Ubicada na zona de Marquide, na parroquia de A Rigueira, esta sociedade foi constituída no 2006, seguindo o paso de tres xeracións de gandeiros anteriores. A día de hoxe, os seus titulares, Javier, Carlos e María, xunto con catro empregados, atenden diariamente a preto de 550 animais.
O punto de partida, fai xa 16 anos, foi unha explotación con 30 vacas en muxidura en réxime semi-extensivo. “Tiñamos un establo antigo e pequeno. Non era cómodo nin para nós nin para as vacas, polo que decidimos nese momento realizar unha obra nova”, recorda Carlos.
Esta nave, tiña capacidade xa para 90 vacas. “Na cuadra nova collían as vacas de produción, secas, recría e aínda sobraba sitio”. Dende que entraron as primeiras vacas, en maio do 2007, ata hoxe en día producíronse ata catro ampliacións sucesivas, para dar cabida ao total de animais que hai actualmente.
“Hoxe temos falta de facer unha nova ampliación porque o establo actual está saturado e ademais, tamén estamos tramitando a construción dunha obra para a recría, na que instalaremos unha amantadora” prevén Carlos e Javier.
Manexo do gando
A cabana gandeira en Otero Vilar vaise dividindo en diferentes lotes de acordo coa súa idade ou a etapa produtiva. Unha vez nacen as tenreiras, pasan uns días en boxes individuais, onde toman o calostro da nai os primeiros días.
Pasadas as primeiras 3 semanas incorpóranse a un lote no que permanecen ata o destete. Nesta fase, as tenreiras inxiren dúas veces ao día leite en po, ademais de ter a libre disposición forraxe seco, penso e auga fresca.
Posteriormente agrúpanse en lotes por idades, ata que chega a hora da inseminación. “Vímoslles poñendo a primeira dose de seme aos 16 ou 17 meses, para que veñan parindo con pouco máis de dous anos”. Unha vez están confirmadas, pasan ao seguinte lote, no que permanecen “ata tres semanas antes do parto, que as pasamos coas vacas secas e de preparto”, comentan Javier e Carlos.
Cama quente e colchonetas
No grupo de produción, as vacas están agrupadas en dous lotes, un en cama quente de palla e outro en cubículos con colchoneta e carbonato. “O lote de cama quente está a ocupar o espazo no que en principio irían as vacas secas, pero ao ir aumentando necesitamos botar man deste espazo, desprazando a estas a outra nova nave” explica Carlos.
No lote de cama quente fan unha limpeza diaria para volver a cubrir con palla nova. Con isto conseguen controlar os casos de mastite, sobre todo en épocas de calor nas que os animais buscan zonas máis húmidas nas que refrescarse. “É un traballo laborioso que temos que facer todos os días, polo que de cara á nova ampliación, nos decantariamos por poñer cubículos”.
Para a muxidura, contan cunha sala en espiña de pescado con capacidade para 24 animais e na que realizan o muxido dúas veces ao día, ás 6.30 e as 18 h.
“O esterco dá bastante traballo, pero despois nótase nas fincas, xa que é un abono moi bo”
Orientación da xenética
No aspecto da xenética, traballo ao que se adica principalmente Javier, buscan animais con altas producións. “Nestes momentos, a industria está demandando máis cantidade que sólidos. Apostamos por vacas de altas producións e que non penalicen en calidades, patas, ubre ou lonxevidade”. Actualmente a media de produción sitúase en 35 litros por vaca e día cunhas calidades de 3.4 de proteína e 3.7 de graxa. Para isto seleccionan dous touros a principios de ano, que serán os que empregan durante esa campaña. A maiores, utilizan seme de razas cárnicas para aqueles animais que non lles interesa sacar recría.
Alimentación
Para elaborar a ración diaria, en Otero Vilar SC contratan o servizo de carro mesturador a unha empresa. Elabóranse catro carros diariamente, dous para as vacas de produción, un para as novillas e outro para as vacas secas. A mestura das vacas en produción componse por 0.5 kg de palla picada, 32 kg de silo de millo, 12 kg de silo de herba e outros 12 kg de concentrado. Un aspecto a destacar é a calidade de conservación que conseguen nos silos.
