“As vacas nas Azores poden estar en pastoreo os 365 días ao ano, é algo que non poden facer en Irlanda, en Francia ou en Holanda”

As Azores son a Galicia de Portugal. As nove illas altánticas producen o 35% do leite portugués. Falamos con André Almeida, da Universidade de Lisboa, dalgúns problemas que o arquipélago comparte coa nosa comunidade, como a escasa industrialización e a distancia aos centros de consumo

André Almeida

André Almeida é profesor de Producción Animal do Instituto Superior de Agronomía da Universidade de Lisboa. Coa súa axuda facemos unha radiografía da produción de leite en Portugal e analizamos o caso particular das Azores, que comparte similitudes con Galicia, como o seu carácter excedentario e periférico ou o feito de buscar incrementar a produción en base a estabular as vacas.

Portugal produce ao ano 2 millóns de toneladas de leite, con tres modelos claramente diferenciados: a metade norte do país, onde abundan as granxas familiares de pequeno tamaño; a zona sur, onde hai explotacións industriais de maior tamaño; e as illas Azores, cunha actitude leiteira predominante e un sistema produtivo baseado no pastoreo, aínda que a busca de maiores rendementos leiteiros por vaca está a propiciar un cambio neste modelo cara á intensificación.

O fin das cotas coincidiu cunha fonda crise económica en Portugal, o que fixo que no norte do país só sobreviviran unha de cada catro granxas leiteiras

O fin das cotas coincidiu cun momento de fonda crise económica en Portugal, co país intervido polos organismos financieiros internacionais, e todos eses factores aparellados levaron á desaparición dun número moi importante de explotacións, unha redución que no norte do país fixo que só sobreviviran unha cuarta parte das granxas leiteiras existentes fai 5 anos. Á par disto, as novas esixencias ambientais e no ámbito do benestar animal teñen provocado unha grande transformación do sector leiteiro no país veciño.

Azores produce tres veces máis leite por quilómetro cadrado ca Galicia

As Azores son un caso diferenciado. De todo Portugal é a gran rexión especializada en produción de leite e nos últimos anos gañou peso fronte a outras zonas do país onde a cabana gandeira foi a menos. Pero o seu carácter insular e a estrutura minifundista da propiedade da terra, que dificultan o incremento da base territorial das explotacións, son factores que están a levar a moitos gandeiros a apartárense do modelo tradicional de produción de leite no arquipélago, baseado no pastoreo, para adoptar modelos máis intensivos.

São Miguel, Pico, Terceira, São Jorge, Faial, Flores, Santa María, Graciosa e Corvo ocupan 2.333 quilómetros cadrados, menos dunha décima parte da superficie de Galicia (29.574 quilómetros cadrados), pero producen ao ano máis de 600.000 toneladas de leite, o 35% do leite de Portugal.

Os gandeiros das illas portuguesas producen leite principalmente en base a pastos, polo que o factor que limita o seu crecemento é a falta de terra dispoñible

As nove illas do arquipélago atlántico portugués comparten ademais con Galicia problemas na industrialización do leite e a lonxanía dos centros de consumo, ademais dunha estrutura minifundista da superficie agraria que dificulta o incremento da base territorial das explotacións. Por iso, a gandaría nas Azores está a experimentar unha progresiva intensificación, cunha maior utilización de concentrados e de silo de millo.

– Mentres países do norte de Europa, coma Holanda, están volvendo ao pastoreo, as Azores está abandonando este modelo co argumento de aumentar a produción? 
– O arquipélago das Azores é unha zona de produción leiteira moi importante. Representa un terzo da produción de Portugal. O seu segredo é producir leite a prezos moi baratos. Azores ten moi boa climatoloxía para producir leite, pode producir leite a prezos competitivos a base de pastos. As vacas nas Azores poden estar en pastoreo os 365 días do ano, é algo que non poden facer noutras rexións de Europa, non o poden facer en Irlanda, nin en Francia, nin en Holanda.

Unha explotación con máis de 50 animais xa é considerada grande nas Azores, a maioría dispoñen dunhas 20 hectáreas de terreo repartidas en moitas fincas dispersas

Pero neste momento estase dando un proceso de intensificación da produción para poder producir máis porque hai pouca terra dispoñible. Coa excepción de San Miguel, todas as illas son relativamente pequenas e a terra que hai é limitada. Todas teñen montañas no medio polo que non é doado aumentar a superficie. Ademais, é difícil mercar terra e as propiedades agrícolas, as fincas, están moi dispersas, diseminadas por toda a illa. Unha explotación con máis de 50 animais xa é considerada grande nas Azores, a maioría dispoñen dunhas 20 hectáreas de terreo repartidas en moitas fincas dispersas.

