Na mañá de hoxe tivo lugar finalmente nunha gandería de vacún de carne de Manzaneda a marcaxe de 40 animais sans para o seu sacrificio por parte da Xunta de Galicia tras a aparición de 3 vacas positivas por tuberculose. A marcaxe foi paralizada o pasado venres grazas ao apoio de arredor de 200 gandeiros, gandeiras e veciñanza da contorna; boa parte deles tamén achegáronse esta mañá para dar apoio aos gandeiros afectados.
O responsable do Sindicato Labrego Galego (SLG) na comarca, Xosé Anxo Pérez Rúa, presente tamén hoxe durante a intervención do persoal veterinario da Consellaría do Medio Rural, destacou a “dolorosa situación de indefensión na que se atopan estes gandeiros”.
“Estes compañeiros están indefensos. Primeiro, porque non se lles permitiron facer probas de contraste. Segundo, porque non lles permitiron diferenciar as unidades de rabaño. Terceiro, porque ven que con este baleirado sanitario van perder máis de 30.000 euros. Cuarto, porque toda a carga emocional a teñen que afrontar solos. Quinto, porque a Xunta de Galicia sÓ se adica a asinar sentenzas e impor sancións, como se non tivera Consellaría do Medio Rural para xestionar situacións deste tipo. Quinto, porque teñen que cargar con todo o traballo de levar os animais ao matadoiro, buscar toda a infraestrutura de transporte, para a fin de contas malvender. Sexto, porque teñen que conseguir nun período curto de tempo novos animais para reposición e logo agardar máis de 2 anos para empezar a producir. E sétimo, porque quedan 4 vacas preñadas, que se lles vai a provocar o parto prematuro e posterior eutanasia para os pobres becerriños. Calquera persoa no seu lugar sentiríase indefensa”, subliñou.
Neste sentido, dende o SLG consideran “moi chamativo, se ben non novidoso, que o Conselleiro José González Vázquez estea desaparecido.” “A Consellaría do Medio Rural -lembran- é perfectamente consciente de que a calquera granxa galega lle pode pasar unha situación así e en calquera momento, inda que se cumpran tódalas medidas hixienico-sanitarias. De feito, no SLG temos noticia de que están aparecendo positivas en tuberculose en diferentes granxas e os estudos científicos indican que está presente nos reservorios silvestres das poboacións de xabarín e corzo, entre outros”.
Ante esta situación, reiteran dende o SLG a “urxencia de manter unha xuntanza ca Consellaría do Medio Rural, solicitada a pasada semana mais non atendida até o momento, así como a inmediata abordaxe de cuestións fundamentais en materia de saneamento animal, como a revisión da pervalencia 0 de tuberculose na Galiza, a realización de probas de diagnose que aclaren a verdadeira incidencia da enfermidade e a reactivación dos controis anuais de saneamento , de eficacia demostrada ao longo destes anos, en detrimento de medidas puramente efectistas como sacrificar ducias de vacas sás e provocar abortos pola detección de casos na granxa”.
Ademais, lembran que “as vacas marcadas hoxe na granxa de Manzaneda non cumpren os requisitos institucionais para seguir o seu ciclo produtivo na granxa, mais si para ser incorporadas á cadea de alimentación humana como calquera outro animal san, e a única diferenza vai ser o prezo percibido polos gandeiros, xa que os intermediarios aprovéitanse da obrigatoriedade de sacrificar para ofrecer prezos máis baixos que os existentes a día de hoxe no mercado”.