Lincoln ten feitos numerosos estudos, nas illas Azores portuguesas, tamén se bota a remolacha para pastoreo directo en inverno. “Nas Azores botábase remolacha tradicionalmente para a industria azucareira local, pero fai 4 anos pechou a fábrica e esa remolacha seguiuse botando e dáselle ao vacún de leite”, conta. Con este cultivo, lugares como San Miguel ou Illa Terceira lograron paliar en parte a falla de superficie agraria, un dos hándicap existentes na actualidade para o crecemento da produción de leite nas Azores.

Outro país onde se emprega bastante a remolacha para alimentación animal é en Irlanda. Alí tamén pechou a industria azucareira, 10 anos antes que nas Azores. “Irlanda veuse afectada pola primeira oleada de peches da industria azucareira en Europa. Nese momento botábanse no país unhas 6.000 hectáreas de remolacha azucareira, o cultivo mantíñase grazas ás subvención para poder manter a fábrica funcionando. Hoxe, sen fábrica, bótase o dobre de hectáreas que daquela, todas para alimentación do gando e sen ningunha subvención”, destaca Javier.

Efecto do herbicida sobre a nova variedade de remolacha resistente

Efecto do herbicida sobre a nova variedade de remolacha resistente

Importantes posibilidades na cornixa cantábrica

Esa presenza previa do cultivo destinado á industria azucareira foi fundamental tanto en Irlanda coma nas Azores para que a remolacha se manteña hoxe, aínda que o seu destino final cambiase. “En Irlanda había maquinaria, sementadoras e colleitadoras específicas e unha cultura e tradición previas”, destaca Javier, que considera que “o maior problema que se detectou en Galicia por parte das explotacións que probaron o cultivo é que é un proceso complicado porque non tes maquinaria adaptada, o problema do manexo é precisamente o que fai que isto non acabe de despegar, o pescozo de botella está no manexo, o millo é moi cómodo porque hai quen che faga eses traballos”, compara.

Con todo, Javier destaca as importantes posibilidades que ofrece a cornixa cantábrica española para o cultivo da remolacha. “Nova Zelanda, con menos da metade da superficie total de España cultiva 80.000 hectareas de remolacha, en España bótanse 30.000 en total, sumando Andalucía e Castela e León, e toda ten como principal destino a industria azucareira, pero esa cifra podería multiplicarse e chegar a botarse tranquilamente 200.000 hectáreas, porque a cabana gandeira española absorbería perfectamente o resto”, argumenta.

En España cultívanse 30.000 hectáreas de remolacha azucareira pero o uso como forraxe podería multiplicar esa superficie

Tamén opina que a remolacha é “unha alternativa de cultivo fantástica, e sobre todo na cornixa cantábrica, onde se dá fenomenal” Pablo Llorente, nutrólogo da empresa leonesa Inatega. Eles comezaron a probar co cultivo da remolacha a partir do 2011 como consecuencia da suba do prezo do millo e participaron nos ensaios realizados en Galicia até o de agora. “En Galicia logras máis de 60.000 quilos por hectárea sen regar nin facer nada cun 23% de materia seca, o que equivale a uns 15.000 quilos de materia seca por hectárea, cando o millo che pode dar 40.000 quilos por hectárea, equivalentes a uns 12.000 quilos de materia seca, pero no caso do millo a metade é planta mentras a remolacha é todo azúcar”, enfatiza.

En Castela, destaca, “a remolacha segue sendo o cultivo que máis dá, porque se paga a entre 36 e 40 euros a tonelada e nas fincas de regadío obtéñense entre 110.000 e 120.000 quilos por hectárea, o que equivale a uns 2.800 euros por hectárea de rendemento”, explica. En Galicia as posibilidades de produción de remolacha azucareira inviabilízanse polos portes debido á maior distancia á fábrica, pero Pablo considera que é unha opción interesante na nosa comunidade a produción para alimentación animal. “Pero ten que ser un cultivo local, porque non compensa traer a remolacha desde Castela”, asegura.

Xabarín e seca

Até agora os problemas para cultivar remolacha en Galicia eran principalmente dous: un, o da falta de maquinaria –”que se resolve con hectáreas de cultivo”, asegura Pablo–, e outro, o do control das malas herbas –”nós non seguimos co cultivo porque naquel momento as malas herbas e a eficacia dos herbicidas eran un problema”–, di.

Agora esta cuestión estaría solventada coa nova combinación de variedades resistentes de remolacha e herbicidas específicos. “Na actualidade hai unha liña de variedades que só llevan una aplicación de herbicida, é unha combinación na que se vende xa a semente adaptada e o herbicida correspondente e que leva o nome de CONVISO ® SMART, xa que combina o herbicida Conviso One, de Bayer, coas variedades de remolacha Smart KWS tolerantes a este producto. O custo do cultivo é un 20% máis caro que o do millo, porque o herbicida é máis caro, pero nunha hectárea de remolacha obtés un 40% máis de enerxía neta que co millo”, asegura Javier Fuertes, de KWS.