Este ano, debido á subida dos prezos da palla para a ración, van a recoller un último corte de herba para ‘henolaje’
Tanto Carlos coma Javier atribúen esta boa conservación a que “durante o ensilado estamos con dous tractores no silo, un estendendo e outro pisando logrando deste modo unha boa compactación. Logo para tapar empregamos un film que actúa como barreira fronte ao osixeno, por encima unha lona de plástico, unha malla que protexe de picaduras e logo cubrimos o silo todo con rodas.” comenta Carlos, mentres mostra o silo de millo e herba.
Na alimentación do gando son autosuficientes e mesmo teñen excedentes na produción de millo, o que lles permite vender cada ano unhas 20 hectáreas. Este ano, debido á subida dos prezos da palla para a ración, van a recoller un último corte de herba para ‘henolaje’, un paso intermedio entre o silo e a herba.
“Este ano vamos recoller unha parte para herba seca e outra deste xeito. “Temos que esperar a que a herba espigue, para que faga o efecto da fibra da palla. Segámola, deixámola unhos días secando e cando xa case valería como herba seca facémola en rolos e encintámolos” explica Javier.
Xestión das terras
Traballan unha superficie agrícola dunhas 190 hectáreas nas que o principal cultivo é o millo, que se rota con raygrass como cultivo de inverno. “Do total das fincas temos unhas 40 hectáreas de pradeiras permanentes, que son terreos máis secos e onde o millo non sacaría rendemento. Nas 150 restantes facemos una rotación de millo e unha mestura de raygrass inglés e hibrido. Nas fincas con mellor solo chegamos a superar as 60 toneladas de millo por hectárea, baixando a 50 naquelas que non teñen tanto fondo” comenta Carlos.
A sementeira do millo comeza a principios de maio. Para non retrasarse realizan un solo corte de herba, “a non ser que veña un inverno seco e poidamos entrar en marzo nas fincas, pero esta é unha zona moi chá na que a auga non escorre rapidamente, polo que case sempre vamos a un corte” comentan Javier e Carlos.
Para as primeiras fincas de millo empregan un ciclo 400, que van reducindo a medida que avanzan no calendario, chegando a principios de xuño con un ciclo 260. Nesta campaña, como en moitas outras granxas, sufriron o ataque de rosquilla en moitas fincas, tendo que volver sementar 40 hectáreas. “O próximo ano queremos empregar unha semente con tratamento porque é unha garantía, e ao final tendo que resembrar non se aforra nada”, di Carlos.
Para a fertilización das fincas, tanto de millo como de herba utilizan o xurro e o esterco producidos na granxa. “O esterco da traballo á hora de manexalo na cama, pero a verdade é que producimos bastante e iso nótase despois nas fincas, xa que é moi bo como abono”, recoñece Carlos.
No caso do millo complementan con 400 kg por hectárea dun abono de liberación lenta 20-7-10, que esparcen a voleo previo a sementeira. Para a herba utilizan 200 kg de NAC por hectárea.
O traballo das fincas repárteno entre Javier e Carlos. Excepto para o picado da herba e do millo ou do enrolado, teñen un extenso parque de maquinaria co que realizar as tarefas de campo. “De quitado algún día que estamos apurados e nos fai falta axuda externa para non atrasar, os traballos agrícolas facemos todo coa nosa maquinaria”, apunta Carlos.
Veráns
Esta granxa está ubicada nunha zona alta na que o aire arrefria as instalacións sen necesidade de ventilación forzada, polo que o estrés por calor ata agora non foi un problema. Aínda así, o ano pasado, as altas temperaturas foron motivo de baixa de varios animais.
“Temos a granxa nunha zona alta con circulación de aire, pero o pasado verán as altas temperaturas creáronnos problemas, así que valoramos medidas para mellorar o benestar animal”
“Foi un verán fora do normal no que día tras día había temperaturas moi altas, xa dende primeiras horas da mañá e con noites nas que non baixabamos de 25 graos. Houbo algún caso de vacas que ao pasar ao lote das secas, que teñen aceso a unha finca exterior, pasaron moitas horas ao sol e non recuperaron. Este ano de momento non temos problemas de temperaturas, pero no caso de que vexamos que se repite a situación, teremos que valorar medidas para mellorar o benestar dos animais” apunta Carlos.