Leiras pequenas e peches de pedra: o sistema agrario máis habitual nas illas portuguesas

Leiras pequenas e peches de pedra: o sistema agrario máis habitual nas illas portuguesas

– Que estratexia se segue para ampliar a produtividade desas fincas?
Como a terra está adicada a pastizais e son fincas pequenas hai dúas cousas que se están a facer: por un lado incrementar a produción do pastizal e por outra mellorar a calidade das forraxes e iso lógrase introducindo leguminosas. A través da sementeira de trevo, por exemplo, lógrase unha valorización da herba para a produción de leite, porque ademais de fixar nitróxeno e mellorar a fertilidade do chan, as forraxes con leguminosas diminúen a dependencia das explotacións e aumentan a súa rendibilidade, porque supón unha fonte proteica propia que reduce a pegada de carbono asociada ao transporte transcontinental de materias primas importadas para as racións, como a soia, e poden tamén axudar á redución dos niveis de metano que emiten as vacas.

As forraxes con leguminosas son unha fonte proteica propia que reduce a pegada de carbono asociada ao transporte transcontinental de materias primas como a soia, diminúe a dependencia das explotacións e aumenta a súa rendibilidade

Hai compañías de sementes que teñen liñas específicas de produto para as Azores e sementes específicas adaptadas ás características do solo e á climatoloxía do arquipélago. Deste xeito os gandeiros das Azores logran producir leite de grande calidade que está baseado no aproveitamento do pastizal todo o ano e que ten moi boa aceptación por parte dos consumidores. O interesante das Azores é iso, que os gandeiros fan un produto de calidade a un prezo baixo e que ten moi boa imaxe no mercado.

– Pero logo hai que vendelo no resto de Portugal. Iso tamén pasa en Galicia, onde tamén somos excedentarios.
– Ese é o gran problema. Porque aínda que o leite sexa producido a prezos máis baixos tes un custo engadido de transporte que é altísimo. Por iso é moi difícil vender leite barato en Lisboa se é producido nas Azores. Se ti miras nun supermercado en Portugal o leite normal é vendido a uns 50 céntimos, mentres que o leite das Azores é vendido a máis de 60, normalmente o prezo é un 25% máis alto, iso é debido á calidade, que é maior, pero tamén aos altos custos de transporte.

O leite das Azores véndese nos supermercados de Lisboa a un prezo un 25% máis alto que o producido no resto de Portugal. Iso é debido á calidade, que é maior, pero tamén aos altos custos de transporte

Ten moito que ver con Galicia, pero quizais máis con Canarias, porque está máis lonxe da península. As Azores producen moito leite e a maioría é vendido fóra do arquipélago. Ese leite compite nos supermercados portugueses con leite de outras zonas leiteiras de Europa, como Galicia ou o norte de Francia.

Penso que a solución sería incrementar a transformación, facer produtos de alta calidade, como queixos ou outros, que non teñan tanta dificultade de transporte e que teñan unha vida útil máis grande que o leite. E competir nun nicho de mercado máis especializado que non sexa o mercado do leite líquido convencional.

– En Portugal tamén mandan as cadeas de distribución na fixación de prezos?
– Si, e ese é outro grave problema, porque en Portugal hai só tres ou catro grandes compañías de supermercados. Así que a distribución manda na produción, presiona e fai o que quere. E temos outro problema engadido a maiores en Portugal e é que hai só tres ou catro industrias de transformación no sector lácteo, hai moi pouca competencia e iso é sempre moi inxusto para os gandeiros, porque producen un leite de alta calidade pero o prezo é sempre baixo.

A distribución manda na produción, presiona e fai o que quere e en Portugal hai moi pouca competencia e iso é sempre moi inxusto para os gandeiros

– Vostede ten traballado con algúns países africanos. Pode ter unha vantaxe Portugal coas súas ex colonias á hora de acceder a mercados emerxentes, por exemplo en África?
– Si, pero unha vez máis tes o problema dos transportes. Se me fas a pregunta no caso concreto de Angola, por exemplo, que é un país moi emerxente neste momento e que fai un ano tiña moitos cartos para importar produtos estranxeiros eu diríache que si, pero quizais aplicado sobre todo a outros produtos como viño, cervexa ou mesmo auga. Para o leite é diferente porque o sector do leite é moi particular nese sentido.

