Sat Gomelle, grao húmido de millo para a ración e ceba para os xatos

Cinco socios e dous empregados encárgánse do traballo nesta explotación do concello lugués de Guntín. Muxen 250 vacas e son excedentarios en forraxe e superficie agraria

Sat Gomelle, grao húmido de millo para a ración e ceba para os xatos

Cristóbal, Mabel e Felipe na explotación.

No ano 1988 dous matrimonios da parroquia de Gomelle, os formados por Pepe e Divina e por Daniel e Mari Luz, constituíron unha SAT que comezou muxindo xa 100 vacas nesa época. Vinte anos despois, no 2007, decidiron ampliar as instalacións e entraron na sociedade os cinco membros actuais: Cristóbal e Yolanda Rodríguez López, fillos de Pepe e Divina, xa xubilados, José Castro, José Luis Vázquez e Daniel Mouronte, que é o único dos catro socios iniciais que segue traballando na explotación.

Na actualidade muxen 250 vacas, que é a capacidade máxima da nave construída hai 11 anos, e atópanse cun problema de espazo difícil de solventar para seguir medrando. “Non temos para onde ampliar, porque temos a igrexa por un lado, o río polo outro e estradas rodeando a explotación”, explica Cristóbal, que conta que “a única solución sería arrincar de aquí con todo para outro sitio, pero tés investimentos que non son trasladables, como a sala de ordeño, e que perdes”.

A falla de espazo obrigounos a externalizar determinados procesos, como a recría. Envían as becerras a Novilandia, un centro privado de León. Marchan con 3 meses e volven con 13 ou 14 meses de vida para inseminar e continuar a xestación xa na explotación, concretamente nunha nave alugada a un dos socios á que van unha vez preñadas.

Animais de recría na granxa.

Animais de recría na granxa.

O custo do tempo de recría que pasan fóra da explotación é de 2,21 euros por xata e día e normalmente botan menos dun ano neste centro leonés, ao que comezaron a enviar os animais no ano 2007.

De inseminar encárgase Cristóbal, que comezou hai un ano a usar seme sexado nas novillas. “Procuramos que empreñen rápido, neste momento temos a media do primeiro parto en 24 meses”, conta.

Contar cunha boa fertilidade é fundamental para asegurar a taxa de reposición da granxa. “A nós chéganos coa nosa recría”, di Ricardo. Con todo, en 2016 meteron na explotación un lote de 13 vacas traídas de Alemania.

190 hectáreas de superficie
Os cinco socios da SAT aportan terras á explotación, que manexa 190 hectáreas de superficie agraria, unha boa parte delas alugadas. Esta é unha zona de importante produción láctea, polo que hai bastante competencia pola terra e os prezos son altos.

Botan arredor de 100 hectáreas a millo todos os anos e o resto está a herba. Todo o traballo agrícola fano os membros da SAT con maquinaria propia, agás colleitar o millo e a herba. Encárganse sen embargo de tarefas como o laboreo, o sementado ou o sulfatado.

Ao dispoñer de excedente en canto a superficie agrícola, hai 5 anos comezaron a facer grao húmido de millo. “Os primeiros anos fixemos unha proba con pequenas cantidades pero o ano pasado sobrábanos moito millo e metimos 25 hectáreas en grao húmido”, explica Cristóbal.

Ensilar o gran do millo por separado
O sistema consiste no ensilado por separado do gran, que se recolle mediante unha colleitadora especial que só arrinca a espiga cando a planta de millo ten unha humidade do 30%. A colleitadora separa o gran e méteo nunha tolba. Logo vai a un tractor con un muíño que moe o gran e o deposita nunha bolsa de plástico alongada que é na que se ensila o gran moído. Sería un proceso semellante ao de encher a tripa dun chourizo coa zorza.

Silo de gran húmido.

Silo de gran húmido.

Con respecto ao ensilado tradicional do millo, este método ten a vantaxe de que ocupa menos espazo e de que non é preciso dispoñer de silo, xa que abonda con ter unha superficie plana onde colocar esa especie de saco alongado.

“O sistema do grao húmido non vai mal, porque aforra moito penso e abarata bastante a ración malia o custo engadido -con respecto a un ensilado tradicional- da colleitadora especial e o muíño, pero eu sempre fun dos que pensei que é máis barato facer a forraxe na casa antes que mercala fóra”, opina Cristóbal.

