A Federación Frisona Galega (Fefriga) ven de facer públicos os recoñecemento ás mellores ganderías de vacún de leite e ás mellores vacas no ano 2019. Con estas distincións honoríficas, a Federación Frisona Galega desexa promocionar e render homenaxe aos criadores que co seu esforzo, dedicación e profesionalidade, máis se distinguiron durante o pasado ano.
Mellores Produtoras de Galicia 2019 – Primeirizas
Concédese este recoñecemento ás 20 mellores primeirizas que, non superando os 30 meses de idade no momento do parto, remataran a súa lactación (normalizada a 305 días) no 2019.
Mellores Produtoras de Galicia 2019 – Vacas
Concédese este recoñecemento ás 20 vacas de 2 ou máis partos que na lactación (normalizada) rematada no 2019, máis quilos de Leite produciron.
Mellores explotacións de Galicia 2019 por produción
Concédese diploma ás 20 explotacións que, cun mínimo de 17 lactacións normalizadas finalizadas en 2019, obtivesen as mellores medias de produción de Galicia en kg de leite
Mellores Producións Vitalicias de Galicia 2019
Dada a importancia que ten para os criadores a lonxevidade das súas reprodutoras, concédese título de recoñecemento a todas aquelas femias que, tendo rematado unha lactación no 2019, acadaran ao longo da súa vida, unha produción de leite igual ou superior aos 100.000 Kg. de leite.
Mellores Explotacións de Galicia por cualificación 2019
Outórgase diploma ás 20 mellores explotacións por media de cualificación morfolóxica. Para a concesión deste recoñecemento as explotacións deben cumprir os seguintes requisitos:
– Contar con 17 ou máis reprodutoras cualificadas.
– Ter cualificadas máis do 90% das femias maiores de 36 meses.
– Non superar o 5% de Reprodutoras inscritas no Rexistro Auxiliar “A”
Mellores Explotacións de Galicia por ICO 2019
Outórgase título de recoñecemento ás 10 mellores explotacións por Índices Xenéticos (ICO), de cada unha das seguintes categorías: de 17 a 75 reprodutoras e de máis de 75 reprodutoras.
Para a súa concesión tívose en conta que, na avaliación xenética de Novembro de 2019, as explotacións galardoadas cumpriran os seguintes requisitos: ter 17 ou máis reprodutoras, non superar o 5% de vacas no Rexistro Auxiliar “A” e ter máis do 75% das reprodutoras maiores de 36 meses valoradas xenéticamente.