En Angola o que fan é mercar leite en po, diluilo e envasalo e para iso está a competencia do leite en po de Nova Zelandia

En Angola hai plantas de envasado de leite, pero ese leite non é producido localmente. O que fan é mercar leite en po, diluilo e envasalo, e para isto hai a competencia do leite en po producido a moi baixo custo en países como Nova Zelandia ou mesmo en países de Europa. É leite que ten unha pegada de carbono moi importante, tanto no transporte como no secado. Quizais hai máis posibilidades no caso da manteiga, pero no caso do leite liquido é complicado. Ademais África ten un problema engadido a maiores para exportar alí produtos lácteos e é que a rede de frío e a electricidade son moi deficientes. E iso non é un problema para unha cervexa que está envasada nunha lata pero no caso do leite iso limítate ao UHT.

“O turismo é unha ferramenta útil nas Azores para vender o seu leite. Iso tamén o podería facer Galicia”

El desplazamiento de las vacas a los pastos por la carretera es una estampa habitual en las Azores.

O desprazamento das vacas polas estradas para iren aos pastos é unha estampa habitual nas Azores

A agricultura e a produción gandeira ten moita importancia na paisaxe das Azores, que constitúe un elemento esencial á hora de vender a imaxe verde das illas portuguesas como destino turístico natural, polo que a diminución da contaminación e da pegada de carbono das explotacións ten moita importancia xa non só desde o punto de vista gandeiro, senón tamén turístico, e ás vantaxes ambientais que supón a mellora neste eido engádense as de carácter económico para o conxunto do arquipélago, traspasando deste xeito ao propio sector leiteiro.

– Teño lido nalgunha entrevista súa que a redución da pegada de carbono, ademais dunha cuestión ambiental é tamén unha cuestión de márqueting para as granxas.
– Efectivamente non é só unha cuestión medioambiental. A redución da contaminación da auga, que non haxa olores, etc, todo iso é moi positivo para a imaxe das Azores e tamén dos propios gandeiros para vender despois o seu leite nos supermercados portugueses. Os turistas que van quedan namorados das Azores, da súa gandeiría e dos seus produtos e normalmente cando volven ás súas casas a probabilidade de que empecen a consumir leite das Azores é alta. Iso tamén o podería facer Galicia ou o norte de Portugal, onde por exemplo o queixo limiao ten unha boa imaxe, unha imaxe positiva e diferenciada en comparación co resto de queixos que se fan en Portugal.

O leite das Azores leva décadas posicionado no mercado coma un leite de calidade. Os produtos lácteos do arquipélago usan o selo ‘Produto dos Açores’, unha marca valorada polo consumidor portugués

As Azores é a única zona produtora de leite de Portugal que ten esa capacidade turística e iso tamén é unha ferramenta de promoción do leite e dos queixos producidos nas Azores, o turismo é unha ferramenta útil para que os gandeiros das Azores poidan incrementar a venda dos seus produtos e tamén aumentar o seu valor.

– É posible producir un leite cero carbono?
– Nas Azores eu penso que si. Pero unicamente producilo, porque logo para comercializalo hai que transportalo 2.000 quilómetros. Eu penso que o gran problema da pegada de carbono do leite é precisamente o transporte, non o feito de producilo. Se ti produces leite de pastizal logras unha produción a un custo económico e tamén ecolóxico moi baixo, polo que se ti descontas das emisións producidas a fixación de nitróxeno e a captura de carbono que fai o chan penso que ese leite si que podería considerarse cero carbono.

Eu penso que o gran problema da pegada de carbono do leite é precisamente o transporte, tanto dos insumos para alimentación como do propio leite, non o feito de producilo

Ademais, hai unha cuestión engadida que en lugares como Galicia ou Portugal hai que ter en conta e que é moi importante. Temos pastizais que están intimamente ligados á produción de rumiantes. Cal é a alternativa a iso? Se miras a zona de montaña de Galicia e todo o interior de Portugal, desde os anos 60 a estratexia na zona interior do país foi reemprazar a produción de rumiantes, sobre todo de pequenos rumiantes no caso de Portugal, por forestación de eucaliptos e de piñeiros.

Os pastizais nos montes estaban ligados á produción de rumiantes. Cal é a alternativa a iso? Se ti miras o mapa de lumes coincide coas zonas nas que desde os anos 60 se reemprazou ese modelo por forestación de eucaliptos e piñeiros

Iso desde o punto de vista da fixación de carbono está moi ben até que arde, cando arde hai unha liberación de carbono monumental. Eu penso que todos os problemas de incendios que temos cada xullo, cada agosto e cada setembro ten moito que ver coa substitución desta produción tradicional de rumiantes por sistemas de plantacións forestais, porque ese sistema de produción animal, contrariamente ao que opina moita xente, permíteche fixar carbono e diminuir as emisións.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información