Fan dúas racións diarias para o gando en produción. Está composta de 21 quilos de silo de millo, 17 de silo de herba, 4 quilos de penso, 3,6 de soia, 3 de gran húmido de millo, 1 de melaza e correctores. “Traballamos con moito silo de millo e de herba e con gran húmido porque somos excedentarios en millo, polo que para nós a calidade das forraxes é fundamental, notámolo tanto na produción como na fertilidade”, recoñece.

A media de produción varía entre os 37 e os 39 litros diarios dependendo da época do ano e das forraxes. “O silo de millo é máis homoxéneo, pero o de herba é máis variable e nós usamos moito silo de herba, así que no noso caso ten moita incidencia”, admite.

Ao contar con excedente de forraxe son capaces tamén de abaratar o custo da ración das vacas secas e as novillas preñadas, que está composta por 18 quilos de silo de herba, medio quilo de soia, 1,2 quilos de palla e corrector. Un mes antes de parir preparan aos animais cunha ración de preparto que está formada por tres quilos de ración de produción e outros tres quilos de palla moída.

sat gomelle cebo xatos

Ceban xatos até os 10 meses

Desde a constitución da SAT no ano 1988 unha das decisións que tomaron foi a de cebar os xatos na explotación, aínda que neste momento non o fan con todos, senón cos que menos valor teñen ao nacer. “Cando nolos pagan pouco van para o cebo até os 10 meses. Iso tamén fai que che paguen mellor porque saben que se non non llelos mandas, así que en certa medida o contar con cebadeiro propio axúdanos a vender tamén os que non van para el”, argumenta.

“Comezamos cebando con penso e herba seca pero fomos pioneiros en cambiar a un sistema que se basea en millo en grao sen moer e corrector. Leva un pouco máis de tempo crialos, porque asimilan peor o alimento, sobre todo a partir dos 9 meses, pero dá moito menos traballo”, detalla Cristóbal.

Unha vez cebados, venden os xatos a tratantes e tamén directamente a clientes particulares. “Eliminar intermediarios é moi importante”, defende.

O cebadeiro ocupa unha parte da nave vella, onde comezou a SAT, na que tamén está a enfermería e a parideira. Tamén están nesa zona as novillas que están para inseminar, recén chegadas do centro de recría de León. “É un lugar de paso frecuente onde teño máis vixiado o gando porque por aí teño que pasar moitas veces no día así que é moito máis doado detectar calquera incidencia e teño os animais máis controlados, tanto para os celos como para os partos ou para o seguemento de tratamentos e enfermidades”, argumenta.

Secado aos 220 días
Nesta explotación realizan o secado aos 220 días, é dicir, pasados xa os sete meses. “Cando as vacas en produción chegan a ese momento con máis de 25 litros de leite ao día poñémolas un par de días a dieta de herba seca e auga. Desde que comezamos a facer isto non volvimos ter ningún problema no secado”, explica Cristóbal.

A cama para as vacas secas consiste en cubículos de serrín con carbonato e ábrenlles para que saian fóra, ben polo día, ben pola noite, dependendo da época do ano, o tempo que faga e a temperatura. “Saír fóra failles moi ben, porque a comodidade das camas nunca é como a de fóra”, di. “Tamén lles temos unha forraxeira fóra para que nunca perdan de comer”, conta.

Vacas en produción.

Vacas en produción.

Para as vacas en produción a cama é de palla moída. “Canto máis moída mellor, porque temos pouca pendente na canle do purín”, explica. A enfermería e a parideira ten cama quente de palla e na zona dos descartes os cubículos teñen colchoneta e carbonato con serrín como secante.

Ofrécenlle vivenda aos empregados
Ademais dos cinco socios actuais, na SAT traballan outros dous empregados contratados, Mabel, que leva 5 anos na granxa, e Felipe, que se incorporou hai menos dun ano. Nesta explotación ofrecen vivenda aos empregados. “Sen ofrecer vivenda é moi difícil atopar traballadores que che veñan porque se teñen moito desprazamento xa non lles compensa”, indica Cristóbal.

Do traballo interno da granxa e o manexo diario dos animais encárganse Cristóbal, a súa irmá Yolanda, e os dous empregados. Os outros tres socios fan o traballo agrícola e repártense os ordeños, que se fan ás sete e cuarto da mañá e ás seis e media da tarde e duran dúas horas e media.

A sala de muxido, traseira de 24 puntos, leva funcionando desde o ano 2000. “Era punteira no seu momento e xa tiña identificación individualizada dos animais. “Daquela, cando se montou, os socios iniciais fixeron un investimento grande pero mereceu a pena porque segue en funcionamento 18 anos despois. Nós non lle cambiamos nada, só lle facemos o mantemento”, explica Cristóbal.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información