O custo do cultivo é un 20% máis caro que o do millo, porque o herbicida é máis caro, pero nunha hectárea de remolacha obtés un 40% máis de enerxía neta que co millo

A viabilidade do cultivo pasaría por facer máis sinxelo o control das malas herbas e tamén as labores de recollida. Para botar a remolacha pódense empregar as mesmas sementadoras que para o millo, cambiando unicamente os discos e as rodas, xa que o millo lábrase a 75 centímetros e a remolacha a 40 ou 50 centímetros, pero a necesidade de colleitadoras especiais non está resolta en Galicia, onde as empresas de servizos non dispoñen desta maquinaria.

De resolverse ese outro atranco, a remolacha podería ser unha boa alternativa en zonas do interior e do sur de Galicia, onde o millo sofre por falta de auga e altas temperaturas durante o verán, xa que a remolacha resiste a falta de precipitacións mellor que o millo, xa que aínda que perde crecemento, ao estar enterrada non seca como lle pasa ao millo. A remolacha sementada na primavera é capaz tamén de resistir o inverno. De feito, explica Pablo, nos ensaios realizados en Galicia sementábase en marzo e recollíase na primavera seguinte. “Pasaba un ano practicamente na terra, pero dá moito máis un único cultivo de remolacha que unha rotación de raigrás e millo”, afirma.

Outra teórica vantaxe é a mellor defensa ante os ataques do xabarín. “En Castela o xabarín come o millo pero á remolacha non vai porque quedan a campo aberto, no millo están máis ocultos e resgardados. Non é que non lles guste a remolacha, pero pasa como coas patacas, que son ataques moito menos frecuentes ca no millo”, asegura.

“Fai un cebado para os becerros moi bo”

Jesús Amil ten unha explotación de carne na parroquia de Condes, no concello lucense de Friol, con 90 vacas nodrizas de raza Blonde de Aquitana e 145 cabezas totais contando os becerros. Leva cinco anos botando remolacha para cebalos.

Sementou este ano unha hectárea. Antes botaba máis, pero a falta de maquinaria que facilite a recollida fíxolle reducir superfice. No seu caso vaina recollendo case a diario a demanda dos seus animais. “Bótoa en febreiro-marzo e en xuño-xullo estou empezando a recoller e vou buscala todos os días ata que a acabo. É un cultivo que dura moito tempo na terra, eu déixoa todo o ano, aínda que deste xeito hai máis perdas porque unha parte pudre”, explica.

Se tes alguén que cha recolla e cha triture estou seguro que funcionaría, o problema é que a xente se convenza

Jesús bota tamén 30 hectáreas de millo para ensilar. “É o que teñen as vacas para comer todo o ano, de verán e de inverno, pero co millo sacas 50.000 toneladas por hectárea como moito sendo un ano moi bo e coa remolacha forraxeira logras moitísimo máis, hai moita diferencia co millo, eu tiven algunha remolacha dun metro de longo”, conta. Ademais, di, “a remolacha fai un cebado moi bo”. “As vacas cómena no pesebre enteira e aos becerros córtollela. A miña idea é meter un cazo triturador para iso”, indica.

Ensilada enteira

Jesús labra a remolacha coa sementadora do millo. “É unha sementadora regulable que trae disco para remolacha”, explica, polo que os problemas unicamente están no proceso de apañado. “Un ano trouxen unha máquina de Castela e o que fixen foi apilala toda e ensilala soa. Non a piquei, porque cando a trituras tes que mesturala con algo porque dá máis auga e se a trituro e se me van os azucres para iso xa traía pulpa de remolacha, que vén sen eles. Se noutros países como en Bélxica a ensilan enteira por algo será”, razoa.

Ademais de gandeiro, Jesús ten tamén unha empresa de servizos agrícolas e forestais e se houbese demanda non dubidaría en mercar unha máquina específica para arrincala. “Tería que ser unha máquina grande, que fose capaz de levantar 20 ou 30 hectáreas no día. Se tes alguén que cha recolla e cha triture estou seguro que funcionaría, o problema é que a xente se convenza”, argumenta.

Imaxe da remolacha labrada o 28 de marzo pola gandería Mosquera Vaamonde SC en Buscás (Ordes)

Imaxe da remolacha labrada o 28 de marzo pola gandería Mosquera Vaamonde SC en Buscás (Ordes)

“Probarei a metela no carro unha semana para ver que efecto fai na ración, penso que a fará máis apetecible”

Pablo Mosquera ten unha explotación de leite na parroquia de Poulo, en Ordes, con 31 vacas en muxido. Este ano probou por primeira vez a botar unha finca de remolacha duns 4.000 metros cadrados na parroquia do lado, en Buscás, onde tamén sementa o millo. “Traballo 32 hectáreas e vou moi sobrado, así que decidín probar. É unha zona que quedou sen gandería e hai superficie dispoñible”, conta.

