A Central Agropecuaria de Galicia Abanca recuperou este martes a actividade por completo, logo de que a semana pasada se suspendese a poxa de becerros de recría por mor da festividade nacional de Todos os Santos. A comparativa cos prezos da última poxa celebrada o pasado día 24 de outubro na que concorreu este tipo de gando, amosa unha baixada dos prezos da recría frisoa e nas femias de cruces industriais.
No vacún maior tamén hai este martes unha baixada en comparación dos prezos manexados a semana pasada. Nos becerros carniceiros a tendencia tamén é a baixa, pero houbo varias excepcións.
Nas mesas de porcino volveuse producir unha baixada nos prezos dos porcos cebados e os leitóns experimentaron unha nova suba esta semana. O mercado do ovo tamén rexistra un incremento do valor nalgunhas categorías.
Prezos do vacún
Facemos agora un repaso detallado polas distintas seccións do gando vacún para coñecer a evolución dos prezos. É preciso ter en conta que se trata de prezos medios e que o valor dos exemplares estará condicionado tamén por outros factores.
No caso da recría, a comparativa realizámola cos prezos rexistrados na última poxa que contou con este tipo de gando, a celebrada o pasado 24 de outubro. Nos animais de raza frisoa, os machos máis novos, de menos de 20 días descontaron só un euro e mantéñense nos 45 euros. Nos exemplares frisóns de entre 20 e 50 días o valor medio está nos 90 euros (-4). Nesta sección tamén se contabilizaron case o dobre de animais que na última feira. A baixada máis destacada produciuse nos becerros pintos de máis de 50 días, que descontaron 83 euros con respecto da última poxa e teñen un valor de referencia de 117 euros.
Nos becerros de recría de cruces industriais a tendencia tamén foi á baixa, pero con varias excepcións. Os tenreiros máis novos foron unha delas, ó sumar 40 euros con respecto da última poxa e acadar un valor medio de 314 euros. As femias desa categoría descontaron 42 euros e sitúanse nos 194 euros. Nos machos de entre 20 e 50 días, o valor medio está nos 362 euros, ó descontar 5 euros. Nas femias houbo unha baixada de 18 euros e quedan nos 269 euros. Nos exemplares de máis de 50 días, os machos tiveron un incremento de 10 euros e acadan os 499 euros, mentres que as femias descontaron 18 euros e sitúanse nun valor medio de 371 euros.
Nos becerros de cebo a tendencia foi á baixa aínda que houbo excepcións como os machos frisóns, que tiveron un prezo medio de 946 euros (+267 euros). Mentres nos machos de cruces industriais, o valor medio foi de 1.051 euros, o que supón unha baixada de 37 euros. As femias cotizáronse a 914 euros, é dicir 30 euros máis que a semana pasada. Os machos de Rubia Galega tiveron un prezo medio de 1.137 euros, ó rexistrar unha baixada de 124 euros. As femias desta raza están nos 982 euros, ó descontar -144 euros. Pola súa banda, os animais comercializados baixo o selo de Ternera Galega Suprema tiveron un prezo medio de 1.161 euros (-69).
Esta semana o vacún maior rexistrou baixadas en case tódalas seccións. Os animais da categoría extra tiveron un prezo medio de 2.040 euros, o que amosa unha redución de 53 euros. As vacas de primeira experimentaron unha baixada de 12 euros, polo que quedan nos 1.130 euros. Os exemplares de segunda cotizáronse a un prezo medio de 751 euros, o que supuxo unha suba de 9 euros con respecto da semana pasada e foron a excepción. Nas vacas de desfeito o valor de referencia estivo nos 433 euros (-59 euros). Nos animais comercializados baixo o selo Vaca e Boi de Galicia, o seu valor medio caeu 254 euros en comparación coa semana pasada e tiveron un prezo de referencia de 1.561 euros.
Baixadas no porco cebado
Unha semana máis, as mesas de cotizacións do porcino experimentaron novas baixadas nos prezos do porco cebado. Os animais das categorías selecta e normal descontaron 0,025 euros e quedan nos 1,685 e 1,66 euros o quilo, respectivamente. Os porcos de Canal II están a 2,156 euros, tras unha baixada de 0,032 euros. Os animais de descarte descontaron 0,02 euros e cotízanse entre 0,79 e 0,85 euros o quilo.
Os leitóns continúan á alza. Esta semana tiveron un incremento de 2 euros para ambas categorías. Así, os exemplares chegados dunha única granxa están agora nos 77 euros (cun prezo de 3,85 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 72 euros e cun prezo por quilo de 3,6 euros.
O mercado do ovo experimentou subas nalgunhas das categorías. Así, os ovos da S e a M tiveron un incremento de 0,02 euros, o que deixa un prezo de 1,7 e 2 euros a ducia, respectivamente. Mentres, no resto de categorías non houbo cambios. Nas galiñas de descarte semipesadas mantívose o prezo esta semana. Os animais semipesados de entre 2,1 e 2,2 quilos sitúanse entre 0,21 e 0,29 euros o quilo.
O prezo do coello está nos 2,65 euros o quilo, segundo a Mesa de Prezos Nacional do Coello (Loncun).