“As novas normativas non van mellorar o sistema produtivo; só supoñen máis burocracia e máis gasto”

O SLG inicia unha campaña explicativa dos reais decretos de xurros, caderno dixital, veterinario de explotación e ordenación de granxas de vacún e convoca unha protesta para o 13 de marzo en Santiago

Isabel Vilalba, Andrés Castro e Ana Rodríguez durante a rolda de prensa deste xoves en Lugo

Isabel Vilalba, Andrés Castro e Ana Rodríguez durante a rolda de prensa deste xoves en Lugo

O Sindicato Labrego Galego levará a cabo durante o vindeiro mes de febreiro unha campaña informativa polas principais comarcas agrogandeiras galegas para explicar aos produtores as obrigas que as novas normativas de xurros, caderno dixital, veterinario de explotación e ordenación de granxas de vacún van supoñer para as ganderías. 

A secretaria xeral do SLG, Isabel Vilalba, asegura que “ningunha destas novas normas se adapta ás granxas galegas, senón que están feitas para explotacións ou fincas enormes, pero non para a realidade das granxas familiares galegas”, polo que esixirán á Consellería cunha manifestación o día 13 de marzo en Santiago “que faga valer ese peso negociador do que presume para que esta nova lexislación que afecta ao sector se modifique”. “A Xunta ten que esixir cambios nestes reais decretos porque hai moitas medidas que non teñen sentido e son imposibles de cumprir”, argumentan. 

Hai medidas que non teñen sentido e son imposibles de cumprir

O SLG teme que a entrada en vigor destas novas normas desencadee o peche anticipado de granxas, sobre todo daquelas máis pequenas, ante os novos requisitos e os gastos que supoñen. “Estes reais decretos non van mellorar o sistema produtivo; só supoñen máis burocracia e máis gasto para as ganderías”, afirma Isabel Vilalba. 

Falta de veterinarios

Unha das normas que van afectar ás ganderías, tanto de carne como de leite, é a obriga de contar cun veterinario de explotación, algo innecesario e redundante para o SLG. “As granxas xa teñen veterinarios de referencia e técnicos con cualificación que os asesoran nas distintas materias. Hai ganderías de leite que dispoñen de veterinario clínico, de reprodución, de calidade do leite, de ADSG, nutrólogo, etc, pero agora non é suficiente e teñen que contratar outro a maiores”, quéixase Isabel Vilalba. 

A Xunta dinos que non dá atopado veterinarios para a campaña de vacinación contra a lingua azul e sen embargo pídeselles ás granxas que contraten un veterinario a maiores

Un problema a maiores é, di, a falta de veterinarios en moitas zonas. “Moitos dos veterinarios titulados están adicados a mascotas e non hai facultativos dabondo para cubrir as necesidades das granxas de produción de alimentos. Hai ganderías en Ourense, por exemplo, que están a ter problemas para que os visite un veterinario cando o necesitan ou cando teñen algún problema e a Xunta dinos que non dá atopado veterinarios para a campaña de vacinación contra a lingua azul e, sen embargo, pídeselle isto ás granxas”, compara. 

A obriga de contar con veterinario de explotación afecta practicamente á totalidade das ganderías, aínda que conten con rabaños pequenos (a partir de 5 vacas ou 20 ovellas), teñan a actividade gandeira como complementaria ou se adiquen á produción para autoconsumo. 

Aplicación de xurros

Outra das normativas que xa está en vigor, desde o 1 de xaneiro, é o Real Decreto de Nutrición Sostible de Solos Agrarios, que implica a prohibición de aplicación de xurros mediante sistemas de prato, algo imposible de cumprir neste momento, a xuízo do SLG. 

“Non hai maquinaria dispoñible e as empresas de servizo non dan abasto”, asegura Andrés Castro, técnico do SLG, que calcula en 15.000 euros por explotación o custo de adaptación das cisternas convencionais mediante a colocación de inxectores. 

Unha analítica de solo custa uns 20€ e hai que ter unha por cada parcela

Outra das implicacións da nova norma é que boa parte das explotacións van ter que contar con Plans de Abonado, o que supón un gasto a maiores. “Estamos falando que unha analítica de chan custa uns 20€ e hai que ter unha de cada parcela, unha analítica de xurro está nos 50€ e unha de esterco en 45”, detalla. 

Unha alternativa admitida a nivel oficial é o uso dunha ferramenta informática para o cálculo das necesidades de abonado, “pero neste momento non hai ningunha validada pola Administración nin tampouco táboas de referencia que poder utilizar”, explica Andrés. 

Os primeiros que non fan os deberes son as Administracións

As ganderías que declaran na PAC máis de 30 hectáreas de terras de cultivo deberán cubrir, a partir do mes de setembro, o Caderno Dixital, pero o que a Xunta puxo a disposición do sector, a aplicación Xeaga, “segue tendo enormes eivas para poder usala”, di o SLG. “Os primeiros que non fan os deberes son as Administracións”, quéixanse. 

Para salvar a “fenda dixital” que supón o feito de que “a media de idade dos titulares de explotación é na actualidade de 55 anos” o Sindicato Labrego pide que o Caderno Dixital sexa “voluntario”, pero mantendo a posibilidade de que as granxas sigan facendo as anotacións en papel, como até o de agora, e non se vexan obrigadas a contratar un técnico externo para cubrir o Caderno Dixital. “O nivel de esixencia é xa imposible de cumprir mesmo para os produtores que estean familiarizados coa tecnoloxía”, advirten. 

Penalizacións na PAC

Ana Rodríguez, gandeira e economista especializada na PAC, alerta pola súa banda das posibles consecuencias para as explotacións polo incumprimento destas novas normativas, con penalizacións entre o 3 e o 5% nos cobros das axudas por incumprimento da condicionalidade, podendo chegar a perder a totalidade da PAC en caso de que non sexa posible correxir a situación. 

As granxas poden acabar perdendo as axudas que reciben por non cumprir coa condicionalidade

“Moitas veces non hai posibilidade real de facelo. O decreto de ordenación de granxas de vacún, que está en vigor, obriga a cambios importantes en moitas ganderías, que ademais de supoñer un gasto importante moitas veces non é posible acometer pola propia configuración das instalacións”, di. 

Un exemplo serían os patios exteriores que esixe o Real Decreto de Ordenación de granxas de vacún. “Non sabemos como se vai facer ou que características teñen que ter, porque na norma non se aclara, pero en Galicia no inverno vai haber moitos problemas con iso e vai haber moitas granxas que non van poder cumprir con iso”, advirte. 

En canto aos plans de reducións de emisións, o SLG considera que se está “castigando aos modelos máis sostibles, como son as ganderías de vacún con terra, cando sabemos que o porcino en granxas intensivas é o responsable principal do aumento de emisións”, afirman. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información