Pablo labra 16 hectáreas de millo e nas outras 16 ten pradeira permanente de raigrás. Agora ten pensado botar tamén alfalfa. A calidade das forraxes e a busca de novas alternativas para a alimentación do seu gando é unha das súas teimas e por iso decidiu probar tamén coa remolacha. “Cando a recolla probarei a metela no carro unha semana para ver que efecto fai na ración, pero penso que a fará máis apetecible porque a remolacha, ao ter azúcares, daralle bo sabor”, argumenta.

É consciente de que para que as vacas produzan é necesario que coman máis cantidade e calidade. Por iso, para gañar en dixestibilidade, por exemplo, corta alto o millo. E tamén o selecciona en función do seu estado. “Escollo as fincas e iso dame a opción de coller sempre moi boa calidade de forraxe, porque o millo que ten a cana seca aprovéitoo para grao húmido e desa forma ensilo só o millo que está impecable, aínda que se a planta chega verde sempre terá tamén mellor espiga, por iso cunha máquina autopropulsada métolle nitróxeno ao millo no mes de agosto e así manténseme máis verde. De momento aquí dase ben o millo, pero se cambia o tempo polo efecto do cambio climático igual a remolacha é unha boa alternativa para determinadas parcelas máis secas”, explica.

Botei dunha variedade que se pode sulfatar cun herbicida específico e deume menos traballo que o millo

Pablo probou este ano por primeira vez coa remolacha. Botouna o 28 de marzo nunha finca que tivera millo o ano pasado e estivo baleira durante o inverno. “Non a botei antes porque choveu, senón por temperatura quizais se puidera botar antes. Probei dúas variedades, unha delas que se pode sulfatar cun herbicida específico, e que vai perfecto, a remolacha non sufriu nada e morreron as malas herbas. Quizais me dera menos traballo que o millo, e nin non lle afectou o verme nin nada. O único que a botei coa sementadora do millo pero con discos de sorgo e o problema é que me sementou a 10 centímetros e tería que ir a máis, así que tivemos que rareala, pero levaron todos os veciños para trasplantar. Naceu moi ben porque xermina moi ben aínda que faga frío”, explica.

A explotación coa maior produción por vaca de Galicia

A súa gandería, Mosquera Vaamonde SC, é a primeira en produción por vaca de Galicia, con 15.620 quilos de media ao ano, segundo o ránking de Fefriga do 2019. É un galardón no que repite xa por quinta vez desde que o lograra por primeira vez no 2013. “O normal é que un ano esteas moi ben pero logo baixes, por iso o importante é o feito de manterse aí, porque iso significa que as cousas que fas funcionan”, razoa.

“Ao ter poucas vacas manexalas doutra maneira, estudialas de maneira individual, sabes se a podes inseminar antes ou esperar, por iso eu fago lactacións moi longas e alóngolles moito o leite. Pero iso tes que saber en que casos o podes facer e en cales non, hai que coñecer o gando de maneira individualizada, porque se das un ano moito leite e logo a vaca non che empreña non fixeche nada. A min gústanme as vacas pero téñenme que dar para vivir, polo que trato de sacar a máxima rendibilidade e non por ter máis cabezas gañas máis se o tés máis descontrolado”, argumenta.

Son pequenas cousas que eu fago e que pode que sexan as que marquen a diferenza: no verán reduzo volume e concentro a ración porque as vacas comen menos e no inverno témplolles temperatura da auga que beben

“Son pequenas cousas que eu fago e que pode que sexan as que marquen a diferenza”, di. “No verán as vacas comen menos, así que reduzo o volume da ración e concentro a cantidade, subindo a soia e baixando a herba, así a vaca inxesta o mesmo pero con menos volume, deste xeito a vaca non che baixa tanto ao leite no verán e no inverno témplolles a auga ás vacas para que así beban máis porque se non beben tamén hai menos inxesta. O de templar a auga no inverno ou non facelo é coma o día ou a noite, aprendino cunha vaca que daba 82 litros diarios e desde entón aplícollelo a todas”, exemplifica.

Pero ademais destes detalles, hai outras cuestións nas que Pablo pon énfase: “Mellorei o protocolo das vacas en postparto, porque son moi importantes os 15 días despois de parir, igual que o secado e o preparto, previndo cousas; mellorei a forraxe porque iso dache estabilidade durante a lactación, porque se tes un problema puntual cos ensilados e as vacas perden produción logo é moi difícil de recuperar ese nivel de leite; e mellorei en comodidade. Con estas cuestións nesta explotación sécanse xovencas con 40 litros, e vacas con máis de 45. E a xenética tamén é importante, porque hai vacas que comen o mesmo e non dan o mesmo cas outras. Igual que o nutrólogo e o veterinario, é importante que sintan o establo como se fose deles”, conclúe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información