Agromuralla critica que “dende xaneiro aos gandeiros baixáronnos o prezo un 20% pero o leite para o consumidor segue igual”

A asociación de produtores acusa ás industrias e ás cadeas de distribución de “provocar o peche de granxas poñendo en risco o subministro dun ben de primeira necesidade”. Agromuralla non descarta mobilizacións se a Xunta e o Ministerio non actúan

Agromuralla critica que “dende xaneiro aos gandeiros baixáronnos o prezo un 20% pero o leite para o consumidor segue igual”

O presidente de Agromuralla, José Luis Pérez Barreiro. Foto: Imaxe de arquivo

A asociación de gandeiras e gandeiros Agromuralla denuncia que as granxas de leite volven estar “coa auga ao pescozo” despois de que as industrias lácteas lles volveran baixar o leite en setembro. 

“Desde xaneiro baixáronnos o leite de media ás granxas un 20% pero nos supermercados segue ao mesmo prezo”, explica o presidente de Agromuralla, José Luis Pérez Barreiro.

Segundo amosan os datos do IPC do pasado mes de agosto, desde xaneiro produciuse unha suba dun 0,3% do leite enteiro nos liñais dos supermercados, mentres que o queixo incrementou o seu prezo un 2,2% e outros produtos lácteos un 4,3%, segundo os datos do INE.

“Nos supermercados o leite e derivados lácteos seguen custando o mesmo, polo que as industrias e cadeas de distribución están aumentando as súas marxes a base de afogar aos que producimos o leite. É algo que debe saber o consumidor porque se está poñendo en risco o subministro dun ben básico de primeira necesidade”, insiste Agromuralla.   

Peche do 40% das granxas desde o 2015

Agromuralla lembra que “España é un país deficitario en produción de leite” que se ve obrigado a mercar “máis dunha cuarta parte dos produtos lácteos que consume (a produción total española é uns 7,3 millóns de toneladas e as importacións supoñen 2 millóns de toneladas máis)”, polo que “o prezo que se paga aos gandeiros debería reflectir esa realidade”. 

“Sen embargo, a escasa rendibilidade das explotacións impide o relevo xeracional e fai que nos últimos 8 anos pecharan en Galicia 3.800 granxas. Das 9.600 ganderías de leite que había na comunidade no ano 2015, hoxe quedan só 5.824, segundo os datos do Ministerio do pasado mes de xullo, o que supón o peche de 4 de cada 10 explotacións desde o final das cotas lácteas”, explican dende a asociación.     

Os custos de produción seguen aumentando

Mentres tanto, os custos de produción para as ganderías seguen altos, co gasóleo de novo en máximos históricos, o mesmo que as forraxes (encarecemento da palla pola seca e a escasa produción, dos rolos de silo de herba e do millo para ensilar en determinadas zonas). “A cousa empeza a complicarse de novo e os números empezan a apretarse outra vez”, evidencia Pérez Barreiro. 

Na súa opinión, “o incremento da produción de leite neste momento en Galicia é enganoso, xa que non se debe a unha maior rendibilidade das explotacións, senón á busca dunha maior economía de escala por parte das granxas”. “Xa perdemos toda a subida do ano pasado e ao reducirse as marxes por litro de leite faise necesario producir máis para gañar o mesmo, unha situación que nos obriga a facer investimentos e a vivirmos permanentemente endebedados”, explica o presidente de Agromuralla. 

Desigualdade entre ganderías

Segundo explica a organización de produtores, as industrias lácteas aplicaron xa dúas baixadas este ano, nos meses de abril e xullo, con renovación de contratos a curto prazo e unha caída que vai dende os 8 aos 12 céntimos dende abril, dependendo da industria compradora e o volume producido pola explotación. 

“Neste momento pode haber ata 8 céntimos de diferenza entre o que cobran unhas ganderías e outras, estase creando unha situación de desigualdade”, asegura Pérez Barreiro. O prezo de compra dos actuais contratos varía entre os 42 e os 50 céntimos e tocaría renovar de novo antes de final de ano.

Posible adopción de medidas nos vindeiros meses

Dende a asociación de produtores lanzan duras críticas tanto á Xunta como ao Goberno central por “abandonar aos produtores á súa sorte de cara ás sucesivas renovacións de contratos”, polo que non descartan adoptar as medidas que se consideren necesarias “se as Administracións públicas non actúan en defensa dos gandeiros e continúan nesta liña de desleixo”. 

“As Administracións públicas non son capaces de facer cumprir as leis que elas mesmas aproban e as industrias aprovéitanse diso e seguen campando ás súas anchas”, denuncia Pérez Barreiro.

“A Xunta segue sen facer público un índice oficial de custos de produción que sirva para retirar as axudas públicas a aquelas industrias que paguen por baixo dese prezo, situándose deste xeito a Administración galega a carón das industrias e non dos gandeiros; mentres a AICA, dependente do Ministerio, mira para outro lado ante os incumprimentos flagrantes das empresas na presentación das ofertas e contratos aos gandeiros, en vez de actuar de oficio, como sería a súa obriga”, considera Agromuralla. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información